Inicio Blog Páxina 73

PP e BNG rexistran a petición de pleno extraordinario pola imputación da edila de Seguridade no caso Saltamontes

Os grupos municipais de PP e BNG no Concello de Vigo rexistraron este luns a solicitude de convocatoria dun pleno extraordinario para reclamar ao goberno de Abel Caballero e ao propio alcalde que dea explicacións tras a imputación da súa concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, por un suposto delito de homicidio imprudente, tras o accidente mortal da atracción Saltamontes durante as festas de Matamá en agosto de 2024.

A convocatoria recolle un único punto na orde do día: a comparecencia do alcalde, Abel Caballero, para informar as actuacións municipais relacionadas con ese accidente e tamén coa investigación xudicial, que acabou coa imputación de Patricia Rodríguez e do dono da atracción por un posible delito de homicidio imprudente e por un de lesións por imprudencia. Así mesmo, o texto recolle varias propostas de acordo, entre as que destacan o cesamento inmediato de Patricia Rodríguez, a creación dunha comisión de investigación e que a Corporación traslade as condolencias ás familias do novo falecido, Iván C.H.

Tal e como recolle o regulamento do Pleno, a convocatoria deste pleno extraordinario debe realizarse dentro do catro días seguintes á petición realizada pola oposición, e a súa celebración “non se demorará máis de quince días hábiles desde que o escrito tivese entrada no Rexistro do Pleno”. Se o alcalde non convoca o pleno nese prazo, a sesión queda sinalada de forma automática para as 12.00 horas do décimo día hábil seguinte á finalización do devandito prazo.

Na motivación da solicitude do pleno, PP e BNG advirten de que a permanencia no goberno local dunha persoa imputada por delitos tan graves é “insustentable” e “dana gravemente” o prestixio da institución municipal. Igualmente, a oposición incide en que a decisión do alcalde de mantela no cargo, ou a “falta de explicacións públicas” e o rexeitamento a crear unha comisión de investigación, “resultan de todo inaceptables”.

Luz verde definitiva en Vigo á nova taxa turística e ás catro Zonas de Baixas Emisións

O Pleno do Concello de Vigo aprobou de forma definitiva este luns dúas das normativas máis importantes para o futuro do turismo e a mobilidade na cidade. Trátase da ordenanza da nova taxa turística e da norma que regulará a implantación das Zonas de Baixas Emisións (ZBE) no termo municipal. Ambas as dúas medidas saíron adiante de xeito exclusivo cos votos favorables do grupo socialista, mentres que os dous grupos da oposición, o PP e o BNG, manifestaron a súa oposición frontal votando en contra.

AS TARIFAS DA TAXA TURÍSTICA E AS SÚAS EXENCIÓNS

A nova ordenanza fiscal do turismo establece un baremo de prezos segundo a categoría do aloxamento elixido polos visitantes. Deste xeito, para os hoteis de cinco estrelas, tanto na súa modalidade normal como superior, e os de catro estrelas superior, a taxa fixarase en 1,82 euros máis IVE, alcanzando un total de dous euros. No caso do resto de hoteis de catro e tres estrelas, o importe será de 1,46 euros máis IVE, o que equivale a 1,60 euros, a mesma contía exacta que se aplicará para as estancias en vivendas de uso turístico.

Pola súa banda, para o resto de hoteis e pensións a taxa quedará en 1,09 euros máis IVE, acadando os 1,20 euros, mentres que para os albergues, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos e vivendas turísticas o prezo será de 0,73 euros máis IVE, fixando o total en 0,80 euros. Así mesmo, as estancias en embarcacións de cruceiros turísticos terán unha taxa asociada de 1,20 euros. A normativa contempla diversos supostos de recarga cero e exencións específicas de cara á súa posta en marcha, prevista para o mes de outubro deste ano.

Desde a súa entrada en vigor e ata o 1 de xullo de 2027, aplicarase unha recarga cero para a terceira, cuarta e quinta noite de estancia e, a partir desa data, computarase un máximo de cinco noites de pernoita por cada estancia. Do mesmo xeito, os cruceiristas estarán exentos de pagar a taxa ata o 1 de xullo de 2027. Tampouco estarán suxeitas ao pago as estancias motivadas por razóns de saúde, afectando tanto á persoa doente como aos seus acompañantes, nin as de deportistas federados que acudan a competicións oficiais ou aquelas que se realicen por causas de forza maior a través de aloxamentos xestionados polos servizos sociais municipais.

Do mesmo xeito, quedan totalmente exentos os menores de idade, as persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, as estancias subvencionadas por programas sociais de calquera administración pública e os usuarios de albergues xuvenís ou de albergues públicos xestionados pola Xunta a través do Plan Xacobeo.

CATRO ZONAS DE BAIXAS EMISIÓNS E O DEBATE POLAS MULTAS 

A respecto das novas restricións de tráfico, a ordenanza do Concello deseña catro áreas específicas que se converterán en Zonas de Baixas Emisións, denominadas Zona Centro, Zona Praza Portugal, Zona Bouzas e Zona Calvario. O acceso a estes espazos urbanos quedará prohibido para os vehículos máis contaminantes, aínda que a norma recolle un amplo abano de excepcións para non prexudicar a actividade diaria. Deste xeito, poderán acceder os vehículos empadroados ou pertencentes a persoas empadroadas nestas zonas, así como os coches de empresas ou autónomos que operen alí.

Tamén se permite a circulación de vehículos de servizos públicos como a Policía, os Bombeiros ou as ambulancias, as motos e ciclomotores, aínda que no caso destes últimos restrínxese o horario entre as 07:00 e as 22:00 horas, ademais de taxis, vehículos de mobilidade persoal como patinetes, autobuses que dean servizo na zona, empresas de transporte ou automóbiles de condutores que dispoñan dunha praza de garaxe. A implantación práctica destas restricións ambientais executarase a través de varias fases graduais.

Na primeira fase, que comezará coa entrada en vigor inmediata da norma, os coches sen distintivo ambiental xa no poderán circular polas ZBE.  Nunha segunda etapa, a exclusión estenderase tamén aos vehículos que dispoñan da etiqueta ambiental B, mentres que na última fase do plan tampouco os automóbiles coa etiqueta C poderán acceder a estes espazos. PP e BNG denunciaron que a propia ordenanza aprobada si recolle de forma expresa a imposición de multas de 200 euros para todos aqueles condutores que accedan ás Zonas de Baixas Emisións sen cumprir cos requisitos obrigatorios.

OUTRAS MOCIÓNS

Por outra banda, o pleno de Vigo tamén deu luz verde a unha moción para esixir á Xunta que financie e exerza as súas competencias en materia de litoral e praias (cos votos a favor de PSOE e BNG), e outra para instar á Xunta e á Deputación de Pontevedra a cofinanciar as obras dos colectores para a ampliación da bancada de Tribuna en Balaídos (con ‘si’ dos socialistas, o ‘non’ do PP e a abstención nacionalista).

Igualmente, foron aprobadas unha moción para reclamar ao goberno galego máis investimento na educación pública da cidade (con voto favorable de PSOE e BNG), e outra reclamando financiamento de Xunta e Deputación para novas rutas aéreas desde Peinador (cos únicos votos a favor dos edís socialistas).

Finalmente, foron desestimadas as propostas da oposición. A do BNG expuña mostrar o rexeitamento do pleno á celebración do desfile das Forzas Armadas e esixía coñecer o seu impacto e os custos; e o PP reclamaba medidas do goberno local ante o “estado de abandono” da rede viaria municipal.

Miriam Rodríguez protagoniza este domingo en Vigo a festa de presentación do Galicia Fest

A segunda edición do Galicia Fest, que terá lugar no peirao de Trasatlánticos de Vigo os días 26 e 27 de xuño, quenta motores cunha festa de presentación de Miriam Rodríguez este domingo no Centro Comercial Vialia.

O evento inicia así a conta atrás e, como preludio, celebra o domingo unha festa coa actuación en directo de Miriam Rodríguez e cunha sesión DJ a partir das 19.00 horas. Durante a festa, concibida como un adianto do festival, ademais de música, haberá sorteo de agasallos, como cartóns regalo, termos, totebags e ‘merchandising’ do Galicia Fest.

A cita musical de xuño, enmarcada nos concertos do Xacobeo, reunirá en Vigo unha ampla variedade de artistas como Coti, Maryland, Miriam Rodríguez, Pablo Lesuit, Sabela, Álvaro de Luna, Juan Magán, Lori Meyers, Taburete, Carla Lourdes, Fredi Leis, Marlena e Vera Fauna. Tamén contará co espectáculo de La Reina del Flow.

Devolve en Vigo unha carteira perdida con máis de 520 euros en efectivo

A Garda Civil do porto de Vigo entregou unha carteira con documentación e 525 euros en efectivo ao seu propietario despois de que fose localizada na rúa por un cidadán. Segundo informou o Instituto Armado nun comunicado, os feitos sucederon na madrugada do pasado xoves, cando un particular entregou a carteira en dependencias oficiais da Garda Civil tras comprobar que contiña 525 euros, cartóns bancarios e documentos identificativos.

Tras recibir a carteira, os axentes puideron localizar o seu propietario, que mostrou “un profundo agradecemento” pola recuperación íntegra das súas pertenzas. A Garda Civil agradeceu á cidadanía este tipo de actuacións, xa que, segundo destacou, sen a colaboración cidadá non sería posible resolver casos coma este.

Abel Caballero pide a Rueda que “pida desculpas” por ignorar o “fenómeno turístico” da cidade na súa visita a China

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns unha moción do grupo de goberno, do PSOE, na que se insta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a “pedir desculpas” por “ignorar o fenómeno turístico” no que, segundo os socialistas, se converteu a cidade, “o máis importante de España”. A moción, que só contou co voto a favor dos socialistas, foi defendida polo voceiro do goberno municipal, Carlos López Font, que subliñou que “Rueda non falou de Vigo na súa viaxe a China” e que ignora a “dimensión salientable” de eventos como o Nadal, O Marisquiño ou o destino das Cíes.

“Todo iso debía ser un patrimonio a defender pola Xunta, pero a súa resposta é o negacionismo”, proclamou. O edil socialista recriminou que nin Rueda nin antes Feijóo tivesen “nunca” unha “palabra de recoñecemento” cara ao Nadal ou cara a Vigo como “o maior atractivo turístico” de Galicia, e que, en vez diso, se dedicasen a “boicotear” o destino Vigo. Carlos López Font reiterou que a cidade é “un fenómeno turístico” e que Rueda “sempre se esquece”, a pesar de que, segundo afirmou, “nunca Vigo foi tan admirada e recoñecida como agora”.

“DRAMA SENTIMENTAL”

A concelleira do PP, Patricia García, ironizou co “drama sentimental” que supuxo para o goberno vigués que Rueda non pronunciase “suficientemente a palabra Vigo” na súa viaxe a China, e convidou o equipo de Abel Caballero a instalar no Concello un contador que marque os “días de sentirse ofendido”. García defendeu a política turística da Xunta e a acción de Rueda, que en China deu a coñecer os principais atractivos de Galicia, entre eles o seu patrimonio cultural e paisaxístico, a gastronomía e espazos recoñecidos pola UNESCO. O problema, engadiu, é que o goberno vigués non busca cooperación para promocionar a cidade, senón “subordinación” aos ditados do alcalde. Ademais, lamentou esa “visión localista”.

“O REALMENTE IMPORTANTE”

Pola súa banda, a voceira do BNG, Ana Martínez Piñeiro, tamén empregou a retranca para referirse á moción socialista. Así, a concelleira nacionalista lembrou todas as “débedas” que, ao seu xuízo, a Xunta mantén coa cidade olívica: coa sanidade pública, coa educación pública, coa política industrial, cos demandantes de vivenda, coas infraestruturas ou coa rexeneración ambiental, entre outros ámbitos. “Que máis dá que pechen empresas, que o naval poida perder carga de traballo, que haxa máis pisos turísticos que vivendas para alugar… o realmente importante para Vigo é que nos sigan visitando miles de turistas, que a cidade se converta nun parque temático”, ironizou.

Segundo subliñou, fronte ás débedas que a Xunta ten con Vigo, para o goberno local “o máis importante” é se o ascensor HALO saíu nunha imaxe promocional da Xunta polo Día das Letras Galegas ou “que en China non se fale das luces de Nadal de Vigo”. “E a solución infalible é que Rueda pida desculpas”, afirmou, antes de lamentar a “falta de seriedade” da moción.

Vigo convértese no epicentro do Día das Forzas Armadas mentres o soberanismo xuvenil convoca unha mobilización de rexeitamento: “É un ataque contra Galiza”

A cidade de Vigo acollerá desde este martes, 26 de maio, e ata o vindeiro domingo, 31 de maio, os actos organizados con motivo do Día das Forzas Armadas 2026 (DIFAS), que incluirán presenza naval e unha exposición estática de material no Porto de Vigo, así como exhibicións, encontros musicais e o acto central que estará presidido polos Reis de España. O encontro anual entre civís e militares remóntase a 1978, cando se estableceu realizar un acto institucional que servise como homenaxe aos Exércitos e a Armada, así como á Unidade Militar de Emerxencias (UME), para fomentar o coñecemento da sociedade e a súa integración na mesma. O DIFAS celébrase cada ano nun punto diferente e, en 2025, tivo lugar en Santa Cruz de Tenerife.

Ao mesmo tempo, as organizacións xuvenís e estudantís do ámbito soberanista galego veñen de activar un chamamento conxunto á mocidade para saír ás rúas. Galiza Nova, Erguer,Isca!, a Unión da Mocidade Galega e o sindicato estudantil Fervenza anunciaron este luns a súa participación na mobilización convocada para o vindeiro sábado na cidade olívica, amosando un rexeitamento absoluto á “deriva militarista” e á presenza do exército español. Os colectivos integraranse nunha comitiva conxunta dentro da manifestación impulsada pola plataformaGaliza pola Paz, que partirá ás 12:00 horas desde o cruce da Vía Norte con Urzáiz.

PROGRAMACIÓN DOS ACTOS MILITARES

A programación comezará este martes cunha exposición estática, no porto de Vigo, de medios e material dos diferentes exércitos e corpos de seguridade. O mércores, ás 19.00 horas nas instalacións deportivas xunto ao estadio de Balaídos, as diferentes unidades realizarán unha demostración das súas capacidades, coa participación dos exércitos de Terra, Aire e a Armada, a Garda Real, a UME e a Garda Civil.

O xoves, a partir das 19.15 horas, terá lugar na Porta do Sol un encontro de sete unidades de música no que participarán o Exército de Terra, a banda de música municipal, a Garda Civil, a Armada, a Garda Real e o Exército do Aire e do Espazo, sumando un total de 279 músicos.

O venres, o rei Felipe VI presidirá a revista naval na ría de Vigo, na que participarán buques da Armada e da Garda Civil. Posteriormente, ás 17.15 horas na praia de Samil, haberá unha exhibición dinámica que inclúe manobras da Armada e do Exército do Aire e do Espazo.

O sábado será o día de homenaxe aos exércitos co desfile militar central, presidido polos Reis de España, no que participarán 3.746 integrantes dos diferentes corpos. O percorrido, cunha distancia de 1.165 metros, realizarase ao longo da avenida de Samil e contará cun desfile aéreo e outro terrestre.

CRÍTICAS DO SOBERANISMO Á PRECARIEDADE E AO GASTO

O secretario xeral de Galiza Nova, Artai Gabiás, liderou as críticas poñendo o foco na contradición que supón o gasto militar fronte á realidade social dos mozos. Gabiás afirmou que mentres as institucións apostan por rearmar Europa, a mocidade mantense nunha precariedade constante no eido laboral, cunha baixa taxa de emancipación e unha crecente emigración. Para o responsable da formación, o despregamento militar constitúe un ataque contra o país, xa que as actividades buscan enaltecer o españolismo, a monarquía do réxime do 78, a opresión e a dependencia.

Na mesma liña manifestouse Xose, portavoz de Isca!, quen pediu un amplo rexeitamento social ante uns actos que se enmarcan nun mundo cada vez máis inxusto. O portavoz censurou a estratexia do imperialismo, á que acusa de propagar o medo entre a clase traballadora coa única finalidade de xustificar o aumento do control e a barbarie da guerra.

Pola súa banda, Laura Piñeiro, en representación da Unión da Mocidade Galega, afeou que se destinen importantes recursos públicos a un desfile cuxa meta é a exaltación do militarismo, mentres non se concede nin unha mísera parte deses cartos a piares fundamentais como a educación pública, as políticas de acceso á vivenda ou a un plan de emprego xuvenil. Alba Quiroga, de Erguer, sumouse a esta denuncia arremetendo contra o papel ideolóxico e de propaganda do Exército, ao que acusou de buscar un lavado de cara das institucións do réxime, proclamando que a mocidade non quere máis armas nin loitar en conflitos con outras nacións.

Finalmente, dende o sindicato Fervenza, Antonio Nercellas fixo un chamamento explícito a defender a paz, o que ao seu ver implica de forma directa a saída da OTAN e a súa total disolución. O representante estudantil rexeitou calquera forma de servizo militar e exixiu que os gastos que xera esta maquinaria se destinen integramente a fins sociais para poder construír un futuro no que vivir, poñendo a vida por diante dos intereses do imperialismo.

Unha menor resulta ferida grave nunha colisión entre dous vehículos en Vigo

Unha menor resultou ferida grave na tarde deste domingo tras rexistrarse un accidente de tráfico na estrada da Madroa, en Vigo, no que se viron implicados un turismo e un vehículo todoterreo pertencente á agrupación de Voluntarios de Protección Civil da cidade.

Segundo informa o 112 Galicia, o accidente tivo lugar pouco despois das 17.00 horas, momento no que a Central de Emerxencias recibiu a alerta dun particular. En concreto, o todoterreo impactou contra o lateral do turismo onde viaxaba a menor, o que lle provocou un traumatismo na cabeza.Así, a menor foi evacuada ao centro hospitalario de referencia xunto a outros dous adultos que presentaban feridas de carácter leve. Pola contra, resultaron ilesos tanto o ocupante do vehículo de Protección Civil como un segundo menor que viaxaba no outro coche involucrado.

Tras ter coñecemento dos feitos, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) solicitaron a intervención urxente dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos axentes da Policía Local.

Juan Barbazán triunfa no Festival de Cans cos tres premios de “María Rita”

0

‘María Rita’, de Juan Barbazán, confirmou como a gran gañadora na entrega de premios da XXIII edición do Festival de Cans, que este sábado rematou cunha das xornadas “máis concorridas” do certame —segundo a organización— e marcada pola visita do director Julio Medem, que anunciou un novo proxecto.

O traballo de Barbazán acadou tres recoñecementos: o premio ao Mellor Curtometraxe de Ficción, o galardón á Mellor Dirección de Fotografía e o que entregan os veciños e veciñas. O primeiro destes premios concedéuse pola súa “gran coherencia estética” e por amosar “dun xeito cru e directo” unha realidade “allea para moita xente”.

Pola súa banda, Paula Pereira recibiu o premio á Mellor Dirección por ‘Algo novo que contar’, recoñecida “por observar con empatía ás dúas personaxes nun proceso vital transcendental cunha mirada delicada e sutil”. A peza tamén gañou na categoría interpretativa feminina, que distinguiu ás súas protagonistas (Grial Montes e Lidia Veiga) polo seu “enriquecemento mutuo” e o “traballo actoral de escoita”.

O premio á Mellor Interpretación Masculina foi para Nancho Novo por ‘Cara de cona’ por “conseguir en pouco tempo unha interpretación magnética e ser capaz de soster un primeiro plano dunha maneira arrasadora”. O premio ao Mellor Guión foi para David Fidalgo por ‘Lucus’, unha proposta que o xurado definiu como “fresca, imaxinativa, gamberra e xenuína”; e, no apartado de Animación, o galardón principal foi para ‘O corpo de Cristo’, de Bea Lema, baseado na novela gráfica homónima e recoñecido “por contar dun xeito ousado unha historia sobre saúde mental” e facelo dun modo “técnicamente innovador”.

A obra sumou tamén o premio á Mellor Banda Sonora para Paloma Peñarrubia. Na mesma categoría, ‘Cátodo corazón’, de Manu Sacoga, recibiu unha mención especial “pela orixinalidade do formato”.

NON FICCIÓN E NOVOS CREADORES

Na sección Furacáns, de non ficción, o premio principal foi para ‘Escala un cincuenta mil’, de Ángel Suances, recoñecido ” pola sutil e atmosférica construción da memoria a través do movemento, os fragmentos e unha deriva emocional”. O xurado tamén concedeu unha mención especial a ‘Furada Negra’, de Berio Molina.

No apartado Novas Camadas, dedicado a novas creadoras e creadores, o premio principal recolleuno ‘Ausencia’, de Gema Rodríguez, “por darlle forma ao duelo cunha delicadeza e unha claridade emocional extraordinarias”. A peza recibiu tamén o premio do xurado xoven.

JULIO MEDEM TRABALLA NUN NOVO PROXECTO

Outro dos momentos máis salientables da xornada tivo lugar no tradicional ‘Coloquio na Leira’, ondeJulio Medem avanzou publicamente o desenvolvemento dun novo proxecto cinematográfico. “Agora mesmo estou movendo proxectos. Hai unha nova película sobre dous pelotaris vascos, ‘Jai Alai'”, explicou o director, segundo recolle o festival. “Dicenme que se anuncio aquí a película, vaise facer. ¿Ides darme sorte para que dentro dun ano, en 2027, comece a filmarse?”, bromeou.

Primeiro día de folga do lixo en Vigo tras o desencontro entre sindicatos e empresa

O comité de empresa da concesionaria da recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo ha ido adiante coa folga indefinida, que comezou este domingo. A este escenario chegouse tras non alcanzar un acordo coa compañía FCC na última reunión celebrada o venres.

Nun comunicado emitido o mesmo día, a CIG informou de que nas últimas horas do venres levou a cabo o terceiro encontro entre ambas as partes para tentar desbloquear o conflito laboral aberto no marco da negociación do convenio colectivo. Con todo, “o paro indefinido previsto a partir do domingo segue adiante, ao insistir a compañía na pretensión de recortar a xubilación parcial e ofrecer unha subida salarial insuficiente”, destacou o sindicado, que ostenta a presidencia do comité.

Segundo explicaron, as posturas seguen “moi distanciadas” porque a proposta de FCC segue sen consolidar a xubilación parcial, que se iría ata os 63 anos e medio e non aos 63 co 100% da prestación como na actualidade, “un dereito consolidado desde hai 20 anos”. Ademais, critican que a concesionaria pretende unha subida de soldos “moi lonxe” do IPC, cun 0% para este ano, un 1,5% para 2027 e 2028 e un 2% para 2029 e sen revisión salarial, “o que suporía que as nóminas se incrementarían moi por baixo do que o fai o custo da vida”.

“En consecuencia, vémonos na obrigación de manter a folga indefinida convocada a partir das 06.00 horas deste domingo, día 24″, apuntou entón o comité, que mostrou a súa disposición a “seguir negociando” pero sen renunciar a estas dúas reivindicacións. Por todo iso, o vindeiro luns empregados de FCC concentraranse ante as oficinas da empresa na rúa Tarragona.

Feridas catro persoas tras bater o seu vehículo contra varios estacionados en Vigo

Catro persoas resultaron feridas en Vigo tras bater o seu vehículo contra varios estacionados. Todos eles recibiron asistencia médica. Tal e como informou o 112 Galicia, o suceso produciuse pasadas as 3.00 da madrugada, na rúa Couto de San Honorato, en Vigo. O alertante indicou ao 112 que o turismo se saíu da vía e chocou contra outros que se atopaban estacionados.

Como consecuencia do impacto, os catro ocupantes do turismo resultaron feridos e recibiron asistencia por parte do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desprazou ao lugar dos feitos. Con todo, todos os implicados saíron polo seu propio pé do vehículo, polo que se descartou calquera tipo de rescate. Ademais do propio equipo médico, desde ou 112 solicitouse a intervención dos axentes da Policía Local, que xa tiñan unha patrulla en camiño.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed