Inicio Blog Páxina 31

Conxemar urxe ampliar o Ifevi ante a falta de espazo e prevé bater marcas de asistencia en 2026

0

A Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar) reclamou este mércores que se acelere a ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) ante a falta de superficie dispoñible para unha feira que, segundo a organización, volverá marcar cifras máximas na súa próxima edición, prevista entre o 6 e o 8 de outubro.

O presidente da entidade, Eloy García, advertiu de que a superficie expositiva está xa ocupada na súa totalidade e de que a organización se ve obrigada a buscar solucións en altura para dar cabida ás empresas. “Xa non cabe unha mosca”, afirmou durante a presentación do ‘Informe Sectorial da industria e comercialización de produtos pesqueiros de España’, elaborado por Ardán, dependente da Zona Franca de Vigo, xunto coa Universidade de Vigo e a propia Conxemar.

Segundo explicou García, todo o espazo no chan dispoñible para a feira deste ano está vendido, e existiría demanda para incorporar máis superficie se o recinto o permitise. A consecuencia é que algunhas empresas teñen que recorrer a casetas de dous pisos, unha alternativa que incrementa os custos de participación. “Temos que crecer ao alto, que é máis caro”, sinalou.

CATRO ANOS RECLAMANDO MÁIS ESPAZO

A ampliación do Ifevi leva anos entre as principais demandas da asociación. García lembrou que Conxemar participa como entidade informada no grupo de traballo creado para elaborar os plans funcional e estratéxico do recinto, aínda que non forma parte do padroado e, polo tanto, non ten voto nas decisións.

O presidente da entidade evitou valorar os avances dos traballos mentres non exista unha planificación concreta. Conxemar, explicou, agarda coñecer un cronograma e un orzamento que permitan determinar cando poderá materializarse a ampliación.

García incidiu na necesidade de reducir os prazos, ao considerar que mesmo un inicio inmediato das obras demoraría varios anos a entrada en funcionamento dun novo pavillón. “Levamos xa catro anos solicitando unha ampliación, que xa era necesaria fai catro anos”, afirmou. Segundo os seus cálculos, se os traballos comezasen agora aínda poderían transcorrer “tres ou catro anos” ata dispoñer das novas instalacións.

A organización prevé, ademais, que a 27ª edición de Conxemar supere os rexistros de asistencia, aínda que García non adiantou cifras. A feira volverá contar cun plan específico de tráfico e os responsables do evento están a preparar un estudo de mobilidade que será trasladado ás administracións con propostas para aliviar a circulación e mellorar os accesos ao recinto feiral.

A reclamación produciuse durante a presentación dun informe que dimensiona o peso da industria e da comercialización dos produtos pesqueiros en España. O documento, elaborado con datos de 2024, contabiliza 853 empresas, cunha facturación próxima aos 19.000 millóns de euros e un total de 36.437 empregos directos.

Dentro dese conxunto, 266 compañías forman parte de Conxemar. Estas empresas superan os 12.000 millóns de euros de facturación e reúnen máis de 22.600 empregos. Segundo o estudo, as firmas integradas na asociación xeran tamén o 67,7% do valor engadido bruto de todo o sector analizado.

O peso de Galicia sobresae no mapa empresarial. A comunidade concentra máis dun terzo das compañías, pero a súa participación económica é aínda maior: reúne arredor do 48% da facturación estatal e o 40% do emprego da actividade. O estudo estima, ademais, que a industria e comercialización dos produtos pesqueiros achega o 28% da riqueza xerada polo tecido empresarial galego.

A concentración desta actividade tamén se deixa notar na área viguesa. Na comarca de Vigo, o sector representa o 10,6% da facturación empresarial, o 5,2% do valor engadido bruto e máis do 3% do emprego. O informe sinala tamén a presenza destacada das mulleres, que ocupan o 47,5% dos postos de traballo, cun maior peso na actividade industrial que na comercialización.

O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, definiu o documento como unha “ferramenta para seguir apoiando o sector”. Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou a evolución e modernización dunha industria que, xunto coa celebración anual de Conxemar, sitúa a cidade como un dos principais centros vinculados á actividade pesqueira e á súa transformación.

Eloy García considerou que os resultados permiten observar unha evolución continuada da actividade empresarial e avanzou que os indicadores de 2025 manteñen esa tendencia. A asociación sinala, con todo, factores que continúan condicionando as empresas, entre eles o encarecemento da enerxía e das materias primas. Fronte a ese escenario, García salientou a “resiliencia” e a “capacidade de sobreporse” dun sector cunha presenza especialmente significativa na economía galega.

Arde Bogotá levará a Vigo o formato máis íntimo da súa nova xira o 29 de outubro

0

Arde Bogotá levará a Vigo un dos concertos de presentación de Manufacturas do Club da Xente Soa, o terceiro traballo da banda cartaxeneira. A cita será o 29 de outubro no Hall do Auditorio Mar de Vigo e formará parte de ‘Fervedoiros’, o formato co que o grupo quere reducir ao mínimo a distancia co seu público. A xira pasará tamén por Xixón, Granada, Málaga, Madrid, Valencia, Alacante e Murcia. Nesta última cidade, a Sala Mamba! acollerá dous concertos os días 11 e 12 de decembro. As restantes datas serán Xixón, o día 30, no Xixón Area; Granada, o 5 de novembro na Industrial Copera; Málaga, o 6 de novembro en París 15; Madrid, os 26 e 27 de novembro na Riviera; Valencia, o 3 de decembro no Palau Alameda; e Alacante, o 4 de decembro en Marmarela.

“Fervedoiros nace do desexo de presentar o disco en comuñón co seu público, reducindo ao mínimo a distancia entre uns e outros”, explicaron desde Raw Music. Inspirado nas Boiler Room da música electrónica, o formato traslada esa proximidade ao universo de Arde Bogotá: aforos limitados, a banda rodeada polo público e un espazo no que a emoción das novas cancións se contaxie entre músicos e asistentes. A proposta conecta directamente con Manufacturas do Club da Xente Soa, un traballo que aborda o illamento e a distancia entre persoas que perden a capacidade de sentir. ‘Fervedoiros’ pretende ser precisamente o contrario: “unha pota a presión” na que volver atoparse e construír esas cancións xuntos. Para facer posible este formato escolléronse salas de oito cidades cuxas características permiten montar un espectáculo no que banda e público se acheguen ata practicamente borrar os seus límites.

ENTRADAS SÓ EN FORMATO FÍSICO

As entradas poranse á venda exclusivamente en formato físico nos despachos de billetes de cada sala o próximo 23 de setembro ás 17.00 horas, cun máximo de dúas entradas por persoa. Cada billete incluirá un código para rexistrar a entrada, un paso que permitirá reclamala en caso de perda, deterioración ou extravío. Durante ese rexistro, os asistentes poderán ademais indicar se queren optar a vivir o concerto desde o propio escenario, rodeando a Arde Bogotá. As prazas sobre o escenario serán limitadas e, no caso de que existan máis solicitudes que espazos dispoñibles, sortearanse nos días previos a cada concerto.

Confirmada “alianza estratéxica” entre Conxemar e R.C. Celta

0

O presidente de Conxemar, Eloy García, confirmou este mércores que a asociación ten abertas negociacións co Real Club Celta destinadas a pechar unha “alianza estratéxica”, baseada nos valores que comparten ambas entidades. En declaracións aos medios, tal e como avanzou Faro de Vigo, Eloy García confirmou que Conxemar está “traballando” co club vigués e que están “contentos cos avances” xa realizados, aínda que non hai “nada pechado”.

O presidente de Conxemar evitou entrar en detalles sobre se será un acordo meramente colaborativo, se implicará unha operación económica ou un cambio na denominación do estadio Abanca Balaídos. “É un acordo no que Conxemar e o Celta de Vigo compartimos moitos valores. Iso facilita as cousas”, remarcou.

A este respecto, falou de valores como “o traballo en equipo, o esforzo e o xogo limpo”, ademais de ámbitos fundamentais para Conxemar, como “a nutrición e o medio ambiente”. “Iso facilita moito o traballo. Avanzamos moito pero aínda non está pechado (…), temos moita ilusión por sacar adiante este acordo por ambas as partes”, reiterou, antes de insistir en que “o prudente e o mellor para todos é non dar máis información”.

Vigo prepara un orzamento récord de 365 millóns para 2027

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este martes que o goberno local porá en marcha “dentro duns días” a tramitación do orzamento municipal para 2027, unhas contas que se situarán en arredor de 365 millóns de euros. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor lembrou que o orzamento do próximo ano superará en algo máis de 14 millóns de euros o vixente en 2026. Caballero confirmou tamén que o capítulo destinado inicialmente a investimentos será de 40 millóns de euros. Con todo, o alcalde precisou que o goberno municipal prevé tramitar no próximo mes de febreiro unha modificación orzamentaria para ampliar esa contía destinada a investimentos. O rexedor non concretou, polo momento, en canto se incrementará esa partida, polo que a cifra definitiva de investimento municipal para 2027 queda pendente desa futura modificación.

Caballero acusa á Xunta de deixar Vigo “fóra” das novas residencias: “É unha desvergoña política”

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou de “desvergoña política” o trato da Xunta á cidade no relativo ás residencias de maiores e denunciou que, malia ter, segundo sostén, “a peor ratio de Galicia” en número de prazas, Vigo quedou “fóra” do anuncio realizado polo Goberno galego para construír 25 residencias con 1.800 prazas en municipios de menos de 25.000 habitantes. Nunhas declaracións remitidas aos medios, o rexedor preguntou “cantas prazas novas de residencias de maiores” vai crear a Xunta en Vigo, onde situou en 604 o número actual de prazas e onde, segundo defendeu, se concentra “a maior demanda”.

Caballero sostivo que a cidade debería contar con 3.586 prazas públicas para cumprir as ratios que atribúe á Organización Mundial da Saúde (OMS). “E a Xunta de Galicia, achaiña para arriba, con eles non vai”, criticou. O alcalde lamentou que Vigo teña, segundo a súa valoración, “a peor ratio de Galicia” en prazas de residencia e censurou tamén que a Xunta “obrigue” o Concello a achegar 350.000 euros anuais “para prazas en residencias” autonómicas. “É unha desvergoña política de Rueda”, concluíu Caballero.

Víctor Manuel actuará en Vigo o 30 de xaneiro

0

O cantautor Víctor Manuel anunciou as primeiras datas da súa xira prevista para 2027, coa que pasará por Alacante, Vigo, La Línea de la Concepción, Ciudad Real, Badaxoz, Mérida e León. En concreto, será o 30 de xaneiro cando o artista visite a cidade olívica.

Víctor Manuel está a pechar os detalles do seu próximo disco, que sairá o vindeiro mes de decembro, segundo explicou a súa discográfica nun comunicado. Ademais, segue inmerso na súa xira actual, que nestes últimos meses de 2026 pasará por Granada, Bilbao, Pamplona, Tarragona, Tenerife, Gran Canaria, Málaga, Murcia, Madrid, A Coruña ou Almería, entre outras. Así, na cidade herculina cantará o 12 de decembro deste ano.

Remolcado en Vigo un barco ao quedar sen máquina e outro na Pobra do Caramiñal por problemas debido á néboa

0

Salvamento Marítimo tivo que remolcar dúas embarcacións durante a madrugada deste martes en Galicia por diferentes problemas, unha en Vigo e outra na Pobra do Caramiñal.

Por un lado, o centro de Salvamento de Vigo mobilizou a embarcación auxiliar do “María de Maeztu” para remolcar unha embarcación que quedou sen máquina entre o porto deportivo de Punta Lagoa e o porto de Guixar, en Vigo.

Por outra banda, o 112 advertiu de que unha embarcación con dúas persoas non podía achegarse á costa pola néboa entre Escarabote (Boiro) e A Mercé (Pobra do Caramiñal). O barco estaba sen VHF e coa batería do móbil a piques de esgotarse. Mobilizouse a Salvamar Pollux, que os remolcou ata o porto da Pobra do Caramiñal.

Detidos tras pedir un “rescate” dun maletín roubado con diñeiro e un teléfono

0

Axentes da Policía Nacional de Vigo detiveron dous homes como presuntos autores dun delito de furto e doutro de extorsión, tras subtraeren un maletín con diñeiro e un teléfono e esixiren un “rescate” ao seu dono para devolvérllo.

Os feitos ocorreron a finais de agosto nun parque da cidade olívica, onde a vítima sufriu o furto ao descoido dun maletín. Posteriormente, os ladróns pedíronlle o pagamento de 20 euros para lle devolver as súas pertenzas, indicándolle que se desprazase a unha zona próxima, onde deixaran o maletín.

Unha vez recuperado, o prexudicado comprobou que no interior faltaban 1.500 euros en efectivo, varias tarxetas bancarias e un teléfono móbil, polo que presentou unha denuncia. A Policía Xudicial fíxose cargo da investigación e logrou identificar os dous presuntos autores do furto. Así, púxose en marcha un operativo para localizalos e finalmente foron detidos na madrugada do pasado 10 de setembro. Os detidos foron postos á disposición do xulgado, que ordenou o ingreso en prisión dun deles.

A irmá de Humberto Baena pide a Caballero unha homenaxe oficial en Vigo

0

Flor Baena, irmá do vigués Xosé Humberto Baena, un dos últimos fusilados pola ditadura franquista en setembro de 1975, solicitou este luns por rexistro unha entrevista co alcalde de Vigo, Abel Caballero, a quen lle trasladará a petición de que o Concello organice unha homenaxe oficial ao seu irmán. Nun vídeo publicado nas redes sociais, Flor Baena lembra que o Concello de Oleiros, na Coruña, lle dedicou unha rúa ao seu irmán en 1985, coincidindo co décimo aniversario do que cualifica como “xuízo inxusto no que foi sometido a torturas e acusado dun crime que non cometera”.

A condena e o xuízo de Xosé Humberto Baena foron declarados nulos ao abeiro da Lei de Memoria Democrática e, no verán de 2025, o Ministerio remitiulle á familia a declaración oficial nese sentido. Posteriormente, en outubro de 2025, o Congreso dos Deputados organizou en Madrid un acto con familiares das persoas fusiladas e asasinadas polo franquismo. Así mesmo, o pasado mes de xuño, a Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, onde estudou Humberto Baena, abriu o denominado ‘Espazo Baena’, no que se dá a coñecer o seu caso.

O Concello de Vigo tamén adoptou anteriormente medidas de recoñecemento. En 2005 aprobou, por proposta de Amnistía Internacional, unha declaración institucional contra a pena de morte na que se facía referencia ao caso dos dous vigueses fusilados en 1975, Xosé Humberto Baena e José Luis Sánchez Bravo. Ademais, o 1 de novembro de 2023, o Concello olívico instalou un panel informativo sobre o caso Baena no cemiterio de Pereiró, onde está soterrado. A familia reclama agora dar un paso máis e que Vigo organice unha homenaxe oficial na súa memoria. As normas internacionais de dereitos humanos sobre reparación ás vítimas establecen que, ademais dunha desculpa pública que recoñeza os feitos, é necesario render homenaxe e conmemorar as vítimas e as súas familias.

A Xustiza dá a razón aos feirantes do Porriño e anula parte das bases das festas do Cristo: outro ano sen atraccións

0

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra estimou parcialmente un recurso interposto pola Asociación de Empresarios e Empresarias de Atraccións de Feira de Galicia (EMAFEGA) e declarou contrarias a dereito varias cláusulas do decreto da Alcaldía do Porriño do 31 de xullo de 2025, que regulaba as bases para a instalación e o funcionamento das atraccións de feira durante as festas municipais do Cristo dese ano.

Os feirantes recorreran esas bases ao considerar que se lles estaba a esixir unha autorización municipal para instalar as atraccións e os postos que os concellos non poden requirir, así como unhas condicións restritivas respecto da franxa horaria “sen ruído”, fixada entre as 17.00 e as 20.00 horas, e do chamado “día do neno”, no que se aplicaban prezos reducidos nas atraccións. O xulgado determinou que a esixencia desa autorización municipal, recollida na resolución da Alcaldía, é contraria a dereito porque o Concello do Porriño “substituíu o réxime de declaración responsable por un réxime de autorización previa” municipal.

A este respecto, a resolución lembra que esta actividade se rexe pola Lei de espectáculos de Galicia e que a Xunta é a administración competente na materia. Por tanto, “non hai marxe” para que as entidades locais establezan as súas propias normas ao respecto. A sentenza expón así que “non hai razón que xustifique” que os feirantes precisasen dunha licenza municipal para exercer a súa actividade durante as festas do Cristo de 2025.

Con todo, o fallo matiza que os concellos si poden establecer condicións técnicas e de seguridade para este tipo de actividade, aínda que non mediante un decreto de Alcaldía, senón a través de ordenanzas ou regulamentos municipais. No referente ás reclamacións sobre o “día do neno” e a franxa horaria sen ruído, o xulgado validou o proceder do Concello do Porriño, aínda que matizou que a data do “día do neno” e os prezos reducidos deben ser pactados entre o Concello e os feirantes.

A asociación EMAFEGA trasladou a súa satisfacción por esta sentenza, que xa é firme, e advertiu de que o Concello “substituíu ilegalmente a declaración responsable por unha autorización previa”. Nas festas de 2025, todas as solicitudes presentadas polos feirantes, arredor dunha vintena, foron rexeitadas. Para EMAFEGA, este pronunciamento confirma o que a asociación viña denunciando desde hai dous anos: que “un concello pode inspeccionar, controlar e esixir o cumprimento da normativa, pero non pode inventar un réxime xurídico propio nin engadir outras esixencias á marxe das xa existentes na lexislación xeral vixente”.

PIDEN A SUSPENSIÓN CAUTELAR DAS BASES DO 2026

EMAFEGA lembrou que estas “irregularidades” xa foran advertidas antes de que comezasen as festas de 2025, pero que o Concello rexeitou as súas alegacións e mantivo as bases. “Advertíuselle ao Concello. Pediuse que rectificase. Negouse. As atraccións quedaron fóra das festas. E agora a Xustiza deu a razón a EMAFEGA”, concluíu a asociación. Os feirantes piden agora que se evite que en 2026 as festas do Cristo volvan quedar sen atraccións “por terceiro ano consecutivo”, xa que consideran que as bases deste ano “son practicamente idénticas” ás que foron impugnadas.

Neste sentido, EMAFEGA confirmou que xa solicitou ao tribunal a “suspensión cautelar inmediata” das bases de 2026, co obxectivo de evitar que o Concello volva denegar a instalación das atraccións. A asociación reclama que o goberno local tramite as solicitudes de ocupación dos espazos mediante a presentación de declaracións responsables, conforme “á normativa vixente”. “EMAFEGA non pide privilexios. Esixe que o Concello cumpra a mesma lei que lles esixe cumprir aos feirantes”, concluíu a entidade.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed