A compañía UARX Space lanzará este outono Ossie, o primeiro vehículo de transferencia orbital español, desenvolvido integramente na localidade pontevedresa de Nigrán e presentado este venres antes de pór rumbo a California, nos Estados Unidos, o próximo 10 de agosto. Alí integrarase nun Falcon 9 de SpaceX antes do seu lanzamento ao espazo.
Nun acto emotivo celebrado nas instalacións da empresa en Porto do Molle, no que estivo presente o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira delegada da compañía, Yanina Hallak, puxo en valor a importancia desta innovación, “única en España”, que permitirá despregar satélites e situalos na súa órbita.
UN VEHÍCULO PARA TRANSPORTAR E OPERAR SATÉLITES
Ossie é un vehículo concibido para transportar, despregar e operar satélites e outras cargas útiles unha vez que o lanzador as libera no espazo. Dotado de propulsión, navegación, guiado, control, comunicacións e xestión de datos propios, será capaz de trasladar cada carga ata a órbita prevista e funcionar tamén como laboratorio espacial para validar novas tecnoloxías en condicións reais de voo.
“Con Ossie, España incorpora por primeira vez capacidade propia para servizos de transporte orbital, unha tecnoloxía que ata agora só desenvolveran Estados Unidos, Italia, Francia e Nova Zelandia”, reivindicou a firma. Nesta liña, Hallak salientou que con este proxecto se segue escribindo “a historia de España e de Europa”, xa que toda a cadea de valor da misión foi desenvolvida no país.
DE NIGRÁN A CALIFORNIA E, DESPOIS, AO ESPAZO
Nesta misión inaugural, Ossie viaxará de Nigrán a California para completar a súa integración co Falcon 9 e ser lanzado ao espazo no outono. Unha vez liberado polo lanzador a uns 510 quilómetros de altitude, iniciará de forma autónoma as manobras previstas para a misión e despregará progresivamente os satélites nas órbitas programadas.
Desde UARX explican que a principal achega de Ossie consiste en transformar a manobra orbital nun servizo. Ata agora, moitos satélites debían incorporar sistemas propios de propulsión para acadar a súa posición definitiva tras separarse do lanzador, unha solución que incrementa a súa masa, reduce o espazo dispoñible para a carga útil e aumenta o custo de cada misión.
Con Ossie, será o propio vehículo o que transporte cada satélite ata a órbita desexada e execute o despregamento de forma autónoma. “Non só desenvolvemos o vehículo, tamén o sistema que fai posible poñelo en órbita. Iso permítenos controlar toda a misión de principio a fin”, explicou o cofundador e director de Tecnoloxía de UARX, Andrés Villa, visiblemente emocionado polo “fito” que supón este lanzamento para a empresa.
RUEDA REIVINDICA UNHA INNOVACIÓN FEITA EN GALICIA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mostrou o seu “orgullo” por unha iniciativa que tamén cualificou como “Galicia Calidade”, con innovacións que hai anos parecían “ciencia ficción” e que agora son unha realidade desenvolvida en Galicia. Durante a súa intervención, Rueda reivindicou que “antes parecía que había que ir a países moi afastados para facer as cousas difíciles” e agora esas cousas “fanse aquí e mándanse a todo o mundo e mesmo ao espazo”. O responsable autonómico aproveitou tamén para lembrar que esta mesma semana a Xunta autorizou 40 millóns de euros para atraer grandes proxectos industriais de seguridade, defensa e aeroespazo á comunidade.
UN PROXECTO CON IMPACTO INTERNACIONAL
No acto tamén tomou a palabra o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, quen subliñou o traballo do “gran equipo” de UARX en Nigrán, que levou a compañía a converterse nunha referencia en España e a nivel internacional. Pola súa banda, José Manuel Pérez, xefe de Programas Nacionais da Axencia Espacial Española, indicou que este tipo de iniciativas sitúan o país en segmentos de alto valor engadido e fortalecen a autonomía tecnolóxica de España nun ámbito estratéxico como é o aeroespacial. Co lanzamento de Ossie, Galicia entra así nunha nova dimensión da industria espacial: a dun territorio capaz non só de deseñar tecnoloxía avanzada, senón tamén de enviar ao espazo un vehículo chamado a abrir unha nova etapa no transporte orbital español.
