Inicio Blog Páxina 86

A Policía investiga o achado dun cadáver en estado de descomposición nunha casa okupada de Vigo

A Policía Nacional investiga o achado do cadáver dun home en estado de descomposición, e que foi localizado á primeira hora desta tarde nunha casa en estado de semirruína, no barrio histórico de Vigo. O aviso chegou aos servizos de Emerxencias pouco antes das 16.00 horas, e foron os veciños os que alertaron polo forte cheiro que saía dunha vivenda que adoita estar okupada e frecuentada por persoas sen fogar, no número 47 da rúa Poboadores, en pleno centro da cidade olívica.

Ata o punto desprazáronse efectivos da Policía Nacional e do Imelga e, dado que o cadáver non é recente e o corpo está en estado de descomposición, aínda non se puido identificar nin confirmar as circunstancias do falecemento. En todo caso, fontes policiais indicaron que, a falta da autopsia, os primeiros indicios apuntan a que o corpo non presenta sinais de violencia.

O PP propón un bono mensual de 20 euros para o bus de Vigo ante a subida do billete ordinario

O grupo municipal do PP de Vigo propuxo a implantación dun bono mensual de 20 euros e un bono anual de 200 euros, con viaxes ilimitadas, para o servizo de bus urbano. Esta medida, pensada para o novo contrato da concesión, busca paliar o que consideran unha “subida desproporcionada” das tarifas. A presidenta local e portavoz municipal, Luisa Sánchez, reclamou ao Concello que encargue unha auditoría para analizar os custos operativos da futura empresa concesionaria. Segundo denunciou o PP, a nova ordenanza establece unha tarifa técnica para o billete ordinario de 2,04 euros, fronte aos 1,63 euros actuais, o que supón un incremento superior ao 25 %. Luisa Sánchez criticou que o servizo manterá as mesmas rutas, frecuencias e número de autobuses a pesar do aumento de prezo, polo que os vigueses pagarán moito máis por practicamente o mesmo.

Nas súas emendas á ordenanza, os populares defenden a tarifa plana de 20 euros como unha estratexia para aumentar o número de usuarios e reducir o uso do vehículo privado, seguindo as recomendacións da Comisión Europea. Entre as súas propostas destacan a necesidade de manter as bonificacións aínda que se perdan as axudas estatais, a gratuidade do servizo o 22 de setembro por mor do Día Europeo sen Coches e a creación dunha tarxeta PassVigo Turística financiada co que se recade a través da taxa turística. Así mesmo, propuxeron a conxelación do prezo do bus turístico e a incorporación de Vigo ao plan de transporte metropolitano da Xunta para abaratar os traxectos interurbanos, instando a Abel Caballero a abandonar o seu negacionismo político neste asunto.

Pola súa banda, o BNG presentou unha emenda á totalidade á ordenanza de prezos. O seu portavoz, Xabier Pérez Igrexas, instou a devolver o texto para evitar o que cualificou como unha “nova privatización que vai hipotecar un servizo esencial para a cidade”. Para os nacionalistas, o debate vai máis aló das tarifas e céntrase no modelo de xestión, denunciando que a ordenanza non responde a criterios sociais nin ambientais, senón que é un traxe a medida deseñado polo goberno local para beneficiar a rendibilidade empresarial. Pérez Igrexas criticou que o novo modelo incrementa o custo do servizo nun 90 % sen mellorar as frecuencias nin o mapa de liñas, cualificando o proxecto como “o timo da estampita”. Por iso, o BNG insistiu na necesidade de remunicipalizar o servizo e crear unha empresa pública que garanta un control democrático e prezos xustos.

A Doblada: da desidia toponímica á desmemoria histórica

0

​Hai uns días, a Xunta de Galicia modificou decenas de toponímicos nas catro provincias, un axuste necesario pero que ás veces queda na superficie da historia urbana. En Vigo, resulta especialmente chamativo o caso dese barrio, outrora campo aberto, situado estratexicamente entre o Calvario, San Roque, Lavadores e a antiga estación de autobuses. Co crecemento das últimas décadas, a zona consolidouse coa apertura da avenida Gregorio Espino e a posterior construción do ambulatorio.

​Popularmente, a zona denominouse “La Doblada”, unha definición meramente circunstancial e descritiva que carece dunha verdadeira raíz toponímica. O colmo da falta de rigor cultural ocorreu cando, ao inaugurarse o ambulatorio, bautizouse oficialmente con ese nome en castelán. Tiveron que pasar case 30 anos para que a administración o corrixise pola forma galega, “A Doblada”.

​Porén, esta corrección ortográfica no oculta a escasa visión dos responsables da Xunta de Galicia. Foron incapaces de bautizar este centro sanitario co nome de algún médico que realmente deixase unha pegada na vida social e sanitaria da cidade.

​Unha elección de xustiza histórica tería sido a de Eugenio Arbones Castellanzuelo. Eminente médico, coñecido como o “médico dos pobres” polo seu incansable labor social, e deputado socialista, Arbones representaba a excelencia profesional unida ao compromiso ético. O seu tráxico final, fusilado polos sublevados en 1936 nas tapias de Pereiró, deixou un baleiro inmenso no Vigo que el tanto defendeu.

​Manter un nome tan baleiro de contido como “A Doblada” para un edificio de servizo público é, en definitiva, unha oportunidade perdida para honrar a memoria de quen, como Arbones, entregaron a súa vida á saúde e á liberdade dos seus veciños.

A Policía Nacional evita en Vigo que un home se lance ao baleiro desde unha terraza

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela evitaron que un home se lanzase ao baleiro desde o balcón do último piso dun edificio da cidade. Os feitos ocorreron na madrugada do pasado luns, cando o 091 recibiu unha chamada dunha veciña da rúa Torrecedeira que alertaba da presenza dun home na terraza dun inmoble e que ameazaba con tirarse.

Á súa chegada, os axentes localizaron ao individuo empolicado nun dos balcóns do último piso mentres falaba por teléfono, e iniciaron un intento de conversación para tranquilizalo. Dado que o home reiteraba a súa intención de precipitarse, os policías acordoaron a zona e accederon á terraza a través dun balcón contiguo.

Durante aproximadamente media hora trataron de acougalo, pero o individuo non cesou nas súas ameazas e mesmo chegou a subirse a unha estrutura metálica situada no bordo da terraza. Nun momento dado perdeu o equilibrio, instante que os axentes aproveitaron para suxeitalo polos pés e polo a salvo. Posteriormente, o home foi atendido polos servizos sanitarios do 061 e trasladado ao hospital.

Detida en Vigo unha moza tras tentar atracar un bar cun coitelo e ferir a dous clientes

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a unha muller de 23 anos de idade, M.G.L., tras tentar atracar unha cafetaría da cidade, armada cun coitelo, e tras causar lesións a dous clientes do establecemento. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron sobre as 19:30 horas deste martes, nun local da rúa Isaac Peral. O 092 recibiu un aviso sobre unha agresión con arma branca por parte dunha muller no interior do bar.

Varias patrullas trasladáronse á zona e falaron coas testemuñas, que relataron que unha muller entrara no local exhibindo un coitelo e dirixíndose ao camareiro, mentres lle esixía o diñeiro da caixa. O empregado saltou a barra e foi perseguido pola nova, que arremeteu contra el usando a arma branca. O camareiro logrou esquivala e dous clientes interviñeron na súa axuda, tratando de reducir á agresora. Esas dúas persoas resultaron feridas con cortes nun brazo e un dedo ao forcexar coa muller, pero lograron que tirase o coitelo ao chan e que marchase.

Os axentes de Policía fixeron unha batida pola zona e localizaron á sospeitosa na rúa Areal, tratando de esconderse no interior dun edificio. Ao ser identificada, a moza mostrouse moi nerviosa, tirou as súas pertenzas ao chan e tratou de fuxir, pero foi detida e reducida, xa que mostrou gran resistencia ante a intervención policial.

Condenado por estafar con falsos alugueiros de vivendas en Vigo e Sanxenxo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a Pedro María M.O. como autor dun delito de estafa agravada, tras enganar varias persoas con falsos alugueiros de inmobles en Vigo e Sanxenxo. O procesado, condenado xa anteriormente e con numerosas causas abertas polo mesmo delito, utilizaba plataformas como Milanuncios ou Fotocasa para ofertar vivendas ou pisos turísticos sobre os que non tiña capacidade.

As vítimas adiantaban pagamentos como fianzas ou reservas, pero nunca podían acceder aos pisos nin recuperaban o diñeiro. Neste procedemento concreto, Pedro María M.O., que está a cumprir condena en prisión, foi xulgado por estafar catro persoas con falsos alugueiros de inmobles no centro de Vigo e dunha casa vacacional en Sanxenxo. A Audiencia condenouno a 18 meses de prisión e ao pagamento dunha multa de 1.260 euros. Ademais, deberá indemnizar os prexudicados cun total de 2.400 euros.

O tribunal destaca que as declaracións das vítimas, corroboradas por documentación das transaccións, evidencian que o sospeitoso actuou con ánimo de lucro, causando un prexuízo patrimonial significativo. Desta forma, cualifica os feitos como un delito continuado de estafa agravada, considerando que o engano recaeu, salvo nun dos casos, que era para uso turístico en Sanxenxo, sobre vivendas destinadas a residencia habitual, o que agrava a responsabilidade penal.

Vigo tacha de “sectario” o acto de Rueda no IES de Navia por non convidar a Caballero

O goberno municipal de Vigo criticou este martes o acto de colocación da primeira pedra do IES Domingo Villar de Navia, ao que acudiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e cualificouno como “sectario” e “partidista“, pola presenza de cargos do PPe porque a administración autonómica non convidou o alcalde, Abel Caballero. Así o trasladou a concelleira de Urbanismo, María José Caride, que insistiu en afear a ausencia do rexedor, a pesar de que o Concello “é titular” da parcela.

Trátase dunha parcela que era propiedade do IGVS e que, segundo marca a lei, no trámite de urbanización, foi transferida ao Concello olívico, como paso previo á cesión, novamente á administración autonómica, para a construción do centro educativo. De feito, no seu momento, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, propuxo ao goberno de Caballero, para axilizar a construción do instituto, que fose o propio IGVS o que cedese directamente o espazo á Consellaría, pero o alcalde non aceptou.

Por outra banda, a concelleira María José Caride asegurou que o atraso na construción desta infraestrutura non é achacable ao Concello, “máis ben ao contrario”, porque o goberno local “leva 8 anos loitando para que se constrúa un novo instituto en Navia, en colaboración coa comunidade educativa e todo Vigo”. Por contra, engadiu, a Xunta fixo “oídos xordos” e “tardou 8 anos en iniciar a construción”. Nese sentido, lembrou que o Concello outorgou licenza en xuño de 2025, aínda que fontes da Xunta xa explicaron que, tras a obtención de licenza, aínda tiveron que facer fronte a un requirimento de Estradas do Estado. Así, as obras de urbanización do polígono 2 adxudicáronse en xullo de 2025 e iniciáronse en agosto dese ano.

Segundo a edila viguesa de Urbanismo, o Concello olívico “colaborou co IGVS constantemente” no proceso de construción da ampliación de Navia, axudando a resolver “problemas e erros” no reparcelamento e concedendo licenzas. “E fronte a esta actitude responsable, o que temos é unha resposta sectaria por parte da Xunta de Rueda. Unha resposta na que nin sequera convida o alcalde de Vigo ao acto, pero iso si, de forma partidista rodéase de cargos do Partido Popular que nada teñen que ver coa execución deste instituto. A Xunta leva 18 anos atrasando a ampliación de Navia e 8 anos paralizando a construción do Instituto Domingo Villar”, proclamou.

Finalmente, insistiu en que o acto deste martes foi “un exemplo antidemocrático, oportunista e de clara deslealdade política”, porque se lle negou ao alcalde participar nese acto institucional. En 2021 a Xunta confirmou a construción dun instituto no barrio de Navia, para o que previamente era necesaria a aprobación, por parte do Concello, dos plans de urbanización. Desde entón, as ‘leas’ entre ambas as administracións foron constantes: o goberno galego acusou a Caballero de bloquear os trámites, mentres o goberno local reclamaba á Xunta a firma dun convenio porque aseguraba que a administración autonómica non quería facer o instituto.

Traballadores de Stellantis Vigo denuncian a “cara oculta” da fábrica: precariedade, estrés e cargas insostibles

Traballadores de Stellantis Vigo concentráronse este martes diante das portas da fábrica para denunciar a “cara oculta” da empresa: precariedade, estrés e cargas de traballo insostibles. No marco do Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, decenas de empregados saíron convocados pola CUT para poñer de manifesto a realidade dos seus postos: estrés, ansiedade, esgotamento e precariedade en lugar da “motivación, benestar e satisfacción” que, segundo eles, a compañía promove.

Neste contexto, a delegada de Prevención, Rosana Comesaña, da CUT, lamentou que Stellantis “non recoñeza as enfermidades profesionais”, e sinalou que nunha planta con máis de 6.000 traballadores e case 700.000 horas de baixas en 2025 só se recoñeceron oito enfermidades laborais. “O resto están catalogadas como enfermidades comúns”, criticou, e pediu unha redución dos ritmos de traballo e “enquisas reais” entre os empregados. Explicou tamén que esta situación leva a que moitas persoas queiran saír da factoría canto antes, acolléndose aos plans de extinción de emprego que propón Stellantis, aínda que iso supoña perder gran parte das súas prestacións.

Profesionais da xustiza protestan en Vigo contra o “caos” da nova lei de eficiencia

Decenas de persoas protestaron este martes en Vigo pola “situación crítica” que vive a xustiza ante o “fracaso” na implantación da “mal chamada lei de eficiencia administrativa”. Convocados por Alternativas na Xustiza, profesionais do sector concentráronse ante a Cidade da Xustiza da cidade olívica tras unha pancarta que rezaba ‘Sen xustiza non hai dereitos. Defendámola’, reivindicando a necesidade de máis medios persoais e materiais.

“Non hai eficiencia sen un aumento real do persoal”, subliñaron nun manifesto, criticando a “sobrecarga de traballo inasumible” que viven cada día tras a chegada da nova lei. A pesar de recoñecer que esta nova lexislación xa “non se pode parar”, marcáronse como obxectivo conseguir máis medios para poder sacar o traballo adiante, ante unha situación de “caos” que sofren.

Por iso, solicitaron unha mesa sectorial para negociar coas administracións pertinentes a forma de reverter este problema, xa que, ao seu xuízo, están a aforrar soldos, “permitindo que as oficinas xudiciais colapsen”. “Aforro á conta da saúde laboral”, insistiron, asegurando que o Ministerio e as comunidades con competencias manteñen desde hai meses sen cubrir prazas vacantes que teñen que asumir o resto de compañeiros.

Villaverde reivindica o liderado de Galicia en sustentabilidade mariña no IV Foro de Fundación Nova Pescanova

A conselleira de Mar, Marta Villaverde, participou este martes na inauguración do IV Foro Galicia de Sustentabilidade Global de Produtos do Mar (GSSG), que reúne en Vigo a expertos e profesionais do ámbito pesqueiro de todo o mundo. Alí reivindicou o papel da comunidade como referente na xestión sustentable dos recursos mariños e na produción responsable de alimentos do mar e a acuicultura.

Durante a súa intervención, destacou que a celebración deste encontro responde á estreita vinculación de Galicia co mar, tanto desde o punto de vista cultural como económico e social. Neste sentido, lembrou que o sector mar-industria constitúe “un dos alicerces fundamentais” da economía galega e unha fonte clave de emprego e oportunidades para miles de familias.

A responsable autonómica explicou que o modelo galego de sustentabilidade baséase “nunha xestión ordenada e rigorosa dos recursos, sostida en criterios científicos e no diálogo permanente co sector, así como nun tecido empresarial comprometido coa calidade, a rastrexabilidade e o respecto ao medio mariño”.

EFECTOS NA ACTIVIDADE ECONÓMICA

“Grazas a este enfoque, consolidámonos como un exemplo de produción sustentable, capaz de compatibilizar a conservación dos ecosistemas mariños coa actividade económica e co mantemento de miles de postos de traballo nas zonas costeiras”, destacou a conselleira. “Coidar do mar implica tamén garantir o benestar das persoas que viven del e asegurar o futuro das comunidades mariñeiras”, incidiu.

Neste contexto, a titular de Mar referiuse á “crecente” demanda dos consumidores de información sobre a orixe dos produtos, os procesos de produción e as certificacións de calidade, así como á necesidade de seguir avanzando na redución do desperdicio alimentario para fortalecer a competitividade do sector galego nos mercados internacionais.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed