A Garda Civil investiga varios roubos cometidos na zona de Nigrán, entre eles un na vivenda do futbolista do R.C.Celta Ilaix Moriba, cometido a principios de semana.
Fontes da Comandancia explicaron que ese roubo se produciu, aínda que non confirmaron a identidade da persoa propietaria ou inquilina da vivenda. Así, o asalto tivo lugar na noite do luns para o martes nunha zona residencial de Nigrán, e os ladróns levaron diñeiro en efectivo, xoias e outros efectos, aínda que non transcendeu o valor do botín.
A Policía Xudicial da Garda Civil fíxose cargo da investigación e xa levou a cabo a inspección ocular do domicilio. Ademais, a Garda Civil investiga cando menos outros catro roubos en vivendas de Nigrán, rexistrados desde finais de setembro.
