O Concello de Vigo puxo este venres en servizo as novas ramplas mecánicas do Paseo de Granada, situadas nas inmediacións da casa consistorial. A actuación contou cun investimento de 3,34 millóns de euros, dos que dous millóns proceden de financiamento europeo.
O alcalde, Abel Caballero, visitou a zona coincidindo coa entrada en funcionamento da infraestrutura, coa que se pretende facilitar os desprazamentos peonís nun tramo caracterizado pola súa forte pendente. O proxecto abrangue arredor de 200 metros de percorrido e permite superar un desnivel próximo ao 10%.
A intervención non se limitou á instalación das ramplas. As obras incluíron tamén a ampliación das beirarrúas, a renovación do pavimento e das redes de servizos, así como a colocación de novo mobiliario urbano e a mellora da iluminación pública. O proxecto municipal contemplaba catro ramplas mecánicas e unha actuación global sobre o espazo público do Paseo de Granada.
A remodelación permite igualmente dar continuidade ao carril bici existente e avanzar na conexión entre diferentes puntos do centro de Vigo. A infraestrutura intégrase no programa ‘Vigo Vertical’, enlazando co itinerario que parte da contorna de Montero Ríos e continúa polas ramplas da rúa Carral e as escaleiras mecánicas de Segunda República.
A XUNTA RECLAMA O SEU PAPEL NO FINANCIAMENTO
A estrea da infraestrutura xerou tamén un novo cruzamento de posicións entre as administracións municipal e autonómica. A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, cuestionou as explicacións ofrecidas polo alcalde sobre o financiamento da obra e acusouno de omitir que unha parte maioritaria da actuación se sufragou con fondos europeos canalizados pola Administración galega.
Ortiz sostivo ademais que os atrasos acumulados durante a execución chegaron a poñer en risco ese financiamento. Segundo a representante autonómica, a Xunta advertiu en varias ocasións ao Concello da necesidade de solicitar prórrogas para garantir que os recursos europeos asignados ao proxecto non se perdesen.
O Concello xa situara o orzamento da actuación por riba dos 3,3 millóns de euros e cifrara en dous millóns a achega procedente dos fondos europeos Next Generation.
