Un xulgado de instrución do Porriño abriu dilixencias pola actividade dun chat de Telegram con decenas de axentes policiais, onde supostamente se compartiu durante anos información confidencial. O diario The Objective adiantou que a Fiscalía investigou os feitos tras a denuncia dun inspector de Policía Nacional de Vigo e fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron que un xulgado do Porriño abriu dilixencias, aínda que a causa está declarada secreta e non transcenderon detalles, nin se hai algunha persoa investigada.
Segundo The Objective, a Fiscalía viu indicios de delitos como revelación de segredos, infidelidade na custodia de documentos e omisión do deber de perseguir delitos. Así, no chat compartiuse información relativa a antecedentes de persoas, filiacións, datos e documentos de consultas policiais, información sobre vehículos ou fotografías de persoas, todo iso á marxe da supervisión e control dos mandos policiais.
Entre os responsables do control deste chat, as fontes consultadas polo xornal apuntan a un mando da policía local desta localicade que xa tería sido denunciado por entidades e plataformas sociais pola súa persecución a movementos de esquerdas. De aí, que fora o xulgado do Porriño o que abriu as dilixencias.
