InicioSociedadeA Fiscalía pide ano e medio de prisión para un home acusado...

A Fiscalía pide ano e medio de prisión para un home acusado de acosar con insultos homófobos a un traballador en Vigo

O procesado está citado este martes para unha audiencia preliminar na Audiencia Provincial de Pontevedra e enfróntase tamén a unha multa de 3.000 euros e a unha indemnización polos danos morais causados á vítima.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Un home de 39 anos enfróntase a unha petición fiscal de ano e medio de prisión por uns feitos ocorridos en Vigo nos que, segundo a acusación, increpou de maneira reiterada a un empregado dunha cafetaría pola súa orientación sexual. O procesado está citado este martes para unha audiencia preliminar na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica.

A Fiscalía atribúelle un delito cometido con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, en concurso cun delito contra a integridade moral, ao considerar que a súa actuación estivo motivada polo rexeitamento cara á orientación sexual da vítima. A acusación solicita tamén a aplicación da agravante de discriminación.

Os feitos situados no escrito fiscal producíronse entre os meses de xuño e agosto de 2025. Durante ese período, o acusado acudía habitualmente á rúa do Príncipe para predicar a Biblia nas proximidades do establecemento no que traballaba o afectado.

Segundo sostén o Ministerio Público, o home comezou a dirixirse de forma reiterada ao empregado con expresións relacionadas coa súa homosexualidade, co propósito de alterar “a súa tranquilidade, seguridade e acougo”. Entre as frases recollidas na acusación figuran “os homosexuais iredes ao inferno”, “sodes abominables, os homosexuais e as lesbianas seredes castigados” ou “arrepíntete pecador e axeónllate ante Deus”.

A acusación mantén que nunha das ocasións o procesado chegou a sinalar de maneira agresiva o traballador e gritoulle “arrepínteche maricón e axeónllache ante Deus”. A Fiscalía sostén que o fixo de forma despectiva e sendo consciente de que a súa conduta estaba a humillar publicamente a vítima.

O escrito pon tamén o foco nas circunstancias nas que se producían estes episodios. As expresións eran pronunciadas cun ton elevado na terraza dun establecemento situado nunha das zonas máis concorridas do centro de Vigo, polo que, segundo a Fiscalía, o empregado quedaba exposto ante outras persoas presentes no lugar e á posible mofa destas.

Esta situación provocoulle, de acordo coa acusación, sentimentos de vexación e degradación e afectou á súa autoestima. A Fiscalía vincula ademais estes episodios coa decisión posterior do traballador de abandonar o seu posto na cafetaría.

Por estes feitos, o Ministerio Público pide 18 meses de prisión e unha multa de 3.000 euros. Reclama igualmente que o acusado sexa inhabilitado durante seis anos e medio para exercer profesións ou oficios vinculados ao ámbito educativo, docente, deportivo ou de tempo libre.

ÚLTIMAS

As familias do EEI Vila Laura saen á rúa para esixir á Xunta unha profesora de apoio

Nais e pais, docentes e alumnos do EEI Vila Laura de Vigo saíron este...

Condenan ao Concello de Vigo por incumprimentos en materia de riscos laborais e debe indemnizar a 4 funcionarios

O Tribunal de Instancia de Vigo, Sección Social, praza 3, condenou o Concello de...

Tres mergulladores denunciados en Vigo por capturar polbo de talla inferior e extraer case seis quilos de bivalvos

A Policía Local de Vigo denunciou nos últimos días a tres persoas por irregularidades...

Interceptado en Moaña tras extraer ilegalmente máis de 25 quilos de centola e nécora

A Garda Civil interceptou nunha praia de Moaña (Pontevedra) un home de 32 anos,...