Un home será xulgado este martes na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, como presunto autor dun delito de estafa agravada no alugueiro dunha vivenda. A vista fora suspendida o pasado mes de marzo e retómase agora co acusado enfrontándose a penas de prisión e multa.
Segundo recolle o escrito da Fiscalía, os feitos producíronse cando o investigado ofertou o alugueiro dun piso situado en Xixón a través dun portal inmobiliario, a pesar de saber que non ía cumprir co ofrecido. O 12 de marzo de 2025, unha muller contactou con el e acordaron o pagamento de 650 euros en concepto de reserva, cantidade que a vítima transferiu sen chegar a poder dispoñer da vivenda anunciada.
Ademais do prexuízo económico directo, a denunciante viuse obrigada a pedir cartos a terceiros para afrontar o alugueiro doutro inmoble. Por estes feitos, o Ministerio Público solicita para o acusado unha pena de 1 ano e 10 meses de prisión, unha multa de 2.700 euros e a obriga de indemnizar á vítima pola cantidade estafada máis os correspondentes xuros.
A Praza Número 6 da Sección do Social do Tribunal de Instancia de Vigo recoñeceu a incapacidade permanente dunha cociñeira viguesa cun aneurisma á que a Seguridade Social lle dixera que podía traballar se o facía preto dun centro hospitalario. A resolución estima parcialmente a demanda presentada fronte ao Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e revoga a decisión administrativa previa, que denegara calquera grao de incapacidade.
Segundo os feitos probados, a traballadora presentaba un cadro clínico derivado dunha enfermidade común, composto por unha hemorraxia subaracnoidea aneurismática, unha tendinopatía e alteracións cognitivas leves que afectan á memoria operativa e ao control inhibitorio. O maxistrado concluíu que, aínda que a afectada mantén autonomía para as actividades básicas, as súas secuelas resultan incompatibles co desempeño profesional de cociñeira, unha actividade que esixe procesos complexos, manexo de utensilios perigosos e toma de decisións rápidas nunha contorna de risco.
INCOMPATIBILIDADE COA PROFESIÓN HABITUAL
A sentenza subliña que “o estado clínico residual non é compatible coa súa profesión de cociñeira asalariada”, destacando que as alteracións cognitivas afectan directamente a funcións esenciais para o exercicio seguro da actividade. Con todo, o xulgado considera que a muller si podería desempeñar tarefas de menor responsabilidade que non impliquen riscos asociados ao uso de ferramentas ou temperaturas elevadas. Por iso, recoñéceslle a incapacidade permanente total, que a inhabilita para a súa profesión habitual pero permite outras actividades laborais.
Para Antonio Herdeiro, avogado de BGI-LAW que levou o caso, resulta “sorprendente” que o INSS se limitase a recomendar traballar preto dun hospital. Segundo o letrado, esta recomendación recoñecía implicitamente un “perigo real para a súa vida” mentres, ao mesmo tempo, se lle negaba a prestación, “coma se o feito de estar preto dun hospital supuxese algunha seguridade” nunha contorna de traballo de alta esixencia.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, defendeu este xoves que o aeroporto da cidade non pode quedar fóra do modelo de subvencións para ter voos, un modelo que, incidiu, se segue noutros aeroportos de España e na terminal de Sá Carneiro no Porto. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor remarcou que expertos aeroportuarios coinciden en que “o mercado dos avións está baseado nas subvencións”. “En suma, hai que facer contratos de publicidade ás compañías para que voen“, concluíu.
Por iso, volveu criticar a proposta de Xunta, Deputación e Aena de promocionar os aeroportos en destino, e esixiu novamente ás administracións autonómica e provincial que cofinancien co Concello eses contratos de publicidade para implantar rutas desde Peinador. “O que sucede é que non queren que haxa voos desde Vigo“, proclamou, e acusou a ambas as institucións de pretender “pechar Peinador”. O alcalde volveu acusar á Xunta de pagar voos desde A Coruña e desde Santiago, cualificando a situación como unha “confrontación en contra desta cidade”.
Desde as filas do PP, Luisa Sánchez defendeu en reiteradas ocasións a necesidade de impulsar rutas desde a terminal viguesa, pero lembrou que o modelo de subvencións que defende o alcalde resultou un fracaso. Así, sinalou que, tras máis de 10 millóns de euros gastados nos últimos anos en contratos publicitarios para implementar rutas, ningunha das conexións se consolidou no tempo.
Vigo acollerá este xoves 30 de abril, ás 20:00 horas, unha concentración no Paseo de Alfonso, xunto á Oliveira, para denunciar o asalto dunha flotilla solidaria por parte de Israel e reclamar o fin da violencia contra a poboación palestina.
A convocatoria, impulsada por colectivos locais vinculados ao movemento BDS e á solidariedade con Palestina, chega tras difundirse nas redes sociais a denuncia dun novo ataque contra a Global Sumud Flotilla, unha iniciativa internacional que busca romper o bloqueo e enviar axuda humanitaria a Gaza.
Segundo a información compartida polos organizadores, o asalto produciuse en aguas internacionais preto de Creta “con total impunidade e ante a mirada impasible da Unión Europea”, o que motivou a chamada a mobilizarse de maneira inmediata para visibilizar o rexeitamento social e esixir responsabilidades políticas.
A protesta en Vigo enmárcase nunha onda de mobilizacións internacionais que están a xurdir en resposta ao incidente, e que reclaman protección para as misións civís e o fin do que cualifican como un “xenocidio” contra o pobo palestino.
Os sindicatos policiais SUP e CEP levaron a cabo este xoves unha concentración diante da Comisaría de Vigo para denunciar a falta de persoal e as malas condicións do edificio, inaugurado en 2013. A secretaria provincial do SUP, Sandra Fernández, sinalou que os policías reclaman “un catálogo de postos de traballo digno”, e lembrou que o concurso posto en marcha actualmente suporá a incorporación de 25 axentes á Comisaría viguesa, pero 15 policías promocionarán, polo que o reforzo efectivo será de só 10 persoas. Nese sentido, remarcou que a Comisaría de Vigo, con algo menos de 700 policías, ten un déficit de polo menos 100 axentes.
Así mesmo, subliñou que as instalacións da Comisaría olívica seguen presentando problemas de filtracións, pingueiras e climatización. “Estamos a loitar para que se reparen e para ter unha Comisaría digna para os cidadáns de Vigo”, sinalou Sandra Fernández. Pola súa banda, o coordinador rexional da CEP en Galicia, Agustín Vigo, incidiu en que as dependencias policiais da cidade presentan problemas que fan que “unhas zonas se convertesen nun invernadoiro, e outras nun conxelador”.
A iso súmase a falta de vehículos, con días nos que “só saen dous vehículos en Vigo e Redondela”; o déficit de persoal, con policías que teñen que asumir tarefas dos funcionarios de corpos xerais; ou o feito de que non se considere que a profesión de policía é de risco. “Este goberno, lonxe de darnos solucións, abandonounos completamente, deixounos cunha xubilación lastimeira comparada coas policías autonómicas”, denunciou Agustín Vigo, que apuntou que o Executivo “acaba de darlles 1.400 millóns ás policías catalá, vasca e navarra”, mentres que en Vigo e o resto de Galicia “nin para arranxar os chans”.
Por outra banda, os representantes sindicais alertaron de que a situación de falta de persoal empeorará no verán, xa que a UPR de Vigo terá que desprazarse a lugares como Eivissa ou Alxeciras. “De feito, na viaxe a Eivissa, os axentes tiveron que adiantar parte dos gastos do aloxamento”, criticaron. “Ou sexa, a situación cada vez é máis kafkiana, máis absurda e non sabemos que máis facer, e isto vai redundar sen ningunha dúbida nun prexuízo grave para a cidadanía, porque se o seu policía non ten os medios nin a forma necesaria para traballar, díganme vostedes que podemos facer”, proclamou Agustín Vigo.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu este xoves explicacións a Alfonso Rueda e á Xunta polas “mentiras” que sostiveron con respecto aos prazos do AVE Vigo-O Porto e aos avances do proxecto en territorio español e territorio portugués. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico sinalou que, a día de hoxe, se confirma que a prioridade do goberno luso é o AVE entre O Porto e Lisboa, e que a conexión ata a fronteira con Galicia non será posible “nin sequera antes do ano 2039”.
Esta realidade, apuntou o alcalde, contradise coas manifestacións de Alfonso Rueda que, xunto a Diego Calvo e cargos portugueses —o alcalde do Porto, Rui Moreira, ou o director da AECT Galicia-Norte de Portugal, Nuno Almeida—, entre outros, protagonizou un acto reivindicativo en decembro de 2024, no que defendeu que o goberno portugués estaba a cumprir, e urxía o español a definir prazos concretos para unha conexión en 2030. Despois de que as autoridades lusas recoñecesen que a prioridade é o tren O Porto-Lisboa, e o atraso do AVE cara a Galicia, Abel Caballero cuestionou o presidente da Xunta: “E agora que di?”.
En xullo de 2024, o presidente galego asinou o manifesto da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional Norte, insistiu Caballero, no que se recollía que “faltan avances polo lado español que equilibren o manifestado polo goberno portugués”. “En suma, asinou que o goberno portugués ía ben no tren e que o que non avanzaba era o goberno español”, denunciou Abel Caballero.
“E agora que di? Se o goberno portugués nin sequera empezou a parte súa do O Porto-Vigo, nin sequera a empezou. Nin sequera teñen anteproxectos, non fixeron nada. E agora que di Rueda destas mentiras que asinou e que dixo?”, proclamou o rexedor. Segundo o alcalde, a cuestión é que “Rueda quería evitar ter que recoñecer que Vigo non ten tren de alta velocidade a Madrid porque Aznar o deixou sen el, e porque Rajoy o deixou sen el”.
Finalmente, repetiu que, coa chegada de Sánchez, se recuperou o proxecto do AVE a Madrid por Cerdedo, e que “o Ministerio está a responder ben” ás súas reclamacións respecto diso. “E seguen en tempo e forma todos os desenvolvementos e tardará o que tecnicamente teña que tardar”, afirmou, antes de engadir que “o tren de Vigo ao Porto é unha gran acción que se fará, pero desafortunadamente, Portugal non pode apurar”.
O que debía ser unha misión humanitaria de solidariedade co pobo palestino converteuse nunha noite de terror en alta mar. A armada israelí interceptou na madrugada de onte as embarcacións da Global Sumud Flotilla cando navegaban por augas internacionais, a máis de 600 millas da costa de Gaza, e secuestrou os civís que viaxaban a bordo, entre eles sete galegos. Tres dos disparos efectuados polos militares non alcanzaron as naves, pero a tripulación perdeu toda comunicación.
O vigués Duarte Ferrín, un dos activistas a bordo, foi o último en contactar cos medios de comunicación. “O primeiro que fixeron foi cortarnos a comunicación por radio. Xa están aquí. Se mañá non me comunico é que nos secuestraron”, logrou transmitir antes de que, sobre as 2 da madrugada, se perdese toda a sinal. Desde entón, o seu paradoiro é descoñecido comentan compañeiros do colectivo a RÍA NON SE VENDE.
A última carta de Duarte Ferrín dous días antes do secuestro
O 27 de abril, só dous días antes de ser interceptados, Duarte Ferrín escribira unha carta publicada no blog A RIA NON S€ VENDE na que compartía o estado de ánimo da flotilla e denunciaba a actitude da Unión Europea. O texto, titulado “A Flotilla segue en camiño a pesar da UE”, relataba como a Comisión Europea, a través da súa portavoz Eva Hrncirova, lles aconsellara non seguir adiante coa acción humanitaria “por razóns de seguridade para as participantes”.
Ferrín cualificaba aquel comunicado como “curioso e demencial” e denunciaba: “É curioso e demencial que se dirixan a nós, para garantir a nosa seguridade, as posíbeis vítimas, e non se exixa duramente ao estado xenocida que respete ás campañas de axuda humanitaria”. Na súa carta, o activista vigués alertaba de que a advertencia da UE “normaliza e prepara o camiño para amortiguar o impacto mediático de calquera actuación violenta que exerza o estado de Israel contra a Flotilla”.
“Esta actitude dá por feito que nos poden atacar con toda impunidade”, escribía Ferrín, nunha premonitoria análise do que acontecería só 48 horas despois. O vigués contrapoñía a tibieza europea coa urxencia extrema en Gaza: “Tal e como está a situación en Gaza, de extrema urxencia humanitaria, con meniñas morrendo de fame e frío, todo indica que estas iniciativas da UE non serven absolutamente para nada”.
A carta remataba cunha mensaxe de esperanza e determinación: “Cada día que pasa os ánimos están máis altos e temos máis ganas de chegar a Gaza entregar a axuda humanitaria e abrir un corredor permanente por mar. Sentímonos arroupados por todas as persoas que nos apoian desde terra, desde os distintos currunchos do planeta, onde aínda queda xente que pensa que outro mundo é posíbel”.
Un secuestro a vista de todos
A flotilla zarpou o pasado 15 de abril desde Barcelona con unhas 300 persoas a bordo. Segundo a carta de Ferrín, o domingo 26 de abril levantaran áncoras en Sicilia con 56 barcos e 404 participantes para dirixirse a Creta, onde se unirían os barcos gregos. O obxectivo final era chegar a Gaza e entregar axuda humanitaria: mochilas con material escolar e roupa de abrigo recadadas por nenos e nenas de numerosos colexios de Galicia.
Na noite do mércores, cando se atopaban a un día e medio de Creta, varias lanchas con soldados identificados como “armada israelí” aproximáronse ás naves. Segundo o relato de Ferrín, déronlles a orde de parar, mais a flotilla continuou a súa marcha. Foi entón cando resoaron tres disparos. “Disparáronnos tres veces”, relatou o activista. Despois, os drones comezaron a sobrevoar os barcos, primeiro a grande altura, despois cada vez máis preto.
Que di o dereito internacional?
O suceso tivo lugar en augas internacionais. Segundo a Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar (Convemar), aprobada en 1982 e en vigor desde 1994, as augas internacionais —ou “alta mar”— son aquelas que non están incluídas dentro da zona económica exclusiva, mar territorial ou augas interiores de ningún Estado. Comezan máis alá das 200 millas náuticas da costa base de calquera país.
O profesor de Dereito da Unión Europea Julio Guinea explicaba a Newtral.es que estes espazos “son comúns, non teñen unha titularidade adscrita a ningún estado, e están abertos ao uso e aproveitamento de todo o mundo”. A Convemar, ratificada por máis de 160 estados, establece que as augas internacionais son patrimonio común da humanidade e que ningún Estado pode controlalas.
Porén, Israel non forma parte do tratado ao non telo ratificado —ao igual que Estados Unidos ou Venezuela—, aínda que o experto sinalaba que isto non os exime de cumprir os principios fundamentais do dereito do mar, pois a maioría proveñen de prácticas xeneralizadas aceptadas polos estados como dereito.
Piratería de estado?
A organización Global Sumud Flotilla cualificou os feitos como “piratería” e “captura ilegal de seres humanos en alta mar”. Nun comunicado emitido esta mañá, denunciaron que Israel “estende o seu réxime de control cara ao exterior e ocupa o mar Mediterráneo fronte ás costas de Europa”, e alertaron dun “precedente catastrófico”.
“Isto é piratería. Trátase da captura ilegal de seres humanos en alta mar preto de Creta, unha afirmación de que Israel pode operar con total impunidade, moito máis alá das súas fronteiras, sen ningunha consecuencia”, sinala a nota.
Segundo o profesor Guinea, en situacións de conflito armado pódese levar a cabo un bloqueo naval, pero impóndose condicións moi estritas: que sexa proporcional, que non se impida o acceso de axuda humanitaria esencial, que non se viole o dereito de terceiros estados nin se poña en perigo a vida de civís. Na súa opinión, se o bloqueo israelí a Gaza se considerase internacionalmente como ilegal, “o abordaxe podería ser cualificado como un acto de piratería de estado ou de captura ilegal”, o que suporía unha violación do principio de libre navegación en alta mar.
Silencio cómplice
A organización humanitaria lamentou o “silencio” dos gobernos internacionais, algúns dos cales —como varios europeos— instaran nos días previos a frear a acción humanitaria “por razóns de seguridade dos participantes”. A flotilla decidiu continuar, e denunciou que non se condenase a un “Estado xenocida” no canto de intentar frear a chegada de axuda.
“Gobernos que afirman defender o dereito internacional, unha vez máis, non dixeron nada. Nin condenas urxentes. Nin esixencias inmediatas para a liberación dos cativos. Nin chamadas a que se rindan contas. Esta falta de resposta non é neutralidade, senón permisividade e complicidade”, denunciaron.
Nas súas propias palabras desde a flotilla, Ferrín xa advertira o 27 de abril: “Cun estado xenocida non valen os contactos regulares ou as conversas, que o único que provocan é darlle lexitimidade aos xenocidas. Hai que tomar outro tipo de medidas como romper toda relación diplomática e comercial con Israel, bloquear a entrada de armamento e tecnoloxía bélica, a imposición de sancións e, por suposto, captura e condena de todos os responsables dos crimes de lesa humanidade cometidos en Palestina”.
Imaxe da flotilla saindo de Sicilia | Foto Global Sumud Spain
Onde están os sete galegos?
A delegación galega estaba formada por sete persoas, das cales dúas eran de Vigo: Duarte Ferrín e Benito González. Ferrín, activista en causas medioambientais e antibelicistas, explicara días antes da partida que non sentía “desamparado” porque non esperaba “nada das institucións”. “Non temos medo —declarara o 21 de abril—, somos persoas concienciadas e coa moral moi alta”.
Agora, a incerteza é total. As fontes próximas ás tripulacións aseguran que as forzas israelís están actuando “con maior violencia que na anterior flotilla” (a de agosto de 2025, que tamén foi interceptada en augas internacionais), destrozando os motores dos barcos e deixándoos sen localización, cunha tormenta que se aproxima.
“Onde están os civís secuestrados? Cara a onde os levasen? Coordináronse os gobernos europeos cos israelís para facilitar os secuestros?”, esixe a Global Sumud Flotilla. Exixen respostas inmediatas e que se depuren responsabilidades.
Posibles medidas
O dereito internacional permite, ante unha violación grave do principio de libre navegación en alta mar, tomar medidas que van desde a protesta a nivel diplomático ata a denuncia en tribunais internacionais. Os delitos de piratería poden ser perseguidos e xulgados por calquera Estado sen necesidade de autorización do país de bandeira do buque implicado, ao abeiro do principio de xurisdición universal limitada.
Mentres os gobernos non reaccionan, as familias dos sete galegos e o resto de activistas —procedentes de múltiples nacionalidades— agardan noticias nunha angustiosa incerteza. A pregunta que queda no aire, formulada pola propia flotilla e polas palabras de Duarte Ferrín, é esta: “Como se lle permitiu a Israel chegar a un punto no que pode levar a cabo secuestros a plena vista, contra civís desarmados, sen temor a consecuencias?”
Stellantis iniciou a sesión bursátil deste xoves en París cunha caída do 7,44%, ata cotizar as súas accións a 6,145 euros por título, malia anunciar un beneficio neto de 377 millóns de euros no primeiro trimestre de 2026, fronte ás perdas de 387 millóns de euros do mesmo período do ano anterior.
O grupo automóbil franco-italiano explicou que este bo resultado reflicte principalmente un aumento do volume de vendas e un mellor comportamento operativo. Á súa vez, a compañía confirmou as súas previsións para 2026 e mantén que agarda un incremento porcentual dun díxito nos ingresos, así como unha mellora do fluxo de caixa libre (onde se inclúen 2.000 millóns de euros en pagamentos en efectivo relacionados cos cargos do segundo semestre de 2025).
Os ingresos netos aumentaron un 6 % interanual, ata acadar os 38.100 millóns de euros, grazas á mellora do rendemento en Norteamérica, así como aos avances na Europa ampliada e en Oriente Medio e África. Pola súa banda, o resultado operativo axustado situouse en 960 millóns de euros, o que supón triplicar a cifra alcanzada pola compañía no primeiro trimestre de 2025. A marxe Ebit axustada foi do 2,5 % (fronte ao 0,9 % do ano anterior).
BENEFICIOS NETOS
A automobilistica logrou un beneficio neto de 377 millóns de euros no primeiro trimestre de ano fronte ás perdas de 387 millóns de euros do mesmo período do ano anterior, segundo informou este xoves antes da apertura do mercado bolsista.
Á súa vez, a compañía confirmou as súas previsións para 2026 e mantén que espera un incremento porcentual dun díxito nos ingresos, así como unha mellorar do fluxo de caixa libre (onde se inclúen 2.000 millóns de euros en en pagos en efectivo relacionados cos cargos do segundo semestre de 2025).
“O primeiros tres meses de 2026 reflicten os resultados iniciais das nosas accións para que Stellantis retome un crecemento sustentable e rendible. Os produtos que lanzamos en 2025 tiveron unha excelente acollida e confiamos en que os 10 novos vehículos previstos para 2026 consolidarán este impulso”, afirmou o conselleiro delegado de Stellantis, Antonio Filosa.
A Policía Nacional identificou o cadáver achado na tarde deste pasado mércores nunha casa okupada de Vigo, tratándose dun home nado no ano 1993. Segundo fontes do devandito corpo de seguridade, non constaba denuncia de desaparición do novo, cuxo corpo foi localizado nunha casa en estado de ruína no barrio histórico da cidade olívica.
Ademais, as mesmas fontes indicaron que “aparentemente” non había signos de violencia, aínda que matizaron que será necesario esperar á autopsia para que o forense determine cal foi a causa da morte. A Policía Nacional continúa investigando o achado do cadáver deste home, atopado en estado de descomposición nunha casa en ruínas no barrio histórico de Vigo.
O aviso chegou aos servizos de Emerxencias pouco antes das 16.00 horas, e foron os veciños os que alertaron polo forte cheiro que saía dunha vivenda que adoita estar okupada e frecuentada por persoas sen fogar, no número 47 da rúa Poboadores, en pleno centro da cidade olívica. Ata o punto desprazáronse efectivos da Policía Nacional e do Imelga.
Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo a un home que tiña en vigor unha notificación vermella de Interpol, e que estaba buscado polas autoridades de Venezuela por unha suposta estafa de máis de 600.000 euros.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos polos que estaba a ser buscado ocorreron en novembro de 2025, cando o sospeitoso ofreceu os servizos de loxística da súa empresa e estafou a un terceiro máis de 637.000 euros. O home estendeu o engano a outras persoas, que acabaron converténdose en vítimas, articulando unha armazón de estafas cun funcionamento similar a un sistema piramidal.
A detención produciuse o pasado 5 de abril, cando axentes do Grupo Operativo de Prevención da Delincuencia tiveron coñecemento de que o home buscado atopábase aloxado nun establecemento de Vigo e que sobre el pesaba unha notificación vermella de Interpol emitida polas autoridades de Venezuela. Tras desprazarse ao lugar, os axentes localizaron ao individuo e, unha vez identificado, procederon ao seu arresto.
O sospeitoso foi trasladado a dependencias policiais e, desde alí, conducido a Madrid para continuar cos trámites para a súa extradición.