InicioSociedadeCaballero asegura que Vigo xa abastece Baiona e advirte: “Podo cortar mañá...

Caballero asegura que Vigo xa abastece Baiona e advirte: “Podo cortar mañá a subministración”

O alcalde sostén que o Concello olívico “non está obrigado” a facilitar auga a Baiona e Nigrán e volve cargar contra a Xunta, á que acusa de non ter actuado ante os problemas de abastecemento.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este luns que Baiona xa está a recibir auga procedente do sistema vigués e insistiu en que o Concello olívico “non está obrigado” a prestar este servizo. “Podo cortar mañá a subministración a Nigrán e a Baiona”, chegou a advertir o rexedor en declaracións remitidas aos medios. Caballero reivindicou que Vigo “acaba de resolver un problema importantísimo” de Baiona, municipio que, segundo afirmou, “estaba a piques de quedar sen auga”, e contrapuxo a actuación do Concello coa da Xunta.

“Se Vigo non chegase a intervir, e quérollo dicir aos cidadáns de Baiona, a Xunta de Galicia deixaría Baiona sen auga”, sostivo. As declaracións chegan despois de que a Consellería de Medio Ambiente rexeitase que o abastecemento a Baiona se presentase como unha mostra de xenerosidade de Vigo e lembrase que a auga é un recurso público e que o propio plan municipal de xestión do risco de seca contempla a posibilidade de achegar auga ao Val Miñor.

“QUEN LEVA A AUGA A BAIONA É VIGO”

Caballero replicou que, ao seu xuízo, a cuestión fundamental non é a titularidade do recurso, senón quen dispón das infraestruturas necesarias para facelo chegar aos municipios. “O que importa é como se sostén un encoro e como se leva a auga aos concellos. E quen leva a auga ao Concello de Baiona é Vigo”, afirmou. Segundo explicou, o Concello modificou parcialmente o seu sistema de abastecemento para liberar recursos do encoro de Zamáns.

Áreas como Valladares, Zamáns e Saiáns, que anteriormente recibían auga deste encoro, están sendo abastecidas mediante auga procedente de Eiras bombeada ata o depósito de Valladares. “Estamos facendo un bombeo e abastecemos zonas enteiras de Valladares, de Zamáns e de Saiáns a través de bombear auga ao depósito de Valladares e darlle desde alí en vez de darlle desde o encoro de Zamáns”, explicou. O alcalde incidiu ademais en que esta operación ten un custo económico: “Por certo, custa cartos bombear”.

NOVO CHOQUE COA XUNTA

Caballero volveu criticar a resposta da Xunta, que sostén que Vigo non pode presentar o abastecemento a Baiona como unha concesión voluntaria. “En vez de agradecer a xenerosidade de Vigo, din que estamos obrigados. Non, non, non estamos obrigados”, respondeu. O rexedor insistiu en que o Concello podería interromper esa achega e utilizou esa posibilidade para defender que se trata dunha decisión municipal. A disputa entre ambas administracións esténdese tamén ao estado da rede de abastecemento viguesa.

Caballero reiterou que as fugas da rede municipal se sitúan pouco por riba do 6%, fronte ao dato superior ao 20% que atribúe a Augas de Galicia. O alcalde cualificou esa discrepancia como unha mostra da “desvergoña política da Xunta de Galicia” e acusou o Goberno autonómico de “atacar Vigo” cando, segundo defendeu, é o Concello quen está asumindo funcións que corresponderían á administración autonómica. Finalmente, Caballero volveu reclamar o cesamento da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

A XUNTA ADVIRTE A CABALLERO DE QUE AUGAS DE GALICIA INTERVIRÁ SE AMEAZA CON CORTAR A AUGA A BAIONA E NIGRÁN

A Xunta de Galicia advertiu este martes ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, de que Augas de Galicia intervirá para garantir o abastecemento a Baiona e Nigrán se o rexedor persiste na súa “actitude ameazante”. Así o trasladou a delegada territorial do Goberno galego en Vigo, Ana Ortiz, que insistiu en que Caballero “sabe ou debería saber que a auga non é da súa propiedade”.

Segundo subliñou Ortiz, a subministración deste recurso público á poboación é “unha obriga incompatible coa arbitrariedade dun alcalde que pretende utilizala como instrumento de confrontación política”. As declaracións chegan despois de que Caballero afirmase que Vigo xa está a subministrar auga a Baiona desde este luns, malia soster que non está obrigado a facelo, e advertise de que podería “parar mañá” esa achega.

A XUNTA ACUSA A CABALLERO DE ACTUAR “DE MANEIRA TOTALMENTE INSOLIDARIA”

A delegada territorial acusou o alcalde de Vigo de servirse da auga “de maneira totalmente insolidaria” nun contexto de escaseza. Segundo afirmou, Caballero pretende “atribuírse a potestade de decidir unilateralmente quen pode ter auga e quen non”. Ortiz advertiu de que, se o rexedor mantén esa posición, a administración autonómica actuará para asegurar a continuidade da subministración aos dous municipios do Val Miñor. “De persistir na súa actitude ameazante, sería Augas de Galicia quen interviría, coa lei na man, para garantir a subministración a Baiona e a Nigrán”, concluíu.

ÚLTIMAS

O goberno de Vigo pedirá en pleno que a Xunta garanta o abastecemento de auga de Vigo

O goberno de Vigo, liderado por Abel Caballero (PSOE), levará ao pleno do próximo...

Trasladadas dúas persoas que resultaron afectadas nun incendio dun piso en Vigo

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao hospital tras verse afectadas por inhalación de...

Un profesor da Universidade de Vigo reúne 180.000 nomes de invertebrados nunha obra única no mundo

A Universidade de Vigo presentou este venres o último libro do profesor da Facultade...

Dous detidos e un investigado pola malleira a un home nun parking do Porriño

A Garda Civil de Pontevedra detivo a dous homes e investiga a un terceiro...