Representantes da Alianza pola Vivenda-Vigo concentráronse este venres diante da delegación da Xunta na cidade olívica para esixir ao goberno galego medidas ante a falta de alternativas habitacionais para colectivos vulnerables e para reivindicar un parque de vivenda pública accesible. Esta plataforma, formada por diversas asociacións e colectivos, lembrou que os prezos do alugueiro están en “máximos históricos” e que “as medidas adoptadas polas administracións son insuficientes”, porque non abordan a raíz do problema: a especulación.
Juan Medela, do Sindicato de Inquilinas, pediu tamén ao Concello de Vigo que inste á Xunta “a declarar Vigo como zona tensionada para aplicar o control do prezo do aluguer”, como se fixo noutras cidades, entre elas A Coruña. Isabel Flores, de Amnistía Internacional, lamentou que as previsións de construción de vivenda por parte das administracións públicas non cheguen a cubrir “nin a cuarta parte” da demanda existente na cidade, e pediu aumentar o número de vivendas e pór en marcha un plan plurianual con perspectiva de xénero, acadar un 15% de vivenda pública galega, ampliar o aluguer social e apostar pola compra e rehabilitación das máis de medio millón de vivendas baleiras na Comunidade.
Desde Ecoloxistas en Acción, Xaquín Pastoriza advertiu de que a ordenanza municipal para regular as vivendas turísticas (VUT) “non vai solucionar” o problema, e pediu unha moratoria indefinida de licenzas en todo Vigo e o peche das VUT ilegais. A Alianza denunciou tamén a falta de prazas en residencias públicas e as “longas esperas” dos estudantes, que condicionan o seu acceso á educación, segundo explicou Sara Castro, do Sindicato Estudiantil Fervenza.
Do mesmo xeito, puxeron o foco na “situación de desamparo” das persoas vulnerables e sen fogar, con “só 38 prazas” no albergue municipal e sen alternativas para saír da precariedade, destacou Carla Leiras, do Foro Socioeducativo As Ninguéns. Desde a Plataforma Galega Vivenda Xa! denunciaron que a Xunta “non só non fai todo o que debería para resolver esta problemática, senón que incluso rexeita as medidas que se propoñen e que serían útiles para freala”. A Alianza convocou para o vindeiro 5 de xuño unha manifestación baixo o lema ‘A vivenda córtanos a vida’, que sairá ás 20.00 horas da Praza de España de Vigo.
CARTA AO GOBERNO LOCAL
Pola súa banda, a Alianza enviou nos últimos días unha carta ao goberno local coas súas demandas, e este venres fixo público o seu malestar pola resposta recibida. Criticaron que a tenente de alcaldesa, Carmela Silva, rexeitase reunirse con estes colectivos alegando que “son asociacións vinculadas ao BNG”. Segundo sinalaron, Silva reprochou que os nacionalistas “en Pontevedra non fan nada” do que lle piden ao Concello de Vigo e convidounos a dirixir as súas demandas á Xunta, por ser a competente en materia de vivenda.
Ante esa postura, a Alianza lamentou o “descoñecemento” do goberno vigués sobre o tecido asociativo local e recordou que o Concello ten nas súas mans pedir á administración autonómica o control de prezos, actuar en materia de vivenda social, fiscalizar as vivendas de uso turístico, etc.
A Alianza pola Vivenda-Vigo está integrada polas asociacións Amnistía Internacional, Árbore, Asociación Veciñal de Teis, CIG, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, Ecoloxistas en Acción, EMAÚS, Espazo Aberto Antimilitar, Foro Socioeducativo As Ninguéns, Movemento Galego pola Defensa das Pensións e os Serviços Públicos (MODEPEN), Oficina de Valores Non Inventariables, Plataforma Galega Vivenda Xa!, Sindicato Estudiantil Fervenza, Sindicato de Inquilinas Vigo e Verdegaia.
CRÍTICAS DO BNG
Pola súa parte, o voceiro do grupo municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, criticou a falta de actuacións eficaces por parte da Xunta ante un problema “alarmante”. Censurou que o goberno galego se limita a “anunciar unha e outra vez” as mesmas vivendas en Navia que, unha vez rematadas, deixarán sen resposta a máis de 8.000 persoas demandantes de fogar.
En relación co goberno local, tamén reprobou a “intolerable” resposta de Carmela Silva a estes colectivos, reducindo a actitude a “menosprezalos e descalificalos”. “Entendemos que desde un luxoso chalé en Toralla e con uns ingresos de máis de 100.000 euros ao ano (seis veces o SMI), para a señora Silva o problema da vivenda non é unha preocupación, pero si o é para a ampla maioría social da cidade”, indicou o concelleiro, que pediu ao goberno local que adopte medidas eficaces en lugar de “anuncios” e “promesas”.
