Inicio Blog Páxina 33

ARVI reclama un marco específico e financiamento para renovar a frota de altura

0

A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) reclamou cambios no marco empresarial e financeiro que afecta á frota española de altura e gran altura, cunha atención especial aos buques que operan en augas internacionais e de terceiros países. A entidade considera necesario facilitar investimentos que permitan renovar os barcos máis antigos e substituílos por unidades con maiores niveis de seguridade, eficiencia e sustentabilidade.

Estas propostas forman parte da declaración ARVI2026, presentada coincidindo co peche da XIII Conferencia Internacional da organización. O documento recolle unha serie de demandas dirixidas ás administracións españolas e ás institucións europeas para garantir, segundo sostén a cooperativa, a continuidade da actividade das empresas armadoras.

Un dos principais puntos expostos por ARVI é a creación dun marco empresarial adaptado ás características da frota de longa distancia. Neste sentido, a organización sitúa o Rexistro Especial como unha das ferramentas sobre as que debería asentarse a regulación futura para os barcos españois que desenvolven a súa actividade fóra das augas nacionais e comunitarias.

A cooperativa defende que este instrumento debe contribuír a crear “un marco empresarial específico para protexer a súa competitividade, favorecer o investimento e manter en España empresas, buques e emprego estratéxico”.

Outra das prioridades expresadas pola entidade viguesa é a renovación da frota. ARVI reclama tanto ao Goberno central como ás institucións comunitarias mecanismos que permitan financiar a substitución de unidades que quedaron desfasadas por novos buques adaptados ás actuais esixencias tecnolóxicas, ambientais e de seguridade.

A cooperativa vincula esta modernización coa necesidade de manter a actividade das empresas pesqueiras españolas a longo prazo. O sector vén situando nos últimos anos a renovación dos barcos e a transición enerxética entre os asuntos centrais para o futuro da pesca de longa distancia, unha cuestión que ARVI tamén abordou en anteriores edicións da súa conferencia internacional.

A organización, con sede no Porto Pesqueiro de Vigo, agrupa actualmente 160 buques pertencentes a 128 empresas armadoras, segundo os datos publicados pola propia entidade.

ARVI PON O FOCO NO RELEVO XERACIONAL

A declaración tamén incorpora como prioridade a incorporación de xente nova ao sector pesqueiro. A organización pide mellorar as posibilidades de formación e facilitar que as novas xeracións poidan acceder tanto aos empregos a bordo como á xestión das propias compañías.

“O futuro esixe mozos dispostos non só a traballar na pesca, senón a emprender e a liderar as súas empresas”, sinala ARVI, que relaciona o relevo xeracional coa continuidade do tecido empresarial ligado á actividade extractiva.

A cooperativa considera que garantir a permanencia das empresas armadoras é unha condición necesaria para manter os buques operativos e preservar a capacidade pesqueira europea. Así o resume nunha das conclusións da declaración: “Sen empresas non haberá frota, sen frota non haberá pesca e sen pesca Europa será máis dependente e menos soberana”.

CC.OO., CIG e UGT rexeitan o capítulo de persoal dos orzamentos de Vigo e cuestionan a actuación de Javier Pardo

0

Os sindicatos CC.OO., CIG e UGT votaron en contra do capítulo 1 do proxecto de orzamentos do Concello de Vigo, correspondente aos gastos de persoal, ao considerar que a proposta presentada polo goberno municipal non respecta compromisos alcanzados anteriormente coa representación das persoas traballadoras. SICO foi a única das catro organizacións presentes que apoiou o documento.

As tres centrais difundiron un comunicado no que cuestionan tanto o contido das contas como o desenvolvemento da mesa de negociación, convocada con carácter extraordinario e urxente. Segundo o seu relato, o executivo local levou á reunión un documento xa elaborado e sen marxe para introducir cambios, polo que consideran que a convocatoria se reduciu a un trámite formal.

A xuntanza estivo encabezada en representación do goberno municipal polo concelleiro de Fomento, Javier Pardo. Os sindicatos sosteñen que o edil realizou unha presentación orientada a “rematar canto antes” e cuestionan especialmente a súa intervención ao peche do encontro.

CC.OO., CIG e UGT aseguran que Pardo rematou a sesión cun discurso de carácter político no que defendeu a xestión do seu partido. As centrais cualificaron esa intervención como un discurso “moralizante, de estrito contido político, gabando as bondades do seu partido como se dun mitin preelectoral se tratase”.

A reunión dá continuidade á negociación das contas municipais para 2027. Unha información publicada días atrás por La Voz de Galicia xa recollera que CC.OO., UGT e CIG votaran maioritariamente en contra das previsións orzamentarias presentadas aos representantes do persoal, fronte ao apoio de SICO, nun contexto no que tamén se abordou a reorganización do servizo de atención telefónica dos Bombeiros.

No plano laboral, as organizacións sindicais centran boa parte das súas críticas na supresión de prazas actualmente vacantes dentro do organigrama municipal. Consideran que esta decisión contradí compromisos alcanzados en anteriores mesas de negociación e relacionan a redución de efectivos públicos coa externalización de determinados servizos.

Un dos ámbitos nos que detectan incumprimentos é o Servizo de Bombeiros de Vigo. Os sindicatos sosteñen que existían compromisos para incorporar novos efectivos e ampliar o cadro de persoal, unha medida que consideran necesaria para evitar que o funcionamento ordinario dependa de maneira continuada da realización de horas extraordinarias.

As contas municipais de 2027 tamén prevén cambios no servizo de atención telefónica de Bombeiros mediante a súa externalización, segundo a información publicada esta semana, unha iniciativa que implicaría que persoal dunha concesionaria asumise funcións actualmente desenvolvidas por integrantes do corpo.

CC.OO., CIG e UGT tamén sinalan Política Social entre as áreas nas que, segundo denuncian, non se están creando as prazas acordadas.

AS 35 HORAS SEMANAIS, NO CENTRO DA DISCREPANCIA

Outro dos puntos que preocupa ás centrais é a situación dos servizos municipais que funcionan mediante quendas e prestan atención durante as 24 horas. Os sindicatos consideran que o capítulo de persoal parte dunha insuficiencia estrutural de efectivos que podería derivar nun maior recurso a programas de reforzo, dispoñibilidades e horas extraordinarias.

Esta cuestión está vinculada, segundo explican, ao acordo para implantar unha xornada laboral de 35 horas semanais a partir de xaneiro de 2027. A representación dos traballadores defende que a redución da xornada debe ir acompañada da creación das prazas necesarias, especialmente nos servizos continuados.

As organizacións argumentan que aumentar o cadro permitiría manter a atención pública, garantir os descansos do persoal e facilitar a conciliación. Pola contra, temen que o Concello opte por cubrir as necesidades derivadas da nova xornada aumentando as horas extraordinarias sen incrementar de forma equivalente o emprego público.

Os tres sindicatos cuestionan, ademais, a dotación económica reservada para abordar unha valoración do conxunto dos postos de traballo municipais. Segundo sosteñen, o capítulo 1 non dispón de financiamento suficiente para desenvolver ese proceso de maneira equilibrada sen recorrer aos créditos liberados polas vacantes existentes.

OS SINDICATOS RECLAMAN RESPECTO Á SÚA FUNCIÓN NEGOCIADORA

Á discrepancia sobre o modelo de persoal sumouse a crítica ao comportamento de Javier Pardo durante a reunión. CC.OO., CIG e UGT cualificaron as súas formas de “inaceptables, despóticas e groseiras” e reivindicaron o papel que desempeñan as organizacións sindicais na mesa.

As centrais lembraron que a súa presenza neste órgano responde ao exercicio dun dereito de representación das persoas traballadoras e reclamaron que esa función sexa tratada con “o máis escrupuloso respecto” por parte dos responsables políticos municipais.

Ecoloxistas reclaman investigar a orixe dos episodios de contaminación rexistrados nas praias de Redondela

Ecoloxistas en Acción solicitou unha investigación exhaustiva para coñecer a orixe dos repetidos episodios de contaminación rexistrados nas praias do concello pontevedrés de Redondela durante este verán. Nun comunicado, os ecoloxistas lembraron que en xullo a praia de Arealonga rexistrou ata dous episodios de contaminación microbiolóxica. Despois, na A Punta tamén se prohibiu o baño ao detectarse na auga bacterias E.coli.

“O problema fundamental non está só nestes episodios concretos, senón en que este tipo de situacións se repita”, lamentaron. A organización dixo non ter constancia de que se estea a facer unha investigación ao respecto, e pediu revisar o estado das infraestruturas de saneamento e depuración, entre outras actuacións.

Falece en Vigo o pintor ourensán Antón Puído aos 81 anos de idade

0

O pintor, gravador e xestor cultural Antón Pulido faleceu nas últimas horas nun hospital de Vigo, cidade na que estaba asentado, aos 81 anos. Pulido, nado en Bóveda de Amoeiro en 1944, trasladouse na súa xuventude a Barcelona para estudar Belas Artes, nas especialidades de pintura e gravado, e ao longo da súa traxectoria desempeñou tarefas docentes e de xestión cultural, ademais de destacar como pintor e como ilustrador editorial en Ir Indo.

Na década dos 80 instalouse na cidade olívica e impartiu docencia no ensino secundario. Foi director xeral de Cultura da Xunta e en 1993 converteuse no primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Entre os recoñecementos que recibiu ao longo da súa vida está o nomeamento como Vigués Distinguido en 2006, o Premio da Crítica de Galicia nas artes plásticas e visuais (2014) e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo en 2015. Ademais, en 2008 foi nomeado Fillo Predilecto de Amoeiro.

CABALLERO DESTACA O LEGADO DE PULIDO

O alcalde da cidade Olívica, Abel Caballero, trasladou o seu pésame polo falecemento do pintor, ao quedefiniu como “grande artista”, “grande amigo persoal” e “persoa excepcional”.

O rexedor destacou tamén a súa faceta como mestre de pintura e gravado e a súa actividade docente na cidade. “Déixanos tristura e un grande legado”, afirmou.

Caballero expresou ademais o apoio á familia de Pulido e asegurou que o artista seguirá presente na memoria viguesa. “Esta cidade quérete e recórdache”, concluíu.

Suspendida a chegada do ‘Kate Tenacity’ da Flotilla da Liberdade a Vigo por unha avaría no barco

A chegada a Vigo do “Kate Tenacity”, da Flotilla da Liberdade cara a Gaza, foi aprazada debido a unha avaría no barco, segundo informou a organización.

Esta incidencia obrigou a deter a nave no porto de Santander para a súa reparación, informaron, aínda que sinalaron que, malia non haber actos de recepción en Vigo, se manteñen os actos solidarios porque a intención é expresar a solidariedade co pobo palestino.

O barco da Flotilla da Liberdade agarda poder retomar a navegación nos vindeiros días rumbo a Gaza “para romper o bloqueo da Franxa, denunciar a ocupación de Palestina, a limpeza étnica e o xenocidio”.

Vigo activa as súas catro zonas de baixas emisións: os coches sen distintivo ambiental xa non poden circular por elas

0

O Concello de Vigo puxo en marcha este xoves as catro zonas de baixas emisións da cidade, despois de que o pleno municipal dese o visto e prace definitivo á normativa a finais do pasado mes de xullo. Segundo fontes do goberno local consultadas por Europa Press, as restricións entraron en vigor este xoves, unha vez que os operarios remataron durante a madrugada de sinalizar as entradas e saídas destas áreas nas distintas rúas da cidade olívica. A normativa saíu adiante no seu día unicamente cos votos do PSOE, mentres que o PP e o BNG se posicionaron en contra do establecemento destas catro zonas de acceso restrinxido para os vehículos máis contaminantes.

En concreto, trátase da Zona Centro, Zona Praza de Portugal, Zona Bouzas e Zona Calvario. A partir de agora, o acceso quedará restrinxido para determinados vehículos contaminantes, aínda que a normativa contempla numerosas excepcións. Poderán acceder os coches censados nestas zonas ou pertencentes a persoas empadroadas nelas, así como os vehículos de empresas ou autónomos que desenvolvan a súa actividade no seu interior.

Tamén estarán autorizados os vehículos dos servizos públicos, como a Policía, os Bombeiros ou as ambulancias, así como as motocicletas e os ciclomotores, aínda que, neste último caso, só poderán acceder entre as 07.00 e as 22.00 horas. Entre as excepcións figuran igualmente os vehículos de mobilidade persoal, como os patinetes, os taxis, os autobuses que presten servizo nestas zonas, as empresas de transporte e os coches de persoas que dispoñan dunha praza de aparcadoiro, entre outros supostos.

UNHA IMPLANTACIÓN EN TRES FASES

A posta en marcha das zonas de baixas emisións realizarase de maneira progresiva e en varias fases. Na primeira, que comezou este xoves, xa non poderán circular por estas áreas os coches que carezan de distintivo ambiental. Nunha segunda fase, as restricións ampliaranse aos vehículos coa etiqueta B. Finalmente, na última etapa da implantación, tampouco poderán acceder ás zonas de baixas emisións os vehículos identificados coa etiqueta C. Deste xeito, Vigo comeza a aplicar desde este xoves un sistema de restricións progresivas ao tráfico en catro ámbitos da cidade, cunha normativa que irá endurecendo os requisitos de acceso a medida que avancen as diferentes fases previstas.

O PP CRITICA A POSTA EN MARCHA “POR SORPRESA” E ADVIRTE DAS FUTURAS MULTAS

Ante a entrada en vigor das zonas de baixas emisións, o concelleiro do PP Miguel Martín criticou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, puxese en marcha esta medida “por sorpresa” e “sen avisar a ninguén”. Martín censurou “o escurantismo, a opacidade e a mentira constante” do rexedor e reprochoulle que siga insistindo en que non haberá sancións. “A día de hoxe segue insistindo en que non haberá multas cando todos sabemos que, tras un período de adaptación, si que se imporán por importe de 200 euros”, afirmou o edil popular, unha contía que, segundo sinalou, está recollida na normativa.

O PP puxo tamén o foco en que as zonas de baixas emisións entraron en vigor sen que estea operativa aínda a aplicación informática necesaria para tramitar os permisos de acceso. “Un auténtico despropósito que xa advertimos que ía pasar e que o único que vai traer é máis confusión entre os condutores. Pero como é posible que as zonas de baixas emisións entrasen en vigor así? A quen se lle ocorre?”, cuestionou Martín.

O concelleiro popular cualificou ademais de “inadmisible” que se comece a vixiar e restrinxir o acceso mediante cámaras de lectura de matrículas mentres o propio Concello non facilita aínda a ferramenta dixital para solicitar as autorizacións correspondentes. Para o PP, esta situación evidencia unha posta en marcha precipitada das zonas de baixas emisións e incrementa, segundo sostén, a confusión e a inseguridade entre os condutores afectados polas novas restricións.

Prisión para dous dos cinco detidos tras desmantelar tres “narcopisos” en Vigo

0

O maxistrado da praza 4 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Vigo, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, de dúas das cinco persoas detidas nunha operación contra o tráfico de drogas levada a cabo na cidade olívica, na que se rexistraron ata tres “narcopisos”. Pola súa banda, o xuíz decretou a posta en liberdade das outras tres persoas arrestadas, dúas delas coa obriga de comparecer perante o xulgado cada 15 días.

Todas elas están investigadas por tráfico de drogas e pertenza a grupo criminal, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A decisión xudicial prodúcese despois de que a Policía Nacional informase este xoves de que axentes pertencentes á Udyco da Comisaría de Vigo-Redondela desartellaron unha organización dedicada ao narcotráfico en Vigo, que se ocupaba tanto da produción como da venda de substancias estupefacientes.

As primeiras pescudas iniciáronse en abril deste ano, cando os investigadores tiveron coñecemento da existencia dun grupo asentado na cidade e vinculado ao narcotráfico. A organización presentaba unha estrutura xerarquizada con tres chanzos claramente definidos: os membros encargados de conseguir a substancia, os responsables da súa elaboración e cocción e, finalmente, os individuos dedicados á súa distribución e venda.

Os axentes determinaron durante a investigación o grao de implicación das distintas persoas responsables en cada un destes niveis. Paralelamente, as pescudas permitiron localizar e documentar os diferentes inmobles e puntos operativos utilizados polo grupo, entre eles os lugares onde se almacenaba a droga, os espazos habilitados para a súa cocción e elaboración e os enclaves desde os que se procedía á súa distribución.

A operación foi instruída pola Sección de Instrución da Praza 4 do Tribunal de Instancia de Vigo, que autorizou as actuacións finais tras a recompilación dos indicios obtidos durante a investigación. Na mañá deste mércores, e de maneira coordinada, levouse a cabo o rexistro dos tres inmobles e a detención das cinco persoas implicadas. A intervención foi executada por axentes da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Comisaría da Policía Nacional de Vigo-Redondela.

CASE UN QUILO DE DROGA E 8.000 EUROS EN EFECTIVO

Como resultado dos rexistros, os axentes incautaron 500 gramos de cocaína, 400 gramos de haxix e 70 gramos de marihuana, substancias localizadas en dous dos puntos operativos vinculados á organización. Nun destes inmobles tamén se localizaron materiais destinados á manipulación e preparación da droga. Durante a operación, a Policía interveu ademais 8.000 euros en efectivo, repartidos entre dous dos domicilios investigados: un situado no barrio de Ribadavia e outro na zona do Calvario. As cinco persoas detidas foron postas este xoves a disposición xudicial. Finalmente, dúas delas ingresaron en prisión provisional sen fianza, mentres que as outras tres quedaron en liberdade, dúas coa obriga de comparecer no xulgado cada 15 días.

Dous anos e tres meses de prisión para o home que atracou e feriu a unha taxista en Vigo

0

O home que asaltou e feriu unha taxista en Vigo aceptou dous anos e tres meses de prisión como autor dun delito de roubo con violencia e doutro de lesións, e terá que indemnizar a vítima polos danos causados e polo diñeiro subtraído.

Na vista de conformidade celebrada esta mañá na sección penal, praza 3, do Tribunal de Instancia de Vigo, o home, que está na prisión da Lama e interveu por videoconferencia, recoñeceu os feitos e aceptou dous anos e tres meses de cárcere. Tamén terá que aboar unha multa de 20 euros.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos remóntanse á tarde do pasado 9 de abril, cando este home colleu o taxi na parada da rúa Ecuador, ao lado do Corte Inglés, e pediulle á condutora que o levase á rúa Cortellas, no barrio de Lavadores. Unha vez alí, sacou unha navalla e, poñéndolla á altura da cara, esixiulle á taxista que lle entregase a recadación dese día, un total de 350 euros. Ademais, arrincoulle das mans un monedeiro que contiña outros 50 euros e causoulle á muller un corte superficial na meixela e nun dedo.

Por estes feitos, o ministerio público solicitaba ata 4 anos e 9 meses de cárcere, aínda que finalmente a pena foi rebaixada.co solicitaba ata 4 anos e 9 meses de cárcere, aínda que finalmente a pena foi reducida.

Cinco detidos e rexistros en tres ‘narcopisos’ nunha operación contra o tráfico de drogas en Vigo

0

A Policía Nacional informou de que axentes pertencentes á Udyco da Comisaría de Vigo-Redondela desarticularon unha organización dedicada ao narcotráfico en Vigo, que se ocupaba tanto da produción como da venda de droga.

Segundo explica nun comunicado, as primeiras pescudas iniciáronse en abril deste ano, cando os investigadores tiveron coñecemento da existencia dun grupo asentado na cidade de Vigo e vinculado ao narcotráfico.

A organización presentaba unha estrutura xerarquizada con tres niveis definidos, integrados polos membros encargados de conseguir a substancia, os responsables da súa elaboración e cociñado e, finalmente, as persoas dedicadas á súa distribución e venda. Os axentes determinaron o grao de implicación dos distintos responsables en cada nivel.

Paralelamente, as pescudas permitiron localizar e documentar os distintos inmobles e puntos operativos utilizados polo grupo, entre eles os lugares onde se almacenaba a substancia, os espazos habilitados para o seu cociñado e elaboración e os enclaves desde os que se procedía á súa distribución. A operación foi instruída pola Sección de Instrución do Tribunal de Instancia Plaza Cuatro, que autorizou as actuacións finais tras a recompilación dos indicios obtidos durante a investigación.

Así, na mañá deste mércores, e de xeito coordinado, levouse a cabo o rexistro dos tres inmobles e a detención dos implicados, intervención que foi executada por axentes da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da Comisaría de Policía Nacional de Vigo-Redondela.

DROGA E DIÑEIRO INCAUTADOS

Finalmente, os axentes incautáronse de 500 gramos de cocaína, 400 gramos de haxix e 70 gramos de marihuana, substancias localizadas en dous dos puntos operativos vinculados á organización. Así mesmo, nun destes inmobles tamén se localizaron materiais destinados á manipulación e preparación da droga. Durante os rexistros interviñéronse ademais un total de 8.000 euros en efectivo, repartidos entre dous dos domicilios: un situado no barrio de Ribadavia e outro na zona do Calvario. Este xoves os cinco detidos foron postos á disposición xudicial.

Memoriais do Calvario: o asasinato do sastre socialista

0

​Sentámonos nunha das mesas do fondo, na da esquina de sempre. Faigo un signo a Pucho e pedimos un par de viños tintos. Aquí, no El Mus —na rúa Gregorio Espino, case esquina con Urzaiz—, o balbordo da rúa apáxase un pouco e é onde mellor se abren os cairos da memoria. Pucho apoia os cóodos na madeira e comeza a desfacer os recordos dun barrio que el coñece coma a palma da súa man.
​—Escoita, Pucho —préguntolle, dándolle un trago ao vaso—, ti que viches cada pedra do Calvario, cóntame como o fixo túa nai para sacar adiante tanta criatura despois de que matasen a teu pai. Porque o voso non debeu ser doado…
​Pucho mírame, suspira fondo e nega coa cabeza, coma se o peso daqueles anos aínda lle encollese o peito.
​A loita dunha nai e o sastre do Calvario
​”Mira, nai, Generosa, foi unha auténtica forza da natureza. Despois do que lle fixeron a meu pai, Miguel Gómez Pardo, a vida volcouse por completo. Para sacarnos adiante aos sete irmáns, nai comezou vendendo carne de porco de forma moi precaria, alí fóra, na rúa, aguantando o tipo fronte a todas as dificultades. Non foi ata ben entrados os anos corenta cando, por fin, lle facilitaron un posto dentro do Mercado do Calvario. Alí xa cambiou un pouco a sorte e respiramos algo máis”.
​—Pero teu pai xa era unha institución antes de todo aquilo, non? —insístolle, acomodándome mellor na cadeira—. Sempre me contas que era un home moi querido.
​”Home, e tanto que o era —responde Pucho cun sorriso nostálxico e medio torcido—. Meu pai naceu en Oza dos Ríos en 1901 e chegou a Cangas co seu irmán Francisco en 1919. Instaláronse no Calvario e el montou a súa sastrería a poucos metros da nosa casa, no que hoxe é a peonil de Urzaiz. Era un home presumido, dos que ía sempre impecable, e cun mans prodixiosas para a música: tocaba a guitarra e o contrabajo, e amenizaba as festas no Liceo. Pero é que ademais encantáballe o río. As fins de semana andaba con Ruade, o barbeiro, a pescar ao Lagares. Levábame da man polas tardes á pesca do ‘Rosario’ —así lle petaba chamar a aquela liña chea de anzós que cruzaba de lado a lado da auga—, e ao mediodía o prato obrigado na casa eran as anguias fritas. Eramos felices, ou polo menos viviamos en paz”.
​A bixeza de Martín Lago
​—Con todo, a política e o odio cairos enriba coma unha losa —dígolle, vendo como o seu rostro volve endurecerse ao lembrar o zarpazo do 36.
​”Non foi a política, foi a pura maldade e a vinganza dun misérable: Martín Lago. Meses antes do levantamento, ese falanxista do barrio intentou desahuciar a unha viúda con seis fillos por falta de pago, ameazándoa con botarlle os mobles á rúa mentres ela vendía polas feiras. Meu pai, que non tragaba coas inxustizas, plantóuselle diante e díxolle que, se se atrevía a facer semellante crueldade aproveitando que a nai non estaba, el mesmo collería os cinco críos menores e lles os plantaríalle ao xuíz en Vigo. Os veciños armáronse de valor e apoiáronno, así que Martín Lago tivo que frear o desafiuzamento. Pero o odio non se esquece. En canto deron o golpe, denunciouno á Garda Civil por tenencia de armas”.
​—E túa nai intentou advertilo, non si? —préguntolle, sabendo de memoria a dor de esa escena.
​”Si, home, si. Nai suplicáballe: ‘Miguel, escápate por Portugal, que tes pasaporte, rumórase que están fusilando á xente do Calvario’. Pero meu pai, coa conciencia máis limpa ca unha patena, xamais pensou que aquilo fose rematar así. ‘Por que me vou escapar se eu non fixen mal a ninguén?’, repetía. Ese foi o seu único pecado, crer que a lei e a decencia aínda importaban”.
​O Castro e o eco dos disparos
​—Detivéronno o 28 de julio, non? —susurro, case temendo a resposta.
​”O 28 de xullo do 36. Encerráronno no Frontón e logo na cadea de Vigo. Fíxate como sería a farsa daquilo, que no primeiro xuízo o absolveron. ¡Declarárono inocente da patraña das armas! Pero deulle igual, xa tiñan a sentenza escrita. Condenáronno a morte nun proceso totalmente amañado e subíronno ao Monte do Castro, alí onde hoxe segue ese monumento fascista que o Concello se nega a retirar. Era o 30 de outubro de 1936. Obligáronnos a unha despedida macabra: puxeron unha mesa con froita mentres estabamos alí presentes con el, nai e nós. Estivemos dende as doce ata as dúas da tarde. Ás catro, tras mandarnos marchar á forza, escoitamos os disparos dos fusís. Fusilaron a catro, entre eles a meu pai e aos seus íntimos, Pastor e Manuel Bua”.
​—É terrible pensar que os verdugos remataron con honores e os inocentes nunha fosa… —dígolle, apurando o que queda no meu vaso.
​”Iso é o que quema por dentro —conclúe Pucho, mirando cara á barra de El Mus—. Eu dediquei a miña vida a remover a memoria do que pasou, a levantar a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 e a militar onde fose preciso para que isto non caia no esquecemento. Pero mira que ironía: meu pai fusilado e tirado a unha fosa, e o doutor Martín Lago, o seu delator, cunha rúa rotulada co seu nome no pleno corazón do Calvario. Menos mal que polo menos nos queda este rato aquí, charlando entre amigos, para poñer as cousas no seu sitio”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed