O Concello de Vigo suspendeu o procedemento do concurso de proxectos para o deseño e a realización da escultura do futbolista Iago Aspas, que se pretendía colocar nas inmediacións do estadio de Balaídos.
Segundo explica o goberno local nun comunicado, o motivo desta interrupción «temporal» é a interposición dun recurso especial en materia de contratación ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Tacgal). O recurso impugna a inadmisión dun dos participantes, «que foi excluído do procedemento por vulnerar as regras de anonimato establecidas nas bases do concurso». «Ante a posibilidade de que o Tribunal estime o recurso e co fin de evitar a contaminación do procedemento, o Concello adopta a decisión de paralizar a tramitación para dotar o proceso da máxima seguridade xurídica», sinala o executivo municipal.
O portavoz do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, cualificou de «impresentábel» que o goberno de Abel Caballero dese máis explicacións sobre a paralización do contrato para a estatua de Iago Aspas, que terá un custo duns 295.000 euros, ca sobre a licitación do novo servizo de autobús urbano. Este último contrato ascenderá a 470 millóns de euros e tamén foi suspendido, sen que, segundo denunciou o portavoz nacionalista, o Concello informase do acontecido.
