Inicio Blog Páxina 34

Os 47 alumnos de ‘Vigo en Inglés’ retoman a viaxe tras quedar atrapados en Madrid pola cancelación do voo

Un grupo de alumnos do programa “Vigo en Inglés” partiu xa desde Madrid cara a Londres nun novo voo na tarde deste mércores, despois de que o martes quedasen en terra no aeroporto da capital pola cancelación do seu avión debido ás incidencias técnicas rexistradas no sistema británico de control aéreo. Segundo fontes do goberno local consultadas por Europa Press, buscouse unha alternativa para os 47 mozos que non puideron continuar a súa viaxe por mor deste problema. Así, parte dos alumnos xa están voando cara a Londres, mentres que o resto do grupo está a embarcar para chegar tamén esta tarde á capital británica.

Todo isto despois de que o Concello de Vigo, xunto coa concesionaria do programa, tratase de resolver a situación durante as últimas horas. Os 47 alumnos tiveron que pasar a noite nun hotel de Madrid, onde permaneceron aloxados á espera de que se atopase unha alternativa que lles permitise retomar a viaxe. A incidencia produciuse este martes, cando o grupo partiu cara a Madrid para continuar posteriormente a Londres, pero a cancelación do voo por problemas técnicos no sistema británico de control aéreo obrigou a interromper o desprazamento. Finalmente, este mércores puideron retomalo e a previsión é que todo o grupo chegue a Londres ao longo da tarde.

Detido en Mos con 26 doses de heroína preparadas para a venda

0

Axentes da Policía Local de Mos detiveron un home de 49 anos como presunto autor dun delito de tráfico de drogas, tras atopalo con 26 doses de heroína preparadas para a súa venda. Os feitos aconteceron na tarde deste martes, cando unha patrulla observou dúas persoas debaixo dun lavadoiro na estrada entre O Porriño e Redondela, nunha actitude sospeitosa.

Ao decatarse da presenza policial, ambas se separaron rapidamente, polo que os axentes procederon a identificalas e a comprobar as súas pertenzas. Nun envoltorio de plástico que levaba unha delas, os policías atoparon 24 doses de heroína envoltas en papel de aluminio, ás que se sumaron outras dúas doses localizadas noutros dous envoltorios. Segundo informou a Policía Local, a substancia xa estaba preparada para a súa venda por doses.

Os axentes tamén lle interviñeron 210 euros en efectivo, distribuídos en billetes de 50, 20 e 10 euros; un teléfono móbil; dúas navallas; e dúas “pipas” para o consumo de droga. A segunda persoa identificada manifestou que era consumidora de estupefacientes. Os policías comprobaron que non levaba droga enriba e que unicamente portaba útiles para o seu consumo.

OUTRO DETIDO POR UNHA ORDE XUDICIAL

Doutra banda, a Policía Local de Mos, en colaboración coa Garda Civil, detivo este mércores pola mañá un home de 34 anos sobre o que pesaba unha orde xudicial de busca, detención e presentación emitida por un xulgado de Oviedo, en Asturias. A Policía Local recibiu un aviso da Garda Civil e desprazouse até un establecemento de Mos, onde localizou e detivo o home. Posteriormente, foi trasladado a dependencias policiais para a práctica das dilixencias correspondentes e, a continuación, entregado á Garda Civil.

A Fiscalía pide case cinco anos de prisión para un acusado de atracar e ferir unha taxista en Vigo

A sección penal, praza 3, do Tribunal de Instancia de Vigo celebrará este xoves o xuízo contra un home acusado de atracar unha taxista e ferila cunha navalla durante un servizo realizado na cidade. A Fiscalía solicita para el unha pena de catro anos e nove meses de prisión, ademais dunha multa e do pagamento dunha indemnización á vítima.

Os feitos que serán xulgados producíronse, segundo recolle o escrito de acusación do Ministerio Público, na tarde do 9 de abril. O acusado tería subido ao vehículo na parada de taxis situada na rúa Ecuador, nas proximidades de El Corte Inglés, e solicitado á condutora que o trasladase ata a rúa Cortellas, no barrio vigués de Lavadores.

Ao chegar ao destino, sempre segundo a versión da Fiscalía, o home sacou unha navalla e colocouna á altura da cara da taxista para esixirlle que lle entregase o diñeiro que levaba recadado durante a xornada.

A acusación sostén que a condutora lle entregou 350 euros, aos que se sumarían outros 50 euros que o acusado tería collido tras arrincarlle das mans un moedeiro. O botín ascendería así a un total de 400 euros.

CORTES NA MEIXELA E NUN DEDO

Durante o episodio, a muller sufriu un corte superficial na meixela e outro nun dedo, lesións que a Fiscalía atribúe á utilización da navalla durante o roubo.

O Ministerio Público considera que estes feitos son constitutivos dun delito de roubo con violencia e uso de instrumento perigoso e doutro delito de lesións. Por ambos pide que o acusado sexa condenado a catro anos e nove meses de cárcere.

A petición da Fiscalía inclúe tamén unha multa de 600 euros. En concepto de responsabilidade civil, solicita que o procesado indemnice a taxista con 800 euros, unha cantidade coa que se pretende compensar tanto o diñeiro subtraído como os prexuízos derivados das lesións sufridas.

StartTIC, a incubadora de Zona Franca para dar un “impulso definitivo” a 30 proxectos tecnolóxicos innovadores

O Consorcio da Zona Franca de Vigo inaugurou este mércores a súa nova incubadora de Alta Tecnoloxía StartTIC, co obxectivo de dar un “impulso definitivo” a 30 proxectos innovadores. No acto de benvida, a primeira persoa en intervir foi o delegado do Estado, David Regades, quen celebrou a primeira edición desta aceleradora e destacou que a convocatoria recibiu máis de 90 proxectos, dos que 30 foron seleccionados.

Regades puxo en valor a importancia da colaboración público-privada, “fundamental” á hora de impulsar novas iniciativas emprendedoras. Tamén quixo subliñar o peso que o emprego tecnolóxico ten na área de Vigo, que supera o 13,5% do total, máis do dobre que a media estatal (6%).

O presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, José García Costas, que promove StartTIC, indicou que a incubadora asesorará e acompañará os proxectos para lles permitir medrar. “Ese é o obxectivo”, reivindicou.

O xerente do Centro Tecnolóxico Gradiant, Fernando Jiménez, que tamén impulsa a aceleradora, amosou o seu orgullo por poder axudar ao crecemento destes novos proxectos, e agarda que acaden o éxito, mentres que Javier Collado, director xeral da Fundación Instituto Cameral para la Creación y Desarrollo de la Empresa (Incyde), que financia StartTIC, agradeceu o labor de todos os emprendedores e confiou en que todos os proxectos sexan moi pronto unha realidade.

O encargado de pechar o acto foi o alcalde de Vigo e presidente de Zona Franca, Abel Caballero, quen avanzou que el mesmo se reunirá a semana que vén co ministro de Hacienda, Arcadi España, para solicitar máis recursos para este tipo de iniciativas. “A inmensa maioría destes proxectos van ser grandes proxectos de éxito, porque se dan as circunstancias“, reivindicou Caballero, subliñando a importancia desta aceleradora.

PROXECTOS

Segundo destacaron, a maior parte das iniciativas seleccionadas son de Vigo (14), aínda que tamén hai doutras zonas da área viguesa como Cangas, Tui, Marín ou Mos; do resto de Galicia: A Coruña, Lugo, Pontevedra, Ourense, Santiago e Vilagarcía; doutros puntos de España como León; e un proxecto procedente de Portugal. Na maioría dos casos trátase de proxectos de recente creación ou en fases temperás de desenvolvemento, aínda que tamén destaca a presenza de startups e proxectos constituídos, que supoñen case un terzo do total.

A hostalería carga contra a taxa turística de Vigo: “Non hai masificación e pode prexudicar a economía local”

A Federación Empresarial de Turismo e Hostalería de Pontevedra (Feprotur) lamentou que a taxa turística aprobada polo Concello de Vigo “carece de xustificación” e advertiu de que “pode prexudicar a economía local” nunha cidade na que, segundo sostén, “non hai masificación”. Nun comunicado, os empresarios explicaron que a taxa turística nace como unha ferramenta para facer fronte aos efectos da masificación nos grandes destinos turísticos, onde a presión sobre os servizos públicos, as infraestruturas e o espazo urbano é constante.

“Consideramos que esta realidade dista moito da situación de Vigo, que rexistra aumentos significativos de visitantes durante eventos concretos, festividades ou determinados períodos do calendario, pero non soporta unha presión turística continuada ao longo do ano”, apuntaron. Ademais, engaden, os problemas “puntuais” de saturación que pode experimentar Vigo débense principalmente ao elevado volume de visitantes procedentes doutros concellos e localidades, atraídos por eventos como o Nadal ou O Marisquiño.

Porén, segundo incide Feprotur, a maior parte deses visitantes acoden á cidade sen pernoitar nela, polo que non se verían afectados directamente por unha taxa vinculada ao aloxamento. A federación sinala que na cidade hai entre 4.000 e 5.000 prazas hoteleiras e arredor de 16.000 prazas de aloxamento turístico en total. “Mesmo nun escenario de ocupación completa, a cidade tería unha proporción aproximada dunha praza turística por cada 19 habitantes, unha cifra moi afastada da dos destinos que sofren unha saturación estrutural”, subliñan.

Neste sentido, os empresarios consideran que Vigo “dispón de capacidade suficiente para absorber o volume de visitantes que recibe” sen que iso supoña unha sobrecarga permanente para a cidade nin para os seus servizos públicos. A directiva de Feprotur manifesta tamén a súa preocupación por unha medida que considera pouco axustada á realidade turística de Vigo e unha carga administrativa engadida para os pequenos establecementos e aloxamentos.

“Gravar a chegada de visitantes pode resultar contraproducente, xa que calquera incremento no custo da viaxe pode influír na elección do destino”, critican. A federación considera que este efecto pode ser especialmente relevante nun destino que aínda busca consolidar o seu posicionamento turístico e atraer novos visitantes, polo que insiste en que a taxa podería acabar afectando á competitividade da cidade fronte a outros destinos.

A Audiencia condena a case 17 anos de prisión o home que prendeu lume á súa exparella en Vigo

0

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 16 anos, 11 meses e 29 días de prisión a Borja R. polos delitos de malos tratos habituais e asasinato en grao de tentativa, despois de considerar probado que tentou matar a súa exparella en Vigo botándolle gasolina por riba e prendéndolle lume.

Os feitos ocorreron na mañá do 14 de setembro de 2024, poucas semanas despois de que a vítima puxese fin á relación sentimental. Segundo recolle a resolución xudicial, o acusado agardou por ela cando saía da vivenda familiar para acudir ao seu posto de traballo.

Nese momento, achegouse por detrás, agarrouna do pelo e arrastrouna, ao tempo que lle advertía de que se ía “decatar”. A continuación, verteu gasolina sobre o corpo da muller, prendeulle lume e despediuse dela cun “adeus”.

A vítima comezou a rodar polo chan para intentar sufocar as chamas, mentres o acusado permanecía ao seu carón. Segundo os feitos considerados probados pola Audiencia, a muller decidiu quedar inmóbil para facerlle crer que xa non podía reaccionar e conseguir que marchase.

Cando o procesado empezou a abandonar o lugar, ela intentou avanzar cara á porta para pedir axuda. O home volveu entón sobre os seus pasos e tratou de impedirlle chegar á saída, aínda que a intensidade das chamas fixo que finalmente desistise e fuxise.

A muller conseguiu alcanzar unha mangueira e botarse auga sobre o corpo, mentres gritaba para alertar os seus familiares.

O ataque provocoulle á vítima queimaduras de segundo e terceiro grao en case o 30% da superficie corporal. A gravidade das lesións obrigou ao seu ingreso na Unidade de Coidados Intensivos, onde permaneceu en coma durante aproximadamente un mes.

Ademais do proceso de recuperación física, a sentenza sinala a existencia de secuelas estéticas, físicas e psicolóxicas. Entre elas figura unha síndrome de tensión postraumática pola que a muller precisa continuar recibindo atención psicolóxica.

A Audiencia tamén analiza na súa resolución o comportamento do condenado durante a relación sentimental. O tribunal considera probado que controlaba, insultaba e menosprezaba á súa parella, así como que non asumiu a decisión dela de rematar a relación.

Os maxistrados sosteñen que Borja R. actuaba desde un sentimento de superioridade e posesión, coa intención de exercer dominio sobre a vítima e de sometela a unha situación continuada de menosprezo.

Durante o xuízo, o acusado afirmou que non lembraba os feitos e asegurou estar arrepentido. Tamén alegou que era consumidor de drogas e atribuíu parte das discusións da parella ao comportamento da vítima, á que cualificou de posesiva e celosa.

Porén, a Audiencia conclúe que non quedou acreditada ningunha alteración psíquica nin un estado de intoxicación que permitise aplicar unha atenuante. Tampouco considera que se dean os requisitos para apreciar a circunstancia atenuante de confesión.

Fronte á versión do procesado, o tribunal outorga credibilidade á declaración da vítima, que cualifica como “clara, coherente, precisa, concreta e centrada”. Os maxistrados sinalan ademais que non detectaron ningún ánimo espúreo no seu relato e destacan que este foi apoiado polas declaracións doutras testemuñas.

Para a sala, o testemuño da muller “responde á realidade do vivido”.

MÁIS DE TRES DÉCADAS SEN PODER ACHEGARSE Á VÍTIMA

A Audiencia condena o acusado como autor dun delito de malos tratos habituais e doutro de asasinato en grao de tentativa, neste último caso coa aplicación das circunstancias agravantes de parentesco e xénero.

As diferentes penas de prisión impostas suman 16 anos, 11 meses e 29 días. A resolución tamén lle prohibe comunicarse ou achegarse á súa exparella durante 31 anos e establece unha prohibición de portar armas durante tres anos.

No ámbito económico, o tribunal fixa indemnizacións próximas aos 840.000 euros para compensar as lesións, as secuelas e o dano moral sufrido pola vítima, así como os gastos médicos derivados das consecuencias da agresión.

A Audiencia, pola contra, absolve a Borja R. do delito de acoso do que tamén estaba acusado.

Caballero garantiza a auga a Baiona un día despois de dicir que podía cortarlla: “É porque a Xunta non fai nada”

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este martes que garante a subministración de auga ao municipio veciño de Baiona “todo o tempo que a necesite”, aínda que volveu reclamar á Xunta unha solución integral para o abastecemento da área e a construción dunha segunda presa no río Oitavén.

Horas despois de afirmar que a cidade non ten obriga de subministrarlle auga a Baiona e de que podía cortar a subministración, e despois de que a Xunta advertise de que Augas de Galicia podería intervir para garantir a auga para os baioneses, o alcalde aclarou que esa subministración se manterá “todo o tempo que sexa preciso”. “Por moito que a Xunta se empeñe, seguiremos dándolle auga a Baiona (…), onte déronse 10 litros por segundo, hoxe piden un pouco menos e darémoslle toda a que necesite”, proclamou.

Con todo, volveu insistir en que a Xunta non está a facer “nada”, e que é o Concello vigués o que está a actuar, non para garantir o abastecemento a Baiona, senón para amañar os problemas das conducións a Moaña ou a Redondela. “E que fai a Xunta de Galicia? Nada. Nada. Protestar, ameazar. E améazanos porque lle damos auga a Baiona”, afirmou o rexedor, que insistiu na necesidade dunha “solución global”, que inclúa unha segunda presa no Oitavén “para non ter que estar con restricións en ningún momento”.

“Garantímoslle a auga a Baiona todo o tempo que a necesite. É a solidariedade e a proximidade de Vigo”, sentenciou.

Un coche sae da vía na VG-20 de Vigo e provoca retencións ao quedar no medio da calzada

0

A autovía VG-20 de Vigo volveu rexistrar un novo accidente na tarde deste martes, que se saldou sen feridos, aínda que provocou retencións na zona debido a que o vehículo accidentado obstaculizaba a circulación. Segundo fontes do 112 Galicia consultadas por Europa Press, os feitos ocorreron pasadas as 19.30 horas, cando os primeiros alertantes informaron de que un turismo saíra da estrada e acabara chocando contra o quitamedos, quedando posteriormente no medio da vía.

Con todo, todos os ocupantes do coche puideron saír polos seus propios medios e, aparentemente, non resultaron feridos. Ata o lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico e do Servizo de Mantemento da estrada, co obxectivo de garantir a seguridade na zona e restablecer a circulación.

Caballero asegura que Vigo xa abastece Baiona e advirte: “Podo cortar mañá a subministración”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este luns que Baiona xa está a recibir auga procedente do sistema vigués e insistiu en que o Concello olívico “non está obrigado” a prestar este servizo. “Podo cortar mañá a subministración a Nigrán e a Baiona”, chegou a advertir o rexedor en declaracións remitidas aos medios. Caballero reivindicou que Vigo “acaba de resolver un problema importantísimo” de Baiona, municipio que, segundo afirmou, “estaba a piques de quedar sen auga”, e contrapuxo a actuación do Concello coa da Xunta.

“Se Vigo non chegase a intervir, e quérollo dicir aos cidadáns de Baiona, a Xunta de Galicia deixaría Baiona sen auga”, sostivo. As declaracións chegan despois de que a Consellería de Medio Ambiente rexeitase que o abastecemento a Baiona se presentase como unha mostra de xenerosidade de Vigo e lembrase que a auga é un recurso público e que o propio plan municipal de xestión do risco de seca contempla a posibilidade de achegar auga ao Val Miñor.

“QUEN LEVA A AUGA A BAIONA É VIGO”

Caballero replicou que, ao seu xuízo, a cuestión fundamental non é a titularidade do recurso, senón quen dispón das infraestruturas necesarias para facelo chegar aos municipios. “O que importa é como se sostén un encoro e como se leva a auga aos concellos. E quen leva a auga ao Concello de Baiona é Vigo”, afirmou. Segundo explicou, o Concello modificou parcialmente o seu sistema de abastecemento para liberar recursos do encoro de Zamáns.

Áreas como Valladares, Zamáns e Saiáns, que anteriormente recibían auga deste encoro, están sendo abastecidas mediante auga procedente de Eiras bombeada ata o depósito de Valladares. “Estamos facendo un bombeo e abastecemos zonas enteiras de Valladares, de Zamáns e de Saiáns a través de bombear auga ao depósito de Valladares e darlle desde alí en vez de darlle desde o encoro de Zamáns”, explicou. O alcalde incidiu ademais en que esta operación ten un custo económico: “Por certo, custa cartos bombear”.

NOVO CHOQUE COA XUNTA

Caballero volveu criticar a resposta da Xunta, que sostén que Vigo non pode presentar o abastecemento a Baiona como unha concesión voluntaria. “En vez de agradecer a xenerosidade de Vigo, din que estamos obrigados. Non, non, non estamos obrigados”, respondeu. O rexedor insistiu en que o Concello podería interromper esa achega e utilizou esa posibilidade para defender que se trata dunha decisión municipal. A disputa entre ambas administracións esténdese tamén ao estado da rede de abastecemento viguesa.

Caballero reiterou que as fugas da rede municipal se sitúan pouco por riba do 6%, fronte ao dato superior ao 20% que atribúe a Augas de Galicia. O alcalde cualificou esa discrepancia como unha mostra da “desvergoña política da Xunta de Galicia” e acusou o Goberno autonómico de “atacar Vigo” cando, segundo defendeu, é o Concello quen está asumindo funcións que corresponderían á administración autonómica. Finalmente, Caballero volveu reclamar o cesamento da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

A XUNTA ADVIRTE A CABALLERO DE QUE AUGAS DE GALICIA INTERVIRÁ SE AMEAZA CON CORTAR A AUGA A BAIONA E NIGRÁN

A Xunta de Galicia advertiu este martes ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, de que Augas de Galicia intervirá para garantir o abastecemento a Baiona e Nigrán se o rexedor persiste na súa “actitude ameazante”. Así o trasladou a delegada territorial do Goberno galego en Vigo, Ana Ortiz, que insistiu en que Caballero “sabe ou debería saber que a auga non é da súa propiedade”.

Segundo subliñou Ortiz, a subministración deste recurso público á poboación é “unha obriga incompatible coa arbitrariedade dun alcalde que pretende utilizala como instrumento de confrontación política”. As declaracións chegan despois de que Caballero afirmase que Vigo xa está a subministrar auga a Baiona desde este luns, malia soster que non está obrigado a facelo, e advertise de que podería “parar mañá” esa achega.

A XUNTA ACUSA A CABALLERO DE ACTUAR “DE MANEIRA TOTALMENTE INSOLIDARIA”

A delegada territorial acusou o alcalde de Vigo de servirse da auga “de maneira totalmente insolidaria” nun contexto de escaseza. Segundo afirmou, Caballero pretende “atribuírse a potestade de decidir unilateralmente quen pode ter auga e quen non”. Ortiz advertiu de que, se o rexedor mantén esa posición, a administración autonómica actuará para asegurar a continuidade da subministración aos dous municipios do Val Miñor. “De persistir na súa actitude ameazante, sería Augas de Galicia quen interviría, coa lei na man, para garantir a subministración a Baiona e a Nigrán”, concluíu.

Vigo volve esixir á Xunta e á Deputación que paguen a terzos as rutas de Peinador

O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns, por sétima vez no que vai de ano, unha moción do grupo socialista para reclamar á Xunta e á Deputación de Pontevedra que cofinancien, xunto coa administración local, a implantación de rutas no aeroporto de Peinador. A proposta, similar ás debatidas xa nos plenos de xaneiro, marzo, abril, maio, xuño e xullo, reclama que as tres administracións acheguen financiamento a partes iguais para licitar contratos de promoción turística destinados a aeroliñas que establezan conexións desde o aeroporto vigués.

O voceiro do Goberno local, Carlos López Font, pediu á Xunta e á Deputación “deixarse de mentiras” e asumir que, ao seu xuízo, “os voos se conseguen con contratos publicitarios directos”, como asegura que acontece noutras cidades galegas. Por iso, cualificou de “ridícula” a proposta de financiar campañas de promoción no destino sen vinculalas directamente á implantación de rutas. “Publicidade sen avións? Sen destinos concretos?”, cuestionou. López Font insistiu en que “a Xunta e a Deputación teñen que implicarse e pagar a terzos” e asegurou que AENA avala a posición do Concello, ao tempo que acusou o PP de non apoiar historicamente Peinador.

PP REIVINDICA O PACTO POR PEINADOR

Desde o Partido Popular, a súa voceira municipal, Luisa Sánchez, defendeu o chamado Pacto por Peinador, do que, segundo lembrou, se desmarcou o alcalde, Abel Caballero. “A cultura do alcalde non é pactar, é rebentar todo para logo vender agravios e vitimismo”, criticou. Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, cuestionou que o Concello asuma competencias en materia aeroportuaria cando, segundo apuntou, non lle corresponden. “Son competentes para o que queren”, ironizou. O nacionalista lembrou ademais que o modelo municipal de subvención a aeroliñas custou case 12 millóns de euros nos últimos anos e sostivo que, a pesar dese investimento, Peinador conta actualmente coa “menor oferta de rutas”.

UN DEBATE TAMÉN EN CLAVE ELECTORAL

Na súa quenda final, López Font rexeitou o pacto formulado polo PP, ao considerar que suporía que “pague o Concello”. O voceiro socialista levou tamén o debate ao terreo electoral e acusou Luisa Sánchez, candidata do PP á Alcaldía, de buscar “publicidade” de cara ás próximas eleccións. Segundo afirmou, a dirixente popular pretende que “figure o logo da Deputación” nas actuacións de promoción aeroportuaria e vaticinou que seguirá “o mesmo camiño que as súas antecesoras”, abandonando o Concello tras os comicios. “O que vostede quere é publicidade nunha campaña electoral que vai perder”, concluíu. A moción saíu finalmente adiante cos votos do PSOE e o rexeitamento do PP e do BNG.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed