A Comisión Permanente da Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte propuxo este martes multas de 5.000 euros ao RC Celta por non garantir o cumprimento da prohibición de venda e consumo de bebidas alcohólicas no Estadio Abanca Balaídos.
Unha sanción que foi proposta ao comprobarse que, “nas localidades VIP existentes na Grada de Tribuna, espectadores saíran destas cara á zona de asentos exterior con envases de cristal que contiñan bebidas alcohólicas”, no encontro entre o equipo galego e a Juventus, na Europa League.
Non foi a única multa que se deu a coñecer ao longo da xornada, xa que tamén se propuxeron sancións de 30.000 euros ao CA Osasuna, polo apoio a colectivos de afeccionados vinculados ao grupo ultra Indar Gorri, e ao Real Betis, por deficiencias nas medidas de control de acceso e pola activación de bengalas.
“Proposta de sanción de 30.000 euros a Osasuna por actuacións relacionadas co apoio a determinados grupos de seguidores, a autorización e utilización de elementos de animación e a xestión do Libro Rexistro de Seguidores, todas elas infraccións da normativa vixente en materia de prevención da violencia no deporte”, informou Antiviolencia nun comunicado.
A sanción chega despois de analizar a actividade do colectivo de seguidores denominado Sadar Bizirik, así como a súa vinculación co grupo Indar Gorri, a partir dos antecedentes existentes sobre a participación de integrantes de ambos os colectivos en condutas contrarias á lexislación vixente.
