A Policía Local de Vigo denunciou nos últimos días a tres persoas por irregularidades na captura de polbo e na extracción de bivalvos, no marco das actuacións de inspección e control que realiza periodicamente a Unidade Fénix de drons. Así, o pasado 20 de setembro pola mañá, os axentes detectaron na praia da Buraca, preto de Cabo Estai, a presenza de dous mergulladores que estaban a capturar polbo.
Os policías interceptáronos e identificáronos como D. R. L. C., de Vigo e 39 anos, e P. C. R., tamén de Vigo, de 35 anos. Tras revisar a súa documentación, comprobaron que ambos dispoñen de licenza de pesca e de actividade subacuática e marítima de recreo submarina, en vigor. Porén, ao comprobar o peso dos polbos capturados, resultou ser inferior ao permitido, polo que as capturas foron intervidas e entregadas a un comedor social.
Doutra banda, o pasado 21 de setembro, a Policía Local sorprendeu na praia dos Ríos de Fóra, na antiga ETEA, en Teis, un home de 61 anos, J. M. C. C., cando estaba a extraer bivalvos no areal. Así, durante un dos voos dos drons, detectouse a presenza dun varón que levaba un bañador de cor azul, realizando movementos sospeitosos e anormais, incompatibles coas actividades de bañista.
En concreto, removía de maneira constante a area nunha zona onde a auga cubría o areal e introducía diversos obxectos nos petos do bañador, mentres permanecía dentro da auga, manobra que realizaba coa evidente intención de pasar desapercibido ante o resto de usuarios da praia. Despois saía da auga e, de forma disimulada, ocultaba as capturas. Os axentes abordárono e identificárono, e atoparon o marisco que extraera ilegalmente, case 6 quilos de bivalvos. Os bivalvos foron devoltos ao mar.
