InicioDeportesCaballero anuncia que a Tribuna de Balaídos levará o nome de Iago...

Caballero anuncia que a Tribuna de Balaídos levará o nome de Iago Aspas

O Concello de Vigo opta pola bancada xa operativa fronte á proposta da Deputación de Pontevedra de bautizar co nome do futbolista a nova bancada de Gol, actualmente en obras

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este mércores que a bancada de Tribuna do estadio municipal de Balaídos pasará a denominarse ‘Tribuna Iago Aspas’, como recoñecemento ao futbolista moañés e á súa traxectoria no Celta de Vigo.

O rexedor comunicou a decisión nun audio remitido aos medios poucas horas despois de que transcendese outra iniciativa relacionada co nome do xogador. A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, propuxera que fose a nova bancada de Gol, actualmente en obras, a que levase o nome de Aspas.

Caballero explicou que o Concello se decanta finalmente por Tribuna e definiu ao dianteiro como “o xogador máis referente na historia do Celta”. Segundo indicou, a elección desta zona do estadio responde tamén ás peticións recibidas por parte da cidadanía.

Entre os motivos expostos polo alcalde para escoller Tribuna está que se trata dunha bancada xa en funcionamento, o que permitiría aplicar a nova denominación sen esperar á conclusión das obras noutras partes de Balaídos.

“Xa está operativa”, argumentou Caballero, quen engadiu que desta maneira “o nome é inmediato”. O alcalde avanzou ademais que Tribuna será a bancada con maior capacidade do estadio e que nas súas proximidades está previsto instalar unha estatua dedicada a Iago Aspas.

O procedemento, con todo, aínda non está pechado. O propio rexedor recoñeceu que non solicitou formalmente a conformidade nin do futbolista nin do Celta de Vigo, aínda que confía en obter o seu visto e prace antes de formalizar a decisión municipal. Unha vez recibido ese consentimento, explicou, poderá “asinar o decreto” que oficialice a denominación.

A DEPUTACIÓN PROPUXERA BAUTIZAR A BANCADA DE GOL

O anuncio do Concello chega despois de que este mesmo mércores se coñecese a iniciativa impulsada desde a Deputación de Pontevedra, que situaba o nome de Iago Aspas noutra zona de Balaídos. A proposta da institución provincial consistía en denominar ‘Iago Aspas’ á nova bancada de Gol, que continúa actualmente en proceso de construción.

Segundo fontes da Deputación consultadas por Europa Press, a institución xa lle trasladara esta posibilidade ao xogador hai máis dun ano. Daquela, Aspas preferiu non aceptar o recoñecemento ao considerar que aínda permanecía en activo.

A situación mudou despois de coñecerse que o futbolista porá fin á súa carreira ao remate desta tempada. De acordo coas mesmas fontes, nesta ocasión Aspas xa comunicou á Deputación o seu visto e prace á proposta formulada para a bancada de Gol.

Deste xeito, Concello e Deputación coinciden na intención de que unha parte de Balaídos leve o nome do futbolista de Moaña, aínda que plantexan localizacións diferentes: o goberno municipal escolle Tribuna, mentres que a institución provincial propuxera a bancada de Gol.

ÚLTIMAS

Vigo pon en marcha o Nadal: comeza a montaxe dos grandes elementos con case 13 millóns de luces

O Concello de Vigo iniciou este martes a montaxe dos grandes elementos do seu...

Sete meses de prisión por tocarlle o cú a unha menor e agredir a un policía en Vigo

Un home aceptou sete meses e medio de prisión por lle tocar a unha...

Unha persoa resulta ferida nun choque con cinco vehículos implicados en Vigo

Una persoa resultou ferida tras verse afectada por un accidente de tráfico na cidade...

A frota de altura e gran altura de Vigo reclama ao Goberno activar “con urxencia” o Rexistro Especial

As organizacións de produtores OPPC3, OPPF4 e OPNAPA, con frotas españolas de altura e...