Inicio Blog Páxina 36

Condenado a un ano e tres meses de cárcere por ameazas racistas a unha nova: “Que non me toque os collóns a panchita esa que a mato””

xulgado do Penal 1 de Vigo condenou a 1 ano e 3 meses de prisión, tras unha vista de conformidade, ao autor dun delito menos grave de ameazas, coa agravante de motivación racista, tras dirixir a unhas nova expresións como “non quero merda peruana aquí” ou “a min que non me toque os collóns a panchita esa que a mato”. Segundo a sentenza, vítima e acusado mantiveron unha relación de amizade no ano 2023 pero, a partir de novembro dese ano, a relación converteuse en inimizade e enfrontamento, e producíronse numerosas discusións entre ambos e intercambios de insultos e comentarios despectivos por WhatsApp.

Así, a partir de agosto de 2024, o acusado contactou cunha amiga común de ambos e escribiulle mensaxes referíndose a a vítima con termos despectivos: “a min que non me toque os collóns a panchita esa que a mato”, “voulle dar unha patada voadora como me toque os collóns”, “voulle saltar os dentes da boca” ou “que me diga algo máis, que a espero fóra de casa e doulle unha malleira”. Posteriormente, crearon un grupo de WhatsApp no que estaban acusado, vítima e a amiga dela. Cando elas lle pediron que se desculpase, o acusado escribiu mensaxes como: “esa si que se vai cagar, pensa que se foi de rositas”, ou “eu pídoche perdón se ti me pides perdón por estar no meu país”.

Despois de que ela o denunciase, o acusado tratou de porse en contacto coa nova, e comunicouse cunha coñecida de ambos para preguntar onde estudaba “a peruana esta”. Finalmente contactou coa propia vítima por Telegram para afearlle que o denunciou e expúxolle preguntas como “se viñera a España para isto” ou “se o deporte nacional en Perú era denunciar”. Ademais, referíase a ela de forma insistente vexándoa pola súa orixe, e falando da moza como “cor humilde, cor económica”. “Non quero merda peruana aquí”, “xa chegou a cor humilde” ou “coidado cos panxis que vos denuncian” eran algunhas das expresións que utilizaba. Por estes feitos, foi condenado a 1 ano e 3 meses de cárcere, coa prohibición de achegarse ou comunicarse coa denunciante por un tempo de 2 anos e 3 meses, e deberá indemnizar á prexudicada en 100 euros.

Baixo o teito escachado de Vigo

0

A antiga estación de autobuses da Avenida de Madrid, en Vigo, hoxe en abandono formal, porén habitada por decenas de persoas sen fogar, converteuse nun espello da desigualdade urbana. O predio, pensado para o tránsito e a espera de viaxeiros, acolle agora unha existencia detida que revela a faciana máis crúa da crise habitacional en Vigo.

A antiga estación de autobuses da Avenida de Madrid, en Vigo, convertida hoxe nun espazo oficialmente abandonado porén habitado de feito, exemplifica con crueza o fenómeno da infravivenda urbana, a ocupación de lugares degradados e sen condicións mínimas de habitabilidade por parte de persoas que carecen doutra alternativa. O que para a cidade é un edificio en desuso convértese para outros no único teito posíbel, fráxil e insuficiente, mais imprescindíbel para sobrevivir.

No amplo interior da vella terminal, deseñado noutro tempo para o tránsito de viaxeiros e autobuses, ergueuse unha nova xeografía da exclusión. Entre columnas e estruturas metálicas aparecen recantos delimitados con caixas, lonas e mobles improvisados que substitúen o concepto de fogar. O teitume industrial ofrece unha protección mínima fronte á choiva e o vento. Onde antes había movemento e destino, agora hai inmobilidade e resistencia.

Nos exteriores a escena repítese. Colchóns apoiados contra valados, cadeiras, mantas e pequenos obxectos compoñen unha paisaxe que fala da precariedade máis extrema. Unhas dúascentas persoas viven na rúa en Vigo mentres o albergue municipal apenas dispón de trinta e oito prazas cun sistema rotatorio que obriga a abandonar o centro tras poucos días. Para quen se atopa nesa situación a elección é cruel, permanecer nun espazo degradado pero estábel ou recorrer a un refuxio institucional efémero que obriga a comezar de novo cada dúas semanas.

A vella estación converteuse nun espello incómodo para a cidade, porque revela a faciana agochada dunha urbe próspera, aquela que se ergue sobre baleiros físicos e sociais. Mentres a Xunta de Galicia, propietaria do inmoble, aposta por valar o recinto en nome da seguridade, o Concello de Vigo reclama a reversión dos terreos para destinalos a novos usos, entre eles unha zona verde, unha escola infantil ou unha residencia de maiores. Ningún destes proxectos contempla a presenza das persoas que xa habitan alí, como se o seu uso actual non formase parte da realidade urbana.

Ese silencio institucional non é casual. Responde á vontade de expulsar aos pobres e borrar o problema da exclusión mediante a planificación urbanística, como se chegase con demoler valados para eliminar a pobreza. Mais cada derrubo sen alternativa habitacional real perpetúa o ciclo da vulnerabilidade e fai máis profunda a ferida social.

O contexto económico agrava o fenómeno. Vigo é unha das cidades galegas con prezos de alugueiro máis elevados e a falta de vivenda social, combinada con traballos precarios e prestacións insuficientes, deixan fóra do mercado a centos de persoas e familias. A infravivenda é a consecuencia directa dun sistema residencial desequilibrado e non é unha anécdota marxinal. As políticas de vivenda deben ir máis aló da resposta asistencial e garantir un parque público de alugueiro estábel, con mecanismos de acompañamento e modelos de acollida máis flexíbeis que non expulsen periodicamente a quen precisa tempo e apoio para reconstruír a súa vida. O modelo de rotación é funcional para as estatísticas porén destrutivo para as persoas.

A infravivenda na estación de autobuses e noutros lugares de Vigo, non son un problema arquitectónico, senón un síntoma urbano e moral. Representan a incapacidade das cidades contemporáneas para integrar a quen queda fóra do sistema produtivo e residencial. Nesas fendas urbanas e nos espazos intersticiais reaparece o humano na súa forma máis desprotexida e obriga a reconsiderar o sentido do dereito á cidade.

A futura transformación deste lugar, sexa en parque, equipamento social ou nova infraestrutura, non pode limitarse a unha intervención física. A verdadeira rexeneración pasa por recoñecer e incluír ás persoas que agora o habitan, garantindo que o proceso de recuperación non implique o seu borrado social. A antiga estación é máis que un edificio en ruínas, é un símbolo da fractura habitacional contemporánea, unha lembranza de que a desatención pública, o mercado inmobiliario desbocado e a precariedade estrutural conflúen no mesmo espazo.

Cada caixa e cada manta que ocupan aquel recinto son unha denuncia silenciosa dun dereito incumprido, o acceso a unha vivenda digna. Cando a cidade decida finalmente o destino dese lugar debería lembrar que non existe urbanismo xusto sen xustiza social. Os espazos baleiros non están verdadeiramente baleiros porque conteñen as historias invisíbeis de quen, sen outro lugar onde ir, fixeron da vella estación o seu fogar provisional e o seu acto último de resistencia.

Un home sáese da vía co coche e choca contra o muro dunha casa en Lavadores

0

Un home resultou ferido nunha perna tras saírse da vía e chocar contra o muro dunha casa na Rúa Manuel Álvarez, en Lavadores, Vigo. Segundo a información do 112 Galicia, o suceso produciuse sobre as 04.30 horas deste domingo e foi o propio implicado no suceso o que deu a voz de alarma e detallou que estaba atrapado.

Tamén os residentes na vivenda deron a voz de alarma e detallaron que o mozo era o único ocupante do vehículo e era necesaria a intervención dos bombeiros para liberar ao ferido. A central de emerxencias mobilizou aos Bombeiros de Vigo e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e axentes da Policía Local.

A xuízo de novo este martes un home xa condenado por estafas en falsos alugueres de vivenda en Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá este martes un xuízo contra Pedro María M.O., como suposto autor dun delito de estafa nun falso aluguer de vivenda na cidade olívica. Dáse a circunstancia de que o acusado foi recentemente condenado por feitos semellantes e está inmerso en máis dunha decena de causas por estafas deste tipo.

Neste caso, está sinalada unha vista que xa estivo fixada para o pasado 17 de setembro, pero que tivo que ser suspendida ante a incomparecencia do procesado, que se atopa na prisión da Lama, e que non fora notificado. Os feitos, segundo o escrito de acusación, ocorrerían na cidade olívica en xullo do ano pasado, cando o acusado publicou na web inmobiliaria ‘Idealista’ un anuncio de aluguer dun piso. Ao velo, a vítima púxose en contacto co procesado, dicíndolle este que para reservar o piso tería que facerlle unha transferencia, “pero sen ter a vontade real de alugalo”.

“Con carácter previo, a denunciante remitiulle ao seu móbil un escrito no que ela se comprometía a abonarlle 750 euros en concepto de reserva e el, no caso de que o piso non fóra do seu alugado, debía devolverllos”, apunta o Ministerio público. Así, a prexudicada pagou 450 euros nun Bizum en concepto de aluguer de piso e outros 750 euros como fianza. A partir de aí, o acusado concertou varias citas coa muller para ver o piso, non aparecendo en ningunha, bloqueándoa finalmente para evitar recibir máis mensaxes dela.

Por estes feitos, a Fiscalía pide que sexa condenado a 3 anos de prisión, por un delito de estafa coa agravante de reincidencia (ten dúas condenas, unha de 2024 e outra de principios deste ano, á que se suma outra máis notificada nos últimos días, todas elas por estafas semellantes). Tamén reclama que pague unha multa de 3.000 euros e que indemnice á prexudicada en 1.200 euros.

Vigo, Corazón Internacionalista: Catro Décadas de Solidariedade Sen Fronteiras

0

​Vigo, cidade de mar, industria e espírito indomable, ostenta un título que acotío queda fóra dos focos turísticos e económicos: o de capital galega da solidariedade e a conciencia internacionalista. Non é unha honra auto-outorgada, senón un legado forxado polo compromiso inquebrantable da súa cidadanía e que se remonta ao nacemento dos movementos sociais na Transición.

​O Berce da Solidariedade Organizada: 1976 e o Sáhara.

​A transición á democracia en España non só trouxo liberdades políticas, senón que tamén espertou unha fonda sensibilidade cara aos conflitos globais. É neste contexto, no ano 1976, onde Vigo marcou un fito coa creación da primeira asociación de solidariedade internacionalista: Amigos do Polisario.
​O nacemento desta plataforma non foi casual. Galicia, co seu vencello histórico e marítimo co Sáhara Occidental, sentiu de preto a inxustiza do seu abandono tras a Marcha Verde. Este primeiro paso estableceu a pauta: a solidariedade viguesa non miraría á xeografía, senón á causa xusta. Seguiulle a asociación de Amizade coa URSS, reflectindo a pluralidade ideolóxica que caracterizaría o movemento.

​De América Latina a Oriente: Unha Axenda Global

​O que comezou co Sáhara axiña se expandiu como unha marea imparable. A solidariedade con América Latina converteuse nun eixo central, cristalizada na fundación do COSAL (Comité de Solidariedade con América Latina), do que fun un dos fundadores. A cidade envorcouse de xeito constante en apoiar as loitas pola soberanía e a xustiza social no continente.

​Países como Cuba, enfrontada a un bloqueo persistente, e os pobos de El Salvador e Nicaragua, inmersos en cruentos conflitos, atoparon en Vigo unha voz firme de apoio, recadación de fondos e concienciación. A rede de activismo tecíase con fíos que unían o barrio de O Calvario ou Coia coas cordilleiras centroamericanas.

​Pero a visión de Vigo nunca foi limitada. O compromiso cruzou océanos para abrazar causas como a de Timor Leste na súa loita pola independencia, e máis recentemente, a causa do Kurdistán, un pobo sen estado. Esta transversalidade ideolóxica e xeográfica subliña a esencia do internacionalismo vigués: o respecto ao dereito dos pobos a decidir o seu propio destino. Outra causa sen fronteiras foi a de Arxentina, apoiando aos que sufriron a represión e a ditadura.

A Testemuña da Historia: Permanencia e Novos Desafíos

​Hoxe, esa chama segue viva. As causas contemporáneas atopan na cidade a mesma enerxía combativa. A solidariedade con Venezuela mantense como un punto de encontro para o debate e o apoio, mentres que o compromiso coa causa palestina mobiliza a milleiros de persoas, como se viu nas recentes e multitudinarias marchas e concentracións.

​Vigo non é a capital administrativa de Galicia, pero si demostrou ser a capital ética do país. As súas asociacións e activistas non só brindan axuda material ou financeira; achegan algo moito máis valioso: a visibilidade e a conciencia de que os problemas do mundo son tamén os nosos.

​O porto que historicamente foi a porta de entrada e saída de mercadorías, serviu tamén como faro da conciencia. A historia da solidariedade viguesa é unha lección de civismo e responsabilidade global que merecen ser contada e lembrada, porque nesta cidade olívica, a solidariedade non é unha moda, senón unha constante histórica e unha forma de vida.

O mozo que acoitelou a outro no Entroido de Verán de Redondela en 2024 enfróntase agora a 8 anos de cárcere

O mozo detido na madrugada do 25 de agosto de 2024 tras haber supostamente apuñalado a outro mozo en Redondela, será xulgado deste martes na sección quinta da Audiencia Provincial, con sede en Vigo, como presunto autor dun delito de homicidio en grao de tentativa e enfróntase a 8 anos de prisión. Segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos ocorreron de madrugada cando o acusado se dirixiu, en compañía duns amigos, ao Paseo da Xunqueira de Redondela. Alí atopouse coa vítima, que tamén estaba cun grupo de persoas.

Con ánimo de acabar coa súa vida “abalanzouse” sobre el e golpeouno na cara e no corpo. Ademais, asestoulle varias puñaladas no peito cun coitelo de 11 centímetros de folla. Como consecuencia, a vítima resultou con feridas graves e tivo que ser trasladada urxentemente ao Hospital. Por estes feitos, o ministerio público considera ao procesado autor dun delito de homicidio en grao de tentativa, e pide que sexa condenado a 8 anos de prisión. Tamén reclama que se lle impoña a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima por un tempo de 10 anos e que o indemnice en case 10.500 euros polas lesións, as intervencións cirúrxicas polas que pasou e polas secuelas.

Érguete, corenta anos salvando vidas contra a droga

 

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

Radiólogos de Vigo ven “insuficiente” a proposta de reforzo do Sergas e convocan unha concentración o luns 20

Radiólogos de Vigo cualificaron de “insuficiente” a proposta de reforzo exposta polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) e convocaron unha concentración para o luns 20 de outubro a partir das 19.00 horas ante as portas do Museo Marco da cidade. Nun comunicado enviado aos medios de comunicación, os radiólogos, que iniciaron unha folga indefinida o pasado luns para reclamar máis persoal durante as quendas de garda, puntualizaron e desmentiron as palabras de Xerencia da área Sanitaria de Vigo, tachando de “preocupante” o “descoñecemento” da dirección sobre o funcionamento do servizo de Radioloxía.

Así, explicaron que só acoden presencialmente dous radiólogos en cada quenda de garda, mentres que outros tres realizan gardas non presenciais. “Por tanto, non é certo que sexamos o Servizo de Radiodiagnóstico con máis profesionais de presenza física de garda do Sergas. Somos dous, do mesmo xeito que noutras áreas coa metade de poboación que a nosa, como Pontevedra ou Ferrol”, subliñaron.

Ante as declaracións de Sanidade de “falta de profesionais”, os radiólogos mostraron a súa “sorpresa” debido a que, segundo indican, “en xullo deste mesmo ano, todo o servizo tivo que mobilizarse ante a negativa do Sergas para contratar en Vigo aos catro residentes que remataban e que, por certo, actualmente están con contratos de catro meses de duración e por tanto susceptibles de recibir mellores ofertas de traballo”. “A pesar disto, xa expresamos desde o principio que podemos asumir, cos radiólogos que somos, o aumento que pedimos no número de radiólogos que facemos garda de 24 horas, non sendo necesario aumentar o persoal”, apuntaron.

INSUFICIENTE

Despois de amosar a súa disposición a seguir dialogando, viron “insuficiente” a proposta de ampliar un profesional máis nas gardas dos luns e polas tardes. Con todo, aplaudiron as medidas organizativas propostas que se poidan implementar para optimizar os recursos. “O que nos sorprende é que despois de 5 anos que levamos comunicando á dirección a nosa sobrecarga nas gardas, non se tomaron ditas medidas antes”, lamentaron.

“Parece entreverse que a dirección podería estar a promover unha política de restrición de probas diagnósticas priorizando factores organizativos ou económicos sobre a valoración clínica individualizada realizada polos facultativos. Atrévense a pór en dúbida as decisións clínicas dos especialistas respecto da indicación da proba de imaxe que consideren necesaria, alterando así a calidade asistencial”, criticaron. Por todo iso, convocaron unha concentración ante o Museo Marco de Vigo o luns 20 a partir das 19.00 horas, solicitando a toda a cidadanía que se una.

O comité da auxiliar de automoción Borgwarner convoca folga indefinida a partir do 15 de outubro

O comité de empresa da auxiliar de automoción Borgwarner, con centros de traballo en Vigo, Nigrán e O Porriño, informou da convocatoria de folga indefinida a partir do martes, por “incumprimentos” da empresa en materia de categorías profesionais e plan de igualdade. O comité (CIG, UGT, CGT, USO e CC.OO.) explicou nun comunicado que Borgwarner está “a incumprir o acordo da negociación colectiva de outubro 2023 que obrigaba a actualizar o cadro de categorías profesionais e postos de traballo”.

Así, denunciou a “mala fe negociadora” da empresa que chegou a “vulnerar a liberdade sindical” no ámbito da negociación colectiva, xa que “crea e negocia coas persoas traballadoras de forma individual en materia de clasificación profesional”. Por outra banda, o órgano de representación dos traballadores denunciou a “obstaculización” na negociación do III Plan de Igualdade. Segundo explicaron, nun ano apenas se tiveron 8 reunións e a dirección da empresa optou por “dilatar e incumprir o regulamento asinado polas partes, coa falta de entrega de documentación legalmente establecida”. Tamén criticaron que a dirección evita de forma reiterada responder as peticións, preguntas e obrigacións legais que ten co comité.

Segundo lembraron os sindicatos, a multinacional está a recibir “unha gran cantidade de fondos públicos” a través da administración do Estado e da Xunta de Galicia, e a través de fondos PERTE, para proxectos relacionados co vehículo eléctrico. “Polo que non entendemos a postura radical e incumpridora que toma a dirección actual da empresa cara ás persoas traballadoras”, sinalaron. Por iso, decidiron convocar folga indefinida para “reverter a situación”. O paro comezará este martes 15 de outubro ás 22.00 horas.

Estas son as prazas aprobadas pola UVigo na súa OPE 2025 para persoal docente e investigador e de xestión e administración

O consello de goberno da Universidade de Vigo (UVigo) aprobou este venres a súa oferta pública de emprego (OPE) de 2025, que propón 72 novas prazas de persoal docente e investigador (PDI) e 12 postos de persoal técnico de xestión e administración de servizos.

Segundo recolle o diario da universidade (DUVI), as cuestións relacionadas coa carreira docente e investigadora protagonizaron o primeiro consello deste curso, nunha longa sesión con “puntos fortes” como a aprobación da OPE 2025 e a convocatoria de diferentes prazas docentes vinculadas ás ofertas de prazas de anos anteriores, así como a aprobación das axudas para a contratación de persoal investigador predoutoral ou os novos criterios de avaliación da produción e transferencia investigadora.

No referido á OPE, a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Adela Sánchez, explicou que se propón a creación de 72 novas prazas potenciais de PDI: unha delas de catedrático, 32 de profesor permanente laboral e outras 39 de profesor titular. A estas 72 prazas de nova convocatoria hai que sumar outras 30 de catedrático de promoción interna, engade o DUVI. No caso de persoal técnico, a xerente Yolanda Lesmes explicou que a oferta está composta por 15 prazas, 12 de acceso libre e tres de promoción interna.

RESIDENCIA

Entre outras cuestións, o reitor, Manuel Reigosa, sinalou que a UVigo traballa na posibilidade de construír unha residencia universitaria na antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA) de Vigo. Reigosa explicou que aínda non se puideron iniciar as actuacións de remodelación nos tres edificios que foron cedidos á Universidade na ETEA (Faraday, Morse e Enfermaría) porque para iso ten que executarse a urbanización do camiño principal, que está pendente de que o Concello firme o convenio acordado con Xunta e Zona Franca.

En relación coa cesión á UVigo do edificio Siemens, onde se localizaría o Centro de Investigacións Mariñas, o reitor avanzou que previsiblemente se fará a través dunha permuta con Zona Franca, xa que o centro académico ten unha parcela na zona. “Por tanto, imos utilizar as boas relacións que temos co Consorcio para quedarnos cun edificio que será de uso investigador, se finalmente faise así, e que ademais nos constrúan unha residencia universitaria”, dixo.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed