InicioEconomíaConxemar urxe ampliar o Ifevi ante a falta de espazo e prevé...

Conxemar urxe ampliar o Ifevi ante a falta de espazo e prevé bater marcas de asistencia en 2026

A organización asegura que o recinto está xa ao límite para a feira de outubro e advirte de que a ausencia dun novo pavillón obriga os expositores a instalar casetas de dous pisos, cun maior custo

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar) reclamou este mércores que se acelere a ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) ante a falta de superficie dispoñible para unha feira que, segundo a organización, volverá marcar cifras máximas na súa próxima edición, prevista entre o 6 e o 8 de outubro.

O presidente da entidade, Eloy García, advertiu de que a superficie expositiva está xa ocupada na súa totalidade e de que a organización se ve obrigada a buscar solucións en altura para dar cabida ás empresas. “Xa non cabe unha mosca”, afirmou durante a presentación do ‘Informe Sectorial da industria e comercialización de produtos pesqueiros de España’, elaborado por Ardán, dependente da Zona Franca de Vigo, xunto coa Universidade de Vigo e a propia Conxemar.

Segundo explicou García, todo o espazo no chan dispoñible para a feira deste ano está vendido, e existiría demanda para incorporar máis superficie se o recinto o permitise. A consecuencia é que algunhas empresas teñen que recorrer a casetas de dous pisos, unha alternativa que incrementa os custos de participación. “Temos que crecer ao alto, que é máis caro”, sinalou.

CATRO ANOS RECLAMANDO MÁIS ESPAZO

A ampliación do Ifevi leva anos entre as principais demandas da asociación. García lembrou que Conxemar participa como entidade informada no grupo de traballo creado para elaborar os plans funcional e estratéxico do recinto, aínda que non forma parte do padroado e, polo tanto, non ten voto nas decisións.

O presidente da entidade evitou valorar os avances dos traballos mentres non exista unha planificación concreta. Conxemar, explicou, agarda coñecer un cronograma e un orzamento que permitan determinar cando poderá materializarse a ampliación.

García incidiu na necesidade de reducir os prazos, ao considerar que mesmo un inicio inmediato das obras demoraría varios anos a entrada en funcionamento dun novo pavillón. “Levamos xa catro anos solicitando unha ampliación, que xa era necesaria fai catro anos”, afirmou. Segundo os seus cálculos, se os traballos comezasen agora aínda poderían transcorrer “tres ou catro anos” ata dispoñer das novas instalacións.

A organización prevé, ademais, que a 27ª edición de Conxemar supere os rexistros de asistencia, aínda que García non adiantou cifras. A feira volverá contar cun plan específico de tráfico e os responsables do evento están a preparar un estudo de mobilidade que será trasladado ás administracións con propostas para aliviar a circulación e mellorar os accesos ao recinto feiral.

A reclamación produciuse durante a presentación dun informe que dimensiona o peso da industria e da comercialización dos produtos pesqueiros en España. O documento, elaborado con datos de 2024, contabiliza 853 empresas, cunha facturación próxima aos 19.000 millóns de euros e un total de 36.437 empregos directos.

Dentro dese conxunto, 266 compañías forman parte de Conxemar. Estas empresas superan os 12.000 millóns de euros de facturación e reúnen máis de 22.600 empregos. Segundo o estudo, as firmas integradas na asociación xeran tamén o 67,7% do valor engadido bruto de todo o sector analizado.

O peso de Galicia sobresae no mapa empresarial. A comunidade concentra máis dun terzo das compañías, pero a súa participación económica é aínda maior: reúne arredor do 48% da facturación estatal e o 40% do emprego da actividade. O estudo estima, ademais, que a industria e comercialización dos produtos pesqueiros achega o 28% da riqueza xerada polo tecido empresarial galego.

A concentración desta actividade tamén se deixa notar na área viguesa. Na comarca de Vigo, o sector representa o 10,6% da facturación empresarial, o 5,2% do valor engadido bruto e máis do 3% do emprego. O informe sinala tamén a presenza destacada das mulleres, que ocupan o 47,5% dos postos de traballo, cun maior peso na actividade industrial que na comercialización.

O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, definiu o documento como unha “ferramenta para seguir apoiando o sector”. Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou a evolución e modernización dunha industria que, xunto coa celebración anual de Conxemar, sitúa a cidade como un dos principais centros vinculados á actividade pesqueira e á súa transformación.

Eloy García considerou que os resultados permiten observar unha evolución continuada da actividade empresarial e avanzou que os indicadores de 2025 manteñen esa tendencia. A asociación sinala, con todo, factores que continúan condicionando as empresas, entre eles o encarecemento da enerxía e das materias primas. Fronte a ese escenario, García salientou a “resiliencia” e a “capacidade de sobreporse” dun sector cunha presenza especialmente significativa na economía galega.

ÚLTIMAS

Balaídos terá unha ‘Tribuna Iago Aspas’: Caballero anuncia que levará o nome do xogador e terá unha estatua ao seu carón

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a bancada de Tribuna do estadio...

Vox leva ao xulgado os incidentes nunha mesa informativa en Cangas e estuda accións polo acto frustrado de Santiago

Vox presentou este martes unha denuncia ante a sección de instrución do Xulgado de...

Foanpas denuncia “carencias de profesorado” e “caos” no transporte escolar neste inicio de curso en Vigo

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Centros Escolares de Vigo...

Vigo pon en marcha o Nadal: comeza a montaxe dos grandes elementos con case 13 millóns de luces

O Concello de Vigo iniciou este martes a montaxe dos grandes elementos do seu...