InicioPolíticaVigo convértese no epicentro do Día das Forzas Armadas mentres o soberanismo...

Vigo convértese no epicentro do Día das Forzas Armadas mentres o soberanismo xuvenil convoca unha mobilización de rexeitamento: “É un ataque contra Galiza”

Galiza Nova, Erguer, Isca!, a UMG e Fervenza chaman a manifestarse este sábado en rexeitamento da "deriva militarista" e para esixir que os recursos públicos se destinen a fins sociais.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A cidade de Vigo acollerá desde este martes, 26 de maio, e ata o vindeiro domingo, 31 de maio, os actos organizados con motivo do Día das Forzas Armadas 2026 (DIFAS), que incluirán presenza naval e unha exposición estática de material no Porto de Vigo, así como exhibicións, encontros musicais e o acto central que estará presidido polos Reis de España. O encontro anual entre civís e militares remóntase a 1978, cando se estableceu realizar un acto institucional que servise como homenaxe aos Exércitos e a Armada, así como á Unidade Militar de Emerxencias (UME), para fomentar o coñecemento da sociedade e a súa integración na mesma. O DIFAS celébrase cada ano nun punto diferente e, en 2025, tivo lugar en Santa Cruz de Tenerife.

Ao mesmo tempo, as organizacións xuvenís e estudantís do ámbito soberanista galego veñen de activar un chamamento conxunto á mocidade para saír ás rúas. Galiza Nova, Erguer,Isca!,Unión da Mocidade Galega e o sindicato estudantil Fervenza anunciaron este luns a súa participación na mobilización convocada para o vindeiro sábado na cidade olívica, amosando un rexeitamento absoluto á “deriva militarista” e á presenza do exército español. Os colectivos integraranse nunha comitiva conxunta dentro da manifestación impulsada pola plataformaGaliza pola Paz, que partirá ás 12:00 horas desde o cruce da Vía Norte con Urzáiz.

PROGRAMACIÓN DOS ACTOS MILITARES

A programación comezará este martes cunha exposición estática, no porto de Vigo, de medios e material dos diferentes exércitos e corpos de seguridade. O mércores, ás 19.00 horas nas instalacións deportivas xunto ao estadio de Balaídos, as diferentes unidades realizarán unha demostración das súas capacidades, coa participación dos exércitos de Terra, Aire e a Armada, a Garda Real, a UME e a Garda Civil.

O xoves, a partir das 19.15 horas, terá lugar na Porta do Sol un encontro de sete unidades de música no que participarán o Exército de Terra, a banda de música municipal, a Garda Civil, a Armada, a Garda Real e o Exército do Aire e do Espazo, sumando un total de 279 músicos.

O venres, o rei Felipe VI presidirá a revista naval na ría de Vigo, na que participarán buques da Armada e da Garda Civil. Posteriormente, ás 17.15 horas na praia de Samil, haberá unha exhibición dinámica que inclúe manobras da Armada e do Exército do Aire e do Espazo.

O sábado será o día de homenaxe aos exércitos co desfile militar central, presidido polos Reis de España, no que participarán 3.746 integrantes dos diferentes corpos. O percorrido, cunha distancia de 1.165 metros, realizarase ao longo da avenida de Samil e contará cun desfile aéreo e outro terrestre.

CRÍTICAS DO SOBERANISMO Á PRECARIEDADE E AO GASTO

O secretario xeral de Galiza Nova, Artai Gabiás, liderou as críticas poñendo o foco na contradición que supón o gasto militar fronte á realidade social dos mozos. Gabiás afirmou que mentres as institucións apostan por rearmar Europa, a mocidade mantense nunha precariedade constante no eido laboral, cunha baixa taxa de emancipación e unha crecente emigración. Para o responsable da formación, o despregamento militar constitúe un ataque contra o país, xa que as actividades buscan enaltecer o españolismo, a monarquía do réxime do 78, a opresión e a dependencia.

Na mesma liña manifestouse Xose, portavoz de Isca!, quen pediu un amplo rexeitamento social ante uns actos que se enmarcan nun mundo cada vez máis inxusto. O portavoz censurou a estratexia do imperialismo, á que acusa de propagar o medo entre a clase traballadora coa única finalidade de xustificar o aumento do control e a barbarie da guerra.

Pola súa banda, Laura Piñeiro, en representación da Unión da Mocidade Galega, afeou que se destinen importantes recursos públicos a un desfile cuxa meta é a exaltación do militarismo, mentres non se concede nin unha mísera parte deses cartos a piares fundamentais como a educación pública, as políticas de acceso á vivenda ou a un plan de emprego xuvenil. Alba Quiroga, de Erguer, sumouse a esta denuncia arremetendo contra o papel ideolóxico e de propaganda do Exército, ao que acusou de buscar un lavado de cara das institucións do réxime, proclamando que a mocidade non quere máis armas nin loitar en conflitos con outras nacións.

Finalmente, dende o sindicato Fervenza, Antonio Nercellas fixo un chamamento explícito a defender a paz, o que ao seu ver implica de forma directa a saída da OTAN e a súa total disolución. O representante estudantil rexeitou calquera forma de servizo militar e exixiu que os gastos que xera esta maquinaria se destinen integramente a fins sociais para poder construír un futuro no que vivir, poñendo a vida por diante dos intereses do imperialismo.

ÚLTIMAS

O PP esixe ampliar o socorrismo en Vigo tras o tenso rescate de tres persoas na praia de Samil

A praia de Samil converteuse no epicentro dunha nova fenda política en Vigo. A...

Caballero acusa a Rueda de “confesar” que a Xunta financiou voos en Santiago e esixe o mesmo para Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este mércores en que a Xunta de...

O BNG formaliza, sen o PPdeG, o recurso de reposición para que Caballero compareza no pleno polo caso Saltamontes

O grupo municipal do BNG en Vigo formalizou un recurso de reposición contra o...

Tentan endereitar o pesqueiro encallado nun estaleiro de Vigo

O pesqueiro 'Pepe Barreiro' permanece encallado e escorado na rampla de varada do estaleiro...