Inicio Blog Páxina 29

Julio Costas, novo valedor da Universidade de Vigo

O catedrático de Dereito Mercantil Julio Costas Comesaña foi elixido este martes novo valedor da Universidade de Vigo (UVigo) durante a sesión extraordinaria do claustro celebrada en Pontevedra. Segundo recolle o Diario da Universidade (DUVI), a súa candidatura —á que concorreu como único aspirante na segunda rolda— obtivo 66 votos a favor, catro en contra e dúas abstencións. Deste xeito, Costas toma o relevo da catedrática de Dereito Procesual Esther Pillado, á fronte dun órgano encargado de velar polos dereitos e liberdades da comunidade universitaria.

“PROPOSTA DE CONSENSO”

O novo valedor explicou que a súa candidatura responde a unha “proposta de consenso” acadada entre as tres persoas que anunciaron a súa intención de concorrer ás eleccións ao Reitorado previstas para o mes de maio. A figura do valedor actúa como canle independente de mediación e garantía dentro da institución académica, atendendo reclamacións e conflitos que poidan afectar a estudantes, persoal docente e investigador e persoal técnico e de xestión.

REDUCIÓN DO ACOSO SEXUAL

Na mesma sesión do claustro presentouse a segunda ‘Diagnose do acoso sexual e acoso por razóns de sexo na UVigo’, que reflicte unha “redución significativa” dos casos respecto ao estudo realizado en 2018.

Segundo os datos expostos:

  • Entre o persoal docente e investigador, os casos pasan do 7,07 % ao 3,8 %.

  • Entre o estudantado, redúcense do 4 % ao 2,5 %.

  • No caso do persoal técnico e de xestión, mantéñense na contorna do 5,8 %.

A universidade destacou estes resultados como un avance, aínda que subliñou a necesidade de seguir reforzando as políticas de prevención e sensibilización.

Vigo e o turismo invisible

0

​Sempre que se analiza o éxito turístico de Vigo, os titulares repiten os mesmos mantras: o impacto das luces de Nadal, o desembarco masivo de cruceiristas no peirao de Trasatlánticos ou a fidelidade do visitante portugués. Son cifras fáciles de medir e moi golosas para a foto política. Porén, existe un motor económico e social fundamental que as estatísticas oficiais parecen ignorar sistematicamente: o turismo étnico e de retorno.

​Fálase moito de que Vigo atrae miles de madrileños cada verán, pero rara vez se analiza quen son realmente. Na súa gran maioría, non son turistas estranxeiros á nosa cultura, senón fillos e netos de galegos que emigraron á capital en busca de oportunidades. O mesmo sucede coa diáspora en América Latina e Europa. Son os descendentes de quen marcharon os que enchen os apartamentos, consumen no comercio local e manteñen vivo o vínculo coa terra.

​Este turismo “da morriña” ten un valor que o cruceirista de oito horas nunca poderá igualar. O viaxeiro que volve ás súas raíces non vén descubrir Vigo, vén recoñecerse nela. É un visitante que non satura os servizos de forma estéril, senón que habita a cidade, que gasta nos mercados de proximidade e que mantén o patrimonio familiar que, doutro xeito, caería no esquecemento.

​É necesario que as institucións empecen a cuantificar este fenómeno. Seguir tratando ao galego que vive en Madrid, Bos Aires ou Xenebra como un turista máis é un erro de diagnóstico. Eles son os nosos mellores embaixadores e a base máis sólida da nosa industria turística, porque a súa lealdade non depende dunha campaña de marketing, senón do sangue. Vigo ten que decidir se quere ser só un escaparate para o descoñecido ou seguir sendo o fogar de quen, a pesar da distancia, nunca se deu por marchado.

O TSXG confirma catro anos de cárcere para un home por agredir sexualmente á neta da súa parella

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a pena de catro anos de prisión para un home por agredir sexualmente á neta da súa parella cando esta tiña 14 anos de idade. O Alto tribunal galego desestimou así o recurso de apelación interposto polo procesado contra a sentenza ditada o pasado mes de setembro pola sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

O home foi condenado como autor dun delito de agresión sexual a menor de 16 anos. Ademais da pena de cárcere, a xustiza impúxolle unha orde de afastamento da vítima de 300 metros durante nove anos e a inhabilitación especial para calquera profesión ou oficio que implique contacto con menores durante sete anos. Así mesmo, o fallo inclúe a inhabilitación para o exercicio da patria potestade durante cinco anos e outros cinco de liberdade vixiada unha vez saia de prisión. No ámbito civil, o condenado deberá indemnizar á moza con 3.500 euros.

AGRESIÓN DURANTE UNHA PERNOCTA NO DOMICILIO

Os feitos probados recollidos na sentenza sitúan o episodio en novembro de 2023, nunha ocasión na que a menor durmiu no mesmo domicilio que o seu abrastre. Segundo o fallo, o acusado dirixiuse á habitación da vítima con ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais e comezou a abrazala mentres deslizaba as mans cara aos seus peitos, chegando a preguntarlle se lla permitía tocalos.

A pesar da negativa da menor, o home mantivo os seus brazos ao redor dela apertándoa contra si. Cando a moza logrou soltarse e dirixirse á cama, o agresor seguiuna e agarrouna fortemente por detrás, dirixindo de novo as mans cara aos seus peitos e pegándose insistentemente a ela mentres a presionaba co seu pene erecto. Tras analizar o recurso, o TSXG ratifica agora a integridade da sentenza inicial ao considerar probados estes feitos.

Abel Caballero pide ao Ministerio que Vigo sexa sede do Mundial 2030 tras a saída de Málaga

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reuniuse este luns coa ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Milagros Tolón, a quen lle pediu “que se cumpra a orde da lista que elaborou a Real Federación Española de Fútbol (RFEF)” para que a cidade olívica sexa sede do Mundial 2030. No encontro, no que tamén participou a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, o rexedor insistiu en que Vigo debe ocupar a praza vacante tras a renuncia de Málaga.

Segundo o seu razoamento, España conta nestes momentos con 10 das 11 sedes concedidas e, ao ser Vigo a seguinte na lista de suplentes, debería entrar directamente na organización do torneo. Caballero aproveitou a ocasión para cargar novamente contra o presidente da RFEF, Rafael Louzán, e contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurando que ambos “non queren que Vigo acolla partidos desta competición”. O alcalde cualificou de “escándalo” o ocorrido nos últimos meses en torno á selección de sedes.

Tras a xuntanza, o rexedor amosouse optimista e afirmou que tanto a ministra como o seu equipo “entenderon perfectamente” a situación. Segundo Caballero, atopou unha “moi boa receptividade e moita atención” por parte do Ministerio, asegurando que recibiu o “apoio” do Goberno central para que a urbe olívica sexa recoñecida finalmente como sede mundialista.

Abel Caballero destaca o “moi bo comportamento” do turismo en Vigo durante febreiro

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reivindicou a “moi boa ocupación hoteleira” da cidade durante o pasado mes de febreiro, que rozou o 46% a pesar de tratarse de tempada baixa. Nun audio enviado aos medios de comunicación, o rexedor puxo en valor que se trata dun dato dous puntos e medio superior ao do exercicio pasado e un catro puntos máis que en 2024.

Segundo detallou o alcalde, a estancia media dos turistas na urbe olívica case alcanzou os dous días. Así mesmo, subliñou o peso do turismo internacional, xa que un 35% dos viaxeiros que chegaron á cidade proviña doutros países. Neste grupo destacou especialmente a afluencia dende Portugal, que representou un de cada tres turistas estranxeiros. “En suma, un moi bo comportamento do turismo no mes de febreiro en Vigo”, sentenciou Caballero.

Praia de A Calzoa, en Vigo: crónica dunha morte anunciada

A duna da Praia da A Calzoa, un dos sistemas dunares máis relevantes do municipio de Vigo xunto cos de Praia de Rodas (no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia) e Praia do Vao (Espazo Natural de Interese Local), continúa sen medidas de protección un mes despois do derrubamento rexistrado o pasado 4 de febreiro.

Segundo denuncia a asociación ambiental ZOA, a día de hoxe non se adoptou ningunha medida protectora efectiva. Tras o colapso e a destrución do peche, o noiro dunar permanece aberto e accesible, permitindo o tránsito continuado de persoas e animais. Esta situación está a agravar a erosión e a danar un paleosolo de interese xeolóxico que quedou exposto tras a perda de area e vexetación.

Inmediatamente despois do derrubamento, a asociación solicitou a protección perimetral urxente da duna ou, de forma transitoria, a restrición de acceso ao areal ata a implantación de medidas que garantisen a súa integridade. Porén, non se levou a cabo actuación ningunha. A fronte dunar continúa aberta, e con ela, o deterioro do sistema. A entidade lembra que o proceso de degradación viña sendo advertido dende 2018. En febreiro de 2025 xa se rexistraran ante as administracións local e autonómica solicitudes urxentes para a retirada e substitución do peche existente, alertando expresamente do risco certo de colapso.

“Advertiuse e explicouse con detalle que o peche de arame en malla estaba a impedir o achegue de materia orgánica esencial para o desenvolvemento da vexetación e a retención de area. Isto provocaba a desaparición da duna primaria e o desequilibrio do sistema no seu conxunto, con risco grave de colapso. Non recibimos contestación e mesmo a malla foi reforzada onde estaba deteriorada, facéndoa aínda máis tupida”, sinalan. Segundo a documentación trasladada ás administracións, o debilitamento estrutural da duna primaria e a perda da súa capacidade de resiliencia explican que non resistise o último temporal, a diferenza doutros sistemas dunares do municipio que si contaban con peches axeitados e mantiveron a súa integridade.

A asociación subliña que A Calzoa constitúe un enclave litoral de alto valor ecolóxico e que a súa duna está catalogada como hábitat de interese comunitario. Malia isto, denuncia que a administración local non está a garantir a súa protección efectiva, nin sequera no actual contexto de especial vulnerabilidade. Ante a persistencia da inacción, ZOA solicitou ao Servizo do Litoral da Xunta de Galicia e ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico unha intervención urxente que fre e o deterioro e garanta que a xestión e recuperación do ecosistema se realicen conforme a criterios científicos e á normativa ambiental vixente.

Abel Caballero celebra a condena a Audasa e reclama a gratuidade da AP-9 tras a sentenza sobre as peaxes de Rande

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou este sábado a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que condena a Autoestradas da Atlántico S.A. (Audasa) a devolver as peaxes cobradas durante as obras de ampliación da ponte de Rande entre os anos 2015 e 2018.

Nun audio remitido aos medios de comunicación, o rexedor cualificou a resolución como “unha máis que se suma a todas aquelas accións da AP-9 danando á poboación da cidade de Vigo e de toda Galicia”. A decisión xudicial refírese ao período no que se executaron traballos na infraestrutura e no que, segundo o fallo, se mantiveron os cobros a pesar das afeccións derivadas das obras.

Caballero aproveitou a súa intervención para reiterar a súa demanda de supresión das peaxes na AP-9 no seu percorrido completo, desde Tui ata Ferrol. Ao seu xuízo, a veciñanza está a asumir un custo que non lle corresponde: “A cidadanía está a pagar indebidamente”, afirmou, engadindo que “cada vez os tribunais vano recoñecendo”.

O alcalde insistiu en que a vía vertebra Galicia de sur a norte e que o seu réxime concesional supón unha carga económica para milleiros de usuarios e usuarias que a empregan a diario.

CRÍTICAS Á PRÓRROGA DA CONCESIÓN

Na mesma intervención, Caballero solicitou “censura” para o expresidente do Goberno central José María Aznar, quen aprobou a prórroga da concesión da autoestrada ata o ano 2048. “Cando Aznar prorrogou a concesión, fíxolle a este país un dano irreversible”, manifestou.

A sentenza da Audiencia Provincial da Coruña abre agora un novo escenario xudicial arredor da xestión e das condicións de explotación da principal vía de alta capacidade de Galicia, nun contexto no que continúan as demandas políticas e sociais sobre o seu modelo concesional e o futuro das peaxes.

Vigo será sede do IV Global Sustainable Seafood Galicia Forum o 28 de abril

A Xunta de Galicia anunciou este luns que Vigo acollerá o próximo 28 de abril a cuarta edición do ‘Global Sustainable Seafood Galicia Forum’, un encontro que reunirá a distintos axentes do sector marítimo, desde pescadores ata empresarios e expertos internacionais. O Executivo autonómico salientou que a iniciativa, cofinanciada con 75.625 euros pola propia Xunta e polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa), converterá Galicia nun “escaparate internacional de calidade e excelencia dos produtos do mar”. Segundo informou a Administración autonómica, este luns formalizouse o convenio de colaboración coa Fundación Nova Pescanova, que permitirá o desenvolvemento do evento.

SUSTENTABILIDADE NAS TRES VERTENTES

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou a “oportunidade” que supón o foro para avanzar en propostas que “garantan a sustentabilidade do marisco galego na súa vertente social, ambiental e económica”. Villaverde enmarcou o encontro no compromiso da Xunta cun modelo pesqueiro baseado na sustentabilidade ambiental, na rendibilidade económica e na cohesión social das zonas costeiras. Na súa terceira edición, o foro reuniu a máis de 300 profesionais de 30 países, consolidándose como un punto de encontro internacional para o debate sobre o futuro do sector marítimo-pesqueiro.

Xulgan en Vigo un home acusado de estafar 650 euros coa falsa reserva dun piso en Xixón

0

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá este martes o xuízo contra un home acusado dun presunto delito de estafa agravada relacionado co aluguer dun inmoble situado en Xixón.

Segundo recolle o escrito de acusación do Ministerio Fiscal, o procesado tería ofertado a través dun coñecido portal inmobiliario o arrendamento dun piso que, segundo a Fiscalía, sabía que non ía poder entregar nas condicións anunciadas.

Os feitos remóntanse ao 12 de marzo de 2025, cando unha muller interesada no inmoble contactou co acusado coa intención de formalizar o aluguer. Tras as conversas mantidas entre ambas partes, acordaron o pagamento de 650 euros en concepto de reserva da vivenda.

De acordo coa versión do ministerio público, a prexudicada realizou a transferencia económica pactada. Porén, posteriormente non puido acceder ao piso ofertado nin dispoñer del nas condicións acordadas.

A Fiscalía sostén que, como consecuencia desta situación, a muller viuse obrigada a solicitar diñeiro a terceiras persoas para poder afrontar o pagamento da fianza doutra vivenda alternativa.

PETICIÓN DE PENA

O Ministerio Fiscal considera que os feitos poderían constituír un delito de estafa agravada, ao entender que afectan a un ben de primeira necesidade como é a vivenda.

Por iso, solicita para o acusado unha pena de 1 ano e 10 meses de prisión, así como o pagamento dunha multa que ascende a 2.700 euros.

Ademais, reclama que o procesado indemnice á vítima nos 650 euros presuntamente estafados, aos que habería que engadir os xuros correspondentes e calquera outra cantidade que poida quedar acreditada durante a vista oral ou na fase de execución da sentenza.

Será a Audiencia Provincial a que determine, tras a celebración do xuízo, se os feitos encaixan no tipo penal sinalado pola acusación pública e a eventual responsabilidade do acusado.

Tres contratistas afrontan xuízo en Vigo por presunta estafa tras cobrar 15.700 euros por unha reforma que non executaron

0

Tres contratistas serán xulgados este mércores na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acusados dun delito de estafa pola presunta cobranza de 15.700 euros en concepto de adianto para unha reforma que non chegaron a executar.

Segundo recolle o escrito da Fiscalía, os feitos remóntanse a febreiro de 2023, cando os procesados acordaron cun particular a realización dunha obra de reforma nunha vivenda situada na cidade olívica. Para levar a cabo os traballos, presentaron un orzamento inicial de 38.720 euros.

De acordo coa versión do Ministerio Público, o cliente, confiando en que os acusados —que operaban a través de dúas empresas— cumprirían co pactado, efectuou un pagamento por importe de 15.700 euros como anticipo da obra.

Porén, sempre segundo a Fiscalía, os procesados limitarían a súa actuación a realizar unha “ínfima actividade de demolición” co obxectivo de “simular” o inicio dos traballos contratados. Non se tería executado a reforma acordada nin tampouco se tería procedido á devolución das cantidades entregadas, malia as reclamacións formuladas polo prexudicado.

O Ministerio Público considera que os feitos son constitutivos dun delito de estafa e solicita para cada un dos tres acusados unha pena de dous anos de prisión.

Así mesmo, interesa que os procesados indemnicen conxuntamente ao afectado na cantidade de 15.700 euros, correspondente ao diñeiro abonado por adiantado, ademais dos xuros legais que poidan corresponder.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed