Inicio Blog Páxina 51

Ingrid deixa ventos de 117km/h e moitas incidencias en Vigo

0

Os bombeiros de Vigo tiveron numerosas saídas ao longo da noite e á primeira hora da mañá por mor do temporal Ingrid que entrou con forza en Galicia, aínda que ningunha incidencia foi grave, segundo confirmaron a Europa Press.

Así, tiveron que actuar en diversas caídas de árbores e ramas, desprendemento de carteis e paneis, ou de elementos de tellados, sen que se rexistraron feridos. O vento foi o causante da maioría de contratempos e, polo momento, non se notificaron incidentes relacionados con acumulacións de choiva ou inundacións.

No Porto de Vigo , en cuxa estación meteorolóxica se rexistraron refachos de vento de até 117 km/h, hai 9 barcos que atracaron nos peiraos para refuxiar da borrasca e outros 4 buques fondeados na ría, ao abrigo das illas Cíes. A autoridade portuaria mantén pechado o paseo de Bouzas por seguridade.

O BNG esixe responsabilidades políticas tras a imputación da concelleira de Seguridade polo accidente do Saltamontes en Matamá

0

O grupo municipal do BNG rexistrou unha moción urxente para o seu debate no pleno do luns coa que reclama a depuración de responsabilidades políticas tras a imputación, en calidade de investigada, da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez, polo accidente mortal ocorrido na atracción Saltamontes durante as festas de Matamá, en agosto de 2024.

O portavoz nacionalista, Xabier Pérez Iglesias, cualificou a situación da edila socialista como “insustentable para o goberno de Abel Caballero” e reclamou medidas para evitar que feitos semellantes volvan repetirse. “O alcalde ten que dar a cara, ten que dar explicacións á cidade e reaccionar ante un feito gravísimo, como que unha concelleira sexa investigada nun procedemento xudicial”, sinalou.

Desde o BNG consideran que Patricia Rodríguez “non pode continuar nin un minuto máis” á fronte das súas funcións e instan ao goberno local a “deixar de mirar para outro lado”. Os nacionalistas sosteñen que a investigación xudicial apunta a deficiencias graves nos mecanismos de control e seguridade municipais relacionados coa instalación e funcionamento da atracción na que se produciu o accidente.

Neste contexto, o cesamento da concelleira é, para o BNG, “o mínimo” esixible. A formación tamén avanzou que solicitará a creación dunha comisión especial de investigación para esclarecer responsabilidades políticas e administrativas e para analizar o funcionamento dos servizos municipais implicados.

CAMBIOS EN PROTOCOLOS E RECURSOS

A iniciativa inclúe, ademais, a demanda de novos protocolos de inspección e control para a instalación de atraccións de feira e elementos similares, así como a revisión das ordenanzas e instrucións en materia de seguridade aplicables a eventos públicos. Os nacionalistas reclaman igualmente a dotación de persoal e recursos necesarios para garantir un control efectivo neste tipo de celebracións.

A moción será debatida no pleno municipal do luns, onde o BNG espera que o goberno local se pronuncie sobre as medidas propostas tras a imputación xudicial da responsable de Seguridade.

MOCIÓN DO PP

O grupo municipal do PP en Vigo rexistrou unha moción urxente para reclamar a dimisión ou o cesamento inmediato de Patricia Rodríguez, así como a retirada de funcións do xefe da área de Seguridade, Antonio V.M., ambos investigados polo accidente mortal do ‘Saltamontes’. Os populares cualifican a situación de “extremadamente grave” e consideran que a súa citación xudicial é unha proba da “manifesta neglixencia” do goberno local. Segundo a formación, o concello incumpriu as súas obrigacións de control ao non inspeccionar nin precintar unha atracción que carecía da autorización municipal necesaria.

O Consello da Xerencia de Urbanismo de Vigo levará a votación a nova ordenanza das vivendas turísticas

0

O Consello da Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo someterá a votación o vindeiro martes o proxecto de ordenanza municipal reguladora da implantación, intensidade e funcionamento das vivendas de uso turístico (VUT). Así o avanzou a concelleira de Urbanismo, María José Caride, nunhas declaracións remitidas aos medios.

Segundo explicou a responsable municipal, a ordenanza terá que superar aínda varios trámites antes da súa entrada en vigor, xa que deberá pasar polo pleno para a aprobación inicial e, posteriormente, someterse a un período de exposición pública, previo á aprobación definitiva. O obxectivo principal do texto, indicou, é “proporcionar seguridade xurídica a titulares e veciños, evitar conflitos coas comunidades de propietarios e priorizar o dereito á vivenda e o uso residencial”.

CONDICIÓNS LIGADAS AO PLAN XERAL

A normativa fixa as condicións de implantación das VUT en función do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Só se permitirán vivendas de uso turístico nas zonas onde este uso sexa compatible co planeamento urbanístico vixente. Ademais, deberán localizarse en edificios completos ou en plantas baixas ou altas con independencia funcional, é dicir, con acceso independente e sen usos residenciais nas plantas inmediatamente inferiores.

Caride precisou que a ordenanza establece limitacións expresas para determinados inmobles. Así, “en ningún caso” poderán destinarse a uso turístico vivendas que fosen reformadas ou rehabilitadas con subvencións públicas destinadas á mellora do parque residencial, nin tampouco aquelas que conten con algún tipo de protección oficial.

O texto tamén abre a porta a que o Concello poida declarar barrios, rúas ou zonas concretas como áreas saturadas ou de intensidade limitada para este tipo de actividade. Esta declaración, segundo se recolle no proxecto, deberá realizarse previo estudo técnico e tramitación administrativa, co obxectivo de evitar unha concentración excesiva de VUT en determinados puntos da cidade.

No relativo ao procedemento administrativo, a concelleira detallou que as vivendas de uso turístico quedarán suxeitas a comunicación previa para a súa implantación, unha vez inscritas no rexistro de empresas e actividades turísticas de Galicia. “O Concello de Vigo outorga esta actividade e, a partir de agora, todas as vivendas de uso turístico terán que ser compatibles con esta tramitación administrativa, contando coa comunicación previa de actividade no Concello”, concluíu Caride.

A UVigo celebrará as eleccións ao reitorado na semana do 4 ao 8 de maio

As eleccións para escoller ao próximo reitor ou reitora da Universidade de Vigo celebraranse entre os días 4 e 8 de maio, segundo avanzou o reitor, Manuel Reigosa, na reunión do Consello de Goberno da institución celebrada este xoves.

O Consello deu luz verde á convocatoria de eleccións de representantes do Claustro, que pon en marcha o proceso electoral. A proposta de calendario trasladarase agora á Comisión Electoral e contemplará, se fose necesario, a celebración dunha segunda volta, tamén en maio.

Tras a aprobación dese calendario, o proceso iniciarase coa publicación dos censos provisionais e posteriormente os definitivos, e continuará co prazo de presentación de candidaturas e a súa proclamación. Ata agora fixeron pública a súa intención de aspirar a ser reitores o catedrático de Enxeñaría Industrial, Jacobo Porteiro; a catedrática de Enxeñaría de Telecomunicación, Carmen García Mateo; e a catedrática e actual vicerreitora de Investigación, Belén Rubio.

Os candidatos presentarán os seus equipos e programas, establecerase un período de campaña electoral, unha xornada de reflexión e outra de votación. A partir de aí, proclamaranse os resultados e celebraríase, se procede, a segunda volta, cos seus respectivos prazos.

VEHÍCULOS AUTÓNOMOS NO CAMPUS DE VIGO

O campus universitario de Vigo será o primeiro de España en contar cun servizo de vehículo autónomo conectado, que poderá ser utilizado por toda a comunidade universitaria nos seus desprazamentos entre edificios.

Este xoves presentouse no campus o proxecto piloto de ciberseguridade para o vehículo conectaro sobre rede 5G, nun acto que contou coa presenza do reitor, Manuel Reigosa; do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos; e do director do CTAG, Luís Moreno.

Este vehículo autónomo, desenvolvido integramente en Galicia yc on capacidade para 8 persoas, ademais de facilitar os desprazamentos, permitirá validar diferentes solucións avanzadas de transporte intelixente e ciberseguridade nunha contorna real, con tráfico, peóns e condicións variables.

 

A concelleira de Seguridade de Vigo, citada como investigada polo accidente mortal do ‘Saltamontes’

O Tribunal de Instancia, na súa sección de Instrución de Vigo, citou a declarar en calidade de investigada á concelleira de Seguridade da cidade olívica, Patricia Rodríguez Calviño. Esta citación prodúcese no marco da causa aberta para depurar responsabilidades polo accidente mortal da atracción ‘Saltamontes‘, que tivo lugar durante as festas da parroquia de Matamá en agosto de 2024.

Ata o momento, o procedemento mantiña como investigados ao dono da atracción, ao presidente da comisión de festas e á propia comisión como entidade. Porén, a investigación deu un xiro coa citación doutras tres persoas que deberán comparecer ante o xuíz o vindeiro 3 de febreiro: a mencionada concelleira, o xefe da área municipal de Seguridade, Antonio V.M., e o perito que realizou a inspección anual da atracción, Antonio L.A.

O accidente que motiva esta causa xudicial ocorreu na madrugada do 3 de agosto de 2024. Segundo as pescudas iniciais, unha avaría mecánica no brazo da atracción provocou que o habitáculo saíra proxectado, un sinistro que lle custou a vida a un home de 36 anos. Con estas novas citacións, a xustiza busca determinar se existiron fallos na cadea de inspeccións, permisos e supervisión municipal necesarios para o funcionamento da atracción de feira.

A OPOSICIÓN PIDE Á CONCELLEIRA QUE DIMITA

Os grupos da oposición no Concello de Vigo, PP e BNG, esixiu este xoves o cesamento inmediato da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, tras coñecerse que foi citada polo xulgado para declarar en calidade de investigada polo accidente mortal do ‘Saltamontes’, ocorrido en agosto de 2024.

A presidenta do PP vigués, Luisa Sánchez, sinalou que esta decisión da xuíza, de citar á concelleira, pero tamén ao xefe da área municipal de Seguridade, Antonio V.M., “é dunha extrema gravidade”.

Igualmente, advertiron ao alcalde, Abel Caballero, de que tampouco pode “permanecer impasible nin en silencio”, e pediron tamén que aparte das súas funcións ao xefe da área de Seguridade, e anunciou que, de non producirse eses cesamentos, presentarán unha moción urxente no pleno do próximo luns.

“537 DÍAS DE INACEPTABLE SILENCIO”

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, constatou que a citación da edila socialista e do xefe de Seguridade reflicten que “hai indicios sólidos de responsabilidade municipal” en relación co “control neglixente”, pola falta dun protocolo municipal de inspeccións e dunha instrución clara para ordenar o precinto desta atracción, que non reunía as condicións.

A isto súmanse, apuntaron o edil nacionalista, a “negativa reiterada” de Patricia Rodríguez a dar explicacións do ocorrido ante o Pleno, o que supón “537 días dun inaceptable silencio”, ademais do bloqueo do goberno municipal á creación dunha comisión de investigación. 

Finalmente, Pérez Igrexas confirmou que o BNG está a preparar unha moción de urxencia para presentar no pleno do luns, para esixir responsabilidades ao goberno municipal e para volver reclamar unha investigación a fondo, contribuíndo a aclarar o sucedido e definindo medidas que eviten que un suceso así poida repetirse.

De tesouro agochado a capital mundial do Nadal: como Vigo creou a súa propia marca

Hai cidades que teñen un icono. París ten a Torre Eiffel. Nova York, a Estatua da Liberdade. Roma, o Coliseo. Vigo, en cambio, creou algo distinto: unha idea. Un fenómeno. Unha marca propia recoñecible en todo o mundo. Vigo inventou o Nadal do século XXI. Non é só unha frase grandilocuente, é un feito cultural e turístico. En apenas unha década, unha cidade do noroeste da Península pasou de ser “un tesouro agochado” a converterse en sinónimo de Nadal a escala global. Hoxe pronuncias ‘Nadal’ e moitos respostan ‘Vigo’. Dis ‘Vigo’ e pensan en luces, no seu alcalde, en millóns de persoas percorrendo as rúas iluminadas.

A CIDADE QUE BRILLA TODO O ANO, NON SÓ NO NADAL

Pero reducir Vigo a dous meses de luces sería inxusto. Vigo non é só Nadal: é unha cidade que brilla os 365 días do ano. Podes chegar unha mañá calquera e pasear polo monte do Castro, respirar o aire do Atlántico e atoparte cunha das mellores vistas urbanas de Europa: a ría estendida como un espello e, ao fondo, as illas Cíes debuxando o horizonte. No verán, Vigo parece o Caribe. Samil, O Vao, Rodas… praias de area branca e augas transparentes que non teñen nada que envexar a destinos exóticos. As Cíes convértense nun ritual anual para milleiros de persoas. No outono, cando outras cidades baixan o ritmo, Vigo entra noutra liga: comezan as preguntas: ‘Xa acendestes as luces?’ Porque aquí o Nadal non se agarda, anticípase.

“O NADAL É O FENÓMENO TURÍSTICO EMERXENTE MÁIS IMPORTANTE DESTE SÉCULO”

O seu alcalde, Abel Caballero, non ten dúbidas: “O Nadal de Vigo é o fenómeno turístico emerxente máis importante deste século”. “Pronuncias Nadal e respóndenche Vigo. Dis Vigo e contéstanche Nadal”, repetiu o alcalde con orgullo durante o presentación da campaña ‘Vigo: un Nadal de 365 días’ este xoves no stand de Turespaña, en Fitur. Segundo os datos oficiais, Vigo converteuse nunha das cidades con máis visitantes estranxeiros de España. “Xa non hai tempada baixa en Vigo, estamos sempre en tempada alta. Xogamos noutra liga: a de Nova York, París, Londres ou Roma”, asegura. E o impacto é real: “Falamos de centos de millóns de euros, de miles e miles de empregos, de imaxe de marca para a cidade”.

FESTA, CULTURA E MÚSICA: DO MARISQUIÑO AOS CONCERTOS DE CASTRELOS

O Nadal é só a punta do iceberg. Vigo vive unha auténtica revolución cultural. “A Reconquista converteuse na maior romaría urbana de Galicia”, aseverou Caballero. “O Marisquiño é un dos maiores eventos de deporte urbano gratuítos do mundo”, explicou. E Castrelos consolidouse como un auditorio único: “Os concertos de Castrelos son gratis e cunha acústica perfecta”. “Todo o mundo quere vir a Vigo, e cando vén, todo o mundo quere volver”, sostivo o alcalde. A iso sumou “unha das mellores gastronomías do mundo a prezos accesibles”. “Excelencia ao alcance de todas as familias”, defendeu o alcalde. Pero Vigo non é só turismo: é industria, automoción, tecnoloxía, creatividade, innovación. “Fabricamos coches, drons, cultura e futuro desde a excelencia”, concluíu.

UNHA CIDADE QUE SE VIVE OS 365 DÍAS AO ANO

Vigo inventou o Nadal do século XXI. Pero, sobre todo, inventou unha maneira de vivir a cidade. Como dixo Abel Caballero: “Todas as persoas que visitan Vigo teñen un risco: que queiran quedar para sempre”. E quizáis esa sexa a verdadeira luz de Vigo: non a dos bombillos, senón a que queda dentro cando marchas. A que che fai pensar que, tarde ou cedo, tes que volver. Porque Vigo xa non é só un destino, é unha experiencia. Unha cidade que se sente, que se percorre a pé, que se descobre sen présa. Un lugar no que podes pasar unha mañá enteira simplemente paseando: dende o Casco Vello ata o Berbés, collendo o ascensor Halo para atravesar a cidade en vertical e mirar Vigo desde arriba, coma se foses parte dunha película. Vigo é unha cidade que se move cara arriba e cara adiante.

Un arrastreiro con base en Vigo localiza o cadáver dun home mentres faenaba en augas da Arxentina

0

Un arrastreiro con pavillón español e porto base en Vigo localizou o cadáver dun home entre os seus aparellos mentres faenaba fronte a Arxentina, en augas internacionais. Segundo fontes do sector na zona consultadas por Europa Press, o corpo foi achado na xornada do mércores cando o buque procedeu a izar a rede e localizou o corpo do home, posiblemente de orixe chinesa.

Polo momento, o buque segue faenando á pota en augas internacionais onde se atopa un gran número de embarcacións, algunhas delas galegas, pero a maioría son poteros chineses. Con todo, fontes da Consellería do Mar consultadas por Europa Press, detallan que o barco está á espera para realizar o transbordo do corpo do home.

O PP de Vigo denuncia o “atraso inescusable” de Abel Caballero co plan contra inundacións

O grupo municipal do PP en Vigo denunciou este xoves a falta de información do goberno de Abel Caballero sobre o estado de tramitación do plan municipal contra as inundacións, a pesar de que este debería entrar en vigor en 2022 e de que o propio PXOM recolle zonas de alto risco de inundacións. Nun comunicado, o portavoz municipal ‘popular’, Miguel Martín, lamentou o “silencio” do goberno e o “nulo interese” por esta ferramenta, e esixiu que se aclaren os prazos para a súa entrada en vigor, xa que Vigo é un dos 51 municipios que está obrigado legalmente a contar con este documento.

Así, medio centenar de puntos do centro urbano presentan risco alto de inundación, entre os que están Areal, Balaídos ou Beiramar, e Miguel Martín preguntou a Abel Caballero “a que espera para tomar medidas”. “Agora xa está en vigor o novo PXOM, así que non ten escusas para seguir dilatando este documento tan necesario”, apuntou. Por outra banda, tamén se referiu a outro “incomprensible atraso”, o da tramitación dun novo Plan Municipal de Emerxencias, xa que o actual ten máis de 15 anos.

O PP explicou que Vigo só conta cunha guía de resposta que data de 2007 e réxese polo plan autonómico Inungal, actualizado en outubro de 2024. “Desde entón, foron varios os requirimentos da administración autonómica para que Vigo cumpra coas súas obrigacións e achegue un documento específico e non foron poucas as veces que se tivo que activar a fase de preemerxencia ante os frecuentes episodios de desbordamento do río Lagares“, sinalaron fontes ‘populares’.

O BNG de Vigo esixe a Abel Caballero que rexeite o acordo do SAF por ser unha “tomadura de pelo”

O grupo municipal do BNG no Concello de Vigo esixiu este xoves ao alcalde, Abel Caballero, que rexeite o acordo entre a FEGAMP e a Xunta para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que cualifican como “tomadura de pelo“. O portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, lembrou que o custo do servizo en Vigo é superior aos 24 euros por hora, dos que o Concello paga a metade, a pesar de non ser “a administración competente”.

Neste contexto, denunciou que o acordo é “un engano” e unha “tomadura de pelo”, porque se limita a aumentar a achega da Xunta a 16 euros/hora en 2026, 17 euros en 2027 e 18 euros en 2028. “Mesmo no mellor dos escenarios, a contía quedaría moi lonxe do custo real do servizo, obrigando ao Concello a seguir asumindo un sobrecusto inxusto”, subliñou Pérez Igrexas. O SAF de Vigo atende actualmente a máis de 1.600 persoas, e case 2.000 seguen en lista de espera. Ademais, as condicións das 600 traballadoras están “marcadas pola precariedade e os baixos salarios”, a pesar de que representan a “columna vertebral” dun sistema público de coidados “claramente insuficiente”.

Para o BNG, o aval da FEGAMP ao acordo foi “unha grave equivocación”, porque se “normaliza o financiamento á baixa”, e advertiu de que “sería aínda máis grave que o goberno de Vigo aceptáseo calado”. Por iso, no próximo pleno os nacionalistas interpelarán ao goberno vigués sobre esta cuestión, para saber que posición adoptará e advertiu de que “a única resposta responsable” é o rexeitamento ao acordo. O BNG expón que a Xunta pague de inmediato 17 euros/hora, con carácter retroactivo desde xaneiro de 2025, e que aumente o financiamento ata os 20 euros neste 2026, ata asumir o 100 por 100 do custo ao final dos mandatos municipais en 2027.

Vigo, plató a ceo aberto os 365 días do ano: cando a cidade enteira se converte en ficción

Vigo xa non só se visita. Vigo róldase. Cada inverno, cando millóns de luces transforman as súas rúas nun espectáculo recoñecible en medio mundo, a cidade deixa de ser só un destino turístico para converterse en algo máis ambicioso: un gran plató a ceo aberto. Un decorado real, vivo, cheo de xente, emoción e ruído… que, paradoxalmente, resulta perfecto para a ficción. “Cando unha cidade consegue crear un atractivo tan potente como o Nadal de Vigo, non só chama a turistas: chama a cámaras”, resumiu Amaia Mauleón, responsable de Vigo Film Office, na presentación realizada este xoves en Fitur. Miles de visitantes, millóns de fotografías e un imaxinario colectivo que xa non pertence só a Galicia. “É un Nadal recoñecible, espectacular, cargado de valores positivos: emoción, familia, sorpresa. Non é só un decorado, é materia prima audiovisual de primeiro nivel”, sostivo. 

E así foi. Nos últimos anos, Vigo apareceu nalgunhas das campañas publicitarias máis vistas do país: Lotaría de Nadal, Mutua Madrileña, Repsol, Suchard… Todas rodadas integrando as luces, as rúas e a atmosfera real da cidade en relatos que se apoian directamente na súa estética. Tamén na ficción: películas como Apocalipsis Z, Rondallas ou a serie Agatha y Lola, actualmente en rodaxe coa produtora Portocabo, sitúan a súa acción explicitamente no Nadal de Vigo. O resultado é un intercambio perfecto: a cidade ofrece a súa mellor versión e o audiovisual amplifícaa. A estratexia non é casual. Vigo forma parte dunha tendencia cada vez máis clara: empregar as rodaxes como ferramenta de promoción territorial e descentralización turística. Non só atraer visitantes, senón xerar experiencias vinculadas á ficción. Rutas, percorridos, paisaxes que xa non se visitan só polo que son, senón polo que contan.

“É O SOÑO DE CALQUERA PRODUTOR”

Pero se Vigo se converteu nunha referencia para o sector non é só polas súas luces. É polo que non se ve en pantalla: a loxística. “O máis importante é a cantidade de localizacións nun radio moi pequeno”, explicou Santiago Romero, director de Verve Creative Group. “En minutos pasas do centro urbano á praia, ao monte, a un taller industrial ou a un porto. Iso, para unha produción, é ouro: reduces tempos, optimizas recursos”, detallou. A isto súmanse as comunicacións –tres aeroportos a menos de 100 quilómetros, AVE, autoestradas…–, unha rede hoteleira ampla e, sobre todo, unha administración que entende o ritmo do audiovisual. “Unha rodaxe non pode agardar 20 días por un permiso. En Vigo móvenche as cousas rápido, mesmo o que non estaba previsto. Policía, ocupacións, coordinación… É o soño de calquera produtor”, recoñeceu Romero. Por iso, o balance é contundente: en 2024 Vigo sumou 205 días de rodaxe; en 2025 xa superou os 320. Un crecemento que confirma unha tendencia estrutural, non unha moda puntual.

“EN VIGO TODO PODE PASAR”

Para Abel Caballero, alcalde da cidade, a explicación vai máis alá da técnica. Ten que ver coa identidade. “Vigo é unha cidade onde todo pode pasar: préstase para a realidade, para a imaxinación, para o mito e para a ficción”, proclamou. “Dis a palabra Vigo en calquera lugar deste país e a xente sorrí. Somos unha cidade de valores: proximidade, cooperación, amabilidade”, asegurou. No seu discurso, Vigo non é só escenario: é personaxe. Un lugar capaz de representar case calquera época sen saír do plano. Desde invasións viquingas ata Xulio César chegando ás Cíes. Desde persecucións policiais en pleno centro ata o inspector Leo Caldas resolvendo un crime coa ría de fondo. “Podemos mesturar realidade e ficción e todo encaixa”, dixo Caballero. “Mesmo que o alcalde apareza nunha película entregando unha medalla. Aquí iso é posible”, asegurou.

“NO MUNDO ACTUAL, O QUE NON TEN IMAXE NON EXISTE”

No fondo, todo se resume nunha idea: “no mundo actual, o que non ten imaxe non existe”, como resumiu Caballero. E Vigo aprendeu a existir a través do audiovisual. Non só queremos turismo, queremos afecto”, insistiu Caballero. “A maior mobilización cultural da historia é o audiovisual. Comportámonos como o que vemos en pantalla. E Vigo quere estar aí, nesa vangarda”, proclamou. Con técnicos locais, infraestruturas propias, mar, natureza, industria, historia e un relato xa instalado no imaxinario colectivo, a cidade ofrécese como algo máis ca unha localización: como un universo narrativo. Ou, como resumiu o propio alcalde, sen demasiada modestia: “Que trema Hollywood. Imos por eles”. Porque se unha cidade consegue que millóns de persoas a recoñezan só por acender a súa luz, quizais xa deu o paso máis difícil: converterse en ficción sen deixar de ser real.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed