InicioEconomíaO prezo medio dunha habitación de hotel duns 15 metros cadrados para...

O prezo medio dunha habitación de hotel duns 15 metros cadrados para esta fin de semana en Vigo: de 200 euros en diante

Tal e como explica o presidente da Federación de Hostalaría de Pontevedra, César Sánchez-Ballesteros, a noite de Noiteboa e Fin de Ano non adoitan encherse os hoteis, por iso os prezos na fin de semana do 23 ao 24 de decembro e do 30 ao 31 os prezos baixan moito, ata a metade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A tolería polo Nadal de Vigo non para de medrar e semella que ano tras ano vai a máis. Estes días a cidade quedou totalmente colapsada en horas punta pola invasión de turistas portugueses de doutros lugares de Galicia que querían ver as luces instaladas por Abel Caballero. Para chegar a reingresar os case 10 millóns de euros que custaron as decoracións de Nadal hai moito que mercar na cidade, aínda que, botando unha ollada aos prezos dos hoteis, semella que a cousa vai polo bo camiño. Iso si, eses “entre 500 e 1.000 millóns de euros de retorno” dos que falaba Caballero na súa visita ao ‘Land Rober Tunai Show‘ non semellan ser un obxectivo alcanzable. Nin tanto, nin tan pouco, que se di.

Dende Galicia Confidencial facemos un repaso por algúns dos hoteis máis emblemáticos da cidade olívica para comprobar cal é o seu prezo para unha habitación estándar esta próxima fin de semana (16-17 de decembro), e comparándoo co que terán dentro dun mes (20-21 de xaneiro) en Booking, cando a febre do Nadal se disperse e as luces xa sexan cousa do pasado. O resultado? De media, todos os hoteis de Vigo triplicaron o prezo da súa estancia dunha noite para esta fin de semana, algúns incluso o cuadriplicaron. Nas vindeiras fins de semana (a do 23-24 de decembro e a do 30-31 de decembro), os prezos baixan á metade, en moitos casos, ao tratarse de datas moi sinaladas: Noiteboa e Fin de Ano, nas que os visitantes igual son menos polos desprazamentos para pasar eses días ca familia. E, se agora unha habitación estándar se atopa por riba dos 200 euros en case todos os casos, en xaneiro ningunha supera os 100 euros. Ver para crer!

Falando de casos máis concretos, pasar a noite do 16 ao 17 de decembro no hotel Exe Vigo (tres estrelas) pode custarche un 280 euros, por unha habitación de 18 metros cadrados e sen almorzo (tería un sobrecuste de 10 euros); no Hotel Bahía de Vigo (catro estrelas) o prezo sería duns 254 euros, aínda que neste caso a habitación xa sería de 60 metros cadrados e tamén sen almorzo (págase aparte e serían 13 euros); no Oca Ipanema (tres estrelas), o custe sería de 210 euros por unha estancia de 17 metros cadrados (máis outros nove se queres o almorzo); no Hesperia Vigo (catro estrelas), un cuarto de 20 metros cadrados chegaría aos 211 euros (máis 11,90 polo almorzo); no Eurostars Mar de Vigo (catro estrelas), 23 metros cadrados andarían nos 230 euros (máis 12 de almorzo); e no Maroa Hotel (catro estrelas), 21 metros cadrados pagaríanse a 220 euros (máis 15 polo almorzo).

Iso si, estes prezos non son algo exclusivo dos hoteis con máis estrelas, pois tamén os que teñen dúas ou mesmo unha estrela pero están ben ubicados, próximos ao centro histórico e aos lugares onde se concentra a decoración de Nadal, disparan os prezos. Así, por exemplo, o Hotel del Mar Vigo (dúas estrelas) chega a custar 270 euros por pasar esa noite do sábado ao domingo nun cuarto de 25 metros cadrados (8 máis co almorzo); o Hotel Pantón (dúas estrelas) suporía desembolsar 194 euros por un cuarto de 14 metros cadrados (e outros 8 polo almorzo); o Hotel Atlántico Vigo (dúas estrelas) estaría nos 198 euros por 18 metros cadrados (e seis máis de almorzo); e o Hotel Alda Estación (unha estrela) chegaría aos 157 euros por un cuarto de 13 metros cadrados (e 7 máis con almorzo). Como pode observarse, prezos moi elevados para tratarse da habitación estándar dun hotel de dúas ou unha estrela.

Ademais, cabe destacar que estes son os prezos que conseguimos recabar grazas a que aínda quedaba algunha habitación libre (moi poucas), pero había outros hoteis emblemáticos, como o NH Collection Vigo (catro estrelas) ou o Gran Hotel Nagari Boutique & Spa (cinco estrelas) que xa nin habitacións dispoñibles tiñan para esas datas do 16 ao 17 de decembro, estando todo completamente agotado, o que fixo que non puidésemos ver o seu prezo. Aínda que tendo en conta que para a fin de semana do 23 ao 24 de decembro, cando todos os demais baixan os seus prezos entre os 76 e os 160 euros, a habitación no NH custa 140 euros (16 metros cadrados e 27 euros máis polo almorzo) e no Nagari chega ata os 218 (40 metros cadrados e 19,80 máis polo almorzo), podemos imaxinar que para estas próximas datas o custe non sería pouco. 

PAZO LOS ESCUDOS HOTEL SPA & RESORT: 3.000 EUROS A HABITACIÓN

Finalmente, como prezo máis sorprendente, atopámonos co caso do Pazo Los Escudos Hotel Spa & Resort (cinco estrelas), que multiplicou o seu prezo habitual por 25 para esta próxima fin de semana de decembro. Así, unha habitación de 34 metros cadrados custa a frioleira de 3.079 euros (e sen almorzo, polo que habería que desembolsar un suplemento de 21,50 euros). Se miramos o prezo da mesma habitación para a fin de semana seguinte, do 23 ao 24 de decembro, este xa baixou aos 137 euros; e para a de final de ano, do 30 ao 31 de decembro, quedouse nos 164. Ademais, dentro dun mes, cando as luces xa sexan historia, a mesma habitación estará ao módico prezo de 110 euros para pasar a noite do 20 ao 21 de xaneiro, é dicir, vintecinco veces máis barata.

Para que poidades comparar cos prezos que terán as habitacións en Vigo esta próxima fin de semana do 16 ao 17 de decembro, deixámosvos tamén os que terán esas mesmas habitacións na do 20 ao 21 de xaneiro77 euros no Exe Vigo (tres estrelas); 61 euros, no Hotel Bahía de Vigo (catro estrelas); 56 euros, no Oca Ipanema Hotel (tres estrelas); 49 euros, no Hesperia Vigo (catro estrelas); 53 euros, no Hotel del Mar Vigo (dúas estrelas); 48 euros, no Hotel Pantón (dúas estrelas); 52 euros, no Hotel Atlántico Vigo (dúas estrelas); 43 euros, no Hotel Alda Estación (unha estrela); 63 euros, no Eurostars Mar de Vigo (catro estrelas); 75 euros, no Maroa Hotel (catro estrelas); 97 euros, no NH Collection Vigo (catro estrelas); e 123 euros, no Gran Hotel Nagari Boutique & Spa (cinco estrelas).

“A EXPECTATIVA É MELLORAR AS CIFRAS DO ANO PASADO E VAI SER POSIBLE”

E é que, tal e como conta César Sánchez-Ballesteros, presidente da Federación de Hostalaría de Pontevedra (Feprohos), as pontes de decembro e as pasadas fins de semana “as ocupacións foron moi altas, especialmente os venres e os sábados, cando estivo prácticamente todo cheo“. Durante a ponte como tal, “aínda que a ocupación foi bastante alta, non chegamos a dicir cheo porque tanto o mércores como o xoves non logramos chegar ao 100 %, debido en parte á alerta meteorolóxica“. Ademais, na parte da hostalaría, os bares e os restaurantes “están moi satisfeitos, porque mesmo con meteoroloxía adversa estanse a conseguir ocupacións moi altas, o cal está moi ben”. Así as cousas, “a expectativa agora é mellorar as cifras do ano pasado nestas datas, e polo momento temos a sensación de que vai ser posible melloralas“.

Preguntándolle polo disparado prezo dos hoteis para esta vindeira fin de semana fronte ao que terán nas seguintes, Sánchez-Ballesteros asegura que “este ano tanto as datas de Noiteboa como de Fin de Ano caen en fin de semana, e en Noiteboa e Nadal a ocupación ralentízase”. En concreto, afirma que “aínda que hai xente que si que viaxa, o número masivo de persoas a noite do 24 de decembro non saen da casa, quedan en familia e non viaxan”. Con todo, os hoteleiros agardan que os que si o fan permitan manter unhas ocupacións medianamente altas vistos os prezos. “Por tradición, xa non son datas nas que se consigan ocupación moi altas, porque a xente quédase na casa co tema dos agasallos, Papá Noel… e aquí en Vigo o público das luces de Nadal ten un perfil fundamentalmente familiar“, explica.

A OCUPACIÓN EN FIN DE ANO DEPENDERÁ DO TEMPO E DO CLIENTE PORTUGUÉS

Con todo, o tamén dono do Hotel Bahía de Vigo afirma que tamén hai outro tipo de público para os hoteis da cidade olívica: o cliente portugués, moi abundante nesta época do ano. “Si que vén moita xente de Portugal que prefire pasar unha noite un pouco especial máis aló do seu lugar de orixe“, apunta. O mesmo sucede coa noite de Fin de Ano. “É verdade que esa noite a xente sae da casa, pero sae máis ben de festa cos amigos, a non ser que planeen unha viaxe a esquiar ou algo polo estilo, pero non resulta un público determinante para Vigo, é dicir, non é esta cidade un destino de Fin de Ano como tal”, apunta Sánchez-Ballesteros, que engade que “aínda así, co turismo portugués, si que haberá moito movemento e sen dúbida se poderán ir enchendo os hoteis”. De feito, recomenda á xente que teña pensado visitar Vigo nesas datas que reserve xa lugar para cear, porque “logo entre que hai establecementos pechados e outros que só aceptan ceas con reserva, hai xente que está hospedada e que non logra atopar mesa”.

Así as cousas, concede que “é verdade que as ocupacións e os prezos serán máis altos está semana que as vindeiras”, pero os das seguintes tamén poderán ir elevándose a medida que aumente a demanda. E é que, como explica, “é habitual que para a noite de Fin de Ano, sobre todo, a xente agarde a ver se vai chover para decidirse a reservar hotel, sobre todo o mercado portugués, que pode aguantar ata os cinco días previos a Fin de Ano ser reservar”. “Iso vai facer cambiar os prezos tamén no último momento”, augura o hostaleiro, que, por experiencia, asegura que “segundo se achegan estas datas de Nadal a xente reserva con menos anticipación, curiosamente”. Sen embargo, en semanas previas, as reservas estaban cheas porque “a xente que quería vir a Vigo para ver as luces foise anticipando, pois dáballe igual unha fin de semana que outra para facer esa escapada, así que ían buscando os mellores prezos e enchendo os ocos”. 

PARA COMER OU CEAR DÉBESE RESERVAR DOUS OU TRES DÍAS ANTES

Así mesmo, polo que respecta ao problema por atopar mesa para comer ou cear na cidade nestas datas sen reservar alo menos con tres días de antelación, Sánchez-Ballesteros apunta que “nestas datas hai moitos grupos de persoas na rúa, moi xente que non planificou a viaxe e a maioría de restaurantes foron modificando as súas pautas de traballo para incorporar o sistema de reserva previa con anticipación“. Se a isto sumamos o feito de que “hai moitas ceas de amigos, de empresa, de compañeiros de traballo… que organizan as súas ceas os venres maioritariamente e tamén algúns sábados, o que fai que coincidan máis coa xente que vén ver as luces, e eses si que reservaron as ceas con anticipación, polo que os que veñen pola rúa teñen aínda máis difícil atopar un oco nos restaurantes se non o buscan antes de dous ou tres días de visitar a cidade”, conclúe o dono do Hotel Bahía de Vigo.

ÚLTIMAS

Investigadas 10 persoas por un delito de falsidade documental en Pontevedra

A Garda Civil investiga a un total de 10 persoas como presuntos autores dun...

Arden cinco gabarras na zona industrial de Saxamonde en Redondela

Por fortuna, aínda que o lume estivo preto dunha nave industrial, esta non se...

Transportes prepara a licitación do tramo de AVE O Porriño-Tui e declara “prioritaria” a saída Sur de Vigo

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable avanzou que está "a traballar na preparación...

A UVigo presenta o seu proxecto de metaverso para os seus tres campus

A Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra acolleu este martes a presentación do...