Inicio Blog Páxina 16

A Xunta insiste no seu apoio ao Mundial en Vigo pero advirte da falta de planificación do concello

0

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, remitiulle unha carta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, en resposta á misiva do rexedor do pasado 15 de outubro, na que reclamaba a cooperación económica do Goberno galego coa candidatura da cidade para ser sede do Mundial, e lembroulle que o apoio da Xunta é “firme e inequívoco”, pero que a condición sempre foi que Vigo fose designada pola FIFA e que houbese cofinanciamento a partes iguais entre o Goberno, a Xunta, o Concello e a Deputación.

A día de hoxe, lembra o conselleiro, “non consta un compromiso de financiamento por parte do Goberno central, non hai proxecto de construción das obras, non hai cronograma e non hai decisión da FIFA”. Diego Calvo traslada que o compromiso do Goberno central de achegar financiamento é “necesario” e que, unha vez acadado, poderían comezar as conversas “a nivel técnico” para avanzar no proxecto.

Con todo, remarca, para que se produza ese avance técnico “é imprescindible contar cun proxecto de construción e cun cronograma das actuacións”. “É o mínimo que se lle pode pedir nun proxecto desta envergadura, no que a Xunta quere colaborar, e por iso é necesario traballar con garantías, transparencia e rigor”, conclúe a carta.

Un inspector de Policía de Vigo denuncia a existencia dun chat policial con información confidencial de persoas e causas policiais

Un xulgado de instrución do Porriño  abriu dilixencias pola actividade dun chat de Telegram con decenas de axentes policiais, onde supostamente se compartiu durante anos información confidencial. O diario The Objective adiantou que a Fiscalía investigou os feitos tras a denuncia dun inspector de Policía Nacional de Vigo e fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron que un xulgado do Porriño abriu dilixencias, aínda que a causa está declarada secreta e non transcenderon detalles, nin se hai algunha persoa investigada.

Segundo The Objective, a Fiscalía viu indicios de delitos como revelación de segredos, infidelidade na custodia de documentos e omisión do deber de perseguir delitos. Así, no chat compartiuse información relativa a antecedentes de persoas, filiacións, datos e documentos de consultas policiais, información sobre vehículos ou fotografías de persoas, todo iso á marxe da supervisión e control dos mandos policiais.

Entre os responsables do control deste chat, as fontes consultadas polo xornal apuntan a un mando da policía local desta localicade que xa tería sido denunciado por entidades e plataformas sociais pola súa persecución a movementos de esquerdas.  De aí, que fora o xulgado do Porriño o que abriu as dilixencias.

A protesta pola vivenda en Vigo non deixa de medrar: xa son 60 tendas e ata 40 persoas durmindo cada noite

A acampada pola vivenda en Vigo acada xa as 60 tendas, nas que cada día pernoitan entre 30 e 40 persoas co obxectivo de reclamar solucións para a “crise” habitacional que sofre a cidade, malia a chegada das primeiras chuvias. Segundo os manifestantes, cada día súmanse decenas de persoas para participar nas asembleas e nas actividades que alí se levan a cabo.

“O campamento funciona practicamente como unha sociedade en miniatura”, con diferentes comisións que desenvolven tarefas distintas establecidas pola asemblea. “Así, por exemplo, a comisión de alimentación encárgase de dar o almorzo, o xantar e a cea a todos os participantes, mentres que a de loxística xestiona a infraestrutura da acampada”, explican nun comunicado.

O colectivo conta con diversas normas de convivencia para garantir unha mellor coexistencia co contorno, como a prohibición de consumir alcohol ou outras drogas. Por iso, distintos grupos ecoloxistas apoiaron esta protesta, ao afirmar que se leva a cabo de maneira respectuosa co medio ambiente, indican.

Os manifestantes subliñaron que tamén contan cunha comisión de seguridade, que se encarga de facer gardas para protexerse de agresións como as sufridas nos últimos días. Malia isto, agradeceron o apoio dos veciños, tanto na achega de comida como na axuda á hora de adaptar o campamento pola chegada das chuvias.

O profesor da UVigo Alfonso Lago Ferreiro será o novo subdelegado do Goberno en Pontevedra

O profesor da Universidade de Vigo (UVigo) Alfonso Lago Ferreiro será o novo subdelegado do Goberno en Pontevedra en substitución do vigués Abel Losada, que deixou o cargo para encabezar a candidatura do PSOE ao Congreso dos Deputados pola provincia nas eleccións do vindeiro 29 de novembro.

Lago Ferreiro, que xa foi nomeado de forma provisional, tomou posesión como novo subdelegado este xoves. Ademais, segundo informaron fontes consultadas por Europa Press, o próximo día 30 de outubro está previsto que teña lugar un acto institucional con motivo do seu nomeamento.

Nado en Silleda (Pontevedra) en 1962, é licenciado en Ciencias Físicas, especialidade en Electrónica, pola Universidade de Santiago de Compostela, e doutor enxeñeiro industrial pola Uvigo. Formou parte do anterior equipo reitoral que dirixiu a Universidade de Vigo e o de subdelegado é o primeiro cargo público que ocupa fóra do ámbito académico.

Xunta acusa o Goberno de bloquear a biblioteca estatal de Vigo e ve “difícil” que licite o proxecto en 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acusou o Goberno central de manter bloqueado o proxecto de construción da Biblioteca Pública do Estado en Vigo, ao asegurar que, tras case dúas décadas de anuncios, aínda non se licitou a redacción do proxecto e considerar que, polas datas e as circunstancias políticas, o actual Executivo xa non dará ese paso.

Así o trasladou este mércores no Parlamento galego, en resposta a unha pregunta da deputada do PPdeG Patricia García, quen denunciou que Vigo acumula 19 anos de “promesas”, nove posibles emprazamentos e varios compromisos “incumpridos” sen que a cidade dispoña desta infraestrutura cultural. O conselleiro explicou que o Goberno galego non dispón de información adicional á publicada nos medios de comunicación e atribuíu a falta de avances á escasa transparencia e colaboración do Executivo estatal.

Segundo sinalou, o proxecto seguía paralizado porque o Concello de Vigo non formalizara a cesión da parcela da rúa Lalín, un trámite que, indicou, se completou hai unhas semanas. Unha vez realizada a cesión, apuntou, o seguinte paso correspóndelle ao Goberno central, que debe impulsar a licitación da redacción do proxecto construtivo. Porén, o titular de Cultura considerou que ese trámite xa non se producirá durante a actual lexislatura estatal e quedará pendente para o próximo Executivo.

Durante a súa intervención, defendeu que Vigo é a maior cidade española que carece dunha biblioteca estatal e cuestionou o compromiso do Goberno central coas infraestruturas culturais da cidade. Así mesmo, asegurou que a Xunta mantén o seu compromiso de asumir a xestión da futura biblioteca, unha vez se desenvolva o proxecto.

Feijóo desembarca o sábado en Vigo para arroupar os candidatos do PPdeG ao Congreso: “É unha declaración de intencións”

O proceso que desembocará na cita coas urnas do próximo 29 de novembro avanza e faino non só coa confección das candidaturas, senón tamén co aumento dos actos políticos. Nun escenario no que o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, prevé facer parada en Vigo o vindeiro sábado 24 de outubro. Segundo o cartel difundido polos populares, no que Feijóo aparece co líder do PP galego, Alfonso Rueda, o acto terá lugar ás 12.00 horas na Estación Marítima de Vigo.

Celebrarase cos cabezas de cartel ao Congreso xa ratificados: o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, pola Coruña; o xa deputado estatal Francisco Conde, por Lugo; Ana Vázquez, no foco nas últimas semanas polo episodio do gas pementa no Congreso, por Ourense; e o exconselleiro e ata agora secretario da Mesa do Parlamento galego, Julio García Comesaña, por Pontevedra.

“CATRO NOMES MOI SIGNIFICATIVOS”

Este mércores, a secretaria xeral do partido en Galicia, Paula Prado, proclamou que son “catro nomes moi significativos” na comunidade. “Persoas con moitísima capacidade de traballo, un labor moi rigoroso, moi pegado ao territorio, e que coñecen perfectamente as necesidades dos galegos e das galegas”, salientou.

Ao tempo, subliñou que se trata “dunha declaración de intencións” do que o PPdeG “quere para Galicia”, que é, dixo, “o cambio do Goberno de España” para “facer presidente a Alberto Núñez Feijóo”. Concluíu que “é o que necesita neste momento Galicia, un galego que sabe perfectamente cales son os problemas” da cidadanía da comunidade e que “se poñan as medidas necesarias para resolvelos”.

Investigan un roubo na vivenda do futbolista Ilaix Moriba en Nigrán

0

A Garda Civil investiga varios roubos cometidos na zona de Nigrán, entre eles un na vivenda do futbolista do R.C.Celta Ilaix Moriba, cometido a principios de semana.

Fontes da Comandancia explicaron que ese roubo se produciu, aínda que non confirmaron a identidade da persoa propietaria ou inquilina da vivenda. Así, o asalto tivo lugar na noite do luns para o martes nunha zona residencial de Nigrán, e os ladróns levaron diñeiro en efectivo, xoias e outros efectos, aínda que non transcendeu o valor do botín.

A Policía Xudicial da Garda Civil fíxose cargo da investigación e xa levou a cabo a inspección ocular do domicilio. Ademais, a Garda Civil investiga cando menos outros catro roubos en vivendas de Nigrán, rexistrados desde finais de setembro.

Vigo paraliza o concurso da escultura de Iago Aspas tras o recurso dun participante excluído

O Concello de Vigo suspendeu o procedemento do concurso de proxectos para o deseño e a realización da escultura do futbolista Iago Aspas, que se pretendía colocar nas inmediacións do estadio de Balaídos.

Segundo explica o goberno local nun comunicado, o motivo desta interrupción «temporal» é a interposición dun recurso especial en materia de contratación ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Tacgal). O recurso impugna a inadmisión dun dos participantes, «que foi excluído do procedemento por vulnerar as regras de anonimato establecidas nas bases do concurso». «Ante a posibilidade de que o Tribunal estime o recurso e co fin de evitar a contaminación do procedemento, o Concello adopta a decisión de paralizar a tramitación para dotar o proceso da máxima seguridade xurídica», sinala o executivo municipal.

O portavoz do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, cualificou de «impresentábel» que o goberno de Abel Caballero dese máis explicacións sobre a paralización do contrato para a estatua de Iago Aspas, que terá un custo duns 295.000 euros, ca sobre a licitación do novo servizo de autobús urbano. Este último contrato ascenderá a 470 millóns de euros e tamén foi suspendido, sen que, segundo denunciou o portavoz nacionalista, o Concello informase do acontecido.

Vigo aproba un orzamento récord de máis de 365 millóns e conxela taxas e impostos

A xunta de goberno local de Vigo aprobou este martes “o orzamento máis elevado da historia da cidade”, con algo máis de 365 millóns de euros, o que supón un incremento de 14,1 millóns respecto do ano pasado, un 4 % máis. Así o anunciou o alcalde, Abel Caballero, nun audio enviado aos medios de comunicación.

O rexedor reivindicou que a cidade seguirá con “débeda cero” e, segundo afirmou, coa presión fiscal “máis baixa de Galicia” e entre as máis baixas de España nas cidades cunha poboación semellante. Caballero asegurou que as contas municipais para o próximo ano suporán, segundo os seus cálculos, un aforro duns 14,5 millóns de euros para os vigueses e as viguesas. Desta contía, 4,5 millóns corresponderían á conxelación de taxas e impostos e arredor de 10 millóns á ampliación das exencións.

CORENTA MILLÓNS PARA INVESTIMENTOS

Entre as grandes partidas, o Concello destinará uns 40 millóns de euros a investimentos. Mobilidade e Seguridade Cidadá, que engloba Policía, Bombeiros, Seguridade e Tráfico, contará con máis de 50,5 millóns, un 7 % máis, mentres que Vivenda, Urbanismo e Fomento disporá de 41,2 millóns, cun incremento do 11,7 %. Pola súa banda, Benestar Comunitario, que inclúe a recollida de residuos e a iluminación pública, superará os 65,1 millóns, un 2 % máis. Servizos Sociais e Promoción Social contará con case 30 millóns, cunha suba do 6 %.

CULTURA MEDRA UN 17,6 % E COMERCIO E TURISMO, UN 31,3 %

Tamén aumentan as partidas de Medio Ambiente, que chegará aos 20,9 millóns de euros, un 8,45 % máis, e Educación, que contará con 19,5 millóns, cun incremento do 6 %. Cultura disporá de 23,3 millóns de euros, un 17,6 % máis, mentres que Comercio e Turismo alcanzará os 9,2 millóns, cunha suba do 31,3 %.

Caballero celebra o “éxito” das axudas ao alugueiro accesible en Vigo con seis beneficiarios

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou o “éxito” do programa municipal de rehabilitación de vivendas para o seu alugueiro a prezos accesibles, que desde a súa posta en marcha suma seis beneficiarios. O Concello estuda agora outras 16 solicitudes. Tras presentar o programa en marzo e abrir o prazo de solicitudes a mediados de ano, este mes adxudicáronse as primeiras axudas, de ata 20.000 euros, co que xa son seis os beneficiarios, por un importe total de 70.000 euros.

A estes súmanse outras 16 solicitudes que o goberno local está a estudar. O rexedor explicou que estas vivendas se destinarán ao alugueiro accesible, o que permitirá que a mocidade acceda a un piso a un prezo máis baixo e que os propietarios reformen a súa vivenda con ata 20.000 euros a fondo perdido do Concello. O goberno local asegurou que os fondos destinados ao programa son “ilimitados”, aínda que polo de agora se prevé destinar algo máis de 2,1 millóns de euros.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed