Inicio Blog Páxina 32

Esquerda Unida propón cambios no Mercado das Travesas para priorizar os peóns e reducir a velocidade do tráfico

0

Esquerda Unida presentou este martes no rexistro do Concello de Vigo unha proposta de intervención para mellorar a seguridade viaria na contorna do Mercado das Travesas, nunha área delimitada polos pasos de peóns de Camiño de Espedrigada, Luís Seoane e a Avenida da Florida. En concreto, a formación pide que se dea prioridade aos peóns en toda a zona, con sinalización específica e a creación dun espazo que obrigue aos vehículos a reducir a velocidade. Entre as medidas propostas inclúese a instalación dun pavimento diferenciado mediante lastros e elevado, co obxectivo de aumentar a seguridade das persoas que transitan pola área.

Ademais, Esquerda Unida solicita que o Concello valore cambios na regulación do tráfico na Avenida da Florida para evitar que os vehículos poidan incorporarse ao Camiño de Espedrigada ao mesmo tempo desde ambos sentidos da vía, unha situación que consideran potencialmente perigosa. A proposta busca transformar este espazo nunha contorna máis segura e accesible, reducindo riscos nunha zona con alta presenza peonil debido á actividade comercial e á proximidade do mercado.

Caballero carga contra Rueda pola AVE Vigo-O Porto e culpa a Portugal do atraso até 2038 mentres o Eixo Atlántico esixe datos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou este martes que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “como Saulo, xa caeu do cabalo e xa viu o mundo”, ao recoñecer que a conexión de alta velocidade entre Vigo e O Porto non estará lista até o ano 2038, aínda que atribuíu este atraso ao Goberno de Portugal.

En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico insistiu en que “esa conexión non vai estar antes do 2038” e asegurou que o motivo principal é que Portugal “non chega a tempo e á mesma velocidade que o pode facer España”. Pola súa banda, a Xunta vén atribuíndo o incremento dos prazos aos atrasos nos tramos españois, como a saída sur ferroviaria e o trazado entre O Porriño e a fronteira portuguesa.

Caballero afirmou que leva anos advertindo desta situación: “Díxenllo durante anos: Portugal non dá a velocidade que ten que dar”, criticando que Rueda regresase de reunións con responsables lusos mantendo a previsión do 2030. “Todos sabiamos que era unha mentira, unha barbaridade pretender o imposible”, proclamou.

O alcalde asegurou que “entende” a posición portuguesa, xa que a súa prioridade actual é o eixo ferroviario O Porto-Lisboa, lembrando que o país veciño “non ten nin un só quilómetro de Alta Velocidade”. Con todo, defendeu que o Goberno central está a cumprir cos compromisos no lado español da fronteira.

Segundo explicou, a saída sur ferroviaria de Vigo “vai en tempo e forma” e o estudo informativo atópase “próximo a rematar”, cun horizonte que situou arredor do mes de novembro deste ano. Ademais, indicou que tamén está en marcha o estudo do tramo entre O Porriño e o río Miño, aínda que recoñeceu que existe un obstáculo clave: “non está acordado cal é o punto de encontro” entre ambos países.

Caballero concluíu defendendo que o Goberno de España “está a responder aos prazos que deu” e que continúa avanzando nos estudos técnicos necesarios para unha infraestrutura estratéxica que, segundo reiterou, seguirá condicionada polos ritmos de Portugal.

EIXO ATLÁNTICO

Pola súa banda, o Eixo Atlántico solicitou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que faga público “con urxencia” o estudo “no que se basea para afirmar que a liña ferroviaria O Porto-Vigo atrasarase até 2038“. Faio nun comunicado despois de que, tras o Consello deste luns, se insitiese por parte do Goberno galego en que se demorará até ese ano por “atrasos” nos tramos do Saída Sur de Vigo e entre O Porriño e a fronteira lusa.

Segundo o Eixo Atlántico, “estes datos non coinciden en absoluto cos da entidade e constitúen unha afirmación que, de non ser certa, sería perigosa e irresponsable”. Para Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, “é inaceptable” lanzar “datas alarmistas sen facer público ningún estudo que as apoie”, asegura despois dun informe avaliado pola Xunta o luns e no que se recolle que só no que se refire ao Saída Sur de Vigo a publicación do estudo informativo ampliouse dous anos sobre o prazo contraactual inicial.

Queremos coñecer os datos reais porque pode xerar desánimo e confusión entre a cidadanía”, sostén o secretario xeral do Eixo Atlántico. Ademais, indica que, segundo os datos do Eixo Atlántico, “o único desfasamento real está vinculado ao estudo informativo previo do Saída Sur de Vigo e á reedificación do trazado da estación de Vila Nova de Gaia”.

O policía de Vigo acusado de violar a unha moza borracha: “Díxome ‘teño 19’ e bicoume”

0

O axente da Policía Local de Vigo que foi denunciado por unha suposta agresión sexual en 2022 a unha moza que tiña entón 18 anos asegurou que a relación foi consentida: “Díxome teño 19 anos e bicoume na boca”.

Así o sinalou durante a primeira xornada do xuízo levada a cabo na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica, onde o home indicou que a moza era a irmá dun amigo seu e a estaba levando a casa despois de saír de festa. Segundo as súas palabras, atopáronse nunha discoteca e ela achegouse e bicouno e despois falaron para levala a casa, como fixera noutras ocasións. Ao finalizar a noite, el chamouna e ela díxolle que quedaba. Con todo, minutos despois ela chamouno ata en dúas ocasións e finalmente achegouse ao seu coche para marchar a casa xuntos, sempre segundo as palabras do procesado.

Os feitos denunciados ocorrerían precisamente nese traxecto. Despois de levar ao barrio de Navia a dúas amigas do home, unha vez sós no coche a moza insinuaríaselle ata en tres ocasións, segundo o testemuño do denunciado, que finalmente accedeu a ter sexo con ela. Por iso, el explica que conduciron ata o aparcadoiro do parque de Castrelos e alí mantiveron relacións sexuais orais, vaxinais e anais. O home subliña que ela estaba “normal”, “moi excitada” e “consciente”. Preguntado sobre se a moza solicitoulle que parase, el dixo que non.

Ao día seguinte, mantiveron unha conversación por WhatsApp na que, entre outras cousas, ela dicíalle que “non sabía beber” e que estaba “ben”, mentres que el pedíalle “perdón”. A pesar de que quedaran en repetir outro día, segundo palabras del, ela díxolle que “mellor deixalo así”.

OUTRAS DECLARACIÓNS

Tras a intervención do acusado, produciuse a declaración da suposta vítima a porta pechada.vPola súa banda, a súa nai si relatou a súa versión dos feitos, indicando que, como a súa filla non chegaba a casa e xa pasaban das 07.00 horas, chamouna, pero non recibiu resposta. Finalmente a moza devolveulle a chamada e díxolle que a levaba o acusado no seu coche, ao tratarse dun vello coñecido da familia.

Cando a nai volveu do traballo, a filla confesoulle que “a violaron” e, tras varias horas, aseguroulle que fora o procesado. Pola súa banda, unha amiga da moza que saíu de festa esa noite con ela explicou que beberan “algunha copa” pero non “excesivo”, polo que estaba “normal”. Ela apuntou que a denunciante naquel momento tomaba medicación para a depresión, aínda que descoñecía se ese día a tomara. “Non notei nada raro que eu lembre”, insistiu.

Esta testemuña subliñou que levou á súa amiga ata o acusado, que estaba con outras dúas mulleres, mentres que ela marchou andando a casa. Ao día seguinte, a súa amiga díxolle que fora á súa casa porque estaba mal e, unha vez alí, confesoulle o ocorrido.

CONDENA ANTERIOR

O acusado foi condenado anteriormente a 6 meses de prisión e a pagar unha multa de 2.880 euros, precisamente por vulnerar a orde de afastamento da moza que o denunciou por agresión sexual. Segundo considerou probado o xulgado do Penal 3 de Vigo, este axente (suspendido) achegouse co seu coche a poucos metros da moza e fíxolle un xesto simulando que lle apuntaba e disparaba cunha pistola.

Ademais, foi xulgado a principios de 2025, xunto con outro axente, acusados de deter a unha muller que os gravou e de esconderlle o teléfono. Nese caso, ambos os axentes foron absoltos despois de que a Fiscalía retirou a súa acusación.

Alonso Montero: O intelectual que uniu beiras e memoria

0

O falecemento de Xesús Alonso Montero deixa un baleiro incalculable na cultura galega, pero para os que compartimos con el décadas de faladoiros, a súa partida é, sobre todo, a perda dunha voz lúcida que sabía conectar a historia co afecto. ​O primeiro encontro: Un Vigo que espertaba.

​Coñecín a Alonso Montero meses despois da morte de Franco, no meu primeiro retorno a Vigo. O escenario foi o auditorio de Caixa Vigo, nunha conferencia sobre a situación da lingua galega. Eu chegaba co carné do histórico xornal arxentino de esquerda Propósitos e a experiencia fresca de haber entrevistado en Carabanchel a un Marcelino Camacho recén saído de prisión.

​Grazas á xestión de Carlos Núñez, do Partido Comunista de Vigo, logrei sentarme co que xa era o máximo referente intelectual dos comunistas locais. Reunímonos nun piso discreto da rúa Urzaiz. Alí, entre a clandestinidade que aínda se respiraba, descubrín a un home que gardaba un cariño inmenso pola Arxentina. Non era para menos: a Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires editáralle a súa obra fundamental, “O porvir da lingua galega” (1968). Ese libro foi o que cimentou a súa autoridade moral para falar da nosa lingua como unha ferramenta viva de liberación social.

​Bos Aires: Machado e unha anécdota profética

​A nosa relación sempre tivo un pé no Río da Prata. Alonso era un viaxeiro incansable que acudía á Federación a iluminarnos coa súa palabra. Recordo especialmente a súa conferencia sobre Antonio Machado no Teatro San Martín, onde demostrou por que era un dos maiores expertos na relación entre os poetas e o compromiso político.

​Ao día seguinte, trasladámonos aos xardíns de Palermo xunto a figuras inesquecibles como Francisco Lores e Arturo Cuadrado para inaugurar un busto de bronce do poeta sevillano. Foi un acto solemne, rodeado de autoridades, pero o humor galego sempre atopaba o seu resquicio. Murmureille a Lores ao oído: “Espero que non rouben o busto para vender o bronce”. O meu pesimismo resultou ser profecía: a peza durou apenas unha semana antes de desaparecer.

​O refuxio de Teis: A historia nun bar

​Co meu retorno definitivo a Galicia, o vínculo fíxose regular. Uníanos o mapa sentimental da Arxentina e unha longa lista de amigos comúns.
​As nosas citas trasladáronse a un bar de Teis. Alí, lonxe dos focos e a solemnidade das cátedras, pasabamos horas debullando a historia. Alonso era un comunista consecuente e un intelectual brillante que posuía o don da palabra, capaz de cautivar tanto na Real Academia Galega como na mesa dun café de barrio.

​A súa perda é inmensa. Quédanos a súa obra titánica —eses centos de prólogos e ensaios que son o andamiaxe da nosa cultura—, pero a algúns quédanos tamén o eco daquelas tardes en Teis, onde a historia de Galicia e a Arxentina se fundían na súa voz inconfundible.

Recuperan un cadáver flotando fronte ao Auditorio Mar de Vigo

0

Os servizos de emerxencias recuperaron este luns un cadáver que apareceu flotando fronte ao Auditorio Mar de Vigo, segundo confirmou o 112. A Central de Emerxencias recibiu o aviso da Autoridade Portuaria minutos antes das 17:00 horas, a través dunha chamada na que se informaba da localización do corpo entre a zona de Beiramar e O Berbés.

De xeito inmediato, alertouse á Policía Nacional, á Policía Local, Gardacostas, Garda Civil e aos Bombeiros. Segundo apuntaron fontes policiais, o avanzado estado de descomposición no que se atopaba o cadáver impide determinar polo de agora a identidade da persoa ou as circunstancias do falecemento.

As autoridades permanecen á espera dos resultados da autopsia para esclarecer o ocorrido e tratar de identificar o corpo.

A Xunta dá luz verde a 2.000 vivendas protexidas no Ofimático de Vigo

O Goberno galego deu luz verde na súa reunión semanal ao proxecto de interese autonómico (PIA) para habilitar chan residencial na zona do Ofimático de Vigo, onde se prevé a construción de arredor de 2.000 vivendas protexidas. Trátase do segundo PIA que consegue a aprobación inicial dentro da Estratexia de Só Residencial, tras o proxecto do barrio Sacro Corazón de Lugo. Segundo destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta estratexia busca habilitar terreos para levantar 20.000 vivendas protexidas e outras 5.000 de prezo libre. Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asegurou que o Executivo autonómico avanza “sen descanso no obxectivo de facilitar o acceso á vivenda”.

UN NOVO BARRIO NO OFIMÁTICO DE VIGO

O Consello autorizou desenvolver solo no ámbito do SUB 405 Ofimático, unha superficie de 21 hectáreas situada na parroquia de Santa Cristina de Lavadores. A ordenación prevé un novo barrio con arredor de 2.000 vivendas, zonas verdes, servizos e espazos de lecer, cun investimento autonómico de 22 millóns de euros para a urbanización. As vivendas integraranse en bloques residenciais de entre 4 e 7 plantas, con algún edificio puntual de maior altura. O proxecto inclúe tamén usos comerciais, unha residencia xuvenil, aparcadoiros e equipamentos comunitarios, así como medidas de plantación e conservación de árbores. No marco desta estratexia, Rueda lembrou que a Xunta ten en marcha 12 proxectos de interese autonómico en 11 concellos, entre eles Vigo, A Coruña, Santiago, Arteixo, Ourense, Pontevedra, Lugo, O Porriño, Marín, Ribadeo e Vilagarcía.

‘A PINGA DE LEITE’ E ATENCIÓN ÁS FAMILIAS

Tamén en Vigo, a Xunta prevé licitar esta semana as obras de mellora do edificio ‘A Pinga de Leite’, cun orzamento superior a 570.000 euros e un prazo de execución de seis meses. O inmoble acollerá unha escola infantil, un novo Punto de Encontro Familiar e unha unidade de atención temperá e postemprana.

MÁIS FONDOS PARA ALUGUER E MOBILIZACIÓN DE VIVENDAS BALEIRAS

Rueda informou ademais de que o programa ‘Fogar Vivo’ contará en 2026 con máis de 2,7 millóns de euros, case o triplo que o ano anterior, para mobilizar vivendas baleiras cara ao mercado do aluguer accesible. As axudas poderán chegar ata 16.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán para rehabilitación —incluíndo como novidade a renovación de electrodomésticos—, 2.000 euros adicionais para familias novas ou con dependentes e 3.000 euros destinados a seguros de impago e danos durante os primeiros anos do contrato.

AVAIS HIPOTECARIOS PARA MENORES DE 36 ANOS

A Xunta tamén avalará ata 5 millóns de euros en préstamos hipotecarios para menores de 36 anos que adquiran a súa primeira vivenda habitual. O programa permitirá cubrir ata o 20 % do custo da vivenda, facilitando que a hipoteca poida alcanzar o 100 % do importe. Poderán acceder persoas con ingresos entre 2 e 5,5 veces o Iprem, ampliables a 6,5 Iprem en compras conxuntas. O prezo máximo das vivendas situarase entre 180.000 e 260.000 euros, segundo o concello.

Folga indefinida en Alten en Nigrán contra despedimentos e “chantaxes” tras o conflito pola cesión ilegal en BorgWarner

Empregados de Alten, empresa que traballa para a auxiliar automobilística BorgWarner, iniciaron este luns unha folga indefinida en rexeitamento aos despedimentos e á “ameaza de cesamento de actividade se non se retiran as demandas por cesión ilegal de traballadores”.

Cunha pancarta co lema ‘Contra a fraude na contratación en BorgWarner’, decenas de traballadores concentráronse este mediodía ante as instalacións da compañía en Porto do Molle, en Nigrán, onde permanecen encerrados desde o pasado xoves. Segundo informa a CIG nun comunicado, o persoal denuncia unha “campaña interna de chantaxes, coaccións e ameazas” posta en marcha en xaneiro pola dirección de Alten, “con coñecemento de BorgWarner”.

O conflito prodúcese despois de que a Inspección de Traballo ditaminase en 2024 a existencia dunha cesión ilegal de persoal por parte de Alten á multinacional automobilística. A raíz dese informe, moitos empregados presentaron demandas xudiciais para reclamar os seus dereitos laborais. “Agora, cando se aproxima a celebración dos primeiros xuízos, as compañías optaron por medidas de presión para impor a precariedade laboral”, sostén a CIG, que denuncia o despedimento de catro persoas e asegura que outras sete están baixo ameaza de final de proxecto se non retiran as demandas presentadas.

O Concello de Vigo impulsa a declaración da Reconquista como Festa de Interese Turístico Internacional

0

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este luns unha moción presentada polo PP para impulsar a declaración da Reconquista como Festa de Interese Turístico Internacional. A proposta contou unicamente co respaldo explícito dos populares, mentres que o PSOE e o BNG optaron pola abstención nun debate marcado polas críticas á xestión económica da Xunta e á autoría da iniciativa.

A portavoz municipal do PP, Luisa Sánchez, instou ao goberno local a iniciar os trámites para este recoñecemento e pediu a implicación da administración autonómica. Segundo Sánchez, a proposta “transcende ás siglas e á ideoloxía” e busca beneficiar a veciños e comerciantes. A concelleira reprochou que, desde que a festa foi declarada de interese nacional en 2019, o executivo de Abel Caballero non iniciou ningún expediente nin xestión ante o Ministerio para subir de categoría.

CRÍTICAS POLO FINANCIAMENTO AUTONÓMICO

A resposta do goberno local chegou a través da concelleira socialista Yolanda Aguiar, quen asegurou que o Concello “xa está a traballar” nese obxectivo. Con todo, Aguiar condicionou o avance do proceso a un maior compromiso económico da Xunta, cualificando de “pírricos” os 25.000 euros que achega actualmente. A socialista esixiu que o goberno galego asine un convenio para achegar, polo menos, a mesma cantidade que as arcas municipais, comparando o trato recibido co de festas como o Albariño ou o Corpus de Ponteareas.

Pola súa banda, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tachou de “imprudencia” e “apropiación” que o PP utilice a Reconquista de xeito partidista. O edil nacionalista criticou que a iniciativa non partise da Asociación de Veciños do Casco Vello, auténtica impulsora da celebración, e pediu sen éxito a retirada da moción. Malia que Luisa Sánchez aclarou que a entidade veciñal coñece e apoia o obxectivo, o BNG mantivo a súa abstención ao considerar que o protagonismo debe ser social e non político.

O PSOE queda só en Vigo nun recoñecemento a Sánchez pola alta tensión que a oposición lamenta o “servilismo”

0

O goberno municipal de Vigo quedouse só este luns no Pleno no seu recoñecemento ao Goberno de Pedro Sánchez por “atender á petición do alcalde” para que a cidade teña conexión á liña de moi alta tensión. O grupo socialista foi o único que votou a favor dunha moción propia nesa liña, fronte a unha oposición que lamentou o “servilismo” e o xesto “patético” dos concelleiros do PSOE.

O debate suscitouse por mor dunha iniciativa para facer un recoñecemento expreso ao presidente do Goberno central por garantir unha infraestrutura que permitirá asegurar a actividade industrial de Stellantis. O portavoz socialista, Carlos López Font, defendeu que Abel Caballero leva reclamando esta conexión desde o ano 2013 fronte á negativa do executivo de Rajoy. “A historia de Vigo escríbese desde a chegada de Abel Caballero”, proclamou López Font, quen engadiu que sen o rexedor habería “silencio e submisión” mentres a Xunta carecía de iniciativa política.

“CUTRE EXERCICIO DE LAMEBOTAS”

A proposta foi respondida con dureza pola oposición. O grupo municipal do PP censurou o “intento de reescribir a historia” e lembrou que a conexión estaba planificada cando gobernaban os populares e desapareceu coa chegada de Sánchez á Moncloa. A portavoz popular, Luisa Sánchez, sinalou que a alta tensión chega con “seis anos de atraso” e acusou ao goberno local de buscar “autobombo” e “nutrir o seu narcisismo” con doses de servilismo.

Pola súa banda, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, cualificou a moción de “falta de respecto ao Pleno” e de “cutre exercicio de lamebotas”. O edil nacionalista ironizou recomendando ao alcalde que, se quere fortalecer a súa relación co presidente, “mándelle bombóns ou flores” en lugar de promover este “telegrama de amor”. Segundo o BNG, o PSOE confunde á cidade co propio partido nun exercicio para “salvar ao soldado Sánchez”.

EMENDAS REXEITADAS

Durante a sesión, o PSOE rexeitou as emendas de ambos os grupos. O PP propuxo estender o recoñecemento á patronal e a outras institucións para reivindicar un “éxito compartido”, mentres que o BNG pediu substituír a loa por unha reclamación de 30 millóns de euros á Xunta e ao Estado para un plan de reactivación industrial ante o retroceso do naval e a automoción.

Carlos López Font pechou o debate afirmando que hoxe é un día para a celebración dos que o conseguiron e acusou a populares e nacionalistas de traballar para que Vigo quedase sen esa conexión eléctrica.

Vigo aproba a ordenanza que regula as vivendas turísticas co rexeitamento de toda a oposición

0

O Pleno do Concello de Vigo deu luz verde este luns á ordenanza de regulación das vivendas de uso turístico (VUT), co voto contrario de PP e BNG. A normativa foi defendida pola concelleira de Urbanismo, María José Caride, quen subliñou que a nova normativa persegue garantir o acceso á vivenda residencial, manter a convivencia e achegar seguridade xurídica. Segundo explicou, o crecemento do turismo urbano afectou ao acceso á vivenda e “tensionou os prezos”, o que fai necesaria esta regulación.

A ordenanza recolle que só poderán implantarse VUT en edificios de uso completo destinado a este fin ou en plantas altas e baixas, sempre que se garanta a independencia de acceso respecto das vivendas residenciais. Por outra banda, non se permitirá a súa implantación naquelas que foran obxecto de rehabilitación con axudas públicas nin nas que conten con protección pública. Ademais, o Concello poderá declarar certas áreas ou rúas como “zonas saturadas ou de intensidade limitada”. Finalmente, a norma foi aprobada cos votos do goberno socialista e o voto en contra da oposición, tras ser rexeitado un voto particular do BNG.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

O grupo municipal do PP criticou que o goberno local “chega tarde” e advertiu de que a ordenanza “recorta dereitos individuais”, cualificándoa de “expropiación regulatoria encuberta”. A portavoz popular, Luisa Sánchez, definiu a norma como unha “cortina de fume” para ocultar a falta de planificación dun executivo que “leva 18 anos sen política de vivenda”, e asegurou que limitar as VUT non baixará os prezos sen investimento público.

Pola súa banda, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, acusou ao goberno de pretender facer crer que controla un “fenómeno ultraespeculativo” con medidas “moi laxas”. O edil nacionalista lembrou que en Vigo hai máis de 2.400 VUT e que non se realizou nin unha soa inspección no últimos tres anos. Para o Bloque, a cidade necesita unha ordenanza máis “valente”, incidindo en que existen cinco vivendas turísticas por cada unha dispoñible para aluguer convencional.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed