O director de Stellantis Vigo, José Luís Alonso Mosquera, asegurou que o plan industrial da factoría automobilística olívica “permanece inalterable” e subliñou que a planta avanza xa na preparación de novos lanzamentos para dar resposta aos obxectivos de custo e de prazo marcados pola multinacional, sempre coa “máxima calidade”. Así o sinalou durante a súa intervención na asemblea anual do Clúster de Empresas de Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), onde destacou a necesidade de cumprir coa esixencia e a disciplina na execución dos plans da compañía.
Respecto diso, puxo en valor a importancia “determinante” do resto de empresas do sector para seguir creando o ecosistema da automoción na comunidade e adaptarse ao futuro. No seu discurso, a pesar de que non avanzou moitos datos sobre os novos lanzamentos, Mosquera debullou a folla de ruta cara a 2030 anunciada por Stellantis nas últimas semanas, que inclúe tres novas plataformas multienerxía e “sen peche de plantas”, senón ampliando as súas capacidades do 60% ao 80%.
No entanto, o plan para Vigo segue “inalterable”, dixo, aínda que apuntou cara a varios retos, como a redución da factura eléctrica, que ten un “impacto significativo” nos custos de produción da fábrica viguesa. Ademais, pediu un marco laboral “estable, claro e previsible” para poder tomar decisións a longo prazo. Tamén valorou a importancia da colaboración público-privada, agradecendo o apoio da Xunta que foi “vital” para o sector nos últimos anos para xerar novo coñecemento.
