InicioSociedadeO Álvaro Cunqueiro estrea o luns un novo Hospital de Día para...

O Álvaro Cunqueiro estrea o luns un novo Hospital de Día para reducir ingresos e desconxestionar Urxencias

A nova unidade, cun investimento de 1,2 millóns de euros, abrirá o 28 de setembro e permitirá aumentar ata un 25% a actividade do Hospital de Día Oncohematolóxico.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo inaugurará o vindeiro luns, día 28 de setembro, o seu novo Hospital de Día de Procesos co obxectivo de reducir “ingresos evitables” e “atencións nas urxencias”. Así o sinalou este xoves o propio conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nunha visita a estas instalacións, que dispoñen duns 400 metros cadrados e supoñen un “gran avance” na “aposta estratéxica” da Xunta por aumentar a capacidade e a calidade asistencial, dixo.

“É unha alternativa excelente á hospitalización convencional e vai permitir liberar espazo no Hospital de Día Oncohematolóxico, que poderá incrementar a súa actividade entre un 20 % e un 25 %”, subliñou, ao tempo que indicou que tamén permitirá desconxestionar o servizo de urxencias, segundo o conselleiro. Tras un investimento de 1,2 millóns de euros, a idea é que este novo Hospital de Día se dedique inicialmente a especialidades como medicina interna, pneumoloxía, neuroloxía e dixestivo. Tal como explicou Gómez Caamaño, que felicitou a Área Sanitaria e os profesionais que traballarán alí, a intención é que se empregue para administrarlles aos pacientes determinados tratamentos.

“O máis importante é reducir os ingresos evitables e as atencións nas urxencias e estes percorridos que ás veces obrigan os pacientes a andar dun lado para outro, coa perda de tempo que iso implica, e mellorar a continuidade asistencial entre os distintos niveis, como Atención Primaria, Urxencias e Atención Hospitalaria”, sentenciou. Pola súa parte, o especialista en Pneumoloxía e xefe de servizo, José Alberto Fernández, amosou a súa “ledicia” pola posta en marcha desta unidade “tan necesaria”, que chega “nun moi bo momento” antes do inverno, cando aumentan os casos de patoloxías respiratorias.

ÚLTIMAS

Unha empresa inmobiliaria de Baiona sofre a ira do desahucio de Maricarmen en Madrid

Unha empresa inmobiliaria de recente creación con sede en Baiona viuse obrigada a emitir...

Arredor de 200 persoas reciben en Vigo o buque “Kate Tenacity” da Flotilla da Liberdade rumbo a Gaza

Arredor de 200 persoas recibiron este mércores en Vigo o buque "Kate Tenacity" da...

Balaídos terá unha ‘Tribuna Iago Aspas’: Caballero anuncia que levará o nome do xogador e terá unha estatua ao seu carón

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a bancada de Tribuna do estadio...

Vox leva ao xulgado os incidentes nunha mesa informativa en Cangas e estuda accións polo acto frustrado de Santiago

Vox presentou este martes unha denuncia ante a sección de instrución do Xulgado de...