Inicio Blog Páxina 70

O Porto de Vigo permite a Estaleiros San Enrique seguir coa actividade mentres se resolven as súas alegacións

O Consello de Administración do Porto de Vigo acordou permitir a Estaleiros San Enrique (antiga Vulcano) continuar coa súa actividade nas instalacións do barrio de Teis mentres non se resolven as alegacións presentadas pola empresa, coas que pretende revogar a caducidade da concesión administrativa.

A concesión outorgada a San Enrique en febreiro de 2022 estaba vinculada ao cumprimento dunha serie de requisitos. Así, a empresa concesionaria, pertencente ao grupo Marina Meridional, tiña un prazo de dous anos para acometer os investimentos comprometidos, que ascendían a 1,8 millóns de euros. Porén, o pasado mes de xaneiro, o Consello de Administración acordou a extinción por caducidade da concesión. No seu momento, a Autoridade Portuaria defendeu que ese expediente se tramitou conforme á estrita legalidade e que contaba con todos os informes preceptivos.

Pola súa banda, a empresa tachou de desproporcionada a decisión e reclamou pospoñer a tramitación da caducidade, defendendo as súas cifras de emprego e a actividade que mantén nos estaleiros.

Este venres, o presidente do Porto, cuestionado polos medios de comunicación acerca da situación, informou de que o Consello optou por permitir a continuidade dos traballos en tanto non se resolven as alegacións e recursos da firma, pero insistiu en que a concesión está actualmente “caducada”. “Agora ábrese un marco de futuro; o pasado, pasado está”, incidiu o responsable portuario, quen evitou referirse aos futuros usos que poderán ter estas instalacións se finalmente se confirma a marcha de San Enrique.

Falece un repartidor tras sufrir unha indisposición

Un traballador de repartición faleceu este venres na Avenida de Ramón Neto de Vigo tras sufrir unha indisposición, segundo confirmou o CIAE 112 Galicia. A alerta chegou a Emerxencias sobre as 16.30 horas deste venres, cando un particular chamou ao 112 para informar da presenza dun repartidor tirado no chan, á altura do número 351 de Ramón Neto.

O alertante explicaba que o home estaba inconsciente e que non respondía. O 112 alertou a Urxencias Sanitarias-061, á Policía Local e á Policía Nacional. Cando os efectivos sanitarios chegaron á zona, atopáronse ao traballador, que sufrira unha indisposición, en situación de parada cardiorrespiratoria, pero as manobras de reanimación non deron resultando e acabou falecendo.

Evacúan un ferido tras un accidente de tráfico

Unha persoa resultou ferida na tarde deste venres ao saírse da vía e chocar contra o muro dun edificio na avenida do Aeroporto, en Vigo. Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o accidente tivo lugar as 18,00 horas e particulares sinalaron que había atrapados. Por iso, mobilizouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Vigo e á Policía Local.

Con todo, o ferido non tivo que ser excarcerado, xa que se atopaba liberado antes da chegada da dotación de bombeiros. O persoal sanitario tivo que realizar manobras de reanimación antes de que a persoa fose trasladada ao hospital de referencia.

Alianza pola Vivenda-Vigo reclama aumentar as vivendas públicas e conter as vivendas turísticas

Representantes da Alianza pola Vivenda-Vigo concentráronse este venres diante da delegación da Xunta na cidade olívica para esixir ao goberno galego medidas ante a falta de alternativas habitacionais para colectivos vulnerables e para reivindicar un parque de vivenda pública accesible. Esta plataforma, formada por diversas asociacións e colectivos, lembrou que os prezos do alugueiro están en “máximos históricos” e que “as medidas adoptadas polas administracións son insuficientes”, porque non abordan a raíz do problema: a especulación.

Juan Medela, do Sindicato de Inquilinas, pediu tamén ao Concello de Vigo que inste á Xunta “a declarar Vigo como zona tensionada para aplicar o control do prezo do aluguer”, como se fixo noutras cidades, entre elas A Coruña. Isabel Flores, de Amnistía Internacional, lamentou que as previsións de construción de vivenda por parte das administracións públicas non cheguen a cubrir “nin a cuarta parte” da demanda existente na cidade, e pediu aumentar o número de vivendas e pór en marcha un plan plurianual con perspectiva de xénero, acadar un 15% de vivenda pública galega, ampliar o aluguer social e apostar pola compra e rehabilitación das máis de medio millón de vivendas baleiras na Comunidade.

Desde Ecoloxistas en Acción, Xaquín Pastoriza advertiu de que a ordenanza municipal para regular as vivendas turísticas (VUT) “non vai solucionar” o problema, e pediu unha moratoria indefinida de licenzas en todo Vigo e o peche das VUT ilegais. A Alianza denunciou tamén a falta de prazas en residencias públicas e as “longas esperas” dos estudantes, que condicionan o seu acceso á educación, segundo explicou Sara Castro, do Sindicato Estudiantil Fervenza.

Do mesmo xeito, puxeron o foco na “situación de desamparo” das persoas vulnerables e sen fogar, con “só 38 prazas” no albergue municipal e sen alternativas para saír da precariedade, destacou Carla Leiras, do Foro Socioeducativo As Ninguéns. Desde a Plataforma Galega Vivenda Xa! denunciaron que a Xunta “non só non fai todo o que debería para resolver esta problemática, senón que incluso rexeita as medidas que se propoñen e que serían útiles para freala”. A Alianza convocou para o vindeiro 5 de xuño unha manifestación baixo o lema ‘A vivenda córtanos a vida’, que sairá ás 20.00 horas da Praza de España de Vigo.

CARTA AO GOBERNO LOCAL

Pola súa banda, a Alianza enviou nos últimos días unha carta ao goberno local coas súas demandas, e este venres fixo público o seu malestar pola resposta recibida. Criticaron que a tenente de alcaldesa, Carmela Silva, rexeitase reunirse con estes colectivos alegando que “son asociacións vinculadas ao BNG”. Segundo sinalaron, Silva reprochou que os nacionalistas “en Pontevedra non fan nada” do que lle piden ao Concello de Vigo e convidounos a dirixir as súas demandas á Xunta, por ser a competente en materia de vivenda.

Ante esa postura, a Alianza lamentou o “descoñecemento” do goberno vigués sobre o tecido asociativo local e recordou que o Concello ten nas súas mans pedir á administración autonómica o control de prezos, actuar en materia de vivenda social, fiscalizar as vivendas de uso turístico, etc.

A Alianza pola Vivenda-Vigo está integrada polas asociacións Amnistía Internacional, Árbore, Asociación Veciñal de Teis, CIG, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, Ecoloxistas en Acción, EMAÚS, Espazo Aberto Antimilitar, Foro Socioeducativo As Ninguéns, Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Serviços Públicos (MODEPEN), Oficina de Valores Non Inventariables, Plataforma Galega Vivenda Xa!, Sindicato Estudiantil Fervenza, Sindicato de Inquilinas Vigo e Verdegaia.

CRÍTICAS DO BNG

Pola súa parte, o voceiro do grupo municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, criticou a falta de actuacións eficaces por parte da Xunta ante un problema “alarmante”. Censurou que o goberno galego se limita a “anunciar unha e outra vez” as mesmas vivendas en Navia que, unha vez rematadas, deixarán sen resposta a máis de 8.000 persoas demandantes de fogar.

En relación co goberno local, tamén reprobou a “intolerable” resposta de Carmela Silva a estes colectivos, reducindo a actitude a “menosprezalos e descalificalos”. “Entendemos que desde un luxoso chalé en Toralla e con uns ingresos de máis de 100.000 euros ao ano (seis veces o SMI), para a señora Silva o problema da vivenda non é unha preocupación, pero si o é para a ampla maioría social da cidade”, indicou o concelleiro, que pediu ao goberno local que adopte medidas eficaces en lugar de “anuncios” e “promesas”.

Detidas varias persoas por venda de droga en distintos puntos de Vigo

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela detiveron esta semana a varias persoas, en diversas actuacións contra o ‘menudeo’ de drogas. Así, o pasado luns, axentes da Unidade de Prevención e Reacción detectaron na zona das Travesas a un home que acababa de realizar unha venda dunha papelina de droga. Ao interceptado, os axentes localizaron entre as súas pertenzas 200 euros en efectivos e duas papelinas de heroína, polo que procederon á súa detención por un suposto delito de tráfico de estupefacientes.

Esa mesma tarde, unha dotación do Grupo de Atención ao Cidadán (GAC) identificou na zona de O Castro a outro home que portaba oculto entre as súas roupas un envoltorio con máis de 9 gramos de cocaína. A sustancia foi intervida e o individuo quedou igualmente detido.

Ao día seguinte axentes do Grupo Operativo de Prevención da Delincuencia (GOPD) actuaron na zona de Balaídos, tras recibir informacións que apuntaban a que unha muller estaba vendendo sustancias estupefacientes na vía pública. Os policías localizaron a esta muller e observaron como realizaba unha transacción de droga co condutor dun vehículo que se detivo ao seu lado. Tras interceptar a ambos, comprobouse que o comprador adquirira un anaco de haxix, mentres que a muller portaba 160 euros en billetes fraccionados.

Durante a intervención, o fillo da detida presentouse no lugar en actitude violenta, increpando e empuxando aos axentes e negándose a identificarse, motivo polo cal tamén foi detido. Finalmente, o pasado mércores, tamén na zona de O Castro, a Policía detectou a un individuo nunha zona coñecido pola actividade de venda de drogas, e atopáronlle entre as súas roupas 2 gramos de cocaína, un gramo de cocaína en cristal, 2 gramos de cocaína rosa ou ‘tusi’, algo máis dun gramo de metanfetamina azul e 3,5 gramos de marihuana, ademais de máis de 600 euros en billetes fraccionados. O home foi detido como presunto autor dun delito de tráfico de drogas.

O plan industrial de Stellantis Vigo mantense “inalterable” e avanza cara a novos lanzamentos

O director de Stellantis Vigo, José Luís Alonso Mosquera, asegurou que o plan industrial da factoría automobilística olívica “permanece inalterable” e subliñou que a planta avanza xa na preparación de novos lanzamentos para dar resposta aos obxectivos de custo e de prazo marcados pola multinacional, sempre coa “máxima calidade”. Así o sinalou durante a súa intervención na asemblea anual do Clúster de Empresas de Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), onde destacou a necesidade de cumprir coa esixencia e a disciplina na execución dos plans da compañía.

Respecto diso, puxo en valor a importancia “determinante” do resto de empresas do sector para seguir creando o ecosistema da automoción na comunidade e adaptarse ao futuro. No seu discurso, a pesar de que non avanzou moitos datos sobre os novos lanzamentos, Mosquera debullou a folla de ruta cara a 2030 anunciada por Stellantis nas últimas semanas, que inclúe tres novas plataformas multienerxía e “sen peche de plantas”, senón ampliando as súas capacidades do 60% ao 80%.

No entanto, o plan para Vigo segue “inalterable”, dixo, aínda que apuntou cara a varios retos, como a redución da factura eléctrica, que ten un “impacto significativo” nos custos de produción da fábrica viguesa. Ademais, pediu un marco laboral “estable, claro e previsible” para poder tomar decisións a longo prazo. Tamén valorou a importancia da colaboración público-privada, agradecendo o apoio da Xunta que foi “vital” para o sector nos últimos anos para xerar novo coñecemento.

‘El novio de la muerte’, himno da Legión, entre o máis aplaudido no Encontro de Música Militar de Vigo

O Encontro de Música Militar celebrado este xoves en Vigo, no marco dos actos con motivo do Día das Forzas Armadas, reuniu na céntrica Porta do Sol a miles de persoas, que puideron gozar das interpretacións de seis unidades militares de música, así como dunha agrupación da Federación Galega de Bandas de Música.

O acto estivo presidido polo Xefe do Estado Maior da Defensa, o almirante xeral Teodoro Esteban López Calderón, e polo alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, e contou coa presenza de numerosas autoridades civís e militares. O Encontro estivo precedido por varios pasarúas protagonizados polas unidades musicais, cuxos itinerarios coincidiron en Pórtaa do Sol.

Así, a primeira en actuar foi a Unidade de Música do Cuartel Xeral do Mando de Apoio á Manobra, con sede na Coruña, seguida pola Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín. Seguíronlles a Unidade de Música da Academia Básica do Aire e o Espazo, con sede en León; a Unidade de Música da Brigada ‘Rei Alfonso XIII’ II da Lexión, con sede en Almería; a Unidade de Música da Dirección Xeral da Garda Civil, con sede en Madrid.

Finalmente, actuaron unha agrupación da Federación Galega de Bandas de Música e a Unidade de Música da Garda Real, e pechouse o acto coa reunión de todos os integrantes das bandas, que de forma conxunta interpretaron os temas ‘Santiago’ de José Álvarez, ‘Alborada’ de Xosé Manuel Fernández, ‘Maruxiña’ de Antonio Amigo Ramos e o ‘Bolero Militar’ de Jacques Devogel, antes da interpretación do himno nacional de España, para pór o broche final ao Encontro.

A multitude asistente puido escoitar algúns clásicos da música militar, xunto con pezas máis modernas, como a ‘Marcha de Ben Hur’ ou ‘The Final Countdown’. Foron as unidades locais as máis aplaudidas e, xunto a elas, a unidade de música da brigada da Lexión, que co seu peculiar paso e coa interpretación de ‘El novio de la muerte” espertaron o entusiasmo dos asistentes.

Entre as pezas que se interpretaron por parte dos 300 músicos participantes estiveron ‘Cantigas e Agarimos’ de Bernardo do Río; ‘Os sitios de Badaxoz’, de Juan Gonzalo Gómez Deval; ‘Don Juan de Austria’, de Antonio Morais; ‘Rolandito’ de José Ouro Val; ou o pasodobre ‘España Cañí’.

Caballero saca peito polo “cheo total” nos hoteis de Vigo: un 91% de ocupación media pola fin de semana militar

Vigo convértese esta semana no epicentro da atención turística e institucional. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou de forma entusiasta o “cheo total” que están a rexistrar os hoteis da cidade olívica ao longo de todas estas xornadas, coincidindo de cheo coa celebración na urbe dos actos conmemorativos do Día das Forzas Armadas.

UNHA OCUPACIÓN “FORA DE SERIE”

Nun audio enviado de forma directa aos medios de comunicación, o rexedor vigués debullou os datos de ocupación hostaleira, cualificando a resposta do sector como un éxito “fóra de serie”. Segundo os datos recollidos polo Concello de Vigo, as cifras sitúanse nun 95% de ocupación para a xornada do xoves, mentres que para o venres as reservas integradas escalan ata acadar o 96%. De cara ao sábado, o día principal das celebracións, os hoteis manterán un 81% das súas prazas cubertas.

“O fin de semana imos ter, por tanto, un promedio que supera o 91%”, salientou Abel Caballero con gran satisfacción, incidindo no impacto económico e de dinamización que este volume de visitantes supón para as empresas de hostalaría locais.

O DESFILE TERRESTRE E AÉREO NA AVENIDA DE SAMIL

O alcalde quixo lembrar ademais que o día central de toda a programación institucional terá lugar este vindeiro sábado. Será nesa xornada cando veciños e visitantes conten coa oportunidade de presenciar en directo o gran despregamento militar coordinado para a ocasión. Tal e como detallou o propio rexedor no seu informe, o grande atractivo turístico do evento centrarase no desfile terrestre con todo tipo de vehículos militares, así como no agardado espectáculo aéreo. 

O BNG reclama máis persoal nos centros de saúde de Vigo para evitar outro verán de “colapso sanitario”

O voceiro municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, esixiu á Xunta que reforce o persoal nos centros de saúde da cidade para evitar outro verán de “colapso sanitario”. Nun comunicado, os nacionalistas advertiron de que xa se están a alongar as esperas para cita médica, que nalgún caso alcanzan os 15 días, e alertaron do risco de saturación do punto de atención continuada e das urxencias hospitalarias. “Se non hai máis persoal nin máis medios, esta situación vai agravarse coa chegada do verán, repetindo o colapso que xa padecemos en anos anteriores”, lamentou Igrexas.

O voceiro nacionalista considera “especialmente preocupante” a situación na pediatría e reivindicou que os máis pequenos “precisan e merecen atención médica especializada todo o ano”, aínda que, segundo dixo, o PP “semella non entendelo”. “A enfermidade non toma vacacións e o dereito á saúde tampouco”, reivindicou Igrexas, acusando os populares de manter “unha nefasta política sanitaria de recortes e privatizacións”.

Falece Antolín Alcántara, histórico líder da CIG e gran referente das loitas do Metal e do Naval

O sindicalismo nacionalista e a clase obreira galega están de loito. O histórico dirixente da Confederación Intersindical Galega (CIG), Antolín Alcántara Álvarez, faleceu na madrugada deste xoves. O emblemático militante será despedido nun acto civil programado para este venres, ás 12:30 horas, nas instalacións do tanatorio de Pereiró, na cidade de Vigo.

UNHA VIDA VINCULADA AO MAR, Á AUTOMOCIÓN E AO SINDICALISMO

Natural de Moaña, Alcántara comezou a súa militancia sindical a unha idade moi temperá. Tras unha etapa inicial como maquinista naval, iniciou a súa actividade profesional e sindical no sector da automoción, converténdose co paso dos anos nunha das figuras máis destacadas e respectadas do sindicalismo nacionalista galego. Desde a CIG subliñaron que a defensa inquebrantable da clase traballadora, a xustiza social e a “liberación nacional e social de Galicia” foron os piares fundamentais que guiaron toda a súa traxectoria vital. Alcántara estivo especialmente vinculado ás grandes loitas dos sectores do Metal e do Naval. 

RESPONSABILIDADES NACIONAIS E FIRMEZA COA CAUSA

Ao longo da súa dilatada traxectoria, o militante moañés desempeñou diversas responsabilidades organizativas de peso dentro da estrutura da CIG. No ano 2005, foi elixido secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral, integrándose na candidatura encabezada por Suso Seixo. Desde a central nacionalista lembrárono como “unha voz clara e valente na denuncia das reformas laborais, das políticas antisociais e da perda de dereitos da clase traballadora”.

Alén do seu perfil público, destacaron que, por riba de todo, Antolín foi “un compañeiro profundamente humano, solidario e comprometido con todas as causas xustas”. A executiva do sindicato puxo en valor as súas fortes conviccións e a súa honestidade, mantidas de forma íntegra mesmo nos momentos máis difíciles, como cando foi procesado e condenado por desordes en Vigo por mor dos duros conflitos laborais do Metal.

O SEU LEGADO LITERARIO E A MEMORIA COLECTIVA

O ano pasado, Antolín Alcántara quixo deixar plasmada parte da súa historia coa publicación do libro ‘En memoria da nosa infancia’. Nesta obra, o sindicalista reconstrúe con detalle a dureza dos anos da súa nenez e mocidade na Galiza da época, servindo tamén como unha ferramenta para reivindicar valores esenciais como a solidariedade, o apoio mutuo e a conciencia colectiva da clase obreira.

“Coa morte de Antolín Alcántara desaparece un compañeiro imprescindible para entender a historia recente da CIG e das loitas obreiras e nacionalistas de Galicia”,manifestou formalmente a Confederación Intersindical Galega a través dun comunicado de condolencias. Co seu pasamento, a central incide en que o seu exemplo de coherencia, dignidade e compromiso quedará gravado para sempre na memoria colectiva de todas as persoas que compartiron con el a defensa de “unha sociedade sen explotación, máis xusta e plenamente libre”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed