InicioEconomíaLuz verde definitiva en Vigo á nova taxa turística e ás catro...

Luz verde definitiva en Vigo á nova taxa turística e ás catro Zonas de Baixas Emisións

O Pleno aproba as dúas ordenanzas en solitario cos votos do grupo socialista e co rexeitamento en bloque do PP e do BNG, que acusan ao goberno local de ocultar que a norma recolle multas de 200 euros.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Pleno do Concello de Vigo aprobou de forma definitiva este luns dúas das normativas máis importantes para o futuro do turismo e a mobilidade na cidade. Trátase da ordenanza da nova taxa turística e da norma que regulará a implantación das Zonas de Baixas Emisións (ZBE) no termo municipal. Ambas as dúas medidas saíron adiante de xeito exclusivo cos votos favorables do grupo socialista, mentres que os dous grupos da oposición, o PP e o BNG, manifestaron a súa oposición frontal votando en contra.

AS TARIFAS DA TAXA TURÍSTICA E AS SÚAS EXENCIÓNS

A nova ordenanza fiscal do turismo establece un baremo de prezos segundo a categoría do aloxamento elixido polos visitantes. Deste xeito, para os hoteis de cinco estrelas, tanto na súa modalidade normal como superior, e os de catro estrelas superior, a taxa fixarase en 1,82 euros máis IVE, alcanzando un total de dous euros. No caso do resto de hoteis de catro e tres estrelas, o importe será de 1,46 euros máis IVE, o que equivale a 1,60 euros, a mesma contía exacta que se aplicará para as estancias en vivendas de uso turístico.

Pola súa banda, para o resto de hoteis e pensións a taxa quedará en 1,09 euros máis IVE, acadando os 1,20 euros, mentres que para os albergues, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos e vivendas turísticas o prezo será de 0,73 euros máis IVE, fixando o total en 0,80 euros. Así mesmo, as estancias en embarcacións de cruceiros turísticos terán unha taxa asociada de 1,20 euros. A normativa contempla diversos supostos de recarga cero e exencións específicas de cara á súa posta en marcha, prevista para o mes de outubro deste ano.

Desde a súa entrada en vigor e ata o 1 de xullo de 2027, aplicarase unha recarga cero para a terceira, cuarta e quinta noite de estancia e, a partir desa data, computarase un máximo de cinco noites de pernoita por cada estancia. Do mesmo xeito, os cruceiristas estarán exentos de pagar a taxa ata o 1 de xullo de 2027. Tampouco estarán suxeitas ao pago as estancias motivadas por razóns de saúde, afectando tanto á persoa doente como aos seus acompañantes, nin as de deportistas federados que acudan a competicións oficiais ou aquelas que se realicen por causas de forza maior a través de aloxamentos xestionados polos servizos sociais municipais.

Do mesmo xeito, quedan totalmente exentos os menores de idade, as persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, as estancias subvencionadas por programas sociais de calquera administración pública e os usuarios de albergues xuvenís ou de albergues públicos xestionados pola Xunta a través do Plan Xacobeo.

CATRO ZONAS DE BAIXAS EMISIÓNS E O DEBATE POLAS MULTAS 

A respecto das novas restricións de tráfico, a ordenanza do Concello deseña catro áreas específicas que se converterán en Zonas de Baixas Emisións, denominadas Zona Centro, Zona Praza Portugal, Zona Bouzas e Zona Calvario. O acceso a estes espazos urbanos quedará prohibido para os vehículos máis contaminantes, aínda que a norma recolle un amplo abano de excepcións para non prexudicar a actividade diaria. Deste xeito, poderán acceder os vehículos empadroados ou pertencentes a persoas empadroadas nestas zonas, así como os coches de empresas ou autónomos que operen alí.

Tamén se permite a circulación de vehículos de servizos públicos como a Policía, os Bombeiros ou as ambulancias, as motos e ciclomotores, aínda que no caso destes últimos restrínxese o horario entre as 07:00 e as 22:00 horas, ademais de taxis, vehículos de mobilidade persoal como patinetes, autobuses que dean servizo na zona, empresas de transporte ou automóbiles de condutores que dispoñan dunha praza de garaxe. A implantación práctica destas restricións ambientais executarase a través de varias fases graduais.

Na primeira fase, que comezará coa entrada en vigor inmediata da norma, os coches sen distintivo ambiental xa no poderán circular polas ZBE.  Nunha segunda etapa, a exclusión estenderase tamén aos vehículos que dispoñan da etiqueta ambiental B, mentres que na última fase do plan tampouco os automóbiles coa etiqueta C poderán acceder a estes espazos. PP e BNG denunciaron que a propia ordenanza aprobada si recolle de forma expresa a imposición de multas de 200 euros para todos aqueles condutores que accedan ás Zonas de Baixas Emisións sen cumprir cos requisitos obrigatorios.

OUTRAS MOCIÓNS

Por outra banda, o pleno de Vigo tamén deu luz verde a unha moción para esixir á Xunta que financie e exerza as súas competencias en materia de litoral e praias (cos votos a favor de PSOE e BNG), e outra para instar á Xunta e á Deputación de Pontevedra a cofinanciar as obras dos colectores para a ampliación da bancada de Tribuna en Balaídos (con ‘si’ dos socialistas, o ‘non’ do PP e a abstención nacionalista).

Igualmente, foron aprobadas unha moción para reclamar ao goberno galego máis investimento na educación pública da cidade (con voto favorable de PSOE e BNG), e outra reclamando financiamento de Xunta e Deputación para novas rutas aéreas desde Peinador (cos únicos votos a favor dos edís socialistas).

Finalmente, foron desestimadas as propostas da oposición. A do BNG expuña mostrar o rexeitamento do pleno á celebración do desfile das Forzas Armadas e esixía coñecer o seu impacto e os custos; e o PP reclamaba medidas do goberno local ante o “estado de abandono” da rede viaria municipal.

ÚLTIMAS

A Fundación Laxeiro expón unha serie de debuxos inéditos cunha gran forza expresiva

A sede da Fundación Laxeiro, na Casa das Artes de Vigo, expón desde este...

Ciencia de Ida e Volta en cafés de Pontevedra, Vigo e Ourense por parte do alumnado sénior da UVigo

Exercer de embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento. Esa será a misión...

Caballero esixe á Xunta 9 millóns ao ano para Vigo por ser “a cidade máis importante de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixiulle este martes á Xunta de Galicia que,...

O BNG leva á Valedora a negativa de Caballero a comparecer polo caso Saltamontes

O grupo municipal do BNG en Vigo presentou unha queixa ante a Valedora do...