Inicio Blog Páxina 61

Segunda condena en menos de seis meses a un exedil de Baiona por adxudicar obras a dedo

O exconcelleiro de Vías e Obras de Baiona, Óscar Martínez Álvarez, foi condenado este martes nunha vista de conformidade a 9 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación, en relación coa adxudicación de varias obras neste municipio. O mesmo edil foi condenado xa o pasado mes de xaneiro, tamén á pena de 9 anos de inhabilitación e tamén pola adxudicación de obras “a dedo”.

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, quen era edil socialista de Vías e Obras en 2023 (no anterior goberno municipal) contratou cunha construtora a realización de tres obras en Camiño As Fontiñas, Praza Cruceiro-Baíña e nunha beirarrúa en Cruceiro. O custo total dos traballos foi de algo máis de 34.700 euros. “A dita contratación realizouna vulnerando de maneira aberta a normativa sobre contratación pública e os principios de transparencia, libre concorrencia e sustentabilidade orzamentaria, xa que o encargo se fixo con omisión total do procedemento establecido, de forma análoga á ‘vía de feito’, sen formalización contractual, verbalmente e sen a previa tramitación do oportuno expediente”, expón o ministerio público.

Tras unha resolución da Alcaldía de denegar o pagamento desas facturas polas irregularidades, a empresa interpuxo un recurso contencioso-administrativo e a demanda foi estimada parcialmente. Este martes, Óscar Martínez recoñeceu os feitos e conformouse coa pena de 9 anos de inhabilitación para o sufraxio pasivo (non poderá presentarse a unhas eleccións) e para exercer cargo público con competencias de contratación no sector público.

Dáse a circunstancia de que este exedil xa foi condenado o pasado mes de xaneiro nunha vista de conformidade, tamén a 9 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación. Nese caso foi pola adxudicación, sen contrato nin procedemento legal, de varias obras en camiños veciñais de Baiona. Do mesmo xeito, o Concello non pagou polas irregularidades e esa construtora tamén acudíu á vía xudicial.

Rueda e Calvo reciben ao Celta en Santiago de Compostela

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiron este luns ao Real Club Celta de Vigo Fortuna tras conseguir o seu ascenso a Segunda División. Nun comunicado, o Goberno galego indicou que a recepción tivo lugar no Pazo de Raxoi, en Santiago, pondo en valor o presidente este espazo como “o máis solemne” co que conta a Xunta, reservado “ás cousas ás que se lles quere dar máis relevancia”.

Rueda destacou que este ascenso foi froito do esforzo dos xogadores, do equipo técnico e da directiva durante toda a tempada, reivindicado a “aposta tan grande pola canteira”. Alfonso Rueda referiuse tamén ao “gran momento” que vive o fútbol galego e o deporte en xeral na Comunidade.

O BNG pide “rectificar” as bases das axudas municipais para asociacións sen ánimo de lucro

O BNG de Vigo reclamou ao goberno local “rectificar” as bases das axudas municipais destinadas a asociacións e entidades locais sen ánimo de lucro destinadas á contratación de persoal, xa que as condicións dificultan que ditas entidades poidan levar a cabo os proxectos. Así, o grupo nacionalista anunciou a presentación dun recurso de reposición para modificar esas bases, ante a falta de resposta do goberno local ás reivindicacións xa trasladadas na Comisión Informativa de Emprego.

Dese modo, o BNG solicita alongar os custos de persoal subvencionable de 9 a 12 meses, que se subvencione o 100 por 100 do persoal consolidado xa contratado en anteriores convocatorias, que se dea apoio económico para o persoal de estrutura, auméntense o importe para afrontar gastos de xestión e establézase un sistema de pagos fraccionados para non “afogar” ás asociacións. Ademais, tamén pide que se garanta o cumprimento dos convenios colectivos e favorézase a contratación indefinida.

“Tal e como están redactadas as bases, non serve para garantir o obxectivo que din perseguir, que é crear e consolidar emprego estable e de calidade”, advertiu o portavoz do grupo, Xabier Pérez Igrexas. Tras lembrar o “papel fundamental” destas entidades, o edil nacionalista sinalou que, ademais do persoal voluntario “comprometido e xeneroso”, tamén necesitan profesionais contratados para levar a cabos os seus proxectos e actividades, e o Concello “ten a responsabilidade de apoialas de maneira eficaz e coherente”.

Dous policías nacionais salvan a vida a un neno de 3 anos que quedou sen respiración en Vigo

Dous axentes da Policía Nacional salvaron a vida dun neno de 3 anos que se desmaiou no barrio de Lavadores de Vigo, se golpeou na cabeza e quedou sen respiración. Segundo informa ese corpo de seguridade, unha muller chamou o 091 para solicitar unha ambulancia urxente, xa que “estaba a perder o seu fillo”. Segundo explicaba a nai na chamada, o menor desmaiárase e golpeárase na cabeza, e permanecía inconsciente no chan con dificultade para respirar.

Unha patrulla do Grupo de Atención ao Cidadán que se atopaba na zona acudiu de inmediato ao domicilio e comprobou que o menor presentaba cianose (a pel de cor violácea por falta de osíxeno) porque non era capaz de respirar. Mentres a ambulancia medicalizada se desprazaba ao punto, os axentes observaron que o neno deixou de respirar e iniciaron as manobras de reanimación cardiopulmonar, logrando finalmente que o menor vomitase, rompese a chorar e recuperase a respiración. Minutos despois, os sanitarios fixéronse cargo da súa estabilización.

Debido á urxencia e á elevada densidade de tráfico nese momento, o persoal sanitario solicitou apoio policial para axilizar o traslado ao hospital. Os axentes coordinaron varios cortes de tráfico que foron executados por distintos indicativos policiais. “Esta canalización do tráfico resultou determinante para garantir a rápida chegada do menor ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde, segundo a información facilitada pola familia, o neno se recuperou favorablemente”, engade a Policía.

Un home será xulgado por atacar á súa exparella cunha lanza e ameazala de morte

0

A Audiencia Provincial de Pontevedra celebrará o vindeiro martes o xuízo contra un home para o que a Fiscalía solicita 14 anos e seis meses de prisión por un presunto delito de asasinato en grao de tentativa contra a súa exparella, nunha agresión ocorrida en Vigo en xuño de 2025. O Ministerio Público considera que o acusado actuou coa intención de acabar coa vida da vítima, coa que mantivera unha relación de máis de 38 anos e coa que ten tres fillos en común.

Segundo o escrito de acusación, o home presentouse no domicilio da muller portando unha lanza artesanal, unha mochila con varias armas brancas de fabricación caseira e un recipiente con gasolina. Tras chegar á vivenda, comezou a ameazala de morte e forzou a entrada utilizando unha pata de cabra. Unha vez no exterior do inmoble, presuntamente atacouna en varias ocasións coa arma punzante.

A vítima tentou defenderse da agresión, pero o acusado golpeouna na cabeza coa pata de cabra e continuou o ataque cando esta xa se atopaba no chan. Como consecuencia dos feitos, a muller sufriu feridas de gravidade que chegaron a comprometer a súa vida, segundo recolle a Fiscalía.

O Ministerio Público aprecia as agravantes de violencia de xénero, reincidencia e parentesco. O procesado permanece en prisión provisional desde a súa detención e conta con antecedentes penais, entre eles unha condena previa por homicidio. Ademais da pena de cárcere, a Fiscalía solicita que se lle prohiba achegarse á vítima a menos de 500 metros.

O goberno de Vigo volve apoiar á edila imputada no caso Saltamontes no “pleno da carroña e da cazaría política”

O pleno extraordinario celebrado en Vigo este venres, promovido polos grupos da oposición para esixir explicacións pola imputación da concelleira de Seguridade no caso Saltamontes, saldouse sen acordo e cunha acesa defensa da edila por parte do goberno local. As propostas sometidas a debate eran a petición de cesamento de Patricia Rodríguez Calviño, imputada por un posible homicidio imprudente; a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente mortal; e o traslado das condolencias á familia do novo falecido na atracción.

Estas propostas non saíron adiante, xa que o PSOE fixo valer a súa maioría absoluta para rexeitalas, e só o PP votou a favor, xa que o BNG, tras a primeira intervención do seu portavoz, decidiu abandonar a sesión en protesta pola celebración dun “pleno ‘fake'” no que o alcalde se negou a comparecer, como solicitara a oposición. A portavoz do PP, Luisa Sánchez, lamentou que Patricia Rodríguez siga no seu cargo, “intocable”, a pesar de estar imputada por feitos graves, e que o alcalde “segue sen responder” nin dar explicacións. “Cala porque non sabe que dicir, porque a xestión do goberno local é indefendible”, sinalou, e advertiu de que Abel Caballero debería comparecer “por iniciativa propia”.

Pola súa banda, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas afirmou que, se o alcalde e o goberno desen explicacións con total transparencia no seu momento, o pleno deste venres non sería necesario. Pero, engadiu “686 días despois, as mesmas preguntas seguen sen responder, e o alcalde negouse a dar a cara”. O edil nacionalista lembrou que, cando a concelleira informou á Policía de que o Saltamontes non tiña autorización, xa levaba case dous días funcionando, e que, case dous anos despois do accidente que custou a vida a Iván C.H., “non se asumiu ningunha responsabilidade, non se recoñeceu ningún erro nin se tomou ningunha medida concreta para que isto non se volva a repetir”.

“Pedimos a súa comparecencia, démoslle a oportunidade de rectificar o seu silencio (…), pero no BNG non vimos a chapotear nunha desgraza”, proclamou Pérez Igrexas, que volveu a denunciar a negativa de Abel Caballero a dar explicacións ante o pleno e repetiu que un alcalde que se nega a comparecer ante feitos tan graves “non é digno de seguir sendo alcalde”.

DEFENSA DA CONCELLEIRA

Por parte do goberno local interveu o concelleiro Carlos López Font, que cualificou as palabras do portavoz do BNG de “torrente de demagoxia” e que insistiu en xustificar a negativa do alcalde a intervir en base ao regulamento do pleno. Con respecto á imputación de Patricia Rodríguez, o portavoz socialista remarcou que o goberno local respecta a investigación xudicial e que “reclama e proclama a presunción de inocencia”. “Estamos ante un procedemento xudicial con garantías, sen unha sentenza (…), Dimisión por que? Sen unha sentenza firme, de ningunha maneira”, proclamou.

Font remarcou que o ocorrido en agosto de 2024 nas festas de Matamá foi “un lamentable accidente” e cuestionou que pasará se Patricia Rodríguez dimite e resulta absolta no proceso. “É unha gran concelleira, honrada, honesta e con capacidade política, vostedes non lle chegan nin á sola dos zapatos. Iso é o que lles molesta, non hai ningún motivo para dimitir”, sentenciou.

Para o concelleiro socialista, a sesión extraordinaria deste venres foi “o pleno da carroña e da cazaría política”, e afeou a PP e BNG a súa pretensión de “montar ruído e difamar”. Todo iso, engadiu, para “tapar” os resultados das enquisas electorais e o feito de que os portavoces da oposición “son os peores candidatos da historia dos seus partidos, son politicamente inútiles” e ata os seus partidos “rin” deles.

O debate foi pechado pola portavoz do PP, ante a ausencia do grupo nacionalista. Así, Luisa lamentou que ao grupo socialista e ao goberno local “só impórtanlle os votos e as eleccións”. “Como se atreven a falar de enquisas cando hai unha vítima? Iso si que é carroña”, afirmou, antes de censurar que o alcalde segue “empeñado en protexer á concelleira imputada por encima da seguridade dos vigueses”.

Máis de 13 anos para un ex Testemuña de Xeová por agredir sexualmente a dúas nenas vinculadas á súa congregación

A Audiencia de Pontevedra condenou a 13 anos e medio de cárcere a J.C.M.A., exmembro dunha congregación de Testemuñas de Xehová de Vigo, como autor de tres delitos de agresión sexual a dous menores de idade (ambas as de 15 anos), ás que coñeceu pola súa vinculación con esa comunidade relixiosa.

A sección quinta da Audiencia de Pontevedra, considerou probado que o home, que coñecía a unha das nenas porque tiña contacto coa súa familia e eran todos membros da mesma congregación, manifestáballe de forma reiterada o seu desexo de ter relacións sexuais con ela e dáballe agasallos.

Tamén considera probado que lle fixo tocamentos no coche, nunha data indeterminada, e que a principios de abril de 2023, estivo con esta nena e cunha amiga súa no seu coche, nunha zona apartada do aparcadoiro dun centro comercial da cidade olívica. Alí, fíxolles tocamentos e, a unha delas, introduciulle os dedos na vaxina e fixo que o masturbaran a cambio de diñeiro. Días despois, tivo un encontro cunha delas no aparcadoiro do hospital Álvaro Cunqueiro, onde a menor, tamén a cambio de diñeiro, volveu a masturbalo.

O tribunal sinala na súa sentenza que non ten dúbida deses feitos, e que as menores fixeron un relato dos mesmos con firmeza, de forma clara e detallada. Así, a Audiencia outorga credibilidade a eses testemuños, sen ver motivos espúreos, e engade que están corroborados por probas como conversacións de WhatsApp, informes forenses ou declaracións doutras testemuñas. Aínda que o procesado negou os feitos durante o xuízo e atribuíu as acusacións a un intento de “chantaxe” por parte das menores, o tribunal insiste en que hai proba suficiente para desvirtuar a presunción de inocencia.

A sentenza, que non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), recolle tamén as penas de inhabilitación para patria potestade e tutela durante 12 anos, inhabilitación para exercer profesión que implique contacto con menores durante 18 anos, medida de liberdade vixiada durante 11 anos e pago de indemnización de 4.000 euros a unha das vítimas e de 10.000 euros á outra, ademais da prohibición de achegarse e comunicarse con elas. Todo iso como autor de dous delitos de agresión sexual sobre menor de 16 anos, e un delito de agresión sexual sobre menor de 16 anos con introdución de membro corporal.

Os acusados de construír ‘narcolanchas’ en Vigo e Portugal negan saber que se usarían para traficar con droga

Os acusados pola construción de ‘narcolanchas’ en naves de Vigo e do norte de Portugal negaron este xoves calquera vinculación con actividades ilegais e aseguraron ante o tribunal que descoñecían “absolutamente” que o uso final das embarcacións fose o transporte de drogas. O xuízo por estes feitos celébrase na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, e este xoves foi a quenda da declaración dos 11 procesados. Os acusados sostiveron que o seu traballo consistía na fabricación de cascos de embarcacións na cidade olívica, que posteriormente se trasladaban a un estaleiro portugués para a súa finalización.

OS SUPOSTOS XEFES DIN QUE ERAN TRABALLADORES ASALARIADOS

Ramón S.V. e Sergio R.T., considerados polos investigadores como os ‘xefes’ do grupo, declararon que eran traballadores asalariados e que o seu labor era coordinar a actividade de construción de cascos de fibra de vidro. Segundo explicaron, cando a empresa para a que traballaban quebrou, constituíron unha mercantil para continuar coa mesma actividade, primeiro na mesma nave en Vigo e posteriormente en Portugal. Sergio R.T. lembrou mesmo que, cando foron intervidas as embarcacións, se presentou como prexudicado para tentar recuperalas.

“Nunca o faría se sospeitase que se ían dedicar ao narcotráfico”, xustificou, antes de insistir en que descoñecía o “destino final” das embarcacións. Na mesma liña, o resto de acusados, entre eles traballadores das naves, xestores e transportistas, afirmaron que non sabían que eses cascos acabarían converténdose en ‘narcolanchas’. Algúns deles declararon mesmo que non coñecen “de nada” o resto de procesados e negaron ter estado nas naves ou realizar os transportes que lles atribúe a acusación pública.

A FISCALÍA FALA DUNHA ESTRUTURA ORGANIZADA

A Fiscalía considera que os 11 acusados, xunto cunha empresa de transportes, formaban unha estrutura “empresarial, persoal e material” que, polo menos entre setembro de 2020 e xuño de 2022, se dedicaba á construción de lanchas semirríxidas de alta velocidade. Segundo o Ministerio Público, estas embarcacións eran constitutivas de xénero prohibido e estaban destinadas a operacións de narcotráfico.

Por iso, atribúelles delitos de contrabando de embarcacións constitutivas de xénero prohibido, cometidos por medio de persoas, entidades e organizacións. Ademais, a un dos procesados acúsao tamén de tenencia ilícita de armas e dun delito contra a saúde pública, xa que no rexistro do seu domicilio se lle interviron case 300 gramos de haxix e, no seu despacho da empresa de transportes, unha pistola detonadora semiautomática.

POLO MENOS 19 EMBARCACIÓNS INVESTIGADAS

No marco desta investigación tívose coñecemento da construción de polo menos 19 ‘narcolanchas’, algunhas das cales, segundo a acusación, se probou que participaron en alixos de haxix no sur da Península. Por estes feitos, a Fiscalía pide para os acusados penas que van desde os dous ata os nove anos de prisión, así como o pagamento de multas que suman en total máis de 80 millóns de euros. Para a empresa acusada, o Ministerio Público solicita unha multa de 14 millóns de euros e dous anos de prohibición para obter axudas ou subvencións públicas, ou para beneficiarse de incentivos fiscais. Tamén reclama un ano e tres meses de suspensión das actividades de importación, exportación ou comercio de embarcacións pneumáticas e semirríxidas.

O goberno de Vigo atribúe as críticas de PP e BNG polo caso Saltamontes á súa “desesperación”

O goberno municipal de Vigo saíu ao paso das críticas realizadas nos últimos días por PP e BNG en relación coa imputación da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, no caso Saltamontes. Nunhas declaracións remitidas aos medios, o concelleiro socialista Carlos López Font asegurou que detrás desas críticas está a “desesperación” de populares e nacionalistas porque, segundo afirmou, “a cidade os despreza”. O edil incidiu en que o goberno local “confía na Xustiza” e acusou ao PP de non querer que a Xustiza faga o seu traballo.

“En realidade, o que se oculta detrás de todo isto é a desesperación do PP de Vigo e do BNG porque esta cidade non os quere, son os peores candidatos que houbo nunca nesta cidade”, proclamou López Font. Ademais, engadiu que o PP vigués está “ao servizo de Rueda”, en lugar de defender a cidade. “Non lles queren nin sequera os seus votantes e así o reflicten as últimas enquisas. Os candidatos son tan malos que a cidade os despreza. Por iso é polo que non queiran falar de política, senón de calumnias”, sentenciou o concelleiro socialista.

O PP PEDIU A DIMISIÓN DA CONCELLEIRA DE SEGURIDADE

As manifestacións do portavoz do goberno local difundíronse tras unhas declaracións da líder do PP vigués, Luisa Sánchez, nas que pediu a dimisión da edila de Seguridade. A dirixente popular afeoulle a Rodríguez Calviño a súa “frialdade” por apuntar á Policía Local como responsable de non precintar a atracción na que se produciu o accidente mortal de agosto de 2024. As críticas de Sánchez producíronse tras a publicación, nalgúns medios, do vídeo da declaración prestada pola concelleira socialista o pasado mes de febreiro como investigada no xulgado de instrución.

A CONCELLEIRA PIDE EVITAR A “AMPLIFICACIÓN” DE CONTIDOS DA CAUSA

Precisamente por mor desa publicación, Patricia Rodríguez Calviño emitiu un comunicado no que lembra que esa declaración se prestou no marco dunhas actuacións xudiciais “que se atopan en fase reservada”. A edila sinalou que, aínda que “non hai nada que ocultar”, existen normas que deben cumprirse para “garantir os dereitos” das persoas implicadas no procedemento.

Por iso, apelou á responsabilidade para evitar a “reprodución ou amplificación” deste tipo de contidos, especialmente cando poden “causar un prexuízo irreparable” ou “condicionar indebidamente” a percepción pública do procedemento. Rodríguez Calviño reiterou tamén a súa confianza na Xustiza e a súa colaboración coas actuacións xudiciais.

O BNG ameaza con denunciar na Comisión de Transparencia se Caballero segue “ocultando” a factura do desfile militar

O BNG de Vigo advertiu este xoves de que denunciará na Comisión de Transparencia se o alcalde, Abel Caballero, “insiste en ocultar” os gastos asumidos polo Concello con motivo da celebración do Día das Forzas Armadas na cidade, e do Desfile Militar do pasado 30 de maio. Segundo trasladou o grupo nacionalista nun comunicado, o goberno local incumpre o regulamento do pleno, que obriga a facilitar a información requirida nun prazo de 5 días. O prazo cumpriuse e o BNG non ten resposta á súa solicitude do pasado 1 de xuño.

“Despois de 17 días continuamos sen recibir ningún dato, ningunha información nin se nos deu acceso a ningún expediente”, censurou o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, que cualificou estes feitos como “unha nova ilegalidade dun goberno instalado na autocracia”. Por iso, este venres rexistrarán un novo “e último” escrito esixindo poder acceder a esa información e advertiron de que, no caso de que non haxa resposta, enténdese aceptada a petición por silencio administrativo.

Así mesmo, avanzaron que, de persistir a negativa do goberno de Caballero, darán traslado á Comisión de Transparencia de Galicia, para que emita unha resolución que obrigue ao goberno vigués a facilitar esa información. Pérez Igrexas criticou este “intento inaceptable de impedir que as viguesas e vigueses coñezan os custos que tivo ese acto de exaltación militar e españolista”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed