Sindicatos, movementos sociais e partidos políticos de esquerda volveron condenar este mércores o ataque á sede da UGT de Vigo, ocorrido no marco da folga xeral do pasado 11 de novembro, cando un artefacto explosivo rebentou o cristal da porta de entrada.
Nun comunicado asinado por distintas organizacións sindicais e políticas como BNG, PSOE, Sumar, Podemos, CIG, CC.OO. ou UGT, entre outras, lamentan o sucedido nas instalacións da UGT na rúa García Barbón. Todo isto despois de celebrarse xa este martes unha concentración de repulsa á que acudiron, entre outros, o secretario xeral do sindicato, Pepe Álvarez.
Ángel Pérez, que actuou como voceiro, criticou este tipo de accións, enmarcándoas nun contexto no que distintos representantes políticos da dereita e da extrema dereita levaban semanas a atacar os sindicatos, dixo.
“Reafirmamos a nosa unidade na defensa das nosas liberdades democráticas, da acción sindical e do dereito das persoas traballadoras. Non permitiremos que as forzas reaccionarias impoñan un novo réxime do medo nin que a violencia silencie as reivindicacións sociais”, engadiu. Para eles, defender a liberdade sindical é defender a democracia, subliñou ante os medios de comunicación.
