Inicio Blog

O prezo medio dunha habitación de hotel duns 15 metros cadrados para esta fin de semana en Vigo: de 200 euros en diante

0

A tolería polo Nadal de Vigo non para de medrar e semella que ano tras ano vai a máis. Estes días a cidade quedou totalmente colapsada en horas punta pola invasión de turistas portugueses de doutros lugares de Galicia que querían ver as luces instaladas por Abel Caballero. Para chegar a reingresar os case 10 millóns de euros que custaron as decoracións de Nadal hai moito que mercar na cidade, aínda que, botando unha ollada aos prezos dos hoteis, semella que a cousa vai polo bo camiño. Iso si, eses “entre 500 e 1.000 millóns de euros de retorno” dos que falaba Caballero na súa visita ao ‘Land Rober Tunai Show‘ non semellan ser un obxectivo alcanzable. Nin tanto, nin tan pouco, que se di.

Dende Galicia Confidencial facemos un repaso por algúns dos hoteis máis emblemáticos da cidade olívica para comprobar cal é o seu prezo para unha habitación estándar esta próxima fin de semana (16-17 de decembro), e comparándoo co que terán dentro dun mes (20-21 de xaneiro) en Booking, cando a febre do Nadal se disperse e as luces xa sexan cousa do pasado. O resultado? De media, todos os hoteis de Vigo triplicaron o prezo da súa estancia dunha noite para esta fin de semana, algúns incluso o cuadriplicaron. Nas vindeiras fins de semana (a do 23-24 de decembro e a do 30-31 de decembro), os prezos baixan á metade, en moitos casos, ao tratarse de datas moi sinaladas: Noiteboa e Fin de Ano, nas que os visitantes igual son menos polos desprazamentos para pasar eses días ca familia. E, se agora unha habitación estándar se atopa por riba dos 200 euros en case todos os casos, en xaneiro ningunha supera os 100 euros. Ver para crer!

Falando de casos máis concretos, pasar a noite do 16 ao 17 de decembro no hotel Exe Vigo (tres estrelas) pode custarche un 280 euros, por unha habitación de 18 metros cadrados e sen almorzo (tería un sobrecuste de 10 euros); no Hotel Bahía de Vigo (catro estrelas) o prezo sería duns 254 euros, aínda que neste caso a habitación xa sería de 60 metros cadrados e tamén sen almorzo (págase aparte e serían 13 euros); no Oca Ipanema (tres estrelas), o custe sería de 210 euros por unha estancia de 17 metros cadrados (máis outros nove se queres o almorzo); no Hesperia Vigo (catro estrelas), un cuarto de 20 metros cadrados chegaría aos 211 euros (máis 11,90 polo almorzo); no Eurostars Mar de Vigo (catro estrelas), 23 metros cadrados andarían nos 230 euros (máis 12 de almorzo); e no Maroa Hotel (catro estrelas), 21 metros cadrados pagaríanse a 220 euros (máis 15 polo almorzo).

Iso si, estes prezos non son algo exclusivo dos hoteis con máis estrelas, pois tamén os que teñen dúas ou mesmo unha estrela pero están ben ubicados, próximos ao centro histórico e aos lugares onde se concentra a decoración de Nadal, disparan os prezos. Así, por exemplo, o Hotel del Mar Vigo (dúas estrelas) chega a custar 270 euros por pasar esa noite do sábado ao domingo nun cuarto de 25 metros cadrados (8 máis co almorzo); o Hotel Pantón (dúas estrelas) suporía desembolsar 194 euros por un cuarto de 14 metros cadrados (e outros 8 polo almorzo); o Hotel Atlántico Vigo (dúas estrelas) estaría nos 198 euros por 18 metros cadrados (e seis máis de almorzo); e o Hotel Alda Estación (unha estrela) chegaría aos 157 euros por un cuarto de 13 metros cadrados (e 7 máis con almorzo). Como pode observarse, prezos moi elevados para tratarse da habitación estándar dun hotel de dúas ou unha estrela.

Ademais, cabe destacar que estes son os prezos que conseguimos recabar grazas a que aínda quedaba algunha habitación libre (moi poucas), pero había outros hoteis emblemáticos, como o NH Collection Vigo (catro estrelas) ou o Gran Hotel Nagari Boutique & Spa (cinco estrelas) que xa nin habitacións dispoñibles tiñan para esas datas do 16 ao 17 de decembro, estando todo completamente agotado, o que fixo que non puidésemos ver o seu prezo. Aínda que tendo en conta que para a fin de semana do 23 ao 24 de decembro, cando todos os demais baixan os seus prezos entre os 76 e os 160 euros, a habitación no NH custa 140 euros (16 metros cadrados e 27 euros máis polo almorzo) e no Nagari chega ata os 218 (40 metros cadrados e 19,80 máis polo almorzo), podemos imaxinar que para estas próximas datas o custe non sería pouco. 

PAZO LOS ESCUDOS HOTEL SPA & RESORT: 3.000 EUROS A HABITACIÓN

Finalmente, como prezo máis sorprendente, atopámonos co caso do Pazo Los Escudos Hotel Spa & Resort (cinco estrelas), que multiplicou o seu prezo habitual por 25 para esta próxima fin de semana de decembro. Así, unha habitación de 34 metros cadrados custa a frioleira de 3.079 euros (e sen almorzo, polo que habería que desembolsar un suplemento de 21,50 euros). Se miramos o prezo da mesma habitación para a fin de semana seguinte, do 23 ao 24 de decembro, este xa baixou aos 137 euros; e para a de final de ano, do 30 ao 31 de decembro, quedouse nos 164. Ademais, dentro dun mes, cando as luces xa sexan historia, a mesma habitación estará ao módico prezo de 110 euros para pasar a noite do 20 ao 21 de xaneiro, é dicir, vintecinco veces máis barata.

Para que poidades comparar cos prezos que terán as habitacións en Vigo esta próxima fin de semana do 16 ao 17 de decembro, deixámosvos tamén os que terán esas mesmas habitacións na do 20 ao 21 de xaneiro77 euros no Exe Vigo (tres estrelas); 61 euros, no Hotel Bahía de Vigo (catro estrelas); 56 euros, no Oca Ipanema Hotel (tres estrelas); 49 euros, no Hesperia Vigo (catro estrelas); 53 euros, no Hotel del Mar Vigo (dúas estrelas); 48 euros, no Hotel Pantón (dúas estrelas); 52 euros, no Hotel Atlántico Vigo (dúas estrelas); 43 euros, no Hotel Alda Estación (unha estrela); 63 euros, no Eurostars Mar de Vigo (catro estrelas); 75 euros, no Maroa Hotel (catro estrelas); 97 euros, no NH Collection Vigo (catro estrelas); e 123 euros, no Gran Hotel Nagari Boutique & Spa (cinco estrelas).

“A EXPECTATIVA É MELLORAR AS CIFRAS DO ANO PASADO E VAI SER POSIBLE”

E é que, tal e como conta César Sánchez-Ballesteros, presidente da Federación de Hostalaría de Pontevedra (Feprohos), as pontes de decembro e as pasadas fins de semana “as ocupacións foron moi altas, especialmente os venres e os sábados, cando estivo prácticamente todo cheo“. Durante a ponte como tal, “aínda que a ocupación foi bastante alta, non chegamos a dicir cheo porque tanto o mércores como o xoves non logramos chegar ao 100 %, debido en parte á alerta meteorolóxica“. Ademais, na parte da hostalaría, os bares e os restaurantes “están moi satisfeitos, porque mesmo con meteoroloxía adversa estanse a conseguir ocupacións moi altas, o cal está moi ben”. Así as cousas, “a expectativa agora é mellorar as cifras do ano pasado nestas datas, e polo momento temos a sensación de que vai ser posible melloralas“.

Preguntándolle polo disparado prezo dos hoteis para esta vindeira fin de semana fronte ao que terán nas seguintes, Sánchez-Ballesteros asegura que “este ano tanto as datas de Noiteboa como de Fin de Ano caen en fin de semana, e en Noiteboa e Nadal a ocupación ralentízase”. En concreto, afirma que “aínda que hai xente que si que viaxa, o número masivo de persoas a noite do 24 de decembro non saen da casa, quedan en familia e non viaxan”. Con todo, os hoteleiros agardan que os que si o fan permitan manter unhas ocupacións medianamente altas vistos os prezos. “Por tradición, xa non son datas nas que se consigan ocupación moi altas, porque a xente quédase na casa co tema dos agasallos, Papá Noel… e aquí en Vigo o público das luces de Nadal ten un perfil fundamentalmente familiar“, explica.

A OCUPACIÓN EN FIN DE ANO DEPENDERÁ DO TEMPO E DO CLIENTE PORTUGUÉS

Con todo, o tamén dono do Hotel Bahía de Vigo afirma que tamén hai outro tipo de público para os hoteis da cidade olívica: o cliente portugués, moi abundante nesta época do ano. “Si que vén moita xente de Portugal que prefire pasar unha noite un pouco especial máis aló do seu lugar de orixe“, apunta. O mesmo sucede coa noite de Fin de Ano. “É verdade que esa noite a xente sae da casa, pero sae máis ben de festa cos amigos, a non ser que planeen unha viaxe a esquiar ou algo polo estilo, pero non resulta un público determinante para Vigo, é dicir, non é esta cidade un destino de Fin de Ano como tal”, apunta Sánchez-Ballesteros, que engade que “aínda así, co turismo portugués, si que haberá moito movemento e sen dúbida se poderán ir enchendo os hoteis”. De feito, recomenda á xente que teña pensado visitar Vigo nesas datas que reserve xa lugar para cear, porque “logo entre que hai establecementos pechados e outros que só aceptan ceas con reserva, hai xente que está hospedada e que non logra atopar mesa”.

Así as cousas, concede que “é verdade que as ocupacións e os prezos serán máis altos está semana que as vindeiras”, pero os das seguintes tamén poderán ir elevándose a medida que aumente a demanda. E é que, como explica, “é habitual que para a noite de Fin de Ano, sobre todo, a xente agarde a ver se vai chover para decidirse a reservar hotel, sobre todo o mercado portugués, que pode aguantar ata os cinco días previos a Fin de Ano ser reservar”. “Iso vai facer cambiar os prezos tamén no último momento”, augura o hostaleiro, que, por experiencia, asegura que “segundo se achegan estas datas de Nadal a xente reserva con menos anticipación, curiosamente”. Sen embargo, en semanas previas, as reservas estaban cheas porque “a xente que quería vir a Vigo para ver as luces foise anticipando, pois dáballe igual unha fin de semana que outra para facer esa escapada, así que ían buscando os mellores prezos e enchendo os ocos”. 

PARA COMER OU CEAR DÉBESE RESERVAR DOUS OU TRES DÍAS ANTES

Así mesmo, polo que respecta ao problema por atopar mesa para comer ou cear na cidade nestas datas sen reservar alo menos con tres días de antelación, Sánchez-Ballesteros apunta que “nestas datas hai moitos grupos de persoas na rúa, moi xente que non planificou a viaxe e a maioría de restaurantes foron modificando as súas pautas de traballo para incorporar o sistema de reserva previa con anticipación“. Se a isto sumamos o feito de que “hai moitas ceas de amigos, de empresa, de compañeiros de traballo… que organizan as súas ceas os venres maioritariamente e tamén algúns sábados, o que fai que coincidan máis coa xente que vén ver as luces, e eses si que reservaron as ceas con anticipación, polo que os que veñen pola rúa teñen aínda máis difícil atopar un oco nos restaurantes se non o buscan antes de dous ou tres días de visitar a cidade”, conclúe o dono do Hotel Bahía de Vigo.

As diferenzas de renda entre o barrio máis rico e o máis pobre de Vigo ascenden a 18.000 euros anuais

0

As grandes cidades caracterízanse, polo xeral, por ter salarios máis altos que os pequenos pobos ou aldeas galegas. Semella lóxico tendo en conta que nelas o custe da vida é máis caro: alquilar un piso agora mesmo nunha cidade dispárase por riba dos 600 euros. Sen embargo, dentro das propias cidades chega a existir unha gran diferenza de ingresos en función do barrio no que nos atopemos. Sempre adoita haber barrios onde se concentra máis a xente de maior poder adquisitivo, con mellores vivendas; e barrios nos que se agrupan os traballadores de a pé ou desempregados, xeralmente situados na periferia. 

Os datos de renda bruta media por barrio achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre as cidades da Coruña, Vigo e Ourense no 2022 así o demostran. E entre as principais conclusións atópase unha curiosidade que non deixa indiferente a ninguén: o barrio máis rico da Coruña supera en máis de 10.000 euros á renda bruta media do barrio máis rico de Vigo, a pesares de ser unha cidade cuns 50.000 habitantes menos. Se a comparativa se establece con Ourense, esa diferenza sobe a máis de 15.000 euros. De qué barrios falamos? Trátase do coruñés Juan Flórez-San Pablo, do vigués Vigo Centro-Areal-Teis e do ourensán Hospital Cosaga-Parque San Lázaro-Parque Alameda.

Ademais, a nivel galego, hai que ter en conta que a renda bruta media anual está case 4.000 euros por debaixo da renda nacional: 25.713 euros fronte aos 29.014. Nos maiores municipios estas cifras chegan ata os 29.457 euros de media e os 33.105 euros, respectivamente. Por detrás da renda galega só estarían as de Andalucía (24.163 euros), Canarias (24.993), Castela-A Mancha (24.448), Estremadura (21.629) e a Rexión de Murcia (25.042 euros). Ademais, no total da comunidade galega houbo o pasado ano 358.835 declarantes, dos que 92.240 estaban no tramo de menos de 6.000 euros anuais, pero entre os que tamén había 34.426 no tramo de 6.000 a 12.000 euros e 16.698 no de máis de 60.000.

JUAN FLÓREZ A AGRA DO ORZÁN: 29.000 EUROS DE DIFERENZA NUN QUILÓMETRO

Centrándonos agora en analizar as diferenzas dentro de cada unha destas cidades, na Coruña no barrio con maior renda bruta media, Juan Flórez-San Pablo (15.004), os seus habitantes (segundo os datos achegados por 8.766 declarantes) perciben uns 53.469 euros anuais, o que vén a supoñer 3.819,21 euros ao mes (se temos en conta unha división do salario anual en catorce pagas). Ademais, dos 8.766 declarantes hai 3.098 (o 35 %) que afirman estar no tramo de renda que vai dos 30.000 aos 60.000 euros; e 1.390 (o 16 %) que afirman superar os 60.000 euros.

Pola contra, no barrio de menor renda bruta media, Agra do Orzán-Ventorrillo (15.010), os 13.429 declarantes do pasado ano non tiñan unha renda superior aos 23.627 euros anuais, é dicir, non cobraban máis de 1.688 euros brutos ao mes (dividindo o salario anual en 14 pagas). Ademais, deses 13.429 declarantes, 4.261 (o 32 %) aseguraban non percibir máis de 6.000 euros anuais. Situación similar se daba no barrio dos Mallos (15.007), onde 13.856 declarantes dicían percibir unha renda bruta media anual de 24.159 euros, o que suporía 1.726 euros ao mes. Deles, 4.305 (o 31 %), estaban no tramo por debaixo dos 6.000 euros. 

Así as cousas, vese que entre o barrio con maior renda bruta media anual e o barrio coa menor, a diferenza é de nada menos que 29.842 euros anuais (2.132 euros ao mes, aproximadamente). Estamos a falar de cifras alarmantes, tendo en conta que estes barrios están separados entre si por pouco máis de un quilómetro, o equivalente a un cuarto de hora andando. O Parque de Santa Margarita fai de liña divisoria entre a riqueza e a pobreza, poderíase dicir.

Os demais barrios estarían no medio destas cifras de renta: Ciudad Vieja-Centro (15.001), con 39.114 euros anuais de renda bruta media; Ensanche (15.003), con 39.740; Falperra-Santa Lucía-Paseo de Los Puentes-Santa Margarita (15.005), con 39.625; Os Castros-Castrillón (15.009), con 31.485; Os Castros-Castrillón (15.006), con 31.980; Monte Alto-Zalaeta-Atocha (15.002), con 30.299; Riazor-Os Rosales (15.011), con 29.998; Sagrada Familia-Vioño (15.008), con 28.595; e Mesoiro (15.190), con 25.615 euros de renda bruta media.

DE AREAL A VALADARES: 18.271 EUROS ENTRE VIVIR A UN LADO DA AP-9 OU OUTRO

Pola súa banda, en Vigo, como xa comentamos, o barrio con maior renda bruta, o máis rico, é Vigo Centro-Areal-Teis (36.201), cuns ingresos medios por habitante de 41.825 euros ao ano (2.987,5 euros ao mes). Ademais, dos 9.642 declarantes, 2.909 (o 30 %) atópanse no tramo que vai dos 30.000 aos 60.000 euros; e outros 1.140 (o 12 %), no que supera os 60.000 euros. Pola contra, no barrio de menor renda, Valadares zona parque tecnolóxico e loxístico (36.314), a renta bruta media sitúase únicamente nos 23.554 euros (1.682,43 ao mes, falando de 14 pagas). E dos seus 984 declarantes totais, 278 (o 28 %) atópanse no tramo de menos de 6.000 euros anuais.

Situacións similares á deste barrio de renda bruta tan baixa se atopan no de Cabral (36.318), con 23.814 euros anuais segundo declaran os seus habitantes; no de Teis (36.207), con 23.902; no de Candeán, con 24.583; no de San Paulo-Casablanca-Calvario-Lavadores (36.205), con 24.313; e no de Lavadores-Fátima (36.206), con 24.518 euros anuais de renta bruta media. Así as cousas, a diferenza entre o barrio máis rico (Vigo Centro-Areal-Teis) e o máis pobre (Valadares zona parque tecnolóxico e loxístico) vén a ser da frioleira de 18.271 euros anuais de renda bruta (uns 1.305 euros ao mes)

Neste caso, a diferencia do que acontece na cidade da Coruña, a separación entre estes barrios é bastante maior, de feito atópanse en puntas opostas da cidade. Mentres, como o seu propio nome indica, Vigo Centro está en pleno corazón da cidade, Valadares atópase complétamente ás afora, máis aló incluso do Hospital Álvaro Cunqueiro. A distancia entre ambos é duns 9 quilómetros, o que supón case 20 minutos en coche e máis de dúas horas camiñando.

Con todo, dentro dos barrios cunha renda moi baixa, similar á que presenta Valadares, atópase tamén San Paulo, que está a tan só dous quilómetros do Areal, a pouco máis de media hora andando; e Casablanca, a un quilómetro e menos de vinte minutos; así como Fátima, a 900 metros e só un cuarto de hora camiñando. O paso da AP-9 fai de división.

Outros barrios con renda bruta intermedia en Vigo serían Oia (36.390), cuxos declarantes afirmaron percibir 37.508 euros de media ao ano; Casco Vello (36202), con 30.481 euros; O Castro (36.203), con 34.597; Travesas-Praza da Independencia-Camelia-Pi y Margall (36.211), con 31.904; Bouzas-Coia (36.208), con 31.405; Alcabre-Navia (36.212), con 29.952; Coia (36.209), con 26.187; San Xosé Obreiro-Sárdoma-Casablanca-Calvario (36.204), con 29.272; Coia-Freixeiro (36.210), con 26.118; Comesaña-Matamá (36.213), con 26.849; Coruxo (36.330), con 25.485; Valadares-A Piquela-Alba-San Juan-Sobreira (36.315), con 25.080; Beade (36.312), con 25.944; e Bembrive (36.313), con 26.586 euros de renda bruta media anual.

DE HOSPITAL COSAGA AOS COIÑAS: 15.000 EUROS A MENOS DE MEDIA HORA

Xa na cidade de Ourense, as diferenzas con respecto ás outras dúas grandes urbes galegas fanse moi notables. O barrio con maior renda bruta media anual é o Hospital Cosaga-Parque San Lázaro-Parque Alameda (32.003), con 38.270 euros, segundo os datos aportados no 2022 polos seus 6.285 declarantes. Deles, 2.029 (o 32 %), atopábanse no tramo de 30.000 a 60.000 euros de renda; mentres que 627 (o 10 %), atopábase no de máis de 60.000. Pola contra, o barrio con menor renda bruta media, Os Coiñas-Villanera-Cachaxuas-Seoane-Requeixo-Quintela-Outariz (32.001), sitúase en tan só 23.314 euros anuais. E dos seus 13.525 declarantes, 4.102 (o 30 %) atópanse por debaixo dos 6.000 euros anuais. 

Deste xeito, as diferenzas entre o barrio máis rico e o máis pobre de Ourense son duns 14.956 euros de renda bruta media anual, sendo menos acusada a diferenza que a que hai entre os barrios máis pobres e máis ricos da Coruña ou Vigo. E a distancia que separa os barrios de Hospital Cosaga e Os Coiñas é únicamente de dous quilómetros, percorréndoa nuns trinta minutos a pé. A separación entre ambos vén a ser o río Miño, que divide a cidade de Ourense en dúas partes unidas, neste caso, pola ponte romana.

Os demais barrios atópanse xa no medio de ambas rendas brutas medias: o de Carroleiro-Ceboliño-Botánico de Montealegre-San Francisco (32.004) tiña o pasado ano unha renda bruta media de 30.325 euros anuais; o de Catedral-Barrocás-Ponte Romano (32.005), de 24.695; e o de A Garduñeira-A Gauxa-A Fonte-A Valenza-Barbadás (32.002), de 24.948 euros anuais.

Ascenden a 59 os positivos por coronavirus na tripulación española en corentena nas illas Seychelles

0

O Departamento de Saúde da República das Seychelles informou públicamente de 59 positivos confirmados por PCR na flota de barcos españois en corentena neste arquipélago do Índico.

“Agora mesmo 59 é o número total de resultados positivos das probas de PCR da tripulación da frota pesqueira española que chegou de Senegal e Costa do Marfil o pasado 23 de xuño de 2020”

O Departamento de Saude Nacional tomou mostras de 198 mariñeiros en total até o momento, e xa foron analizadas 146 mostras. Para os 52 mariñeiros restantes o departamento de saúde tamén iniciou a recollida de mostras no día de hoxe segundo informan no comunicado.

O Departamento de Saúde nacional confirman que todos os mariñeiros están illados nos barcos da frota pesqueira española “adicados agora para este propósito” onde contan segundo as fontes do país con “médico propio abordo, EPI, sistemas de control de temperatura e doutros síntomas que a tripulación poida desenvolver neste momento”.

No caso de que algún dos tripulantes desenvolvese síntomas asociados coa COVID19, serán transferidos ás instalacións de illamento e tratamento na Illa de Mahé.

O responsable de Sanidade, Jude Gedeon, anunciou o pasado mércores que os tres primeiros casos positivos formaban parte dos 207 mariñeiros africanos que chegaron o martes ao arquipélago para unha substitución de tripulantes da frota atuneira española.

Gedeon indicou que todos eles sometéronse a un control de saída nos seus países de orixe, con PCR incluído, tres días antes de partir cara ao arquipélago a pedimento das autoridades Seychelles. “Todos os resultados de laboratorio enviados á Autoridade de Saúde Pública e revisados por esta foron negativos”, indicou.

Con todo, os test rápidos realizados polas navieiras unha vez os mariñeiros estiveron a bordo mostraron que 20 deles presentaban o pasado mércores trazas de COVID-19 no seu sistema inmune. Ante este achado, os axentes locais da navieira puxéronse en contacto coas autoridades co fin de confirmar o resultado e adoptar as medidas pertinentes, explicou Gedeon, citado pola axencia de noticias de Seychelles SNA.

Por outra banda, o responsable aclarou que os mariñeiros chegaron a bordo dun avión de Air Seychelles e que o seu traslado fíxose baixo controis estritos e sen apenas contacto co persoal. Todos eles levaban máscara e o seu traslado fíxose conforme aos estándares de seguridade previstos.

O arquipélago situado no Índico e composto por 115 illas só rexistrara ata a data 11 casos de COVID-19 e desde o pasado 5 de abril non sumara ningún novo contaxio. As autoridades de Seychelles confían en poder reabrir ao turismo o próximo mes de agosto, a súa principal fonte de ingresos, á que segue a pesca.

20 días para conseguir unha cita telefónica en atención primaria

0

O 21 de abril de 2020, en pleno pico da pandemia en Galicia, o presidente da Xunta de Galicia anunciaba que o comité clínico traballaba nun plan para recuperar a actividade asistencial ordinaria no SERGAS.

Este plan contemplaba aumentar amplamente a atención telefónica e a ampliación do horario de atención nos centros de saúde e hospitais para evitar as aglomeracións. Feijóo sinalaba que os expertos tamén recomendaban “incrementar as consultas telefónicas”. “Toda medicina que se poida facer sen presenza física é medicina do futuro”, manifestou Feijóo.

O presidente tamén avanzaba que o “futuro” tamén pasa por “aumentar a teleasistencia” e puxo como exemplo diso os 3.000 pacientes contaxiados por coronavirus que son atendidos a través do programa Telea do Sergas.

Pero logo de cinco meses do anuncio da Xunta o plan de teleasistencia empeorou a xa de por sí precaria situación da atención sanitaria primaria. Solicitar unha cita presencial nun centro de saúde é unha misión “case imposible” que agora mesmo depende dun golpe de sorte para conseguir que a liña do centro quede liberada.

Dende esta redacción , aproveitando a necesidade de solicitar unha cita, analizamos todo proceso e contrastamos se é certo as queixas lanzadas en redes sociais por usuarios do SERGAS sobre a imposibilidade de conseguir unha cita, xa non presencial, se non telefónica, nos centros de saúde, así como a saturación das liñas telefónicas.

Actualmente existen dúas opcións vixentes para solicitar unha cita en atención primaria pero ningunha delas permite solicitar unha cita presencial: A chamada telefónica ou solicitar cita por internet.

Tentamos primeiramente a opción máis rápida, a cita por internet.

Captura pantalla páxina do SERGAS solicitude de cita telefónica de atención primaria

A axenda do médico figura completa para o que queda de mes de setembro. Non hay posibilidade incluso de solicitar cita noutro mes.

Ante a imposibilidade de realizar unha cita por internet, decidimos usar o “comodín da chamada”.

A chamada

A chamada ao centro de saúde é redirixida a unha centraliña automática de atención telefónica. Os numeros que figuran no reverso das tarxetas sanitarias non permiten xa contactar directamente co centro de saúde.

Cando conseguimos superar a proba para a que a máquina detecte o idioma no que desexamos ser atendidos a voz grabada solicita selecionar as seguintes opcións: Información reprogramación de citas, Pedir cita no centro de saúde ou Anular cita de hospital.

Logo de indicar a opción desexada, a centrañiña solicítanos que indiquemos a data de nacemento do paciente, así como o nome e apelidos do mesmo. Se conseguimos que a máquina nos entenda, non é doado, entón podemos avanzar.

Levamos xa 6 minutos de conversa coa máquina que volve a pornos á espera ata que contesta unha operadora, desta vez de carne e óso. A operadora advirte que só poden darnos unha cita telefónica, que si precisamos solicitar unha cita presencial é necesario volver a chamar ao mesmo número e repetir o proceso solicitando ser atendido polo centro de saúde.

Repetimos a operación e a centraliña, lonxe de transferir a chamada ao centro de saúde, indícanos outro número ao que debemos de chamar para ser atendido. Levamos xa 20 minutos ao teléfono.

Facemos a primeira chamada directa ao centro de saúde co número alternativo facilitado. A chamada dá tono, pero ninguén resposta. Pasado un minuto, a chamada colga automáticamente. Volvemos chamar, pero o tono xa é de liña ocupada. Tentámolo sete veces máis seguidas pero non conseguimos falar co centro de saúde. Levamos xa 30 minutos ao teléfono.

Volvemos a chamar á centraliña e repetimos todo o proceso anterior e dolicitando directamente unha cita telefónica (non é un caso urxente, pero precisamos falar co facultativo). Non hai citas telefónicas dispoñibles para o que queda do mes de setembro. Motivo? a operadora non sabe precisar o motivo, pero advirte que o médico de cabeceira non está e que seremos atendidos por outro médico do centro de saúde.

Alternativas? Oficialmente ningunha, salvo que sexa unha doenza urxente entón debemos acudir directamente ao noso PAC de urxencias de referencia, algo que só debemos facer si realmente é unha urxencia pero que nunca resolverá cuestións de xestión administrativa (citas especialista, reprogramación citas …) Tomar esta medida como solución supón saturar de xeito irresponsable o servizo de urxencias con consultas que tiñan que ser resoltas no servizo de atención primaria.

Resultado? unha hora de telefóno e vinte días de espera para conseguir unha cita telefónica para poder explicarlle ao noso médico que hai un erro na programación dunha analítica e que iso vai supor retrasar a cita co especialista.

Neste caso non era necesario unha cita presencial, pero a telefónica tampouco parece demostrar ser a solución ao deterioro que sufre a atención primaria en Galicia, agravada neste periodo de “nova normalidade”.

O Val Miñor suspende todas as actividades en sinal de loito polo naufraxio do Marsua J.

O Val Miñor únese en sinal de loito ante a última traxedia no mar, logo de que dous mariñeiros e veciños do Val Miñor, Emilio e José Manuel, naufragasen mentres faenaban a bordo do Marsua J este luns nas inmediacións das Illas Cíes.

Salvamento Marítimo atopaba os restos da embaración e o corpo sen vida do mariñeiro Jose Manuel Freire Leyenda, pasadas ás cinco da tarde do luns, pero retirábase tras caer a noite pola escasa visibilidade sen atopar aínda ao patrón e veciño de Panxón (Nigrán) Jorge Emilio Martín Costas.

Loito e pesar no Val Miñor

O Concello de Nigrán emitiu un comunicado no que anuncian a suspensión das súas actividades festivas e culturais previstas mentres continuen os labores de busca do patrón e veciño de Panxón.

Gondomar e Baiona, tamén emitiron sendos comunicados anunciando que suspendían os actos festivos do martes e mércores de entroido en sinal de loito.

As tarefas de procura do patrón pospóñense ata o martes.

O dispositivo despregado tras o naufraxio do pesqueiro Marsua J nas inmediacións das Illas Cíes retirouse pola escasa visibilidade tras caer a noite. Segundo informan fontes de Salvamento Marítimo, o operativo retomarase á primeira hora do martes.

O barco foi atopado quilla ao sol entre as illas Norte e Sur de Cíes. O corpo dun dos tripulantes e os restos da embargación foron localizados sobre as 17,20 horas, por parte do helicóptero ‘Pesca 1’. O cadáver foi recuperado pola ‘Salvamar Mirach’ e trasladado a terra por unha patrulleira da Garda Civil.

A pesar diso, o patrón do pesqueiro continúa en paradoiro descoñecido. A confraría de Baiona trasladou o aviso ás 16,15 horas ante a falta de noticias deste barco –no que viaxaban o patrón e un tripulante–, que estiveron a faenar ao oeste das Cíes, na zona coñecida como o Freu da Porta.

Así son os novos dispositivos móbiles da DGT que revisarán se o teu coche pasou a ITV.

0

A DGT puxo en marcha dende o pasado día 20 até o 26 de xaneiro, unha campaña especial para revisar o correcto estado dos vehículos que circulan polas estradas do país.

A medida enmárcase dentro da campaña de vixilancia e control das condicións do vehículo que se desenvolve durante esta semana e nas que se comprobarán pneumáticos, iluminación, parabrisas…

“O risco de falecer ou resultar ferido grave multiplícase por dous ao comparar os accidentes ocorridos con vehículos de 10 a 15 anos de antigüidade, en relación con vehículos de menos de 5 anos”.

Esta é a principal premisa pola que a DGT estrea 30 dispositivos de lectura de matrícula automática para cotexar se o teu coche pasou ou non a inspección técnica de vehículos (ITV) obrigatoria para poder circular.

Esta situación preocupa moito á Dirección Xeral de Tráfico, motivo polo cal no calendario anual de campañas inclúese unha dedicada exclusivamente á vixilancia das condicións dos vehículos que circulan polas estradas. Esta nova campaña desenvolverase desde o luns 20 e prolongarase ata o domingo 26 de xaneiro.

Durante esta semana, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e o resto de policías locais e autonómicos sumados á campaña, prestarán especial atención ao adecuado mantemento e posta a punto de todos os elementos de seguridade do vehículo: pneumáticos, freos, luces, sinalización, parabrisas sen danos…

Ademáis da vixilancia presencial realizada polos axentes da DGT, este ano utilizarán uns novos sistemas de control e monitoraxe instalados na estrada (lectores de matrícula) para comprobar se os vehículos que circulan van coa ITV en vigor. En caso de detectar que un vehículo non a leva en vigor, procederase á correspondente denuncia.

Lector de matrícula para revisión de vixencia de ITV | Fonte DGT

Nas últimas verificacións telemáticas realizadas por Tráfico, detectouse que o 1,64% dos vehículos que circulaban non levaban a ITV en vigor.

As rodas

Aproximadamente máis dun millón dos vehículos, un 5%, circulan con defectos graves nas rodas, principalmente por levar unha profundidade do debuxo por baixo do mínimo legal de 1,6 mm; ter un desgaste irregular debido a unha mala suspensión ou unha aliñación incorrecta e circular cunha presión errónea.

Ademais, os vehículos relacionados cun uso máis profesional como é o caso das furgonetas, presentan maiores índices de defectos nos pneumáticos.

As luces

A finalidade das luces dos vehículos non só é a de ver, senón tamén a de ser visto, xa que cada vehículo en circulación é, na práctica, un obstáculo para os demais, polo que a delimitación da súa presenza tamén é significativa.

A DGT aconsella prestar unha especial atención á utilización, mantemento e regulación dos faros, para conseguir, por unha banda, dispoñer de luz suficiente e, por outro, non cegar a quen circula polas mesmas vías públicas.

Outros aspectos que serán revisados

Levar a matrícula ilexible é unha infracción grave cunha sanción de 200 euros e sen detracción de puntos, pero manipular a placa de matrícula para tentar eludir fraudulentamente a norma pode conlevar unha multa de 6.000 euros e a perda de 6 puntos.

Parabrisas: O condutor debe verificar que o parabrisas non presenta dano algún, xa que é unha peza fundamental na resistencia estrutural do vehículo e na eficacia do airbag ou dos sensores.

Permiso de circulación do vehículo no que figuran os datos técnicos do mesmo e os datos do seu propietario (ou unha autorización da Xefatura de Tráfico na súa ausencia).

Tarxeta da ITV e adhesivo correspondente, visible na lúa dianteira.

James Rhodes, o pianista británico “máis riquiño”, actuará este sábado en Vigo.

0

James Rhodes actuará este sábado 1 de febreiro ás 20:30h no Teatro Afundación de Vigo e a súa chegada ven anunciada en galego dende o seu perfil en Twitter. Laiándose do pouco tempo da estancia pero contento e repartindo eloxios á gastronomía e o entorno da cidade olívica.

O pianista preguntou tamén en Twitter sobre o proceso evolutivo da denominación do Teatro García Barbón a Teatro Afundación. Cun lapsus lingüe de confundir o apelido Borbón con Barbón.

Tan só falta despexar a incógnita se este sábado lucirá a “famosa camiseta de Vigo ” durante o seu concerto.

Os traballadores do lixo de Vigo van á folga indefinida desde este domingo tras fracasar a negociación

O comité de empresa da concesionaria da recollida de lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo seguirá adiante coa folga indefinida, que comezará a partir deste domingo, tras non alcanzar un acordo coa compañía FCC na última reunión celebrada este venres.

Nun comunicado, a CIG informou de que nas últimas horas levouse a cabo o terceiro encontro entre ambas as partes para tentar desbloquear o conflito laboral aberto no marco da negociación do convenio colectivo. Con todo, o paro indefinido previsto a partir do domingo ás 06.00 horas segue adiante ao insistir a compañía na pretensión de recortar a xubilación parcial e ofrecer unha subida salarial que os representantes dos traballadores consideran insuficiente.

Segundo explican desde a central sindical, que ostenta a presidencia do comité, as posturas seguen “moi distanciadas” porque a proposta de FCC segue sen consolidar a xubilación parcial. A intención da empresa é que esta se vaia ata os 63 anos e medio e non aos 63 co 100% da prestación como na actualidade, un dereito que o cadro de persoal defende como consolidado desde hai 20 anos.

Ademais, critican que a concesionaria pretende unha subida de soldos moi lonxe do IPC. A oferta sitúase nun 0% para este ano, un 1,5% para 2027 e 2028 e un 2% para 2029, todo isto sen cláusula de revisión salarial, o que suporía que as nóminas se incrementarían moi por baixo do que o fai o custo da vida.

En consecuencia, os representantes sociais vense na obrigación de manter a convocatoria de folga a partir do domingo, día 24. O comité amosa a súa disposición a seguir negociando pero sen renunciar a estas dúas reivindicacións clave. Do mesmo xeito, o vindeiro luns os empregados de FCC concentraranse ante as oficinas da empresa na rúa Tarragona para visibilizar o seu malestar.

Piden 4 anos e medio de cárcere para a edil de Seguridade de Vigo polo caso Saltamontes

As acusacións particulares do chamado caso Saltamontes de Vigo, que representan aos pais e á noiva do mozo falecido na atracción, presentaron os seus escritos de acusación e solicitan penas que suman 4 anos e medio de prisión para os imputados na causa: a concelleira de Seguridade do consistorio olívico, Patricia Rodríguez, e o dono da atracción, G.M.M.D.S.

Segundo puido saber Europa Press, o representante da noiva da vítima solicitou a condena de ambos os dous como autores dos delitos de homicidio por imprudencia grave e lesións por imprudencia grave. No seu escrito, sinala que esta atracción comezou a funcionar desde o inicio das festas de Matamá no verán de 2024, a pesar de non ter autorización municipal.

De feito, as acusacións sinalan que existía un informe dos técnicos que desautorizaba a instalación, validado pola propia concelleira de Seguridade, no que se acordaba expresamente non permitir que se instalase o Saltamontes. Con todo, os escritos apuntan que o aparello púxose en marcha cando as festas xa comezaran e que “resultaba esixible unha actuación material, eficaz e inmediata para impedir a continuidade dunha fonte de risco non permitido”.

A pesar desa falta de autorización, da que estaba ao tanto, o dono do Saltamontes mantivo a atracción en funcionamento, mentres que a concelleira Patricia Rodríguez non adoptou ningunha medida para a suspensión da actividade ou o precinto da instalación. Deste xeito, na madrugada do 3 de agosto de 2024, un dos brazos do aparello soltouse, causando a morte de Iván C.H. e provocando lesións á súa moza, que viaxaba con el na cabina.

Por estes feitos, o letrado da parella da vítima pide que cada un dos procesados sexa condenado a 4 anos e medio de prisión por un homicidio imprudente e por un delito de lesións por imprudencia. Así mesmo, solicita 6 anos de inhabilitación para emprego ou cargo público relacionado con competencias de seguridade, inspección, control ou xestión de espectáculos públicos, xunto cunha indemnización de 155.270 euros para a moza.

Na mesma liña, o representante dos pais de Iván expón no seu escrito que a concelleira de Seguridade, aínda coñecendo a falta de permiso, “omitiu acordar ou promover de forma eficaz o seu cesamento, suspensión ou precinto”, permitindo o perigo para os usuarios. Por iso, acusa aos dous imputados de homicidio por imprudencia grave e un delito menos grave de lesións por imprudencia, solicitando as mesmas penas de 4 anos e medio de cárcere.

En canto á responsabilidade civil, o representante dos proxenitores pide que sexan resarcidos con 150.000 euros para cada un polo “sufrimento excepcional” e o carácter traumático do falecemento do seu fillo. Pola súa banda, a Fiscalía aínda non presentou o seu escrito de acusación, á espera de que se resolvan os recursos de reforma presentados polas partes ante o auto de imputación.

Un baionés recolle 60.000 sinaturas para esixir ao Goberno e a UE a obriga de introducir sensores antiabandono nas sillas infantís

Despois do falecemento de outra nena de dous anos este fin de semana en Brión tras permanecer esquecida no interior dun vehículo, unha campaña cidadá creada hai un ano esixe de novo ao Goberno de España e á DGT que fagan obrigatorios o uso de dispositivos antiabandono en coches e en cadeiras de retención infantil. O seu promotor é un pai baionés de dúas nenas que xa conseguiu visibilizar a iniciativa en medios estatais tras alertar de que estas traxedias non son un problema de neglixencia, senón de memoria procedimental.

A campaña parte dunha premisa clara: un sensor de menos de 10 euros pode salvar unha vida, pero non pode depender da compra voluntaria de cada familia. O obxectivo é que Italia, que fixo obrigatorio este dispositivo en 2019, deixe de ser a excepción en Europa.

Ante o ocorrido na comarca de Santiago, o impulsor da petición pide amparo para a familia e separar o feito de calquera xuízo moral. “O meu máis sentido pésame e toda a miña solidariedade para eles. Están a padecer unha perda irreparable. Ningún pai, nai debería enterrar á súa filla. E o que menos necesitan agora mesmo son xuizos de valor e odio nas redes”, sinala.

—Como é posible esquecer un fillo nun coche?

Non é neglixencia. Non é falta de coidado. É un fallo de memoria estudiado que está provocado por cambios de rutina, estrés, falta de sono ou facer as cousas “en piloto automático”. A calquera nos pode pasar. Aínda que haxa xente que agora mesmo o poña en dúbida.

O cerebro humano funciona por rutinas automáticas. Cando conduces o mesmo traxecto cada día, o teu cerebro entra en modo  “piloto automático”. É un mecanismo de supervivencia: libera atención para que poidas pensar noutras cousas.

O problema ocorre cando hai unha ruptura de rutina. Levar ao bebé ao cole un martes cando normalmente o leva a túa parella. Recollelo nunha ludoteca que non é a gardería habitual. Nese cambio, a memoria procedimental (a que conduce o coche) anula á memoria episódica (a que recorda que hoxe vas co bebé). Non é que o pai ou a nai “esquezan ao seu fillo”. É que, para o cerebro en piloto automático, o neno durmido e en silencio na parte traseira deixa de existir como “input” relevante.

—E por que non se esquece o móbil, por exemplo?

O móbil é parte activa da rutina: consúltalo parado nos semáforos, séntelo no peto, o conectas antes de arrancar. O bebé, en cambio, é pasivo: está durmido, non fai ruído, non interactúa. Non está no teu circuíto de atención. É invisible para o piloto automático e para ti porque por lei teñen que ir a contra marcha, de espaldas a ti.

As vítimas deste fallo non son pais desalmados. Son médicos, profesores, policías, persoas responsables que aman aos seus fillos. O cerebro non distingue entre bos e malos pais. Só distingue entre rutina e ruptura de rutina.

—Cales son as consecuencias físicas?

En apenas 20 minutos, o interior dun coche ao sol pode superar os 50 °C. Os nenos menores de 4 anos non regulan ben a súa temperatura corporal. A exposición prolongada causa deshidratación, fallo multiorgánico e, no peor dos casos, a morte.

—Existe unha solución asequible?

Si. Hai unha década que a tecnoloxía está ao alcance da man. Existen dispositivos por 10 euros para adaptar as sillas actuais. É unha tela que leva un sensor de peso e que vai enchufada á corrente do coche ou ao mechero mesmo. Cando apagas o coche, o sensor detecta peso, pero non detecta a corrente do mecheiro. Nese momento pita como cando deixas as luces acesas.

Logo hai sistemas máis avanzados por apenas 30 euros que teñen un funcionamento similar aos airtags para as chaves ou carteiras, … que cando te alonxas do obxecto avísate ao movil e se non respondes entón avisa aos teus contactos enviando a posición do coche e alertando que o neno quedou no coche.

Pero non podemos depender de que cada pai ou nai o compren pola súa conta. Os coches xa te avisan se deixas as luces acesas, as chaves postas ou o cinto sen abrochar. Incluso agora avisan ao 112 cando o coche ten un accidente. Por que non te avisa do único que de verdade importa? Que o teu bebé quedou durmido na parte traseira?

—Que se fixo noutros países?

Italia marcou o camiño. Desde novembro de 2019, é obrigatorio que os menores de 4 anos viaxen en cadeiras equipadas con dispositivos antiabandono. Implementouse tras varios casos tráxicos, con multas e retirada de puntos do carné.

O tema chegou ata Europa. A eurodeputada italiana Mara Bizzotto elevou unha pregunta escrita á Comisión Europea sobre a posibilidade de estender esta medida ao resto de países comunitarios. O Parlamento Europeo, pola súa banda, abordou o tema nunha proposta de resolución, onde se recoñecían os casos tráxicos e pedíase á Comisión que fomentase o uso destes dispositivos, así como campañas de sensibilización.

Sen embargo, non se lexislou a nivel europeo para facer obrigatorios estes sistemas. A iniciativa quedou nunha mera recomendación. Para España e o resto da UE, non hai obrigatoriedade.

—E en España?

En España prodúcense unha media de cinco mortes ao ano por esta causa. Lin demasiados casos nos medios, algúns na miña propia comarca. Eran pais responsables que adoraban aos seus fillos. Familias destrozadas. Vidas marcadas para sempre.

E o máis grave: non vin nin unha soa campaña de sensibilización sobre este tema. En España seguimos confiando na sorte de cada pai ou nai, iso si, logo algúns verten ese odio visceral contra eles no momento máis delicado. Sobre todo en redes. É unha falta de humanidade absoluta.

—Que esixides exactamente?

Asinar esta petición para esixir ao Goberno de España e por extensión á Comisión Europea que fagan obrigatorio o uso de dispositivos de alerta antiabandono en vehículos. Sexa incorporándoos como parte obrigatoria da homologación das cadeiras de retención infantil, ou esixindo aos fabricantes de coches que o integren nos seus sistemas de seguridade. Incluso a súa financiación, como fixeron en Italia.

Esquecer as luces encendidas non é máis importante que esquecer ao teu fillo. E cando un cambio de rutina te leva a levar ao bebé ao cole un día que non é o habitual, o teu cerebro pode fallarche. Non podemos quedar de brazos cruzados.

Falamos dunha tecnoloxía de chiste. Un sensor de apenas 10 euros.


Sobre a campaña: Pedro Rodríguez é pai de dúas nenas de 5 e 10 anos e promotor da petición cidadá para a obrigatoriedade de dispositivos antiabandono en vehículos en España.
Podes asinar a petición aquí: https://www.change.org/antiabandonobebes

O Goberno de Vigo impulsará unha declaración institucional en apoio á Global Sumud Flotilla

O goberno de Vigo impulsará unha declaración institucional de apoio á Global Sumud Flotilla, que levaba axuda humanitaria á franxa de Gaza e foi “retida, maltratada e, nalgúns casos, torturada”, segundo anunciou o alcalde, Abel Caballero, nun audio enviado aos medios de comunicación.

Esta noticia chega días despois de que os socialistas rexeitasen a proposta de declaración institucional presentada polo BNG na xunta de portavoces municipal sobre o mesmo tema. Naquel momento, os nacionalistas aseguraran que o PSOE non achegara “ningún argumento” para votar ‘non’ e que só explicaran que eles presentarían a súa propia declaración máis adiante.

Agora, Caballero informou de que no próximo pleno aprobarase unha declaración institucional para “condenar” o comportamento do Estado de Israel, por non deixar que persoas con axuda humanitaria para o “xenocidio” chegasen á franxa de Gaza.

“Queremos darlles o noso apoio e mostrar desde Vigo o noso rexeitamento total a ese comportamento en contra da poboación civil e en contra do xenocidio de Israel contra o pobo Palestino“, sentenciou o rexedor vigués.

A Deputación acusa a Caballero de usar a Aqualia para excluíla de Balaídos

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, denunciou que a obra de retranqueo dos colectores que se sitúan nas inmediacións da bancada de Tribuna de Balaídos levaraa a cabo a concesionaria da auga de Vigo, Aqualia, e non o Concello directamente, acusando o alcalde, Abel Caballero, de “mentir” e de realizar esta “manobra” para “deixar fóra” ao ente provincial.

En rolda de prensa, Sánchez explicou a situación, despois de que o rexedor solicitase en reiteradas ocasiones financiamento para eses traballos, necesarios para unha nova ampliación da bancada, co obxectivo de gañar asentos para poder ser sede do Mundial de Fútbol 2030. Ante os medios de comunicación, a vicepresidenta provincial dixo que foi en novembro cando se solicitou ao Concello o proxecto de dita obra que, segundo dixo, nunca foi enviado polo goberno local.

Agora, a Deputación coñeceu que os traballos os levará a cabo a concesionaria Aqualia dentro do apartado que inclúe a propia concesión para investimentos. “Estívonos enganando a todos”, apostilou, criticando a “manobra” de Abel Caballero para “excluír intencionadamente” á Deputación do financiamento da obra e “seguir explotando o victimismo”.

“Automaticamente déixanos fóra (…). Se hai unha concesión e un orzamento da concesión para un plan de investimentos, ninguén pode subvencionar iso directamente. Se achegamos diñeiro ao Concello, en base a que?”, relatou Luisa Sánchez, que tacha de “inviable” que a Deputación poida achegar diñeiro se os traballos se levan a cabo desa maneira. Ela reiterou que a Deputación si quere axudar a financiar a ampliación de Balaídos para o Mundial, pero aclarou que aínda non se sabe canto diñeiro será necesario porque non hai proxecto.

A RÉPLICA DE ABEL CABALLERO

Tras a rolda de prensa de Luisa Sánchez, Abel Caballero enviou aos medios de comunicación un audio gravado asegurando que el mesmo pediu á Deputación que pagase un terzo da obra dos colectores: “Dixeron que non”, apuntou, acusando o ente provincial de tratar de atrasar os traballos para “non chegar a tempo” para a cita mundialista.

O rexedor aproveitou para cargar novamente contra o PP, que solicitou o calendario das obras necesarias en Balaídos e “xa se enviaron hai dous anos” a Rafael Louzán e “xa as coñece todo o mundo”, dixo, a pesar de que aínda non se deu a coñecer o proxecto final dos traballos necesarios nin o custo ao que ascenderá a reforma de Tribuna.

Ofensiva contra o ‘menudeo’ en Vigo: catro detidos con cocaína, ‘tusi’ e haxix oculto na roupa interior

Nova fronte policial contra o tráfico de drogas a pequena escala nas rúas de Vigo. Axentes da Policía Nacional detiveron a catro persoas no transcurso de diferentes operativos contra o ‘menudeo’ na cidade olívica. As intervencións, desenvolvidas ao longo deste mes de maio no marco dos dispositivos específicos de prevención, permitiron comisar diversas cantidades de cocaína, MDMA, hachís, cocaína rosa (coñecida como ‘tusi’) e cartos en efectivo. As detencións realizáronse en catro actuacións independentes que deitan luz sobre os diferentes modus operandi empregados para o tráfico na rúa.

CACHADOS IN FRAGANTI E CUN SOBRE DE 36 DOSES

A primeira detención tivo lugar a principios de mes. Unha patrulla de madrugada observou un intercambio sospeitoso entre un home e unha muller. Ao interceptalos, os axentes localizaron no bolso da muller 5 gramos de cocaína e unha bolsa con ‘tusi’ (cocaína rosa), o que motivou o arresto do home. Outra das intervencións desencadeouse cando os policías viron a un individuo saír dun portal e dirixirse a outra persoa que o agardaba para entregarlle un sobre marrón que sacou do peto. Ao darlles o alto, o comprador logrou darse á fuga, pero o vendedor foi interceptado xusto cando tiraba ao chan o sobre, no cal había 20 gramos de cocaína distribuídos en 36 doses.

NERVIOSISMO E HACHÍS NA ROUPA INTERIOR

O terceiro arresto produciuse ao localizar a un home en actitude vixiante xunto a un portal. Ao ver a presenza dos axentes, o sospeitoso amosou un gran nerviosismo e entregou voluntariamente dous gramos de MDMA. Con todo, ao ser sometido a un cacheo, os policías acháronlle outras 7 doses de cocaína, hachís e 250 euros en efectivo.

A última actuación policial correu a cargo de axentes da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) a pasada semana. Unha patrulla observou como un vehículo realizaba unha manobra brusca ao decatarse da presenza dos uniformados. Tras darlles o alto e identificar os ocupantes, os axentes atoparon un primeiro fragmento de hachís en poder do acompañante. Ao realizar un rexistro máis exhaustivo, descubriuse que o individuo ocultaba no interior da súa roupa interior outro bloque de haxix de maior tamaño (95 gramos). En total, interviñéronselle 115 gramos desta substancia e 500 euros en metálico.

Os 20 anos do Consorcio do Casco Lanuxe de Vigo: 140 vivendas e 36 locais rehabilitados

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reivindicou o traballo do Consorcio do Casco Vello de Vigo, que logrou en 20 anos un total de 140 vivendas e 36 locais rehabilitados, cun investimento autonómico que supera os 30 millóns de euros.

A conselleira de Vivenda, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiu este venres á presentación do libro titulado ‘XX anos reconstruíndo o coração da cidade’. Na súa intervención, Martínez Allegue destacou a importancia da colaboración entre as distintas administracións, como veñen facendo nas últimas dúas décadas a Xunta e o Concello no seo do Consorcio, un organismo que “devolveu ao Casco Vello a identidade dun barrio que foi o motor económico da cidade pola súa vinculación co mar”.

Deste xeito, fixo fincapé na identidade renovada desta zona histórica e nas novas oportunidades que se abren para a mocidade, pondo como exemplo a vivenda rehabilitada e entregada hai tan só dúas semanas a unha moza menor de 36 anos. Ademais, salientou que se trata de “rehabilitacións moi coidadas, con espazos luminosos e detalles que van proporcionar aos novos inquilinos unha vivenda moderna e enerxeticamente eficiente”.

A responsable de Vivenda subliñou o compromiso do Executivo galego, que renovou a cooperación co consistorio vigués o pasado mes de novembro a través do novo Plan de Actuación do Consorcio ata 2030. Este acordo contará cun investimento por parte da Xunta de máis de 7 millóns de euros, o que supón “multiplicar por catro” a achega realizada no plan anterior.

Por outro lado, Allegue aproveitou o acto de presentación para trasladar os seus parabéns aos proxectistas, un colectivo integrado por máis de 60 arquitectos xunto cos seus respectivos equipos técnicos, de quen valorou que “foron capaces de transformar durante estes 20 anos a imaxe do barrio”.

O goberno de Vigo aproba as obras dos novos peches do complexo deportivo de Samil por máis de 190.000 euros

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou de que a xunta de goberno local aprobou este venres a licitación das obras dos novos peches do complexo polideportivo de Samil por un importe de máis de 190.000 euros.

A idea é renovar de forma integral os peches e as mallas na zona das pistas de tenis, así como a instalación de novas portas de acceso e a construción dun novo muro, segundo dixo. Os traballos comezarán a finais de verán, segundo a previsión do Concello, e prolongaranse durante dous meses.

Ademais, o goberno municipal tamén aprobou a actualización do proxecto para o mantemento e mellora do campo de fútbol, que conta cun investimento de case 797.000 euros e un prazo de execución de catro meses.

“En pouco tempo, a zona de Samil, enteira, con pistas de tenis, campo de fútbol e o resto das instalacións en perfecto estado de uso”, recalcou Caballero, despois de anos de protestas de usuarios polo “abandono” das pistas de tenis de Samil.

Citroën resucita o lendario 2 CV nunha versión eléctrica: así será o regreso do primeiro coche fabricado en Vigo

Un dos grandes mitos da automoción prepárase para volver ás estradas cun formato totalmente renovado e adaptado aos novos tempos. Citroën confirmou oficialmente a incorporación dun novo modelo á súa gama que encarnará todo o espírito do lendario 2 CV, o vehículo que pasou á historia por ser o primeiro coche fabricado na factoría de Vigo. A nova aposta da marca francesa foi deseñada especificamente para afrontar os retos actuais da mobilidade eléctrica e as novas normas urbanas.

DESEÑO ACCESIBLE E UTILIDADE SEN NOSTALXIA

Inspirado no concepto orixinal, este futuro vehículo eléctrico recollerá os valores esenciais que definiron historicamente ao clásico 2 CV, entre os que destacan a accesibilidade, a lixeireza, a utilidade e a versatilidade, buscando manter un carácter distintivo sen igual na estrada. Por agora, o grupo Stellantis non desvelou máis detalles técnicos sobre as prestacións do automóbil, pero avanzou que o seu propósito principal será contribuír á creación dunha nova categoría de pequenos vehículos eléctricos asequibles que ofrezan unha maior liberdade de movementos sen renunciar á personalidade nin ao atractivo.

PRESENTACIÓN EN PARÍS CO PLAN FaSTLAne 2030

Citroën dará a coñecer todos os detalles deste proxecto automovilístico no Salón do Automóbil de París, que se celebrará no mes de outubro de 2026. Así o explicou a multinacional Stellantis no marco do seu Investor Day, celebrado o pasado xoves, onde aproveitou para presentar oficialmente as liñas estratéxicas que guiarán o seu plan de futuro denominado ‘FaSTLAne 2030’. O director xeral de Citroën, Xavier Chardon, subliñou que reinventar o 2 CV do mañá supón un reto e unha responsabilidade enormes para todo o equipo. O directivo destacou que o novo modelo perpetuará o espírito do coche clásico pero sen caer na nostalxia, senón reinventando a súa tradicional sinxeleza e accesibilidade para dar unha resposta eficaz ao mundo actual a través dun concepto baseado en ser eléctrico, esencial e asequible.

Detido un veciño de Oia por estafar 5 persoas alugando unha falsa vivenda en Baiona

Un veciño de Oia foi detido acusado de estafar a cinco persoas co falso aluguer dunha vivenda situada no centro de Baiona. A investigación, realizada no marco da Operación Falacias, permitiu pescudar aos axentes que esta persoa se facía pasar como empregado dunha inmobiliaria existente en Madrid para conseguir as chaves do inmoble, cuxos propietarios querían vender.

O agora investigado, publicitaba o piso para aluguer de longa duración desde o mes de abril en diferentes plataformas de aluguer e contactaba con diferentes persoas, atraídas polo bo prezo e a boa zona onde se sitúa. Os interesados que acudían a ver o piso se lles gustaba xa asinaban ao momento un contrato de reserva, para poder ocupalo pasados uns días. Un feito que nunca se producía posto que tras o pago xa non lograban contactar co presunto empregado da inmobiliaria, non podendo acceder a residir ao mesmo.

Así logrou estafar a cinco persoas diferentes, os cales pagaron polas reservas entre 300 e 750 euros. O presunto estafador, xa contaba con antecedentes policiais por feitos similares. Tras a recepción de todas as denuncias aos prexudicados e de acreditar que non tiña ningún tipo de vinculación coa inmobiliaria á que parecía pertencer, realízanse xestións co fin de localizar ao presunto autor, procedendo á súa detención por delito de estafa continuada. As dilixencias instruídas foron entregadas na Sección de Instrución Do Tribunal de Instancia de Vigo, Praza Nº 2.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed