A Comunidade de Montes de Teis presentou este venres unha denuncia ante a Fiscalía de Área na que solicita que se investigue a posible comisión de delitos de prevaricación administrativa e malversación de fondos públicos por parte do Concello de Vigo en relación coas obras executadas nos terreos do antigo Vigozoo, actualmente denominado Vigo Nature.
A entidade veciñal sostén que o Concello promoveu nos últimos anos actuacións de nova construción nunha parcela que non é de titularidade municipal, senón que pertence á Comunidade de Montes de Teis. Os comuneiros apoian esta afirmación nunha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de 2009, que recoñeceu os terreos como parte do monte veciñal da parroquia.
A resolución xudicial diferenciou, porén, entre a propiedade do solo e a das instalacións existentes no recinto. Segundo explica a Comunidade de Montes, os terreos quedaron recoñecidos como seus, mentres que as construcións realizadas no parque seguían pertencendo ao Concello. Ante a imposibilidade da entidade de compensar economicamente á administración local polo valor destas instalacións, o Concello continuou ocupando o espazo mediante un dereito de retención.
Esta situación, segundo a interpretación trasladada agora á Fiscalía polos comuneiros, permitía ao Concello realizar actuacións de conservación, mantemento e reposición das edificacións xa existentes, pero non promover novas construcións sobre os terreos.
A denuncia presentada pola Comunidade de Montes recolle distintos expedientes municipais correspondentes a obras executadas desde a sentenza do TSXG. A entidade cifra en máis de 1,7 millóns de euros o investimento realizado polo Concello no recinto desde 2009 e sostén que parte das actuacións terían sido consideradas pola propia administración como investimentos novos e non simplemente como traballos de mantemento.
Os comuneiros tamén poñen o foco no procedemento empregado para contratar algunhas das obras. Segundo expoñen na denuncia, varias actuacións foron tramitadas mediante contratos menores, unha práctica que a entidade considera que puido utilizarse para “eludir os procedementos da contratación pública”. É neste punto no que solicita que a Fiscalía valore se os feitos poden ser constitutivos dun delito de prevaricación administrativa.
A denuncia tamén formula a posible existencia dunha malversación de fondos públicos. A Comunidade de Montes argumenta que o Concello destinou recursos municipais a executar novas actuacións nun espazo sobre o que non dispón nin dun título de propiedade nin dunha concesión que garanta a permanencia da administración durante o período necesario para amortizar os investimentos.
Segundo explican os comuneiros, o Concello mantén unicamente un dereito de retención derivado do valor das instalacións construídas nos terreos. A entidade sinala que podería chegar a satisfacer ese importe e recuperar plenamente a posesión da parcela, circunstancia que, segundo a súa denuncia, podería provocar que o Concello perdese os investimentos realizados posteriormente en novas obras.
UN ACORDO PENDENTE ENTRE O CONCELLO E OS COMUNEIROS
A situación da parcela leva anos sendo obxecto de negociación entre ambas as partes. A Comunidade de Montes asegura que desde a resolución xudicial se sucederon os intentos de buscar unha fórmula que permitise regularizar a ocupación dos terreos e definir a relación xurídica co Concello.
A cuestión adquiriu tamén relevancia para os plans municipais sobre o antigo zoolóxico. Segundo a entidade, o propio Concello trasladara o seu interese en resolver a titularidade do recinto debido ás dificultades que xeraba a situación actual para concorrer a determinadas subvencións e para desenvolver o proxecto de transformación de Vigozoo nun novo espazo orientado á divulgación ambiental e ao lecer.
En 2023 celebrouse unha reunión entre representantes municipais e da Comunidade de Montes na que, segundo os comuneiros, se acordou que a entidade presentaría unha proposta para avanzar nunha solución. A Comunidade asegura que remitiu ese documento, pero afirma que non recibiu posteriormente resposta do Concello.
Pese á falta dun acordo, a entidade denuncia que a administración local continuou destinando fondos a novas actuacións dentro do recinto. Na súa argumentación ante a Fiscalía, os comuneiros inciden en que o Concello estaría ocupando o solo nunha situación xurídica que cualifican de precaria e sen ter garantida a dispoñibilidade futura dos terreos.
A COMUNIDADE DE MONTES DENUNCIA “ABSOLUTO DESAMPARO”
Na documentación presentada ante a Fiscalía, a Comunidade de Montes asegura atoparse nunha situación de “absoluto desamparo” e acusa ao Concello de Vigo de actuar “sen atender ao establecido por unha sentenza firme”.
“Os feitos aquí expostos son de especial gravidade, ao tratarse dun posible incumprimento mantido no tempo dunha sentenza firme”, sinala a entidade, que subliña ademais a condición de administración pública do Concello. Ao seu xuízo, esta debería “ser a primeira” en garantir o cumprimento das resolucións xudiciais.
