O exconcelleiro de Vías e Obras de Baiona, Óscar Martínez Álvarez, foi condenado este martes nunha vista de conformidade a 9 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación, en relación coa adxudicación de varias obras neste municipio. O mesmo edil foi condenado xa o pasado mes de xaneiro, tamén á pena de 9 anos de inhabilitación e tamén pola adxudicación de obras “a dedo”.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, quen era edil socialista de Vías e Obras en 2023 (no anterior goberno municipal) contratou cunha construtora a realización de tres obras en Camiño As Fontiñas, Praza Cruceiro-Baíña e nunha beirarrúa en Cruceiro. O custo total dos traballos foi de algo máis de 34.700 euros. “A dita contratación realizouna vulnerando de maneira aberta a normativa sobre contratación pública e os principios de transparencia, libre concorrencia e sustentabilidade orzamentaria, xa que o encargo se fixo con omisión total do procedemento establecido, de forma análoga á ‘vía de feito’, sen formalización contractual, verbalmente e sen a previa tramitación do oportuno expediente”, expón o ministerio público.
Tras unha resolución da Alcaldía de denegar o pagamento desas facturas polas irregularidades, a empresa interpuxo un recurso contencioso-administrativo e a demanda foi estimada parcialmente. Este martes, Óscar Martínez recoñeceu os feitos e conformouse coa pena de 9 anos de inhabilitación para o sufraxio pasivo (non poderá presentarse a unhas eleccións) e para exercer cargo público con competencias de contratación no sector público.
Dáse a circunstancia de que este exedil xa foi condenado o pasado mes de xaneiro nunha vista de conformidade, tamén a 9 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación. Nese caso foi pola adxudicación, sen contrato nin procedemento legal, de varias obras en camiños veciñais de Baiona. Do mesmo xeito, o Concello non pagou polas irregularidades e esa construtora tamén acudíu á vía xudicial.
