Inicio Blog Páxina 28

Tres mergulladores denunciados en Vigo por capturar polbo de talla inferior e extraer case seis quilos de bivalvos

0

A Policía Local de Vigo denunciou nos últimos días a tres persoas por irregularidades na captura de polbo e na extracción de bivalvos, no marco das actuacións de inspección e control que realiza periodicamente a Unidade Fénix de drons. Así, o pasado 20 de setembro pola mañá, os axentes detectaron na praia da Buraca, preto de Cabo Estai, a presenza de dous mergulladores que estaban a capturar polbo.

Os policías interceptáronos e identificáronos como D. R. L. C., de Vigo e 39 anos, e P. C. R., tamén de Vigo, de 35 anos. Tras revisar a súa documentación, comprobaron que ambos dispoñen de licenza de pesca e de actividade subacuática e marítima de recreo submarina, en vigor. Porén, ao comprobar o peso dos polbos capturados, resultou ser inferior ao permitido, polo que as capturas foron intervidas e entregadas a un comedor social.

Doutra banda, o pasado 21 de setembro, a Policía Local sorprendeu na praia dos Ríos de Fóra, na antiga ETEA, en Teis, un home de 61 anos, J. M. C. C., cando estaba a extraer bivalvos no areal. Así, durante un dos voos dos drons, detectouse a presenza dun varón que levaba un bañador de cor azul, realizando movementos sospeitosos e anormais, incompatibles coas actividades de bañista.

En concreto, removía de maneira constante a area nunha zona onde a auga cubría o areal e introducía diversos obxectos nos petos do bañador, mentres permanecía dentro da auga, manobra que realizaba coa evidente intención de pasar desapercibido ante o resto de usuarios da praia. Despois saía da auga e, de forma disimulada, ocultaba as capturas. Os axentes abordárono e identificárono, e atoparon o marisco que extraera ilegalmente, case 6 quilos de bivalvos. Os bivalvos foron devoltos ao mar.

Interceptado en Moaña tras extraer ilegalmente máis de 25 quilos de centola e nécora

0

A Garda Civil interceptou nunha praia de Moaña (Pontevedra) un home de 32 anos, veciño de Cangas, despois de extraer ilegalmente máis de 25 quilos de centola e nécora. Segundo informaron fontes da Comandancia de Pontevedra, os feitos ocorreron na noite do pasado mércores, cando o Posto da Garda Civil de Moaña recibiu un aviso da Central Operativa que alertaba da presenza dunha persoa que saía da auga nunha praia moañesa, vestida cun traxe de neopreno e portando dous sacos de rede.

Os axentes desprazáronse ata o lugar e estableceron un dispositivo de vixilancia, localizando despois o sospeitoso, un veciño de Cangas de 32 anos, cando se dispoñía a abandonar a zona nun vehículo. Tras interceptalo e inspeccionar o maleteiro, os axentes atoparon dous capachos que contiñan centola e nécora, ademais dun traxe de neopreno, unhas gafas e unha lanterna.

O home recoñeceu que non ten autorización para esa actividade extractiva, polo que os axentes aprehenderon o marisco, 21,1 quilos de centola e 4,1 quilos de nécora. Entre os exemplares intervidos localizáronse, ademais, nove centolas ovadas, atopándose esta especie en período de veda. O marisco foi trasladado á lonxa de Marín, onde se pesou. Ao estaren os exemplares vivos, foron devoltos posteriormente ao mar. Por estes feitos formulouse a correspondente denuncia por infracción da Lei de Pesca de Galicia, remitíndose as actuacións á Consellería do Mar.

Kiko Veneno fará escala en Vigo o 23 de outubro cun concerto entre clásicos e novas cancións

0

A xira do músico Kiko Veneno fará escala no Auditorio Mar de Vigo o vindeiro 23 de outubro, cunha actuación na que o artista interpretará os seus clásicos e os temas máis recentes, só unhas semanas antes de que vexa a luz o seu último traballo, aínda que xa en xuño se publicou un adianto, “Helicrisum”. Desde Teuticket destacaron que Kiko Veneno “ofrecerá un concerto marcado pola proximidade, a liberdade creativa e ese universo de cancións que o converteu nun artista difícil de encaixar”.

“E despois de tantos anos de versións, letras e ensaios, toda esa música tiña que acabar saíndo por algún lado. E saíulle disparada a Kiko polo oído esquerdo”, subliñaron, e engadiron que “así nace esta nova etapa de directo”, con “cancións espidas, próximas e feitas para seren tocadas en directo, recuperando esa esencia da música cando aínda está viva, cando aínda pode cambiar e cando cada concerto pode ser unha nova versión”.

Tamén apuntaron que, “como case todo no universo de Kiko Veneno, mellor se vai acompañado de amigos”. A traxectoria deste catalán de nacemento e andaluz de adopción convérteo nun artista imposible de catalogar, cunha linguaxe propia, e que transita entre o rock, o flamenco, a rumba, o pop e a canción de autor, “sempre cunha personalidade recoñecible e unha maneira moi particular de contar historias”. O 23 de outubro ás 21.00 horas, o Auditorio Mar de Vigo será o escenario dun concerto no que Kiko Veneno “dará vida a estas cancións que levan anos dando voltas na súa cabeza”.

Caballero denuncia o “mal funcionamento” do transporte escolar en Vigo e reclama máis profesorado

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, lamentou o “mal funcionamento” do transporte escolar este curso e reclamou ao tempo máis profesorado para os centros da cidade. Nun audio remitido aos medios de comunicación, o rexedor fíxose eco das queixas recibidas por parte de nais e pais de alumnado vigués, que critican a falta de persoal docente en moitos centros e de profesorado de apoio para as crianzas con necesidades especiais.

Caballero referiuse tamén ás “deficiencias importantes” que sofren algunhas instalacións, con problemas en ventás, cubertas ou teitos. “A Xunta non atende as necesidades da educación na cidade”, sentenciou. Todo isto despois de que a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de centros escolares de Vigo (Foanpas) denunciase “carencias de profesorado” e “caos” no transporte escolar neste inicio de curso, insistindo tamén na necesidade de melloras nos centros educativos.

A asociación convocou para mañá venres ás 08.45 horas unha concentración no EEI Vila Laura en protesta pola situación que vive o centro. Precisamente este xoves o BNG de Vigo, nun comunicado, esixiulle á Xunta que “rectifique de inmediato” o “recorte” dunha docente de apoio no devandito centro educativo da cidade.

A deputada Alexandra Fernández acusou o Goberno galego de “mentir” ás familias tras comprometer a recuperación desta profesional “para dicir agora que non a precisan”. “É un exemplo máis da política de desmantelamento deliberado do ensino público por parte do PP”, apostilou o portavoz do Bloque en Vigo, Xabier Pérez Igrexas.

O Álvaro Cunqueiro estrea o luns un novo Hospital de Día para reducir ingresos e desconxestionar Urxencias

0

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo inaugurará o vindeiro luns, día 28 de setembro, o seu novo Hospital de Día de Procesos co obxectivo de reducir “ingresos evitables” e “atencións nas urxencias”. Así o sinalou este xoves o propio conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nunha visita a estas instalacións, que dispoñen duns 400 metros cadrados e supoñen un “gran avance” na “aposta estratéxica” da Xunta por aumentar a capacidade e a calidade asistencial, dixo.

“É unha alternativa excelente á hospitalización convencional e vai permitir liberar espazo no Hospital de Día Oncohematolóxico, que poderá incrementar a súa actividade entre un 20 % e un 25 %”, subliñou, ao tempo que indicou que tamén permitirá desconxestionar o servizo de urxencias, segundo o conselleiro. Tras un investimento de 1,2 millóns de euros, a idea é que este novo Hospital de Día se dedique inicialmente a especialidades como medicina interna, pneumoloxía, neuroloxía e dixestivo. Tal como explicou Gómez Caamaño, que felicitou a Área Sanitaria e os profesionais que traballarán alí, a intención é que se empregue para administrarlles aos pacientes determinados tratamentos.

“O máis importante é reducir os ingresos evitables e as atencións nas urxencias e estes percorridos que ás veces obrigan os pacientes a andar dun lado para outro, coa perda de tempo que iso implica, e mellorar a continuidade asistencial entre os distintos niveis, como Atención Primaria, Urxencias e Atención Hospitalaria”, sentenciou. Pola súa parte, o especialista en Pneumoloxía e xefe de servizo, José Alberto Fernández, amosou a súa “ledicia” pola posta en marcha desta unidade “tan necesaria”, que chega “nun moi bo momento” antes do inverno, cando aumentan os casos de patoloxías respiratorias.

Unha empresa inmobiliaria de Baiona sofre a ira do desahucio de Maricarmen en Madrid

0

Unha empresa inmobiliaria de recente creación con sede en Baiona viuse obrigada a emitir un comunicado público para desmentir calquera vínculo coa sociedade madrileña sinalada polo desaloxo de Mari Carmen, ocorrido este martes en Madrid, despois de recibir numerosos insultos, acusacións e incluso ameazas a través das redes sociais.

Segundo explica a firma baionesa, a orixe da confusión atópase na semellanza entre a súa denominación comercial e a da empresa madrileña que aparece relacionada co caso. Esta coincidencia provocou que numerosos usuarios identificasen erradamente a compañía galega como responsable dos feitos difundidos nos medios e nas redes.

No comunicado, Urban Gestión Inmobiliaria, con sede en Baiona, subliña que non mantén “ningunha relación empresarial, societaria nin profesional” con Urbagestión Desarrollo e Inversiones, a entidade madrileña mencionada nas informacións sobre o desaloxo.

A empresa asegura que nas últimas horas está a recibir mensaxes ofensivas, acusacións infundadas e ameazas dirixidas tanto contra a propia sociedade como contra as persoas que traballan nela. “As consecuencias desta confusión están a ser reais”, sinalan os responsables da firma, que lamentan verse afectada por uns feitos cos que non teñen vinculación algunha.

Desde a compañía entenden que a noticia do desaloxo poida xerar indignación social, pero consideran inxusto que esa reacción se dirixa contra unha empresa allea ao ocorrido. Por este motivo, solicitaron publicamente o cesamento inmediato dos ataques e pediron aos usuarios que contrasten a información antes de realizar acusacións.

A firma, que desenvolve a súa actividade exclusivamente desde Baiona, insiste en que se trata dunha empresa independente e allea ao procedemento que derivou no desaloxo en Madrid. Ademais, fai un chamamento á responsabilidade nas redes sociais para evitar que erros de identificación poidan causar prexuízos a persoas e negocios sen ningunha relación cos feitos denunciados.

O caso volve poñer de manifesto os riscos da difusión rápida de información nas plataformas dixitais e as consecuencias que unha simple confusión pode ter para empresas e profesionais completamente alleos a unha polémica de grande repercusión pública.

Arredor de 200 persoas reciben en Vigo o buque “Kate Tenacity” da Flotilla da Liberdade rumbo a Gaza

0

Arredor de 200 persoas recibiron este mércores en Vigo o buque “Kate Tenacity” da Flotilla da Liberdade, que navega rumbo a Gaza, despois de que hai dúas semanas a nave cancelase a súa viaxe á cidade olívica e se detivese en Santander por unha avaría.

Na súa ruta, que partiu de Bristol (Reino Unido), o barco prevé facer varias paradas por España, Portugal e Italia antes de iniciar o traxecto a Gaza. Así, recalou en Bilbao e Castro Urdiales, ademais de Santander, antes de chegar a Vigo. Aquí, decenas de persoas convocadas por distintos colectivos sociais, como a Plataforma Cívica Vigo Pro Palestina, entre outros, agrupáronse no porto vigués para darlles a benvida e agradecerlles o seu labor en defensa dunha Palestina libre.

“Sabemos que tentarán silenciarvos”, reivindicaron as persoas asistentes, ao ler un manifesto no que insistiron en que as verdadeiras vítimas “están no seu destino, en Gaza”, polo que a súa misión “non é un acto de provocación”, senón de “humanidade”. Ao berro de “Onde están, que non se ven, as sancións a Israel?” e co son das gaitas, as persoas presentes agradeceron o esforzo das embarcadas, que percorrerán milleiros de quilómetros para axudar a combater o “xenocidio” en Gaza.

A organización lamentou que gran parte do mundo vexa con “indiferenza” o que está a ocorrer na Faixa, aínda que subliñaron que a Flotilla “non está soa”, senón que cada paso que dá “soa en milleiros de corazóns”. Por iso, reivindicaron a súa “valentía”, xa que é “un impulso” para seguir esixindo a liberdade de Palestina. O acto contou coa presenza, entre outros, de varios representantes do BNG de Vigo, incluído o seu portavoz, Xabier Pérez Igrexas.

Balaídos terá unha ‘Tribuna Iago Aspas’: Caballero anuncia que levará o nome do xogador e terá unha estatua ao seu carón

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a bancada de Tribuna do estadio de Balaídos pasará a chamarse ‘Tribuna Iago Aspas’, ao ser Aspas “o xogador máis referencial da historia do Celta”. Así o sinalou nun audio enviado aos medios de comunicación despois de facerse público este mesmo mércores que a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, propuxese que a nova bancada de Gol fose bautizada co nome do futbolista de Moaña.

Con todo, o rexedor indicou no seu audio que será a bancada de Tribuna a que levará o nome de Iago Aspas, asegurando que “moita xente” llo pediu. Sobre por que se escolle esa bancada e non outra, Caballero argumentou que “xa está operativa”, polo que “o nome é inmediato”. Tamén dixo que será a que conte con máis capacidade e que ao seu carón haberá unha estatua do xogador. A pesar de todo, recoñeceu que aínda non lle pediu a conformidade nin a Aspas nin ao club, pero agarda recibila para “asinar o decreto”.

Todo isto despois de que este mércores se coñecese a proposta da Deputación de Pontevedra de denominar Iago Aspas a nova bancada de Gol que está en obras. Fontes do ente provincial consultadas por Europa Press indicaron que a proposta xa lle fora exposta ao xogador hai máis dun ano, rexeitándoa Aspas ao sinalar que seguía en activo. Agora, unha vez que se sabe que se retirará ao final da tempada, o deportista deu o seu visto e prace á Deputación.

Ante a noticia, a propia Luisa Sánchez celebrou que a súa proposta “frutificase”, aínda que recoñeceu que para ela “tiña máis sentido” que fose a bancada de Gol a que recibise o nome de Aspas porque ‘Iago Aspas é o Gol’. “Pero compráceme igualmente que sexa a bancada de Tribuna. Acepto a contraproposta do alcalde, ao que lle agradezo que reaccionase de maneira tan inmediata ao meu formulamento. Á vista está que era unha boa idea”, reivindicou.

Vox leva ao xulgado os incidentes nunha mesa informativa en Cangas e estuda accións polo acto frustrado de Santiago

0

Vox presentou este martes unha denuncia ante a sección de instrución do Xulgado de Primeira Instancia de Cangas do Morrazo polo incidente rexistrado o pasado sábado nunha mesa informativa da formación nesta localidade. A presenza policial foi necesaria durante o episodio, no que se produciu un cruce de berros entre participantes e opositores á mesa. Segundo informou, a denuncia recolle que “varios individuos se concentraron de maneira intimidatoria fronte á carpa informativa, ocuparon parcialmente o espazo reservado para a actividade despregando bandeiras, dificultaron o acceso dos veciños interesados e corearon reiteradamente consignas como ‘Fuera machistas!’ e ‘¡Fuera fascistas!'”.

“Nunha das oito gravacións achegadas como proba escóitase con claridade a ameaza ‘¡Os mato!’, dirixida directamente a Álvaro José Díaz-Mella López, presidente do Comité Executivo Provincial de Vox en Pontevedra e presente durante toda a actividade”, engade a formación. A denuncia atribúe provisionalmente aos participantes aínda non identificados delitos de ameazas, impedimento ou perturbación grave do exercicio das liberdades de reunión e manifestación e delito de odio. A denuncia, presentada por Vox como partido e polo propio Díaz-Mella, diríxese “contra os participantes aínda non identificados”.

INCIDENTE EN SANTIAGO

Por outra banda, fontes da formación trasladaron que o departamento xurídico tamén está a estudar o sucedido en Santiago o pasado luns, onde centenares de persoas impediron a celebración dun acto político de Vox no centro sociocultural de Santa Marta. A protesta derivou nun dispositivo policial e acabou cunha carga. As querelas que analizan os servizos xurídicos do partido irían dirixidas tanto contra a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, como contra a subdelegada do Goberno na Coruña, Obdulia Taboadela, por considerar que son “quen terían que garantir o desenvolvemento do acto político”. Vox xa responsabilizou publicamente as autoridades do sucedido no acto compostelán.

Foanpas denuncia “carencias de profesorado” e “caos” no transporte escolar neste inicio de curso en Vigo

0

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Centros Escolares de Vigo (Foanpas) denunciou “carencias de profesorado” e “caos” no transporte escolar neste inicio de curso, ao tempo que insistiu na necesidade de melloras nos centros educativos. Nunha rolda de prensa, nais e pais de alumnado criticaron que “non é algo novo”, xa que cada curso se repiten estes problemas, que se dan na maioría dos centros da cidade.

En concreto, algúns colexios solicitaron persoal coidador para alumnado con necesidades específicas, mentres outros pediron máis persoal especialista, entre outras moitas reivindicacións de cada colexio. Ademais, repetiuse a incidencia no transporte escolar nos centros, segundo apuntan desde Foanpas, con modificacións de horarios e paradas sen avisar nin aos centros nin ás familias, lamentan. “Os edificios dos centros educativos teñen, na súa maioría, moitos anos. Isto pasa factura e faise necesario facer obras de acondicionamento no illamento dos edificios, baños modernos e adaptados, retirada de amianto…”, insistiron desde a asociación.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed