Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un varón de 53 anos, de nacionalidade española, como presunto autor dun delito de tentativa de homicidio, despois de prenderlle lume a un colchón que unha persoa sen fogar utilizaba para se protexer do frío.
Os feitos ocorreron na mañá deste domingo, cando varios testemuños alertaron o 092 tras observar que había lume nun colchón que estaba colocado a xeito de parapeto nun oco dunha saída de emerxencia dun inmoble, na Avenida de Beiramar. Nese oco pernoctaba unha persoa sen fogar, de nacionalidade estranxeira, que durmía nun colchón e utilizaba o outro para tapar a entrada do oco e protexerse do frío.
O sospeitoso, que levaba unha botella de plástico de refresco, prendeu lume ao colchón e marchou do lugar, aínda que a persoa sen fogar non resultou ferida grazas a que foi auxiliada por un taxista. A persoa prexudicada non conseguiu dar datos sobre o autor dos feitos, pero a Policía recorreu ás cámaras de seguridade do Porto e puido identificalo.
O sospeitoso foi localizado a uns 300 metros, cando estaba na terraza dun bar tomando algo. No momento da súa detención manifestou a súa animadversión cara á persoa sen fogar pola súa nacionalidade (estranxeira), e foi trasladado a dependencias policiais.
