O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, remitiulle unha carta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, en resposta á misiva do rexedor do pasado 15 de outubro, na que reclamaba a cooperación económica do Goberno galego coa candidatura da cidade para ser sede do Mundial, e lembroulle que o apoio da Xunta é “firme e inequívoco”, pero que a condición sempre foi que Vigo fose designada pola FIFA e que houbese cofinanciamento a partes iguais entre o Goberno, a Xunta, o Concello e a Deputación.
A día de hoxe, lembra o conselleiro, “non consta un compromiso de financiamento por parte do Goberno central, non hai proxecto de construción das obras, non hai cronograma e non hai decisión da FIFA”. Diego Calvo traslada que o compromiso do Goberno central de achegar financiamento é “necesario” e que, unha vez acadado, poderían comezar as conversas “a nivel técnico” para avanzar no proxecto.
Con todo, remarca, para que se produza ese avance técnico “é imprescindible contar cun proxecto de construción e cun cronograma das actuacións”. “É o mínimo que se lle pode pedir nun proxecto desta envergadura, no que a Xunta quere colaborar, e por iso é necesario traballar con garantías, transparencia e rigor”, conclúe a carta.
