InicioVigo e contornaO PorriñoAgtamar e Emafega reclaman ao Porriño que "deixe de poñer trabas" ás...

Agtamar e Emafega reclaman ao Porriño que “deixe de poñer trabas” ás atraccións das festas do Cristo

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (Agtamar-UPTA) e a Asociación de Empresarios e Empresarias de Atraccións de Feira de Galicia (Emafega) reclamaron ao Concello do Porriño que facilite a instalación das atraccións previstas para as festas do Cristo, despois de denunciar novos requirimentos municipais aos profesionais que pretenden traballar durante as celebracións deste mes de setembro.

As dúas organizacións expresaron nun comunicado conxunto a súa “profunda preocupación” pola situación e pediron ao goberno municipal que “deixe de poñer trabas” á montaxe das atraccións. A súa queixa chega poucas semanas despois dunha resolución xudicial sobre o procedemento que debe seguirse para este tipo de instalacións no municipio pontevedrés.

Segundo explican Agtamar-UPTA e Emafega, a sentenza determina que o réxime xeral aplicable ás atraccións de feira é o da declaración responsable e considera contrario a Dereito o sistema de autorización administrativa previa que viña empregando o Concello.

As entidades engaden que a resolución establece tamén que os requisitos adicionais que deban cumprir os feirantes teñen que quedar recollidos na correspondente ordenanza ou regulamento, e non establecerse mediante pregos municipais, decretos da Alcaldía ou requirimentos individualizados.

Novos requirimentos durante os días previstos para a montaxe

Emafega asegura, con todo, que esta mesma semana unha das atraccións recibiu un novo requirimento do Concello no que se solicitaba documentación e información adicional. A asociación cuestiona que a petición non identificase, segundo a súa versión, a disposición normativa concreta que obrigaría a presentar eses contidos.

O colectivo tamén pon o foco nos prazos. Os pregos municipais contemplaban que as atraccións puidesen comezar a instalarse desde o 14 de setembro, pero as asociacións denuncian que varios días despois continuaban emitíndose requirimentos que condicionaban a continuación da montaxe á comprobación municipal das correccións realizadas na documentación.

“A situación resulta especialmente preocupante porque os propios pregos municipais permitían iniciar a montaxe das atraccións desde o 14 de setembro, mentres que varios días despois aínda se estaban a facer requirimentos que impedían continuar coa instalación ata que o Concello verificase a emenda da documentación”, sinalan ambas as organizacións.

Ante esta situación, Agtamar-UPTA e Emafega reclaman ao goberno local que aplique os criterios establecidos na sentenza e garanta un marco claro para o desenvolvemento da actividade durante as festas.

“O goberno local non pode xogar coa legalidade”, sosteñen as asociacións, que demandan que o procedemento se desenvolva con “absoluta seguridade xurídica”.

Os representantes do sector defenden tamén que o cumprimento das condicións de seguridade forma parte das prioridades dos profesionais das atraccións e rexeitan que a súa reclamación supoña reducir os controis sobre as instalacións.

“Os profesionais do sector queren poder traballar e velan en todo momento pola seguridade dos consumidores. Ninguén ten máis interese ca nós en que as atraccións funcionen con todas as garantías e cumprindo escrupulosamente a normativa”, indican.

As dúas entidades insisten en que a súa discrepancia se centra nos requisitos administrativos que consideran carentes dun respaldo normativo suficientemente identificado. “O que non podemos aceptar é que se creen obstáculos ou se exixan requisitos que non estean claramente amparados pola lexislación”, conclúen.

ÚLTIMAS

O poder arredor da mesa: quen está detrás do Foro da Toxa?

Empresas, banca, enerxía, tecnoloxía e obra pública nun foro no que tamén se reúnen...

Tenta queimar a unha persoa sen fogar en Vigo por ser “estranxeira” e logo vai tomar un café

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un varón de 53 anos, de nacionalidade...

Xulgan a unha empregada do fogar que subtraeu xoias e obxectos por case 75.000 euros dunha vivenda en Vigo

A sede viguesa da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro mércores, día 23,...

A Audiencia de Pontevedra celebra a audiencia preliminar contra un home acusado de insultos racistas a unha menor nun bus de Vigo

A sección viguesa da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o vindeiro mércores a audiencia...