A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, reivindicou este martes a aposta da Xunta pola recuperación da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA), incluíndo a consignación de 11,72 millóns de euros nos orzamentos autonómicos de 2027 para continuar coa urbanización dos distintos ámbitos e para a construción do novo Centro de Investigacións Mariñas no edificio Siemens.
Así o sinalou esta mañá nunha visita á zona, onde comprobou que “o Goberno galego reafirma o seu compromiso con Vigo”, cunha aposta pola ETEA e polo impulso á creación de vivenda, con 96 millóns de euros, subliñou. Destes case 12 millóns, uns 5,6 millóns irán destinados a rematar a urbanización do ámbito PS-6, no que se edificará a residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega, e a urbanización do ámbito PS-1, que afectará aos viarios da Praza de Armas. A esa cantidade súmanse máis de 6,1 millóns para a construción do novo CIM no edificio Siemens.
“É un impulso á reordenación deste lugar e un novo motivo de orgullo para a veciñanza de Teis, xa que este é un proxecto agardado por Vigo desde hai case 18 anos, cando o Goberno cedeu os terreos para abrilos á cidadanía”, subliñou Sánchez. Segundo ela, hai orzamento, hai vontade e tamén existe un convenio asinado desde febreiro entre Xunta, Concello e Zona Franca, ao tempo que lamentou que desde entón permaneza “bloqueado” pola parte do alcalde, Abel Caballero.
GOBERNO LOCAL
Ante estas palabras, non tardou en chegar a resposta do goberno local. No seu caso, da man do seu voceiro, Carlos López Font, a través dun audio gravado e enviado aos medios de comunicación. Nel, criticou que os investimentos do Goberno galego na ETEA “leven parados 18 anos”, asegurando que “a realidade é que o van pagar todo Zona Franca e o Concello“.
Porén, esta afirmación de Font contrasta co convenio a tres bandas asinado este mesmo ano e que inclúe a Xunta, administración que destinará máis de 10 millóns de euros á ETEA, malia as palabras de Font. Con todo, o concelleiro aproveitou para cargar de novo contra Luisa Sánchez, que é, segundo dixo, “a peor candidata do PP que tivo esta cidade”.
