Inicio Blog Páxina 30

Traballadores de Alten mobilízanse en Vigo contra os despedimentos en BorgWarner

Decenas de traballadores de Alten, empresa auxiliar do sector automobilístico que presta servizo en BorgWarner, mobilizáronse este venres ás portas da fábrica viguesa desta compañía. A protesta ten como obxectivo denunciar os despedimentos sufridos nos últimos meses e o que a CIG cualifica como unha “campaña de ameazas” para que os empregados retiren as súas reclamacións xudiciais.

O conflito ten a súa orixe no ano 2024, cando a Inspección de Traballo visitou as instalacións de BorgWarner en Porto do Molle (Nigrán) e resolveu que existía unha cesión ilegal de traballadores, impoñendo unha sanción a Alten. Tras esta resolución, os afectados interpuxeron demandas para que se recoñecese a súa condición de persoal fixo na empresa principal.

Segundo denuncia o sindicato nacionalista, a subcontrata está a exercer presións e coaccións para que os traballadores desistan das súas demandas. A central sindical sinala que os despedimentos executados son unha represalia directa por estas reclamacións e confirmou que xa foron recorridos na vía xudicial para protexer os dereitos do persoal afectado.

A Fiscalía pide dous anos de cárcere para un empresario por falsificar a firma dun traballador falecido

A Fiscalía solicita unha pena de dous anos de prisión para o administrador da empresa Egozinver, acusado de falsificar a firma dun operario que morreu nun accidente laboral. Os feitos ocorreron o 18 de xuño de 2020 na nave que a firma posúe no polígono industrial da Granxa, no Porriño. Tras o sinistro mortal, o xulgado iniciou unha investigación por posibles delitos contra os dereitos dos traballadores e homicidio imprudente.

Segundo o escrito de acusación, o procesado achegou documentación falsificada ao procedemento xudicial co obxectivo de exonerarse da responsabilidade penal e civil. En concreto, presentou papeis que pretendían demostrar que o falecido recibira formación en seguridade e que se lle entregaran os equipos de protección individual (EPI) necesarios. A Fiscalía sostén que o acusado simulou a firma do traballador en documentos con datas de 2019 e 2020 que non se correspondían coa realidade.

O Ministerio Público conclúe que estas accións constitúen un delito de falsidade en documento privado en concurso cun delito de estafa procesual en grao de tentativa. Por este motivo, ademais da pena de cárcere, o fiscal mantén que o empresario actuou guiado polo ánimo de obter un beneficio ilícito ao tentar esquivar as indemnizacións derivadas do falecemento do empregado no seu posto de traballo.

Audasa deberá devolver parte das peaxes da AP-9 polas obras de Rande

0

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a Autopistas del Atlántico S.A. (Audasa) a devolver parcialmente as peaxes cobradas na AP-9 durante as obras de ampliación da ponte de Rande e dos accesos ao Morrazo e a Teis, en Vigo, executadas entre 2015 e 2018. A sala conclúe que a empresa deberá reintegrar o importe cando a execución das obras afectou á fluidez do tráfico e, malia iso, non informou debidamente aos usuarios. En concreto, ordena aboar aos demandantes —empresas e particulares— a metade da peaxe correspondente aos días nos que, segundo un informe da Dirección General de Tráfico (DGT), o nivel de servizo foi catalogado como negro, vermello ou amarelo, sempre que se xustifique o traxecto mediante as facturas achegadas ao procedemento. De non haber acordo, a determinación concreta realizarase en fase de execución de sentenza.

NON TODO O PERÍODO DAS OBRAS

O tribunal resolve así os recursos de apelación contra a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 12 da Coruña, confirmando a condena a indemnizar aos demandantes, pero estimando parcialmente o recurso da concesionaria. A Audiencia non comparte que o mero feito da existencia das obras supuxese incumprimento contractual durante todo o período. Segundo a resolución, a devolución só procederá nos días en que quede acreditado que as obras afectaron realmente á circulación. Os maxistrados explican que o incumprimento se produciu “cando as obras afectaron á fluidez e ás prestacións propias da autopista e, malia iso, non se informou con antelación suficiente para evitar o atasco ou permitir escoller unha vía alternativa”.

“NON ADOPTOU NINGUNHA MEDIDA”

A sentenza tamén subliña que Audasa, coñecedora da longa duración das obras e da previsión de afectación ao servizo, “non adoptou ningunha medida” para corrixir a situación nin reduciu o prezo da peaxe ante a merma do servizo. Segundo a Audiencia, non é admisible que o usuario pague o importe íntegro cando o servizo se presta de forma deficiente, incluso “caótica” en ocasións, con longas retencións, xa que iso rompe o equilibrio contractual e prexudica aos usuarios. O fallo considera que a concesionaria “cumpriu defectuosamente as súas obrigas”, ao non prestar o servizo coa normalidade esixible, causando un desequilibrio nas prestacións e un evidente prexuízo aos demandantes. A resolución non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo, que xa o pasado mes de outubro condenara tamén a Audasa a devolver parte das peaxes cobradas durante as obras de Rande nun procedemento distinto.

Sancionados varios locais de lecer nocturno en Vigo por drogas e permitir fumar

0

Un dispositivo conxunto formado pola Policía Nacional, a Policía Local e a Inspección de Traballo saldouse con diversas propostas de sanción en locais de lecer nocturno de Vigo. O operativo tiña como obxectivo reforzar a seguridade cidadá e previr o tráfico e consumo de estupefacientes nestas contornas. Durante as inspeccións, os axentes realizaron rexistros preventivos aos clientes e levantaron varias actas por posesión e consumo de drogas.

A Policía Local centrouse en supervisar as licenzas municipais, os seguros de responsabilidade civil e o cumprimento das medidas de seguridade, como o aforo, extintores e saídas de emerxencia. Nun dos establecementos, os axentes atoparon o chan cheo de cabichas, o que demostraba a permisividade co consumo de tabaco no interior. Por este motivo, tramitouse unha sanción ao responsable do local por permitir fumar e pola venda irregular de tabaco, ademais de multar a un cliente que foi sorprendido fumando.

Ademais das infraccións por consumo de substancias e tabaco, algúns usuarios foron propostos para sanción por falta de respecto aos axentes. O operativo tamén incluíu a verificación de aspectos de salubridade, hixiene e niveis acústicos para garantir que os establecementos cumpren coa normativa vixente e non supoñen un risco para os usuarios nin para a convivencia veciñal.

O BNG de Vigo pide explicacións sobre o correo que desautorizou o Saltamontes

0

O grupo municipal do BNG de Vigo esixiu este venres ao goberno local que faga público o correo electrónico que a Concellaría de Seguridade remitiu á Policía Local para informarlle de que a atracción do Saltamontes das festas de Matamá en agosto de 2024 (onde morreu un mozo de 36 anos tras romper un dos brazos da máquina) non tiña autorización municipal.

O portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, lamentou que, “573 días despois do accidente” que causou a morte de Iván Castaño, aínda non se coñece por que funcionou o Saltamontes se non tiña permiso municipal e por que non foi precintada a atracción.

Tras a declaración este xoves, como investigado, do xefe da Policía Local, na que recoñecería que os axentes non recibiron orde expresa para precintar o Saltamontes, o que “podería evitar a morte”, Xabier Pérez Igrexas apuntou que tanto a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, como o xefe do servizo, Antonio V.M., tamén investigados neste procedemento, “tentaron derivar responsabilidades cara á Policía Local” xustificar nese correo electrónico.

A acusación do accidente do Saltamontes critica que os investigados “bótanse as culpas”

0

Unha das acusacións personadas na causa polo accidente mortal da atracción Saltamontes, ocorrido en agosto de 2024 nas festas de Matamá, en Vigo, lamentou que os investigados estean a utilizar unha estratexia de culparse mutuamente. O avogado Francisco Méndez Senlle, que representa á parella de Iván Castaño —o home de 36 anos que perdeu a vida ao romper un dos brazos da máquina—, criticou que aínda non se aclarase por que a atracción estaba operativa malia carecer de autorización.

O letrado fixo estas declaracións tras a comparecencia como investigado do xefe da Policía Local de Vigo, Alberto Carballo. Méndez Senlle sinalou que quedan dilixencias por practicar, especialmente arredor do polémico correo electrónico enviado desde a Concellaría de Seguridade á policía informando da falta de permisos. Segundo un informe xudicial, ese correo quedou sen ler no seu momento. A acusación pedirá agora que declaren máis axentes como testemuñas para profundar neste fallo de comunicación.

Ademais da responsabilidade penal, o avogado apuntou directamente á responsabilidade política, mencionando á concelleira de Seguridade, tamén investigada no proceso. “Teñen que explicar aos cidadáns por que as cousas non funcionan ben e acaban nunha morte nunha festa”, sentenciou o representante da vítima, quen lembrou que a súa cliente ía ao lado do falecido e estivo a piques de perder tamén a vida.

O Val Miñor érguese novamente en contra da construcción de catro parques eólicos na Groba

Colectivos culturais e medioambientais que traballan na defensa da Serra da Groba presentaron alegacións contra un novo proxecto de expansión eólica. As organizacións, entre elas o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e SOS Serra da Groba, denuncian que se trata dunha estratexia de fragmentación fraudulenta que pretende ocupar territorio de alto valor ecolóxico, etnográfico e arqueolóxico.

O proxecto: catro parques, une estructura fragmentada

O proxecto está promovido por tres empresas —SAVANNA POWER SOLAR 21 S.L.U., ARENA POWER SOLAR 09 S.L.U. e SAVANNA POWER SOLAR 22 S.L.U.— que comparten domicilio social. Os catro parques denomínanse Margarita 18, Cote 25, Nao 19 e Galera 25, cada un presentado como instalación independente cunha soa turbina eólica.

Segundo denuncian os colectivos, trátase dunha fragmentación artificial para eludir os controis e a avaliación ambiental requirida pola normativa. As poligonais dos catro parques solapanse considerablemente, compartindo infraestructuras comúns como torres meteorolóxicas e sistemas de evacuación de enerxía. O proxecto afectaría a territorios privados, vivendas, infraestructuras industriais e montes en man común.

Unha zona de valor excepcional

A Serra da Groba é caracterizada polos colectivos como un territorio de extraordinario valor ecolóxico e medioambiental, con ecosistemas singulares e equilibrio natural fraxil. Ademais, subrayan o seu valor etnográfico e arqueolóxico, albergando patrimonio histórico e cultural de séculos que sería afectado pola instalación destes parques.

Precedentes de rexeitamento institucional

En ocasións anteriores, os concellos implicados, as comunidades de montes, asociacións cidadás e a veciñanza manifestáronse contra proxectos eólicos similares na zona. Non obstante, os novos proxectos continúan adiante.

Dúas décadas de conflito eólico

A loita pola defensa da Serra da Groba comezou en 2005, cando chegaron as primeiras noticias sobre o parque Albariño 1. Dúas décadas despois, a mobilización veciñal conseguiu a eliminación en fase administrativa do 100% dos 8 proxectos eólicos previstos inicialmente no Val Miñor e Baixo Miño.

Os colectivos utilizaron estratexias como a cartografía das poligonais para visualizar a sobreposición de parques, presentación de 80 recursos administrativos e alegacións de máis de 600 páxinas. O resultado acumulado en toda Galiza foi a paralización cautelar de 59 proxectos eólicos.

Cambios regulatorios na tramitación

Nos últimos anos, a Xunta de Galiza realizou modificacións normativas que afectan á tramitación de parques eólicos e que poñen trabas á acción de control dos colectivos medioambientais e culturais ante a falta de recursos e dificultades para acceder á documentación, ou mesmo os prazos de exposición pública. Inxentes cantidades de documentación que teñen que dixerir e alegar en menos de 15 días.

As novas leis aprovadas pola Xunta de Galicia a prol das empresas eólicas foron:

A Lei de simplificación administrativa (2021): Reducíu os prazos de acceso á información ambiental de 30 a 15 días.

A Lei de medidas fiscais (2023): Permite ao Goberno galego declarar de “interese público superior” os polígonos eólicos.

A Lei de administración ambiental simplificada (setembro 2024): Simplifica aínda máis os procedementos administrativos.

Os colectivos sinalaron tamén que a Xunta deixou sen responder desde 2021 solicitudes formais de información ambiental requiridas polo Convenio de Aarhus, tratado internacional sobre acceso á información medioambiental.

A estructura das empresas promotoras

Os colectivos destacan que as tres empresas promotoras comparten domicilio social, o que interpretан como indicativo da fragmentación do proxecto. Tampouco dispoñen, segundo estes colectivos, de experiencia previa en proxectos similares, sendo promotoras creadas ad hoc.

Obxectivos dos colectivos

Os colectivos culturais e medioambientais aspiran a que as serras da Groba, Galiñeiro e Aloia sexan declaradas con figuras de protección especial que garantan a seguridade do patrimonio natural e histórico, impedindo a instalación de parques eólicos na zona.

Advirten de que situacións similares se repiten noutras zonas de Galiza con proxectos eólicos fragmentados.

Presentación de alegacións en liña

Salvemos Monteferro, SOS Groba, e o Instituto de Estudos Miñoráns orgánizáronse novamente para a presentación de alegacións, creando un entorno web que permite que calquera persoa poida presentar unha alegación inicial dende o propio teléfono movil con total facilidade. Estes colectivos encargaranse de dar traslado das alegacións aos organismos compententes sen que os usuarios teñan que facer trámites en liña nin desprazarse. Pode facerse dende o enderezo https://www.salvemosmonteferro.org/alegacion/

A Xunta anuncia 2.000 vivendas no parque Ofimático de Vigo, 35 para expropiados

0

A Xunta de Galicia prevé que as obras de construción de vivendas e as de urbanización, que se desenvolverán paralelamente, no ámbito do Ofimático, en Vigo, poidan iniciarse entre 2028 e 2029, e confirmou que, ademais das 1.973 vivendas protexidas, haberá outras 35 vivendas unifamiliares libres para reacoller aos afectados polas expropiacións.

Así o detallou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que este xoves compareceu ante os medios para explicar o proxecto de desenvolvemento dese ámbito, que contará cun investimento autonómico de máis de 22 millóns de euros, e unha previsión de “investimento inducido” de 350 millóns.

Este ámbito desenvolverase no marco dun Proxecto de Interese Autonómico (PIA) que xa foi aprobado en Consello da Xunta e que leste mesmo xoves publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG). Tras o prazo de presentación de alegacións, prevese que o PIA estea aprobado definitivamente no último trimestre deste ano.

Segundo os prazos manexados pola Consellería, ao longo de 2027 levará a cabo a licitación dos traballos de urbanización, en base a un deseño que este xoves se presentou ante os medios, e que inclúe, ademais das 2.008 vivendas, 550 prazas de aparcadoiro, viarios e máis de 160.000 metros cadrados de dotacións públicas (zonas verdes, carril bici, senllas peonís, espazo para unha residencia xuvenil, unha parcela destinada a usos comerciais, etc.).

María Martínez Allegue puxo en valor esta iniciativa do goberno galego para dar resposta á gran demanda de vivenda na cidade, e subliñou que a Xunta ten en Vigo “un traballo real” neste sentido, “aínda que algúns queiran negalo” e fronte a “anuncios estéticos”. Segundo sinalou, a previsión é que, entre 2029 e 2030 xa poidan instalarse veciños neste “novo barrio da cidade”.

Stellantis perde 22.300 millóns de euros en 2025 polo reaxuste da súa estratexia de negocio

0

Stellantis rexistrou unha perda neta de 22.300 millóns de euros no ano 2025, fronte ao beneficio neto de 5.520 millóns de euros alcanzado no ano anterior, segundo informou o grupo este xoves antes da apertura da sesión bolsista. Estes ‘números vermellos’ danse con arranxo a 25.400 millóns de euros de cargos inusuais durante todo o ano, que obedecen principalmente a un cambio estratéxico “para volver pór as preferencias dos clientes e a liberdade de elección no centro dos plans da empresa”.

O recoñecemento deste axuste forma parte dunha avaliación exhaustiva da estratexia de Stellantis “e os custos relacionados necesarios para aliñar á compañía coas preferencias do mundo real dos seus clientes”, mentres se prepara para a comunicación do seu novo plan estratéxico en maio deste ano. Así mesmo, os cambios organizativos realizados inclúen a reorganización dos equipos rexionais e a creación dunha cadea de subministración máis rendible que apoie o desenvolvemento a longo prazo dos programas de vehículos electrificados de Stellantis.

“Os nosos resultados para o ano 2025 reflicten o custo de sobreestimar o ritmo da transición enerxética e a necesidade de reestruturar o noso negocio ao redor da liberdade dos nosos clientes para elixir entre a gama completa de tecnoloxías eléctricas, híbridas e de combustión interna”, subliñou o conselleiro delegado de Stellantis, Antonio Filosa.

PREVÉ MELLORAS

Stellantis prevé unha mellora do seu resultados “trimestre a trimestre” en 2026 tras un ano 2025 que foi “complicado” e “moi difícil”, e no que rexistrou perdas por importe de 22.300 millóns de euros (fronte ao beneficio neto de 5.520 millóns de euros de 2024).

O impacto das tarifas arancelarias e o reaxuste da súa estratexia de negocio estiveron detrás do resultado de 2025, no que se recoñece un impacto de 25.000 millóns de euros en plans inusuais para adaptar ás preferencias dos seus clientes e en resposta aos cambios nos marcos regulatorios.

Ademais, a compañía explicou que enfrontou “fortes” dificultades cambiarias por valor de 1.600 millóns de euros e gastos arancelarios netos de 1.200 millóns de euros. Este último custo, a pesar das últimas noticias que chegan de Estados Unidos, polo momento non se modificou de face a 2026.

O PP de Vigo esixe a Caballero que volva de Madrid co financiamento do Mundial 2030 baixo o brazo

O PP de Vigo reafirmou este xoves o seu apoio a que Vigo sexa sede do Mundial 2030 pero advertiu ao alcalde de que, de cara á súa reunión coa ministra de Educación, Formación Profesional e Deporte, Milagros Tolón, ten “deberes” e que non pode ir a Madrid “só de paseo”. En declaracións aos medios ao pé do estadio de Balaídos, a presidenta do PP vigués e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, lembrou que o organismo provincial financia ao 50 % as obras de reforma do estadio municipal.

Tamén recordou o apoio do grupo popular no Concello á candidatura viguesa, chegando a impulsar unha declaración institucional e unha moción nese sentido “que foi rexeitada polo señor Caballero e polo PSOE”. Contabilizado o apoio do Concello e da Deputación, lembrou que a Xunta tamén trasladou a súa disposición a apoiar a Vigo se é elixida sede, compartindo gastos coas anteriores administracións e tamén co Executivo central. “Fáltanos o Goberno central”, apuntou.

Por iso, de cara á reunión prevista para o vindeiro luns entre o alcalde e a ministra de Deportes, o PP quixo “pór deberes” ao rexedor: “Que non se lle ocorra volver a Vigo sen traer comprometido o 25 % de financiamento por parte do Goberno de Pedro Sánchez”. A este respecto, lembrou que foi o Goberno central o que se propuxo como sede e que outros gobernos de países que acolleron este evento deportivo asumiron o financiamento das obras e preparativos, como Brasil ou Rusia.

“Así que o que lle pedimos é precisamente iso, que traia o compromiso do financiamento do Goberno de Pedro Sánchez (…) e que non vaia a Madrid só de paseo, que non faga o mesmo que fixo cando foi a Las Rozas a reunirse coa Real Federación Española de Fútbol, que foi cun ton e cunhas palabras moi grosas que non conseguiron absolutamente nada”, sinalou Luisa Sánchez.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed