O grupo municipal Marea de Vigo denunciou este mércores que a empresa concesionaria do servizo de recadación executiva expuxo un expediente de regulación temporal de emprego, a pesar de que o prego lle obriga a subrogar e manter as condicións dos traballadores.
Nunha rolda de prensa, o portavoz do grupo, Rubén Pérez Correa, lembrou que este servizo “privatizado”, que presta a empresa Servizos de Colaboración Integral, conta cuns 30 empregados, que agora se verán afectados por un expediente regulatorio “para o 70 por cento da xornada laboral”.
Segundo apuntou, a empresa alegou, para expor esta medida, que descendeu a carga de traballo pola diminución de procedementos sancionadores en materia de tráfico. A este respecto, o concelleiro criticou que esta forma de actuar é o resultado da falta de control por parte do Concello ás empresas concesionarias, e dun sistema “opaco” de contratación de servizos externalizados.
No pasado mes de outubro, o Grupo municipal da Marea de Vigo reuniuse coa Asociación de Comerciantes de Pereiró, que lle daba traslado das denuncias que levaban feito durante máis de cinco anos, “dada a lamentable situación na que, a todas luces, atópanse varias infraestruturas do barrio”.
“Tras ter solicitado, tanto na Xunta coma no Concello de Vigo, a realización das xestións necesarias para clarificar as competencias sobre os terreos do treito inicial da PO-330 (Avda. de Castrelos), a situación non ten avanzado e é por iso que levamos esta moción ao Pleno” explica Xosé Lois Jácome, concelleiro do Grupo municipal da Marea de Vigo.
Tras as múltiples denuncias feitas por ACOPE (Asociación de Comerciantes de Pereiró), pediremos no Pleno ás cesións dos terreos ao Concello, así como a adicación de fondos EDUSI en materia de mobilidade para o barrio” explica Xosé Lois Jácome.
“O que acontece neste barrio é unha clara mostra da desigualdade entre diferentes zonas de Vigo en canto a dotacións, non é admisible que a veciñanza de Pereiró, que paga os mesmos impostos que o resto, teña rúas por onde non poida pasar un carro de bebé cando por outras podería facelo un tráiler (por cuestións de tamaño); ou mesmo na cuestión da iluminación pública, resulta case grotesco que nesta cidade esteamos falando de zonas absolutamente carentes de ningún tipo de iluminación pola noite porque non entra unha farola dada a falta de espazo na beirarrúa” matiza o concelleiro.
O grupo municipal tamén pedirá a sinatura dun Convenio entre Xunta e Concello vinculado á cesión, para que tanto a Xunta coma o Concello colaboren para a urbanización completa do barrio nunha sola actuación. Do mesmo xeito tamén pedirán a realización dun estudo de mobilidade para os viais da zona ante a alta densidade de tráfico actual xerado por ser unha vía de acceso ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
A presión hospitalaria por enfermos de covid-19 incrementouse en Galicia, con sete pacientes máis este xoves, así como os contaxios por coronavirus, un total de 821, en vésperas do inicio do fin de semana festivo no que as autoridades sanitarias instaron a extremar as medidas de seguridade pola pandemia.
Segundo os datos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) das 18:00 horas deste xoves, pese ao incremento de pacientes en hospitais e ao repunte de contaxios, continúa descendendo o número de persoas con infección activa, aínda que a un ritmo menor que os días anteriores, con 390 menos, até situarse en 15.156.
PRESIÓN HOSPITALARIA
En total hai nos hospitais galegos 324 persoas ingresadas enfermas de covid-19, das que 269 están en planta, tres máis que o mércores, e 55 na UCI, catro máis. A área sanitaria de Vigo, acumula 53 hospitalizados (-1) con sete en UCI (+1).
INCIDENCIA
Desde o inicio da epidemia en Galicia contaxiáronse 169.077 persoas e recuperáronse 151.443, das que 1.207 foron na última xornada. A cifra de falecidos ascende a 2.508, tras o catro mortes comunicadas polo Sergas nas últimas horas.
Por áreas sanitarias, o descenso de casos é xeneralizado, sobre todo na de Vigo, con 95 menos, o que sitúa a cifra en 3.715.
A Consellería de Sanidade informou este mércores da morte de catro persoas con coronavirus –todas con patoloxías previas– nas últimas horas, unha delas en Gondomar. Desta xeito, o total de falecidos en Galicia ascende a 1.327.
Esta cifra de defuncións é a mesma que a do pasado martes –catro vítimas– e menos en comparación coas do luns –sete–. Dúas destas persoas faleceron en residencias. Un home de 80 anos na de Vila do Conde de Gondomar e unha muller de 88 anos na de San Salvador de Guntín.
Ademais, producíronse outros dous óbitos de dúas mulleres ingresadas no Chuac da Coruña, de 74 e 89 anos.
O Consorcio Casco Vello de Vigo aprobou o Plan de actuacións, investimentos e financiamento para 2021, cuxo orzamento supera os 4 millóns de euros.
Segundo trasladaron a Presidencia do Consorcio, que corresponde á Xunta, nunha sesión celebrada este luns, acordouse iniciar o plan de actuacións e requirir ao goberno local vigués “o exercicio das potestades urbanísticas necesarias” para a execución do mesmo. Do mesmo xeito, resolveuse demandar ás administracións consorciadas os recursos necesarios para a execución do devandito plan.
En concreto, o consorcio está participado pola Xunta e o Concello de Vigo e presidido pola delegada territorial da Administración autonómica na cidade, Marta Fernández Tapias.
Precisamente, Fernández Tapias lembrou recentemente que a marxe de actuación da entidade atópase limitado pola imposibilidade de adquirir varios inmobles situados na zona alta do centro histórico. Por iso, reclamou de novo a colaboración do Concello, ao que pediu que asinase o convenio de expropiación que mantén “paralizado” desde 2017.
A Policía Local de Vigo detivo na madrugada deste xoves a un vigués de 48 anos e iniciais J.M.A.M. que tentaba entrar a roubar cunha pata de cabra nun local situado na avenida de Castelao.
Tal como informou a Policía, o suceso ocorreu ao redor das 04,00 horas, cando a sala de comunicacións do 092 foi alertada por un veciño dun posible roubo nun local da zona, xa que o son de manipulación do mobiliario da terraza levantou as súas sospeitas.
Á súa chegada, os axentes observaron ao agora detido na terraza agochado xunto á porta de acceso. Cando o citado se decatou da presenza policial levantouse e permaneceu de pé inmóbil cunha pata de cabra na man, ata que os actuantes se apearon do vehículo, momento no que tratou de fuxir á carreira, sendo interceptado aos poucos metros.
“Unha vez retido tratou de zafarse violentamente, motivo polo cal procederon a inmobilizalo”, indicou a Policía Local viguesa.
Ao lugar tamén se desprazou unha dotación do Corpo Nacional de Policía, que colaborou facéndose cargo do individuo en tanto os axentes verificaron o estado da porta onde o observaron agochado, comprobando que no chan estaba roto o aro metálico do cadeado de peche da porta. Por todo iso procederon á detención do citado pola comisión dun delito de roubo en grao de tentativa.
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a un veciño da cidade, de 47 anos de idade, que foi sorprendido cando circulaba de forma temeraria nun automóbil, sen ter carné, que deu positivo en drogas e que, ademais, facilitou datos falsos ao ser identificado os axentes.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron á primeira hora da tarde, cando unha dotación do 091 atopouse cun vehículo que circulaba con velocidade excesiva, realizando continuos cambios de carril.
Ao darlle o alto, comprobaron que o coche ía ocupado por un home (condutor) e unha muller. Ao realizarlles un cacheo, os policías atoparon unha navalla oculta entre as roupas do home, así como unha bolsa con marihuana baixo o seu asento.
Así mesmo, realizóuselle unha proba de detección de drogas, que deu positivo para opiáceos, cocaína, cannabis e fármacos; e comprobouse que os datos que facilitara aos axentes (o home non levaba documentación encima, pero carece de carné de conducir) eran falsos, e correspondían en realidade a un familiar do condutor.
O home foi detido e trasladado a Comisaría, onde se comprobou que conta con 12 antecedentes policiais. O arrestado e as dilixencias practicadas foron postos a disposición xudicial.
A Garda Civil investiga penalmente por un delito de tráfico de drogas a un veciño de Tomiño (Pontevedra) de 30 anos ao que se lle incautaron 21 pastillas de éxtases no seu coche, despois de que sufrise un accidente de circulación.
Os feitos sucederon na estrada de Vigo a Tui, na provincia de Pontevedra. Un garda civil da Guarda, que estaba fóra de servizo, avisou ao Centro Operativo de Pontevedra de que un veciño de Tomiño, con antecedentes policiais, tivera un accidente no km. 65,500 da estrada PO-552, á altura de Carregal, na parroquia de Amorín, en Tomiño.
Ata o lugar desprazáronse dúas patrullas de seguridade cidadá dos postos da Guarda e Tomiño que comprobaron que o coche sufrira unha saída de vía e chocara de forma fronto-lateral contra unha casa contigua á estrada.
O condutor resultou ileso pero os axentes comprobaron que presentaba síntomas “evidentes” de estar baixo os efectos dalgunha sustancia psicotrópica, ao ter as “pupilas dilatadas” e falar “de forma incoherente”, ademais de presentar “problemas de motricidad”.
Ante isto, os axentes inspeccionaron o vehículo e localizaron no seu interior unha caixa de plástico con 21 pastillas de éxtases. O condutor deu positivo no test provisional de drogas que se lle practicou.
Por mor destes feitos, notificóuselle ao condutor a súa condición de investigado como presunto autor dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas. As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Tui, no que deberá comparecer cando sexa citado.
Non só as formas preocupan aos fotógrafos. Tamén a luz escorregándose polos muros, as figuras, as extensións enormes de terreo.
Luz de inverno/ Miguel Núñez
Así, desta vez o noso fotoxornalista Miguel Núñez tentou captar a acción da luz de inverno percorrendo as inmediacións do Porto de Vigo, un dos máis importantes do litoral atlántico.
Luz de inverno/ Miguel Núñez
Sendo esta unha luz tenue, silandeira. E, si, chea de beleza.
Luz de inverno/ Miguel Núñez
As gaivotas percorren o ceo sen decatarse da luz laranxa que reflicten as súas alas.
En medio do conflito aberto entre administracións con respecto ao derrubamento do paseo marítimo das Avenidas durante a derradeira xornada do Marisquiño, que provocou 467 persoas feridas, o BNG exixe a fin “da lea partidista para poñer no centro a atención das vítimas e sumar esforzos para que non volva suceder nada parecido”.
E, para propiciar a cooperación institucional, propuxeron a posta en marcha dunha “Mesa do Porto de Vigo”, que debe ser un espazo para a coordinación entre as diversas administracións e os axentes sociais implicados na vida portuaria e na cidade”, explica Serafín Otero, responsábel local do BNG.
Neste sentido, propoñen que a Mesa estea integrada por representantes da Autoridade Portuaria, Concello de Vigo, Xunta de Galiza, Zona Franca, así como de organizacións sectoriais vinculadas ao Porto (como a Cooperativa de Armadores), a Federación Veciñal, sindicatos, comerciantes, Universidade de Vigo, colectivos de defensa ambiental e a Plataforma en Defensa da Ría de Vigo.
O Marisquiño 2018, antes do accidente / Miguel Núñez
“Fronte ao conflito interesado e partidista é hora do diálogo construtivo e da cooperación en favor do desenvolvemento do Porto e da súa mellor integración urbana”, explicou Otero.
O BNG entende que a primeira tarefa da nova Mesa do Porto de Vigo é auditar a nivel arquitectónico e de seguranza o estado de toda a superficie e instalacións portuarias de acceso público e acordar a súa remodelación.
“Despois do sucedidono paseo das Avenidas e do lamentábel estado de conservación do paseo de Bouzas, é urxente actuar antes de ter que lamentar outro accidente”, advirten desde a fronte nacionalista.
Estado dos taboleiros do Paseo de Bouzas/ Miguel Núñez
“Xestión nefasta”
Serafín Otero denunciou a “nefasta xestión” que por parte das administracións implicadas se fixo até o momento do accidente do Marisquiño. “467 persoas feridas e as súa familias levan case dúas semanas vendo como as administracións en lugar de implicarse en asistilas e buscar solucións, optaron por un espectáculo lamentábel botando as culpas ao de enfronte”, critica Otero.
Investigación
Así mesmo, Otero esixiu de novo a máxima transparencia e unha investigación a fondo, fronte a “opacidade” coa que estarían a actuar Concello de Vigo e Autoridade Portuaria.
Así o reclamou o BNG, propoñendo nos últimos días a creación dunha Comisión de Investigación no Parlamento de Galiza. “Temos que saber que pasou e porque pasou. Non só para depurar responsabilidades, senón sobre todo para evitar que volva suceder nada parecido”, defende.