Despois do falecemento de outra nena de dous anos este fin de semana en Brión tras permanecer esquecida no interior dun vehículo, unha campaña cidadá creada hai un ano esixe de novo ao Goberno de España e á DGT que fagan obrigatorios o uso de dispositivos antiabandono en coches e en cadeiras de retención infantil. O seu promotor é un pai baionés de dúas nenas que xa conseguiu visibilizar a iniciativa en medios estatais tras alertar de que estas traxedias non son un problema de neglixencia, senón de memoria procedimental.
A campaña parte dunha premisa clara: un sensor de menos de 10 euros pode salvar unha vida, pero non pode depender da compra voluntaria de cada familia. O obxectivo é que Italia, que fixo obrigatorio este dispositivo en 2019, deixe de ser a excepción en Europa.
Ante o ocorrido na comarca de Santiago, o impulsor da petición pide amparo para a familia e separar o feito de calquera xuízo moral. “O meu máis sentido pésame e toda a miña solidariedade para eles. Están a padecer unha perda irreparable. Ningún pai, nai debería enterrar á súa filla. E o que menos necesitan agora mesmo son xuizos de valor e odio nas redes”, sinala.
—Como é posible esquecer un fillo nun coche?
Non é neglixencia. Non é falta de coidado. É un fallo de memoria estudiado que está provocado por cambios de rutina, estrés, falta de sono ou facer as cousas “en piloto automático”. A calquera nos pode pasar. Aínda que haxa xente que agora mesmo o poña en dúbida.
O cerebro humano funciona por rutinas automáticas. Cando conduces o mesmo traxecto cada día, o teu cerebro entra en modo “piloto automático”. É un mecanismo de supervivencia: libera atención para que poidas pensar noutras cousas.
O problema ocorre cando hai unha ruptura de rutina. Levar ao bebé ao cole un martes cando normalmente o leva a túa parella. Recollelo nunha ludoteca que non é a gardería habitual. Nese cambio, a memoria procedimental (a que conduce o coche) anula á memoria episódica (a que recorda que hoxe vas co bebé). Non é que o pai ou a nai “esquezan ao seu fillo”. É que, para o cerebro en piloto automático, o neno durmido e en silencio na parte traseira deixa de existir como “input” relevante.
—E por que non se esquece o móbil, por exemplo?
O móbil é parte activa da rutina: consúltalo parado nos semáforos, séntelo no peto, o conectas antes de arrancar. O bebé, en cambio, é pasivo: está durmido, non fai ruído, non interactúa. Non está no teu circuíto de atención. É invisible para o piloto automático e para ti porque por lei teñen que ir a contra marcha, de espaldas a ti.
As vítimas deste fallo non son pais desalmados. Son médicos, profesores, policías, persoas responsables que aman aos seus fillos. O cerebro non distingue entre bos e malos pais. Só distingue entre rutina e ruptura de rutina.
—Cales son as consecuencias físicas?
En apenas 20 minutos, o interior dun coche ao sol pode superar os 50 °C. Os nenos menores de 4 anos non regulan ben a súa temperatura corporal. A exposición prolongada causa deshidratación, fallo multiorgánico e, no peor dos casos, a morte.
—Existe unha solución asequible?
Si. Hai unha década que a tecnoloxía está ao alcance da man. Existen dispositivos por 10 euros para adaptar as sillas actuais. É unha tela que leva un sensor de peso e que vai enchufada á corrente do coche ou ao mechero mesmo. Cando apagas o coche, o sensor detecta peso, pero non detecta a corrente do mecheiro. Nese momento pita como cando deixas as luces acesas.
Logo hai sistemas máis avanzados por apenas 30 euros que teñen un funcionamento similar aos airtags para as chaves ou carteiras, … que cando te alonxas do obxecto avísate ao movil e se non respondes entón avisa aos teus contactos enviando a posición do coche e alertando que o neno quedou no coche.
Pero non podemos depender de que cada pai ou nai o compren pola súa conta. Os coches xa te avisan se deixas as luces acesas, as chaves postas ou o cinto sen abrochar. Incluso agora avisan ao 112 cando o coche ten un accidente. Por que non te avisa do único que de verdade importa? Que o teu bebé quedou durmido na parte traseira?
—Que se fixo noutros países?
Italia marcou o camiño. Desde novembro de 2019, é obrigatorio que os menores de 4 anos viaxen en cadeiras equipadas con dispositivos antiabandono. Implementouse tras varios casos tráxicos, con multas e retirada de puntos do carné.
O tema chegou ata Europa. A eurodeputada italiana Mara Bizzotto elevou unha pregunta escrita á Comisión Europea sobre a posibilidade de estender esta medida ao resto de países comunitarios. O Parlamento Europeo, pola súa banda, abordou o tema nunha proposta de resolución, onde se recoñecían os casos tráxicos e pedíase á Comisión que fomentase o uso destes dispositivos, así como campañas de sensibilización.
Sen embargo, non se lexislou a nivel europeo para facer obrigatorios estes sistemas. A iniciativa quedou nunha mera recomendación. Para España e o resto da UE, non hai obrigatoriedade.
—E en España?
En España prodúcense unha media de cinco mortes ao ano por esta causa. Lin demasiados casos nos medios, algúns na miña propia comarca. Eran pais responsables que adoraban aos seus fillos. Familias destrozadas. Vidas marcadas para sempre.
E o máis grave: non vin nin unha soa campaña de sensibilización sobre este tema. En España seguimos confiando na sorte de cada pai ou nai, iso si, logo algúns verten ese odio visceral contra eles no momento máis delicado. Sobre todo en redes. É unha falta de humanidade absoluta.
—Que esixides exactamente?
Asinar esta petición para esixir ao Goberno de España e por extensión á Comisión Europea que fagan obrigatorio o uso de dispositivos de alerta antiabandono en vehículos. Sexa incorporándoos como parte obrigatoria da homologación das cadeiras de retención infantil, ou esixindo aos fabricantes de coches que o integren nos seus sistemas de seguridade. Incluso a súa financiación, como fixeron en Italia.
Esquecer as luces encendidas non é máis importante que esquecer ao teu fillo. E cando un cambio de rutina te leva a levar ao bebé ao cole un día que non é o habitual, o teu cerebro pode fallarche. Non podemos quedar de brazos cruzados.
Falamos dunha tecnoloxía de chiste. Un sensor de apenas 10 euros.
Sobre a campaña: Pedro Rodríguez é pai de dúas nenas de 5 e 10 anos e promotor da petición cidadá para a obrigatoriedade de dispositivos antiabandono en vehículos en España.
Podes asinar a petición aquí: https://www.change.org/antiabandonobebes
