InicioSociedadeSATSE supera as 4.000 sinaturas para reclamar un encadre excepcional na Carreira...

SATSE supera as 4.000 sinaturas para reclamar un encadre excepcional na Carreira Profesional do Sergas

O sindicato denuncia que arredor de 10.000 profesionais seguen prexudicados por un sistema que non lles recoñece parte dos anos traballados e que ten consecuencias directas nos seus salarios.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Delegados e delegadas do sindicato de Enfermaría SATSE concentráronse este xoves ás portas de varios hospitais de Galicia, entre eles o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, para protestar pola situación actual do sistema de Carreira Profesional do Sergas e reclamar unha reforma que permita recoñecer os anos de servizos prestados que, segundo denuncian, quedaron fóra do cómputo. O sindicato confirmou que xa recolleu máis de 4.000 sinaturas para esixir ao Servizo Galego de Saúde un encadre excepcional que permita aos profesionais consolidar o grao que, ao seu xuízo, lles corresponde pola súa antigüidade e polos méritos acumulados.

SATSE sostén que o sistema actual “penaliza os profesionais cunha longa traxectoria”, ao non recoñecer períodos amplos de actividade profesional que nalgúns casos superan os 15 anos. Os casos son diversos, pero a maioría corresponden a tempo traballado nas propias institucións sanitarias do Sergas, ademais dos períodos de servizo prestados noutras comunidades autónomas ou en países membros da Unión Europea. “Diversas sentenzas recoñecen este dereito, que o Sergas se empeña en negar”, sostivo o sindicato.

PROFESIONAIS CON 25 ANOS DE SERVIZO QUE SÓ TEÑEN RECOÑECIDO O GRAO II

SATSE reclama que se habilite un acceso extraordinario á Carreira Profesional para os milleiros de aspirantes que, malia acreditar anos de servizo e méritos profesionais, non poden consolidar o nivel que lles correspondería. O sindicato lembra que a Carreira Profesional comezou a recoñecerse no Sergas en 2006, tras anos de reivindicacións, pero foi “paralizada” en 2009. As negociacións retomáronse en 2014 e en 2018 aprobouse un novo sistema de acceso. Segundo SATSE, ese proceso deixou “máis de 12 anos perdidos” para numerosos profesionais. “Deste xeito pode ocorrer que unha profesional con máis de 25 anos traballados só teña recoñecido o grao II de Carreira Profesional, cando lle correspondería o grao IV”, criticou a organización.

10.000 PROFESIONAIS AFECTADOS, 6.000 DELES ENFERMEIRAS E FISIOTERAPEUTAS

SATSE asegura que as modificacións introducidas co paso dos anos no acordo inicial continúan deixando fóra polo menos 10.000 profesionais. Deles, segundo os cálculos do sindicato, arredor de 6.000 son enfermeiras e fisioterapeutas. A organización advirte ademais de que esta situación ten unha “clara afectación salarial”, xa que o grao recoñecido dentro da Carreira Profesional repercute directamente nas retribucións. SATSE critica tamén que estes criterios non sexan os mesmos para todos os colectivos profesionais.

Segundo denuncia, o sistema aplicado ao persoal facultativo permite “un acceso máis dinámico ao reducir os prazos de permanencia en cada grao para a súa progresión”, mentres que enfermeiras, fisioterapeutas e outros profesionais continúan cunha progresión máis limitada. Por todo isto, o sindicato mantén a súa reclamación dun encadre excepcional que permita recoñecer os anos de servizos prestados e corrixir unha situación que considera discriminatoria para milleiros de profesionais do Sergas.

ÚLTIMAS

Balaídos terá unha ‘Tribuna Iago Aspas’: Caballero anuncia que levará o nome do xogador e terá unha estatua ao seu carón

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a bancada de Tribuna do estadio...

Vox leva ao xulgado os incidentes nunha mesa informativa en Cangas e estuda accións polo acto frustrado de Santiago

Vox presentou este martes unha denuncia ante a sección de instrución do Xulgado de...

Foanpas denuncia “carencias de profesorado” e “caos” no transporte escolar neste inicio de curso en Vigo

A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Centros Escolares de Vigo...

Vigo pon en marcha o Nadal: comeza a montaxe dos grandes elementos con case 13 millóns de luces

O Concello de Vigo iniciou este martes a montaxe dos grandes elementos do seu...