InicioPolíticaCarmela Silva (PSdeG) critica ao PP porque "nunca confiou nin axudou" a...

Carmela Silva (PSdeG) critica ao PP porque “nunca confiou nin axudou” a Vigo

PUBLICADO O

- Advertisement -

A candidata do PSdeG ao Senado pola provincia de Pontevedra e primeira tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva, advertiu de que un posible goberno do PP “castigaría” a cidade en materia de infraestruturas, ao tempo que reivindicou o apoio do PSOE a Vigo nese sentido.

En declaracións remitidas aos medios, Carmela Silva sinalou que o balance dos gobernos do PP, tanto no Estado como na Xunta, “é inexistente” no que atinxe ás infraestruturas para Vigo. “Alguén lembra algunha gran obra construída polo Partido Popular na nosa cidade? A resposta é non, porque non hai ningunha”, proclamou.

Ao respecto, lembrou que foron gobernos socialistas os que concluíron a autoestrada AP-9, eliminaron e rebaixaron as peaxes; mentres que Aznar prorrogou a concesión ata 2048. Tamén atribuíu a executivos do PSOE a promoción e inauguración da estación de tren Vialia, así como o soterramento das vías para que o ferrocarril chegue ao centro de Vigo por un túnel, o que permitirá executar a saída sur.

“O PP queríaa ao descuberto (…) e Aznar e Rajoy deixáronnos sen tren de alta velocidade. O PP gardou nun caixón o tren Vigo-Madrid por Cerdedo, que agora volveu ser tramitado polo goberno de Pedro Sánchez”, engadiu, antes de lembrar que Óscar Puente, antes da súa saída do Executivo, “sinalou que está entre as prioridades da alta velocidade do Goberno”.

Con respecto ao aeroporto, denunciou que os “populares” “nunca” apoiaron a terminal de Peinador, senón que a querían “pechar”, e que a Xunta “financia voos en Santiago e A Coruña”, pero non en Vigo. “Ademais, non só temos en contra a Xunta de Galicia, senón tamén a Deputación”, asegurou.

Tras remarcar que os investimentos en infraestruturas de gobernos do PP en Vigo foron “cero patateiro”, Carmela Silva advertiu de que “isto é o que está en xogo” nas eleccións xerais do 29 de novembro. “Co PP, a experiencia dinos que nos van seguir castigando. Fixérono sempre. Co goberno de Pedro Sánchez están garantidos os recursos e os grandes investimentos”, sentenciou.

Finalmente, alertou dun dos proxectos que o PP paralizaría se goberna, a autovía Vigo-O Porriño por túnel. “Xa dixeron que non a queren. E quen encabeza a negativa? A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que manda no PP de Vigo. É algo incrible a falta de respecto a esta cidade, a máis poboada e a máis importante de Galicia”, apostilou.

ÚLTIMAS

José Couñago encabezará a candidatura socialista á Alcaldía de Mos nas eleccións locais de 2027

José Couñago encabezará a candidatura do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Mos nas próximas eleccións...

A falta de compoñentes obriga a Stellantis Vigo a suspender a produción do modelo Peugeot 2000

Stellantis Vigo suspenderá a actividade produtiva do Sistema 1, o que fabrica o Peugeot...

A acampada pola vivenda de Vigo retirará as tendas a partir do 15 de novembro

A Acampada pola vivenda de Vigo, asentada desde o 12 de outubro na Alameda,...

O lume de Camos, entre as queimas autorizadas e o conflito dos bombeiros forestais

O incendio forestal declarado o xoves na parroquia de Camos, en Nigrán, comezou cunha...