Inicio Blog Páxina 35

Unha muller e un neno, trasladados ao Álvaro Cunqueiro tras un incendio nunha vivenda de Vigo

0

Unha muller e un neno tiveron que ser trasladados ao Hospital Álvaro Cunqueiro tras un incendio rexistrado este luns nunha vivenda situada en Camiño da Brea, en Vigo. Segundo informou o 112 Galicia, o suceso produciuse minutos antes das 14.30 horas e foi o propio menor quen deu a voz de alarma. Na chamada indicou que estaba ardendo a cociña da vivenda e que a súa nai estaba tentando apagar as lapas. A muller conseguiu finalmente sufocar o lume, aínda que sufriu queimaduras nunha man e precisou asistencia sanitaria.

Pola súa banda, o neno inhalou fume, polo que tamén tivo que ser atendido polos servizos de emerxencias. Ata o lugar desprazáronse profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Vigo, Policía Nacional e Policía Local. Á súa chegada, os bombeiros confirmaron que o incendio xa estaba extinguido. Tanto a muller como o menor foron posteriormente trasladados ao Hospital Álvaro Cunqueiro para recibir atención médica.

Vigo dá luz verde á taxa turística: de 0,80 a 2 euros, segundo o aloxamento

O pleno de Vigo aprobou este luns, cos votos favorables do goberno local socialista e o voto en contra do PP e do BNG, a taxa turística que se implantará, de xeito progresivo, a partir do 1 de outubro e que gravará as persoas visitantes con cantidades de entre 0,80 e 2 euros, segundo o tipo de aloxamento.

A ordenanza estabelece que, para os hoteis de 5 estrelas (normais e superior) e os de 4 estrelas superior, a taxa será de 1,82 euros máis IVE (2 euros); para o resto dos hoteis de 4 estrelas e 3 estrelas, será de 1,46 euros máis IVE (1,60 euros); para o resto de hoteis e pensións a taxa será de 1,09 euros máis IVE (1,20 euros); para as vivendas de uso turístico será de 1,46 euros máis IVE (1,60 euros); para os albergues, campamentos de turismo, estabelecementos de turismo rural, apartamentos e vivendas turísticas será de 0,73 euros máis IVE (0,80 euros).

Así mesmo, estabelece unha taxa turística de 1,20 euros para as estadías en embarcacións de cruceiros turísticos, aínda que neste caso non se aplicará ata o 1 de xullo de 2027. En todo caso, a ordenanza contempla supostos de “recarga cero” e exencións. Así, desde a súa entrada en vigor, prevista para outubro deste ano, ata o 1 de xullo de 2027, haberá recarga cero para a terceira, cuarta e quinta noite, e, a partir de entón, computarase un máximo de cinco noites por cada estadía.

Por outra banda, non estarán suxeitas á taxa as estadías por motivos de saúde (da persoa e das súas persoas acompañantes), as estadías de deportistas federados pola asistencia a competicións, as estadías realizadas por causa de forza maior (derivadas de aloxamentos xestionados a través dos servizos sociais municipais). Ademais, quedan exentas da taxa as persoas menores de idade, as persoas con discapacidade igual ou superior ao 65 %, as estadías subvencionadas por programas sociais dunha administración pública, as estadías nos albergues públicos xestionados pola Xunta a través do Plan Xacobeo e as estadías en albergues xuvenís.

DEBATE PLENARIO

No pleno deste luns, o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu a implantación desta taxa, que é “a máis barata” das cidades da fachada atlántica e máis baixa ca en cidades como A Coruña ou Santiago. “É unha taxa equilibrada, proporcionada”, subliñou, antes de insistir en que a implantación será “progresiva”.

Aneiros sinalou que os ingresos por esta taxa servirán para reforzar a promoción turística da cidade e explicou que foi anunciada “con tempo”, polo que os operadores e o Porto teñen marxe para facer a súa planificación. Mentres, o PP criticou que a ordenanza “non foi froito do consenso” co sector e que mesmo o propio alcalde, Abel Caballero, rexeitou en 2023 estabelecer ese tipo de imposto. Así mesmo, a concelleira “popular” Patricia García reclamou ao goberno local que “concrete” cal será o destino dos fondos que se recaden e concluíu que esta taxa só ten “un fin recadatorio”.

Pola contra, o voceiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, lamentou que, cando os nacionalistas propuxeron implantar unha taxa turística en 2024, o goberno local se opuxo e “ridiculizou” a proposta. Agora, aprobouse unha ordenanza que, segundo remarcou, “é un invento recortado”, que “non responde aos intereses” da cidade. Pérez Igrexas afeou que a taxa non acade o máximo que permite a lei e que mesmo contemple “agasallos fiscais” para os grandes operadores. “Será un fondo para retroalimentar este modelo, de seguir a atraer un turismo masivo”, advertiu, e engadiu que o recadado debería dedicarse a cuestións como a vivenda, o reforzo dos servizos públicos e, en definitiva, a “compensar o impacto negativo” do turismo na cidade.

A Xunta acusa Caballero de tratar a auga como se fose súa e pide unha xestión supramunicipal para Vigo e o Val Miñor

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático cargou este domingo contra o alcalde de Vigo, Abel Caballero, pola forma na que anunciou o abastecemento de auga a Baiona desde este luns, ao considerar que o presentou “como se fose unha doazón ou un acto de caridade”.

“Non se pode presentar como un xesto de xenerosidade aquilo que forma parte da obriga de garantir o abastecemento”, censurou o departamento autonómico. O Concello de Vigo comunicara o sábado que atendería a petición formulada ese mesmo día por Baiona, que atravesa dificultades de subministración. O anuncio veu acompañado de novas críticas á Xunta, á que o Goberno vigués acusou dunha “inacción absoluta” ante a situación hídrica da área metropolitana.

A resposta autonómica chegou este domingo cunha mensaxe directa a Caballero. “O alcalde de Vigo debería deixar de falar da auga como se fose propiedade de Abel Caballero. A auga é un ben público e a súa xestión ten que estar sempre ao servizo do interese xeral e, especialmente, da garantía do abastecemento á poboación”, afirmou a Consellería.

A XUNTA DI QUE O PROPIO PLAN DE VIGO PREVÉ ABASTECER BAIONA

Medio Ambiente lembra que o plan municipal de seca de Vigo recoñece a interrelación do seu sistema de abastecemento con outros concellos e contempla expresamente a posibilidade de achegar auga a Baiona cando sexa necesario. Por iso, o departamento de Ángeles Vázquez rexeita que a operación se presente como unha decisión unilateral ou excepcional do Concello vigués. “O que se presenta como se fose unha concesión graciosa do alcalde de Vigo é en realidade un acordo de cooperación entre os diferentes concellos implicados”, sostén. A Xunta tamén discrepa coa explicación técnica ofrecida polo Concello sobre o funcionamento do dispositivo.

DISPUTA TAMÉN SOBRE COMO CHEGARÁ A AUGA A BAIONA

O Goberno vigués explicou que a auga procedente do encoro de Eiras sería bombeada ata Zamáns para, desde alí, abastecer Baiona a través de Nigrán. A Consellería matiza, con todo, que Eiras e Zamáns constitúen dous sistemas diferentes, aínda que interconectados. Segundo a súa explicación, a auga de Eiras chega mediante o bombeo de Macal ata a estación de tratamento de Valladares para abastecer Vigo.

En situacións de escaseza, pódese reducir ou interromper a achega de Zamáns a Valladares, de maneira que a auga almacenada neste encoro quede dispoñible para a toma de Nigrán e, a través dela, para Baiona. “Non se trata de levar auga de Eiras a Zamáns para despois trasladala a Baiona”, insiste a Xunta, senón de empregar Eiras para cubrir as necesidades de Vigo e liberar así recursos de Zamáns para Nigrán e Baiona.

UN CONSORCIO OU UNHA MANCOMUNIDADE PARA XESTIONAR A AUGA

Máis alá do cruce de acusacións, Medio Ambiente considera que a situación evidencia a necesidade dunha planificación supramunicipal do abastecemento na área de Vigo e o Val Miñor. A Xunta rexeita que a xestión dependa dunha “sucesión de acordos puntuais entre alcaldes” cada vez que se produce un problema de escaseza.

Como alternativa, propón fórmulas como a creación dun consorcio ou dunha mancomunidade, que permitan coordinar os recursos hídricos entre os distintos municipios. O obxectivo, segundo a Consellería, sería garantir unha xestión “coordinada, solidaria e eficiente”. “Ante unha situación de escaseza de auga, o que se agarda dos responsables públicos non é que se apropien politicamente dun recurso público, senón que colaboren para garantir que ningún veciño quede sen auga”, conclúe o departamento autonómico.

Vigo abastecerá de auga a Baiona desde o luns e carga contra a Xunta: “Onde está a Administración que ten que resolver o problema?”

O Concello de Vigo confirmou que atenderá a petición de Baiona e comezará a subministrarlle auga a partir deste luns, ante as dificultades de abastecemento que atravesa o municipio miñorán. A solicitude foi trasladada este sábado a través da empresa concesionaria de Baiona e, segundo explicou o Goberno local vigués, a cidade está preparada para activar o sistema necesario para garantir o servizo. Porén, o Concello de Vigo aproveitou o anuncio para arremeter con dureza contra a Xunta de Galicia, á que acusa dunha “inacción absoluta” ante o problema de abastecemento.

“Vigo está preparado para facilitar auga ao concello veciño, pero que solucións achega a Xunta de Galicia? Onde está a Administración que ten que resolver o problema? Onde está a súa conselleira?”, cuestiona o Goberno vigués nun comunicado. O Executivo local chega mesmo a reclamar a dimisión da responsable autonómica en materia de Medio Ambiente. “Ten que dimitir de forma inmediata porque, se non fose por Vigo, Baiona quedaría sen auga a partir do luns”, sostén.

EIRAS BOMBEARÁ A ZAMÁNS E DESDE ALÍ ABASTECERASE BAIONA

O compromiso para garantir a subministración xa fora abordado hai dúas semanas nun encontro entre o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o rexedor de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña. Caballero comprometeuse daquela a buscar unha solución se a situación empeoraba, algo que agora se concretará mediante o envío de auga procedente do sistema do encoro de Eiras.

O Concello de Vigo advirte, con todo, de que Eiras atravesa tamén unha situación delicada, polo que o operativo obrigará a reorganizar o sistema de abastecemento. A través do bombeo de Macal, a auga será enviada desde Eiras ata Zamáns. A partir de aí, o encoro de Zamáns bombeará ao 100% da súa capacidade, uns 76 litros por segundo, para permitir que a auga chegue a Baiona a través de Nigrán. Deste xeito, Zamáns pasará a abastecer en exclusiva Nigrán e Baiona, co obxectivo de dar unha resposta inmediata ás dificultades de subministración no Val Miñor.

VIGO XA AUXILIARA BAIONA NOUTRAS OCASIÓNS

O Concello lembrou que esta non é a primeira vez que Vigo abastece de auga Baiona en situacións de dificultade. En 2011, o municipio vigués proporcionoulle auga durante case tres meses, mentres que en marzo de 2019 volveu prestar apoio por mor dunha avaría. Tamén o ano pasado Abel Caballero se comprometera a garantir o abastecemento ao concello veciño, aínda que finalmente non foi necesario activar o sistema pola chegada das precipitacións.

EIRAS, “NO NIVEL MÁIS BAIXO DA SÚA HISTORIA”

O conflito político coa Xunta intensifícase nun momento no que, segundo o Concello de Vigo, o encoro de Eiras se atopa “no nivel máis baixo da súa historia”. O Goberno municipal considera que a situación actual reforza a súa reclamación de construír unha nova presa augas arriba do Oitavén, unha proposta que nas últimas semanas xa provocou un cruce de acusacións entre Abel Caballero e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez. Segundo Vigo, esta nova infraestrutura permitiría incrementar a capacidade de reserva e garantir a subministración non só á cidade, senón tamén aos concellos que dependen directa ou indirectamente do sistema de Eiras.

O Concello critica que, malia a situación actual, a Xunta “segue sen querer entender” a necesidade desta obra. “É precisa unha nova presa augas arriba do Oitavén que permita aumentar a capacidade de reserva e garantir a subministración tanto á cidade como aos concellos que dependen directa ou indirectamente desta infraestrutura”, insiste o Goberno local. E conclúe cunha nova crítica ao Executivo autonómico: “Vigo amañando o problema de Baiona e a Xunta na praia”.

Protesta ante Stellantis polo despedimento dunha traballadora dunha auxiliar candidata ás eleccións sindicais

Traballadores de Grupo UB, empresa auxiliar do sector da automoción, concentráronse este venres ante un dos accesos á planta de Stellantis en Vigo para protestar polo despedimento dunha empregada afiliada á CGT e candidata nas próximas eleccións sindicais. Os representantes do persoal sosteñen que o cesamento “non pode analizarse unicamente como un expediente disciplinario illado”, ao producirse, segundo explicaron, despois de conflitos previos coa empresa e nun momento no que a traballadora desenvolvera unha participación activa no ámbito sindical.

O comité relaciona ademais este episodio coa recente sanción imposta a outro afiliado da CGT, circunstancias que, ao seu xuízo, permiten apuntar á posible existencia dun contexto de “represión sindical”. Os representantes dos traballadores destacaron tamén a situación persoal da empregada despedida, unha muller xitana, e advertiron das “dificultades e prexuízos” que, segundo sinalaron, continúan afrontando persoas desta comunidade para acceder e permanecer no mercado laboral. Por este motivo, reclamaron que “a igualdade de trato e a ausencia de discriminación sexan unha realidade tamén dentro das empresas”.

O COMITÉ PON O FOCO TAMÉN NO PAPEL DAS AUXILIARES

Os sindicatos enmarcaron o conflito na estrutura industrial que rodea a factoría viguesa de Stellantis e defenderon que os problemas laborais das compañías auxiliares non poden analizarse de maneira illada. Grupo UB forma parte dese ecosistema e, segundo os representantes do persoal, os seus traballadores desenvolven a súa actividade dentro dun modelo produtivo “condicionado polos ritmos, as exixencias e a organización de Stellantis”.

O comité asegura detectar ademais “unha crecente influencia sobre os procesos de representación sindical nas empresas auxiliares”, aínda que non concretou no comunicado actuacións específicas atribuíbles á compañía automobilística neste caso. Os representantes do persoal insistiron en que o sucedido coa traballadora “non pode quedar sen resposta” e anunciaron que continuarán coas mobilizacións para reclamar unha solución ao conflito.

Vigo acollerá a final de mes o Exercicio Nacional de Loita contra a Contaminación Mariña-POLEX 2026

A Dirección Xeral da Mariña Mercante (DGMM), en colaboración con Salvamento Marítimo (Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable), a Autoridade Portuaria de Vigo, o Servizo de Gardacostas de Galicia, a Dirección Xeral da Costa e o Mar (MITECO) e EMSA (UE), entre outros, promove a celebración do Exercicio Nacional de Loita contra a Contaminación Mariña-POLEX 2026, que se celebrará en Vigo entre o 29 de setembro e o 1 de outubro.

Este exercicio enmárcase nos programas de adestramento e exercicios que establece o Plan Marítimo Nacional, aprobado mediante Orde FOM/1793/2014, co fin de mellorar, mediante a coordinación de entidades e efectivos implicados, a resposta tanto en emerxencias portuarias como en episodios de contaminación mariña.

Así, máis dun centenar de efectivos participarán no desenvolvemento dun ‘workshop’ que revisará as funcións e competencias dos organismos implicados. Ademais, por primeira vez, inclúense no POLEX un exercicio de emerxencia portuaria, que afectará a augas do porto, e un exercicio de actuación ante un episodio de contaminación mariña que se desenvolverá nos ámbitos portuario, marítimo e costeiro, polo que requirirá da coordinación de todas as administracións involucradas.

O coordinador nacional de protección do medio mariño da DGMM, Federico Navarro, sinalou que traballan “de forma intensiva para que este exercicio nacional desenvolver coma se tratásese de emerxencias reais”, nas que todos os implicados deben traballar coordinados, ofrecendo todos os seus medios e coñecementos. “Deste xeito, estaremos mellor preparados para afrontar calquera catástrofe que puidese producirse no mar”, sinalou.

Vigo aprobará o martes a cesión definitiva da parcela para construír a Biblioteca do Estado

0

O goberno municipal de Vigo prevé aprobar de forma definitiva o vindeiro martes a cesión gratuíta ao Ministerio de Cultura dos terreos destinados á futura Biblioteca do Estado, un paso co que o Concello busca completar a tramitación necesaria para avanzar na construción desta infraestrutura cultural.

O alcalde, Abel Caballero, avanzou este xoves a decisión e reclamou á Administración central que comece xa os procedementos para redactar o proxecto do novo edificio. Segundo explicou, o Concello xa puxera a parcela a disposición do Ministerio hai aproximadamente un ano e asegurou ter constancia da existencia dun anteproxecto.

A formalización definitiva da cesión producirase nos próximos días, aínda que o rexedor decidiu anticiparse a ese trámite e remitiu este xoves unha carta ao Ministerio de Cultura para solicitar que se active a seguinte fase do proceso.

“Ten que ser un proxecto singular”, defendeu Caballero, quen volveu cuestionar as posicións mantidas anteriormente pola Xunta sobre a localización e as características da biblioteca. Segundo relatou, desde o Goberno galego chegouse a propoñer que non se levantase un novo inmoble e que a instalación ocupase edificios xa existentes, como os antigos xulgados da rúa Lalín.

Caballero situou o inicio das reclamacións municipais para conseguir unha Biblioteca do Estado en 2007, durante o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. O alcalde sostivo que Vigo é “a cidade máis importante de España que non ten Biblioteca do Estado” e asegurou que daquela o Executivo central aceptara impulsar a infraestrutura.

“Dixéronnos que si”, afirmou o rexedor.

Segundo a versión exposta polo alcalde, coa chegada de Mariano Rajoy á Presidencia do Goberno, o proxecto quedou paralizado e tamén desapareceu a partida orzamentaria que se previra para desenvolver a actuación.

A iniciativa recuperouse posteriormente tras a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa en 2018. Caballero lembrou que os diferentes responsables do Ministerio de Cultura mantiveron desde entón o compromiso coa biblioteca.

Un dos últimos pasos produciuse hai aproximadamente un ano, cando o actual ministro de Cultura, Ernest Urtasun, visitou en Vigo a parcela reservada para a infraestrutura e trasladou ao goberno local a intención de continuar co proxecto.

Unha vez completada a cesión municipal, Caballero considera que o Ministerio podería avanzar na redacción do proxecto con recursos propios. A principal incógnita sitúase, segundo explicou, na fase posterior de construción.

O alcalde sinalou que serían necesarios uns novos Orzamentos Xerais do Estado para poder licitar as obras, nun momento no que a execución da infraestrutura continúa pendente da planificación económica estatal.

As estimacións manexadas anos atrás situaban o investimento necesario para levantar a Biblioteca do Estado en Vigo en arredor de 22 millóns de euros, aínda que esa cifra corresponde a cálculos anteriores e podería variar cando se concrete o proxecto definitivo.

Caballero volveu aproveitar o anuncio para cargar contra a Xunta, á que acusou de ter feito “todo o que puido” para evitar que a Biblioteca do Estado se construíse en Vigo. Fronte a iso, sostivo que o Goberno central mantén o compromiso coa infraestrutura.

Caballero reclama á Xunta un segundo encoro no Oitavén e asegura que Vigo xa está no “último recurso” pola falta de auga

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu reclamar este xoves á Xunta de Galicia a construción dun segundo encoro no río Oitavén para reforzar o abastecemento de auga á cidade e á súa contorna. O rexedor considera que a situación actual xa xustifica recorrer a esta infraestrutura e respondeu así ás declaracións realizadas no Parlamento polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, quen sinalou que a construción de novas presas debe ser “o último recurso”.

Caballero sostivo que Vigo se atopa precisamente nese escenario. “Pero, señoras e señores da Xunta de Galicia, ¿non se deron conta de que en Vigo xa estamos no último recurso?”, preguntou o alcalde en declaracións remitidas aos medios.

O rexedor afirmou que durante os períodos estivais se reproducen os problemas relacionados co abastecemento e que o Concello ten que realizar chamamentos para moderar o consumo. “Todos os veráns temos dificultades coa auga na cidade”, asegurou, antes de sinalar que existe “carencia de auga” e que se deben adoptar recomendacións de consumo responsable.

Segundo explicou, a posta en funcionamento da nova estación potabilizadora permite ampliar durante varios meses a capacidade de abastecemento de Vigo, aínda que considera que esta medida non resolve definitivamente o problema.

Caballero tamén chamou a atención sobre a situación de Baiona, que cualificou de “extrema” e mesmo de “ultimísima situación na que se pode estar”. Segundo o alcalde vigués, o municipio necesita recorrer ao abastecemento procedente de Vigo, mentres acusou a Administración autonómica de non adoptar medidas suficientes para incrementar os recursos dispoñibles.

DISCREPANCIAS POLAS PERDAS NA REDE

Outro dos puntos de confrontación entre o Concello e Augas de Galicia está nas cifras sobre as perdas de auga nas canalizacións municipais. Caballero volveu rexeitar os datos manexados pola Xunta, que situarían esas perdas por riba do 20%, e asegurou que no caso de Vigo son do 6,3%.

O alcalde tamén indicou que o Concello vigués está a asumir actuacións relacionadas coas conducións que abastecen outros municipios da área, entre os que citou Moaña e Redondela.

Neste contexto, insistiu en que unha nova presa no Oitavén debería ser considerada xa como a alternativa necesaria. “Prantexan que a presa teña que ser o último recurso. Si, pero estamos niso, xa llo pedín hai 15 anos”, manifestou.

Caballero volveu facer referencia a un acordo previo entre o Goberno de España, o Concello de Vigo e a Xunta para analizar as posibles solucións ao abastecemento da área. Segundo a súa versión, o estudo realizado daquela concluíu que a construción dunha segunda presa era a opción máis axeitada.

O alcalde afirmou ademais que ese proxecto “non ten efecto ambiental” e sostivo que existía consenso entre as distintas administracións para avanzar por esa vía.

CRÍTICAS AO HORIZONTE DE 2070

Caballero tamén criticou que desde a Xunta se sitúe no horizonte de 2070 a necesidade de abordar determinadas novas infraestruturas hidráulicas. O alcalde contrapuxo ese prazo ás restricións e recomendacións que, segundo indicou, xa se están producindo na actualidade.

“Temos esta situación límite, a peor da historia, e a Xunta di o ano 2070”, afirmou. A continuación, acusou o Goberno galego de pretender permanecer durante décadas sen acometer a infraestrutura que reclama Vigo.

O rexedor empregou termos como “descaro político” e “sinvergonzada política” para censurar a posición da Administración autonómica, á que responsabilizou de non dar resposta ás necesidades de abastecemento.

Caballero advertiu de que a falta de recursos hídricos non afecta exclusivamente á cidade olívica e incluíu dentro desta problemática a municipios como Cangas, Moaña, Redondela, Nigrán e Baiona, ademais de Vigo.

A Xunta destaca en Vigo o papel da economía circular na cadea mar-industria galega

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou este xoves as instalacións de Anfaco-Cytma, en Vigo, onde coñeceu diferentes iniciativas vinculadas á economía circular e á incorporación de procesos produtivos máis sustentables dentro da cadea mar-industria.

Durante a visita, Vázquez destacou a relevancia económica e laboral deste sector en Galicia, que representa arredor do 5% do Produto Interior Bruto galego e emprega máis de 25.000 persoas. Neste contexto, considerou que a incorporación de criterios ambientais por parte das empresas resulta necesaria para “garantir o coidado e o progreso socioeconómico” do litoral galego.

A responsable autonómica percorreu as instalacións da asociación para coñecer os avances desenvolvidos na reutilización de materiais, a redución de residuos e a aplicación de novos sistemas de produción nos diferentes ámbitos relacionados coa transformación dos produtos do mar.

Vázquez incidiu tamén nas condicións nas que opera o sector e apuntou que a actividade empresarial vinculada ao litoral “precisa seguridade xurídica e un marco normativo estable para operar no litoral”.

Entre os proxectos abordados durante a visita figura SIMBlue, unha iniciativa que busca prolongar a vida útil dos materiais empregados pola industria e evitar que determinados recursos pasen a converterse directamente en residuos.

O proxecto prevé a creación dunha bolsa de subprodutos en Galicia que permita poñer en contacto empresas da cadea mar-industria que xeren materiais sobrantes ou residuos durante os seus procesos produtivos con outras compañías interesadas en incorporalos novamente como materias primas.

O sistema pretende, deste xeito, facilitar que recursos que deixan de resultar útiles para unha empresa poidan ter unha segunda utilización noutra actividade industrial, reducindo tanto a xeración de residuos como a necesidade de empregar novas materias primas.

A conselleira indicou que este modelo “conecta directamente cos obxectivos das políticas impulsadas” pola Xunta no ámbito da economía circular e sostivo que este tipo de actuacións demostran que esas políticas “se poden traducir en solucións concretas e rendibles aplicadas á industria”.

COLABORACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓN E EMPRESAS

Vázquez defendeu tamén a continuidade da colaboración público-privada para estender os principios da economía circular no tecido produtivo galego e facilitar que as empresas poidan adaptar os seus procesos industriais.

Neste sentido, lembrou que desde o pasado mes de maio está en funcionamento a Oficina de Economía Circular Industrial, un recurso da Xunta dirixido ás empresas galegas que ofrece asesoramento especializado e acompañamento técnico para desenvolver proxectos relacionados coa redución de residuos, a reutilización de materiais e a mellora da eficiencia dos procesos produtivos.

Abel Caballero celebra os 80 anos no Concello de Vigo e bromea co futuro: “Aquí celebraremos os 90”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou este xoves o seu 80 aniversario cunha festa sorpresa organizada polo seu equipo nas dependencias do Concello, onde non faltaron os globos, os agasallos nin unha torta decorada coa bandeira da cidade. O goberno municipal difundiu imaxes da celebración, na que participaron concelleiros, integrantes do equipo do executivo local e o delegado da Zona Franca, David Regades. Todos eles cantaron o “Cumpleaños Feliz” ao rexedor antes de entregarlle varios agasallos.

Entre os presentes había un póster enmarcado coa imaxe de Caballero rodeado dalgúns dos elementos máis recoñecibles da cidade, como o dinoseto, o ascensor Halo ou unha árbore de Nadal. O alcalde recibiu tamén un vinilo de The Beatles e un tocadiscos. Caballero agradeceu a “sorpresa”, a torta e as felicitacións que, segundo asegurou, lle chegaron de “docenas e docenas de miles de persoas”, ás que convidou a compartir, aínda que fose virtualmente, a celebración do seu aniversario.

“Hoxe cumpro 80. Este é o primeiro ano dos 80. Dentro de dez anos celebraremos aquí o primeiro ano dos 90”, proclamou entre aplausos. O rexedor pediu ademais a “todo Vigo” que o axudase simbolicamente a apagar a candea da torta e pechou a celebración cun dos seus habituais berros: “¡Viva Vigo!”. Caballero chega aos 80 anos tras unha longa traxectoria política. Foi ministro de Transportes, Turismo e Comunicacións con 38 anos durante un dos gobernos de Felipe González e, posteriormente, presidiu a Autoridade Portuaria de Vigo entre 2005 e 2007.

Ese mesmo ano, en 2007, accedeu á Alcaldía viguesa, cargo que mantén desde entón. Tras 19 anos á fronte do Concello, manifestou publicamente en varias ocasións a súa intención de volver presentarse ás eleccións municipais de 2027 e, máis adiante, ás de 2031. A súa broma sobre celebrar os 90 anos nas dependencias municipais deixou este xoves aberta, polo menos en clave de humor, a posibilidade de prolongar aínda máis unha das alcaldías máis lonxevas das grandes cidades españolas.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed