InicioSociedadeSindicatos policiais denuncian en Vigo falta de persoal e unha comisaría “indigna”

Sindicatos policiais denuncian en Vigo falta de persoal e unha comisaría “indigna”

SUP e CEP alertan dun déficit de polo menos 100 axentes, problemas de filtracións e climatización no edificio e falta de vehículos, unha situación que, advirten, pode agravarse no verán.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os sindicatos policiais SUP e CEP levaron a cabo este xoves unha concentración diante da Comisaría de Vigo para denunciar a falta de persoal e as malas condicións do edificio, inaugurado en 2013. A secretaria provincial do SUP, Sandra Fernández, sinalou que os policías reclaman “un catálogo de postos de traballo digno”, e lembrou que o concurso posto en marcha actualmente suporá a incorporación de 25 axentes á Comisaría viguesa, pero 15 policías promocionarán, polo que o reforzo efectivo será de só 10 persoas. Nese sentido, remarcou que a Comisaría de Vigo, con algo menos de 700 policías, ten un déficit de polo menos 100 axentes.

Así mesmo, subliñou que as instalacións da Comisaría olívica seguen presentando problemas de filtracións, pingueiras e climatización. “Estamos a loitar para que se reparen e para ter unha Comisaría digna para os cidadáns de Vigo”, sinalou Sandra Fernández. Pola súa banda, o coordinador rexional da CEP en Galicia, Agustín Vigo, incidiu en que as dependencias policiais da cidade presentan problemas que fan que “unhas zonas se convertesen nun invernadoiro, e outras nun conxelador”.

A iso súmase a falta de vehículos, con días nos que “só saen dous vehículos en Vigo e Redondela”; o déficit de persoal, con policías que teñen que asumir tarefas dos funcionarios de corpos xerais; ou o feito de que non se considere que a profesión de policía é de risco. “Este goberno, lonxe de darnos solucións, abandonounos completamente, deixounos cunha xubilación lastimeira comparada coas policías autonómicas”, denunciou Agustín Vigo, que apuntou que o Executivo “acaba de darlles 1.400 millóns ás policías catalá, vasca e navarra”, mentres que en Vigo e o resto de Galicia “nin para arranxar os chans”.

Por outra banda, os representantes sindicais alertaron de que a situación de falta de persoal empeorará no verán, xa que a UPR de Vigo terá que desprazarse a lugares como Eivissa ou Alxeciras. “De feito, na viaxe a Eivissa, os axentes tiveron que adiantar parte dos gastos do aloxamento”, criticaron. “Ou sexa, a situación cada vez é máis kafkiana, máis absurda e non sabemos que máis facer, e isto vai redundar sen ningunha dúbida nun prexuízo grave para a cidadanía, porque se o seu policía non ten os medios nin a forma necesaria para traballar, díganme vostedes que podemos facer”, proclamou Agustín Vigo.

ÚLTIMAS

Vigo dá luz verde á taxa turística: de 0,80 a 2 euros, segundo o aloxamento

O pleno de Vigo aprobou este luns, cos votos favorables do goberno local socialista...

A Xunta acusa Caballero de tratar a auga como se fose súa e pide unha xestión supramunicipal para Vigo e o Val Miñor

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático cargou este domingo contra o alcalde...

Vigo abastecerá de auga a Baiona desde o luns e carga contra a Xunta: “Onde está a Administración que ten que resolver o problema?”

O Concello de Vigo confirmou que atenderá a petición de Baiona e comezará a...

Protesta ante Stellantis polo despedimento dunha traballadora dunha auxiliar candidata ás eleccións sindicais

Traballadores de Grupo UB, empresa auxiliar do sector da automoción, concentráronse este venres ante...