O pleno extraordinario celebrado en Vigo este venres, promovido polos grupos da oposición para esixir explicacións pola imputación da concelleira de Seguridade no caso Saltamontes, saldouse sen acordo e cunha acesa defensa da edila por parte do goberno local. As propostas sometidas a debate eran a petición de cesamento de Patricia Rodríguez Calviño, imputada por un posible homicidio imprudente; a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente mortal; e o traslado das condolencias á familia do novo falecido na atracción.
Estas propostas non saíron adiante, xa que o PSOE fixo valer a súa maioría absoluta para rexeitalas, e só o PP votou a favor, xa que o BNG, tras a primeira intervención do seu portavoz, decidiu abandonar a sesión en protesta pola celebración dun “pleno ‘fake'” no que o alcalde se negou a comparecer, como solicitara a oposición. A portavoz do PP, Luisa Sánchez, lamentou que Patricia Rodríguez siga no seu cargo, “intocable”, a pesar de estar imputada por feitos graves, e que o alcalde “segue sen responder” nin dar explicacións. “Cala porque non sabe que dicir, porque a xestión do goberno local é indefendible”, sinalou, e advertiu de que Abel Caballero debería comparecer “por iniciativa propia”.
Pola súa banda, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas afirmou que, se o alcalde e o goberno desen explicacións con total transparencia no seu momento, o pleno deste venres non sería necesario. Pero, engadiu “686 días despois, as mesmas preguntas seguen sen responder, e o alcalde negouse a dar a cara”. O edil nacionalista lembrou que, cando a concelleira informou á Policía de que o Saltamontes non tiña autorización, xa levaba case dous días funcionando, e que, case dous anos despois do accidente que custou a vida a Iván C.H., “non se asumiu ningunha responsabilidade, non se recoñeceu ningún erro nin se tomou ningunha medida concreta para que isto non se volva a repetir”.
“Pedimos a súa comparecencia, démoslle a oportunidade de rectificar o seu silencio (…), pero no BNG non vimos a chapotear nunha desgraza”, proclamou Pérez Igrexas, que volveu a denunciar a negativa de Abel Caballero a dar explicacións ante o pleno e repetiu que un alcalde que se nega a comparecer ante feitos tan graves “non é digno de seguir sendo alcalde”.
DEFENSA DA CONCELLEIRA
Por parte do goberno local interveu o concelleiro Carlos López Font, que cualificou as palabras do portavoz do BNG de “torrente de demagoxia” e que insistiu en xustificar a negativa do alcalde a intervir en base ao regulamento do pleno. Con respecto á imputación de Patricia Rodríguez, o portavoz socialista remarcou que o goberno local respecta a investigación xudicial e que “reclama e proclama a presunción de inocencia”. “Estamos ante un procedemento xudicial con garantías, sen unha sentenza (…), Dimisión por que? Sen unha sentenza firme, de ningunha maneira”, proclamou.
Font remarcou que o ocorrido en agosto de 2024 nas festas de Matamá foi “un lamentable accidente” e cuestionou que pasará se Patricia Rodríguez dimite e resulta absolta no proceso. “É unha gran concelleira, honrada, honesta e con capacidade política, vostedes non lle chegan nin á sola dos zapatos. Iso é o que lles molesta, non hai ningún motivo para dimitir”, sentenciou.
Para o concelleiro socialista, a sesión extraordinaria deste venres foi “o pleno da carroña e da cazaría política”, e afeou a PP e BNG a súa pretensión de “montar ruído e difamar”. Todo iso, engadiu, para “tapar” os resultados das enquisas electorais e o feito de que os portavoces da oposición “son os peores candidatos da historia dos seus partidos, son politicamente inútiles” e ata os seus partidos “rin” deles.
O debate foi pechado pola portavoz do PP, ante a ausencia do grupo nacionalista. Así, Luisa lamentou que ao grupo socialista e ao goberno local “só impórtanlle os votos e as eleccións”. “Como se atreven a falar de enquisas cando hai unha vítima? Iso si que é carroña”, afirmou, antes de censurar que o alcalde segue “empeñado en protexer á concelleira imputada por encima da seguridade dos vigueses”.
