A sede viguesa da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro mércores, día 23, unha empregada do fogar acusada de subtraer xoias e outros obxectos dunha vivenda en Vigo por un valor próximo aos 75.000 euros. Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos producíronse entre os anos 2022 e 2024, cando a muller traballaba no domicilio da súa empregadora.
A acusada comezou a traballar na vivenda en setembro de 2022 e dispoñía dun xogo de chaves que lle fora entregado pola propietaria para acceder ao inmoble. O Ministerio Público sostén que, aproveitando a confianza da súa empregadora e as ausencias desta, subtraeu numerosas xoias e obxectos de valor, entre eles cadeas de ouro, pendentes, medallas, pulseiras, aneis, broches e reloxos, así como pezas dunha cubertería de prata.
Posteriormente, cando xa non dispoñía das chaves da vivenda, a acusada tería accedido de novo ao inmoble utilizando outro xogo de chaves que, segundo Fiscalía, subtraera sen consentimento da propietaria dunha segunda vivenda situada en Panxón, aproveitando un «descoido». A prexudicada recuperou posteriormente dez dos reloxos subtraídos, cun valor conxunto de 12.240 euros.
A Fiscalía considera que os feitos son constitutivos dun delito de roubo e solicita para a procesada unha pena de tres anos de prisión. Ademais, reclama que indemnice á vítima con 62.697 euros polos efectos que non puideron ser recuperados, segundo consta no escrito de acusación.
