O BNG de Vigo denunciou este luns que os “reiterados fallos” do cartón PassVigo “impiden a gratuidade do bus para os menores de 15 anos”. Os nacionalistas lamentaron nun comunicado que estas incidencias “non son puntuais nin están resoltas”, cualificando a situación de “inaceptable” ao derivar en cobros que consideran indebidos.
“Cando o sistema falla ou ben se cobra o billete coa tarifa normal da PassVigo ou, en caso de cartóns sen saldo, esíxese o pago do billete ordinario”, criticou o portavoz local do Bloque, Xabier Pérez Igrexas. O concelleiro explicou que despois se remite ás persoas afectadas a que reclamen a devolución, o que supón un atranco para os usuarios. Por todo iso, puxo o foco na “inacción” de Vitrasa e na “falta de respostas” ante o que considera un exemplo de mala xestión dun servizo público esencial por parte dunha empresa privada.
“O que debería ser unha medida positiva como a gratuidade do bus para menores de 15 anos converteuse nunha especie de tómbola por culpa de fallos técnicos que non se corrixen”, insistiu Igrexas. O portavoz demandou ao goberno municipal que tome medidas inmediatas para garantir que esta medida, longamente reclamada pola súa formación, funcione correctamente sen prexuízos económicos para as familias viguesas.
