A senadora do BNG, Carme da Silva, esixiu ao Goberno central a recuperación total dos servizos ferroviarios na ‘Liña do Miño‘, que conecta Vigo con Ourense e que está considerada como unha liña de Obrigación de Servizo Público (OSP).
Segundo trasladou a formación política nunha nota de prensa, da Silva denunciou que, a pesar de que o Ministerio de Transportes foi restituíndo parcialmente algúns servizos suprimidos durante a pandemia da Covid-19, a situación segue “lonxe de normalizarse”, especialmente nas comarcas de Valdeorras e do Ribeiro.
Nesta liña, criticou que critica que “cinco anos despois do inicio da pandemia, o Goberno do Estado segue sen restituír todos os trens que operaban diariamente ata marzo de 2020, o que supón un agravio para as comarcas afectadas e unha mostra máis do abandono do ferrocarril interior en Galicia”.
Así mesmo, informou de que a día de hoxe só circulan dous trens por sentido entre Vigo e Ourense: un con saída de Ourense ás 10.05 horas e chegada a Vigo ás 12.05 horas, e outro con saída ás 22.05 horas e chegada ás 23.46 horas. Isto, afirmou a nacionalista “contrasta co oito trens diarios por sentido que funcionaban ata 2020, cubrindo necesidades de mobilidade fundamentais da poboación”.
Da Silva subliñou que “non se está falando de trens turísticos nin de luxo, senón de servizos básicos para as comarcas do interior galego”, e asegurou que esta situación “agrava o illamento das zonas do interior”. Con todo, remarcou que “Galicia necesita unha política ferroviaria centrada no territorio e nas persoas, non no abandono das zonas rurais e periféricas”.
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a penas que suman 2 anos de cárcere a Fernando José A.J., exempregado dunha sucursal de Abanca da cidade olívica como autor dun delito de apropiación indebida, en concurso cun delito continuado de falsidade en documento mercantil, por quedar con 139.000 euros dunha clienta, para o que falsificaba a súa firma nos xustificantes da retirada do diñeiro.
Fiscalía e defensa chegaron a un acordo, polo que este luns celebrouse unha vista de conformidade na que o acusado recoñeceu os feitos e aceptou a pena imposta. Nesta sentenza, que xa é firme, aplicouse a atenuante moi cualificada de reparación do dano, xa que o procesado devolveu ao banco todo o diñeiro subtraído (e que Abanca repuxera previamente á prexudicada).
Ademais da pena de prisión, impúxoselle unha multa de 810 euros, que o procesado pagará a razón de 135 euros mensuais desde o próximo mes de agosto. A pena de cárcere suspendeuse durante 3 anos, a condición de que Fernando José non cometa ningún delito nese período de tempo.
Os feitos ocorreron entre abril de 2021 e xullo de 2024, cando o acusado traballaba como xestor nunha sucursal de Vigo. Nese período, sen consentimento da prexudicada, que era clienta desa oficina, foi realizando retiradas de diñeiro en efectivo da súa conta, ata un total de 139.000 euros.
Para ocultar a súa ilícita práctica, o acusado emitía boletas xustificativas de reintegro, nas que imitaba a firma da clienta. Ademais, para facelo, utilizaba os códigos de usuarios doutro dez empregados da sucursal, en lugar da súa clave persoal, co fin de ocultar ao banco o que estaba a facer.
SPARC Foundry asinou este luns o acordo cos seus principais investidores (Indra GRoup, Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica, e Zona Franca) para a posta en marcha da planta de semiconductores fotónicos na cidade de Vigo, no parque tecnolóxico de Valladares. A firma deste acordo estratéxico materializa o respaldo do Goberno tras o acordo do Consello de Ministros para aprobar un investimento de 17,2 millóns de euros canalizada pola Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT) no marco do PERTE Chip.
Co acto deste luns, os promotores do proxecto, xunto cos principais investidores, dan continuidade ao desenvolvemento da futura fábrica de chips fotónicos de Vigo grazas a unha gobernación multipartita que acelerará a súa posta en marcha e permitirá que a instalación estea plenamente operativa no segundo semestre de 2027.
SPARC Foundry operará baixo un modelo “one-stop-shop” para enfocarse na produción dos chips, que se prevé de 20.000 obleas ao ano. A produción realizarase nunha ‘sala limpa’ de última xeración, empregando materiais III-V (fosfuro de indio, arseniuro de galio e nitruro de galio) para aplicacións en telecomunicacións, automoción, computación cuántica e defensa. O proxecto creará 200 empregos directos de alta cualificación e preto de 550 indirectos, dinamizando o tecido tecnolóxico español e reforzando a soberanía tecnolóxica europea.
EXEMPLO DE COLABORACIÓN E REFERENTE EN FOTÓNICA
O delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, subliñou que este acordo de investimento “é o mellor exemplo de colaboración público-privada” e resultado dun proceso de moitos meses de traballo entre Zona Franca, empresas e administracións. Así mesmo, lembrou que este mesmo luns publícase a licitación da planta de chips. Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, proclamou que o paso dado este luns materializa o inicio do que será “un xigante tecnolóxico en Europa”.
O director de estratexia de Indra Group (socio maioritario de SPARC), Héctor Ávarez, explicou que esta operación permite á firma entrar no deseño e fabricación de semiconductores baseados en nitruro de galio, un elemento base crítico para os sistemas de defensa e aeroespaciais. “Desta forma damos un novo paso para contribuír á autonomía estratéxica de España e de Europa e a impulsar as capacidades industriais e o emprego, mediante un modelo de colaboración público-privada”, remarcou.
Javier Ponce, director xeral da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica, sinalou que a SETT utiliza instrumentos financeiros para atender as novas realidades do sector económico tecnolóxico e de sectores económicos demandantes de tecnoloxías dixitais, apoiándose no modelo de colaboración público-privada. O CEO de SPARC Foundry, Francisco Díaz-Otero, remarcou que o acordo de investimento “afianza” o proxecto. “Estamos a sentar as bases para converter Vigo e España nun referente europeo da fotónica”, engadiu.
Un lume forestal que comezou onte á noite en Chandebrito (Nigrán) queimou 0,73 hectáreas de monte, afectando tamén a unha zona próxima ao Castro, un xacemento arqueolóxico protexido que precisamente manterse sen limpar, segundo apuntan, polos reparos da Direccion Xeral de Patrimonio, dada a afectación do castro.
Os veciños foron os primeiros en actuar, como en 2017, usando mangueiras para evitar que as chamas, avivadas polas altas temperaturas, chegasen ás súas casas.
Segundo declaracions á prensa dos veciños “o monte está cheo de mato, toxo e xesta porque Patrimonio non permite limpar debido ao Castro. Xa pasou antes, hai case oito anos, e outra vez estivemos a piques de que o lume chegase ás vivendas. Se non fose pola xente que axudou”.
O alcalde de Nigrán, Juan González, mostrou a súa preocupación: “Estas persoas viven xusto ao lado do monte do Castro, que é un espazo que hai que protexer, pero tamén hai que facer limpezas urxentes. Hai oito anos houbo unha traxedia con dúas vítimas mortais, e non podemos permitir que se repita”.
No dispositivo participaron catro motobombas, seis brigadas, tres axentes forestais, efectivos do GES do Val Miñor, Garda Civil, Protección Civil e Policía Local de Nigrán, así como veciños e voluntarios. As labores duraron máis de tres horas, pero, por sorte, non houbo danos persoais.
Esta zona xa sufriu incendios graves no 2017 coa morte de duas veciñas nunha actuacion de evacuación policial que foi duramente criticada pola improvisacion e a falta de experiencia das forzas de seguridade. Os veciños levan anos reclamando medidas preventivas para evitar novos incidentes.
Segundo informaron fontes da Consellería do Medio Rural, o lume comezou ás 22.41 horas deste venres e quedou extinguido ás 02.36 horas deste sábado.
O incendio calcinou 0,73 hectáreas de monte raso e Medio Rural mobilizou a dous axentes, cinco brigadas e catro motobombas. Tamén participaron nas tarefas de extinción o efectivo de Protección Civil do Val Miñor e o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) Val Miñor.
Efectivos actuantes, consultados por Europa Press, explicaron que algunhas vivendas tiveron que ser evacuadas xa que as chamas situáronse a 20 metros.
Así mesmo, agradeceron a colaboración dos veciños que axudaron aos efectivos xa que, a moitos deles, este episodio fíxolles lembrar os incendios de 2017 no que faleceron dúas persoas.
Os sindicatos e a dirección de Stellantis Vigo iniciaron as negociacións para buscar unha alternativa á suspensión da prima variable (tras unha sentenza que estimou parcialmente unha demanda do sindicato CUT), e cun novo marco regulador, que permita axuntar a seguridade xurídica cos principios de pago definidos polo grupo automobilístico.
Tras esa sentenza, do xulgado do Social 2 de Vigo, a empresa comunicou que, este ano, non se pagaría esa prima extra (a chamada paga de beneficios), unha decisión que afectaba a todos os traballadores de Stellantis en España. A representación social trasladou a necesidade de buscar unha solución alternativa, que proporcionase seguridade xurídica, para non ter que esperar a que a resolución xudicial sexa firme.
A sentenza do xulgado vigués estimou parcialmente a demanda da CUT e declarou contraria a dereito a previsión de redución da parte individual da paga recollida no esquema de remuneracións de Stellantis para o período 2024-2027, “por causar discriminación directa e, subsidiariamente, indirecta, por razón de saúde”, é dicir, por reducir esa prima aos traballadores en situación de baixa.
A dirección da empresa mantén que a actual regulación non representa discriminación para os empregados en situación de baixa médica derivada de continxencia común, pero aceptou pór en marcha este proceso de negociación, mentres non haxa sentenza firme, para “evitar as consecuencias negativas que tería para o persoal manter no tempo dita situación de suspensión”. Deste xeito, procédese a revisar o acordo inicial e a definir un novo marco regulador para o abono desta prima, “que permita conciliar os principios de pago definidos polo Grupo Stellantis co actual escenario de incerteza xudicial”.
Nese proceso, propúxose un novo marco regulador no que se suprime o condicionante do resultado positivo de caixa (Free Cash Flow), e que queda condicionado aos resultados obtidos de marxe operacional corrente da Rexión Europa (AOI), así como ao cumprimento duns obxectivos colectivos de cota de mercado, calidade e absentismo colectivo.
Así mesmo, unha vez fixado o orzamento dispoñible, as regras de pago da remuneración variable vincúlanse exclusivamente aos resultados obtidos no desempeño individual das persoas traballadoras elegibles, é dicir, que teñan un mínimo 180 días de alta e presenza a 31 de decembro do ano anterior ao pago. O próximo 10 de xullo celebrarase unha nova reunión de negociación.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal das construtoras e concesionarias de infraestruturas, pola proposta de gravar cunha peaxe nas autovías que agora son gratuítas, o que incluiría a A-52 e a A-55, e as viaxes entre Vigo e O Porriño ou Vigo e Ourense.
En declaracións remitidas aos medios, o rexedor foi contundente expresando o seu rexeitamento: “Eu téñolles que dicir a esas empresas construtoras que o mellor que poden facer é estar caladas, que se dediquen a construír”.
“Que é iso de que queren pór unha peaxe as construtoras entre Vigo e Ourense? O que nos faltaba, o que nos faltaba. Agora veñen empresas construtoras falándonos de peaxes entre Vigo e Ourense, que se dediquen a construír e que deixen á xente viaxar tranquila, con acougo, sen ter que pagar nin un céntimo”, proclamou o alcalde, que insistido en que se opón “a calquera peaxe en todos os lugares”.
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a penas que suman dous anos e un mes de prisión a un veciño de Vigo por agredir e ameazar á súa parella, así como a dous familiares dela que tentaron mediar. Os feitos ocorreron en xaneiro de 2023, cando acusado e parella mantiveron unha discusión no domicilio dela na cidade olívica, onde tamén estaban os fillos menores da muller, froito dunha relación anterior. No transcurso da pelexa, o acusado deulle puñadas na cara, colleuna do pescozo e tirouna contra a mesa da cociña.
A continuación foise da vivenda e volveu pouco despois para recoller as súas pertenzas. Ao domicilio acudiron tamén unha curmá da muller e un fillo desta familiar, xa que a muller avisoulles. Cando o acusado chegou por segunda vez, volveu agredir á súa parella e tamén arremeteu contra a curmá e o fillo desta, á vez que os amenzaba a todos de morte. No momento destes feitos, o procesado consumira alcol, que afectara ás súas capacidades. Antes do xuízo, o procesado transferiu á súa parella 3.000 euros e outros 500 euros para a súa curmá e o fillo desta, en concepto de indemnización por danos e prexuízos.
DELITOS E PENAS
A Audiencia considerou probado que o acusado é autor de dous delitos de malos tratos, coas atenuantes de embriaguez e reparación do dano, polos que o condena a un total de 9 meses de cárcere, a privación do dereito a portar armas durante un ano e a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima por tres anos. Tamén o condena por un delito de ameazas á súa parella, co agravante de parentesco, e as atenuantes xa referidas, á pena de 6 meses de prisión e a prohibición de achegarse ou comunicarse con ela por dous anos.
Con respecto aos familiares da vítima, o tribunal condenouno por dous delitos leves de lesións, a penas que suman 540 euros de multa, coas atenuantes de reparación do dano e embriaguez. E por dous delitos de ameazas, coas mesmas atenuantes, a penas que suman 10 meses de prisión.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta para investir na cidade, en alusión aos 19 millóns de euros previstos para un centro de asociacionismo que, polo momento, e tras a suspensión da licenza por parte do Concello, non pode construír.
Respecto diso, e en declaracións aos medios, o rexedor olívico cualificou como “bobada”, “ocorrencia” e “simpleza” a proposta do PP de construír esa infraestrutura na antiga estación de autobuses (tendo en conta que a construción prevista nos antigos xulgados está paralizada e a disputa sobre a titularidade do inmoble non parece que vaia a despexar pronto ese horizonte).
Segundo lembrou Caballero, a novo PXOM non permite darlle ese uso á antiga terminal de buses, cuxo edificio cualificou como “bodrio” que “hai que tirar”. Nese sentido, defendeu o plan que ten o Concello, de converter ese ámbito nun “gran parque”.
Con respecto ás acusacións do PP, denunciando que o alcalde bloquea os investimentos da Xunta, Abel Caballero respondeu cunha proposta para que o goberno galego invista non 19 senón 35 millóns de euros, e enumerou unha serie de actuacións e melloras nos colexios públicos da cidade. “Poden investir de forma inmediata esta cifra en Vigo (…) e a semana que vén proporeilles outros 35 millóns, e a seguinte outros 35″, proclamou, e criticou a “caradura política” do PP por propor o centro de asociacionismo nun ámbito no que non é posible.
RESPOSTA DO PP
Ante estas manifestacións, a presidenta do PP local e concelleiro Luisa Sánchez ironizou co tempo que tardou o alcalde en reaccionar á proposta do seu grupo, realizada a pasada semana. “Sinceramente, véxolle falto de reflexos”, apuntou.
Sánchez insistiu en que se pode cambiar o uso do chan no ámbito da antiga estación de buses, sen necesidade de modificar a PXOM, e lamentou que Caballero confirmase “que non quere atender ás asociacións da cidade”, que demandan a construción dese centro.
“Pero hai algo peor. Ou o señor Caballero está falto de información ou lle fallan os seus coñecementos sobre economía. Porque debería saber que o centro de asociacionismo tiña asignados fondos europeos. E vanse a perder polo seu bloqueo. E os fondos que Europa concede para un proxecto non se poden destinar a outro”, subliñou a líder do PP vigués.
Finalmente, lembrou que a vontade de investir demóstrase nos orzamentos e que os da Xunta “recollen partidas anuais millonarias para mellorar esas instalacións educativas de Vigo”. Mentres, denunciou, o Concello “non cumpre coa súa obrigación legal de manter debidamente os centros de Educación Infantil e Primaria”.
Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña do colectivo Sons da Calzoa, para que deixe de ser a praia para cans na cidade. Desde que a medida se aprobou, as aves protexidas e as nutrias perderon un ecosistema crave para a súa supervivencia.
Sete anos de excrementos por todas as partes, conflitos entre bañistas e propietarios de cans e o adeus a un conxunto de aves protexidas e as lontras. O detonante deste via crucis que parece non ter fin tivo lugar en 2018. Ese ano, o Concello de Vigo designou a praia da Calzoa como espazo de esparexemento canino. A diferenza doutras praias onde a convivencia está regulada, este enclave funciona como un parque canino sen horarios nin control, onde os cans ouriñan, defecan e corren libremente. Desde entón, os danos ecolóxicos sucedéronse sen freo e a situación é insustentable.
ZOA, CIUDADADANÍA e BIODIVERSIDADE, asociación representante do colectivo e que actúa como ponte entre a cidadanía e a comunidade científica, leva advertindo da deterioración crecente da contorna desde esa fatídica data. O seu manifesto en defensa da Calzoa, asinado por máis de 50 asociacións conservacionistas e 15 científicos, recalca a urxencia de recuperar este espazo natural como ben común.
Nesta campaña participan Vlado Gudelj (lenda do RC Celta e actual delegado do club), Abraham Cupeiro (músico que participou na banda sonora de Gladiator II), outros músicos como Anxo Lorenzo e o dúo musical Fillas de Cassandra, os naturalistas Mark Cocker e Joaquín Araújo e o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo. “Esta xoia natural de Vigo foi transformada nun deserto de biodiversidade e nun punto de máxima conflitividade debido a unha pésima xestión municipa”, explica Ana Prado Comesaña, bióloga e presidenta de ZOA.
CONFLICTOS
A contorna da Calzoa constitúe un dos espazos naturais máis singulares e valiosos do municipio de Vigo. Alí desemboca o río Lagares, o máis importante da cidade, xerando unha marisma na zona da Xunqueira que conecta coa praia mediante un estuario. Este enclave acolle ao longo do ano máis dun centenar de especies de aves diferentes: tanto sedentarias como migratorias, que o utilizan como escala para alimentarse e descansar durante as súas longas travesías.
Por iso, a designación como praia canina afectou a estas aves e tamén a especies non ornitolóxicas. En particular, destaca a lontra (Lutra lutra), un mamífero catalogado como especie de interese comunitario pola Directiva de Hábitats, que esixe medidas estritas de protección e a designación de Zonas Especiais para a súa conservación. Ana Prado asegura que este animal adoitaba remontar o Lagares desde o mar até ben entrado o río, pero a súa presenza diminuíu considerablemente desde 2018 e está en caída libre.
Neste sentido, en 2017, un censo da Asociación Fontaíña contabilizou 453 aves acuáticas en poucas horas. Un ano despois, apenas se avistaron exemplares. “A causa: a continua persecución por parte dos cans soltos e a desaparición das zonas de alimentación fundamentais para estes animais”, critica. A isto súmanse incidentes graves con algúns donos de cans. En 2020, un veciño de 72 anos foi agredido por varios propietarios tras fotografar cans fóra da zona permitida e en 2023, un pitbull atacou a unha cadeliña de tres quilos.
UNHA DUNA EN PERIGO
Xunto ao valor faunístico, A Calzoa posúe un sistema dunar catalogado como Hábitat Natural de Interese Comunitario: as ‘Dunas móbiles da costa con Ammophila arenaria¡. Este ecosistema, xa ameazado na súa área de distribución natural, foi seriamente danado polo uso mecánico para a limpeza do areal.
En 2020, unha petición impulsada por Sons da Calzoa e apoiada por 50 colectivos e científicos foi remitida á Comisión Europea. En 2021, Bruxelas respondeu e advertiu que a decisión do Concello ten “efectos prexudiciais” sobre a contorna natural. Subliñou os riscos para aves e lontras, instando a cumprir as Directivas de Hábitats e Aves, que esixen protección fronte a perturbacións e destrución de zonas de cría. A pesar diso, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou en 2021 o recurso que cuestionaba a designación.
A Calzoa non é un caso illado. Numerosas praias españolas foron excluídas do uso canino tras constatarse a deterioración ambiental. Lagoelas (Cangas do Morrazo, Pontevedra) perdeu a súa condición canina tras advertencias da Xunta por excrementos e afeccións á vexetación dunar. Na praia da desembocadura do río Guadalhorce (Málaga), esta medida foi rexeitada por ser “incompatible coa conservación do ecosistema”. Outras praias como A Morocha (Estepona), Praia do Sal (Casares), El Ejido (Mijas) ou Sablón (Asturias) tamén viron anuladas as súas designacións tras informes desfavorables ou protestas de grupos ecoloxistas.
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 44 anos de idade, A.V.M., como presunto autor dun quebrantamento de medida, por saltar unha orde de afastamento dunha muller, coa que foi sorprendido discutindo na vía pública.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada do xoves, cando unha dotación do 092 acudiu á rúa Piñeiro, onde se estaba producindo unha acalorada discusión entre unha parella.
Ao identificar o home e a muller, os axentes comprobaron que o home ten en vigor unha orde de afastamento emitida polo Xulgado do Penal 3, precisamente con respecto á muller coa que estaba.
Dita orde impídelle achegarse a menos de 300 metros dela, polo que os axentes procederon á súa detención.